Novas formas de financiamento cultural e obradoiro crowdfunding. Con Uxío Novoneyra Rey

Por Lucía Hernández

A sesión comezou coma de costume cun feedback das dúas clases anteriores e algunha que outra anécdota, para así dar comezo á presentación de Uxío Novoneyra e ao seu amplo currículo.

uxío novoneyra reiUxío fixo unha breve ollada ao pasado para poñernos en situación. Comentou como tanto o sector privado como público “implosionaron” quedándose sen cartos e como o crowdfunding incorporábase tras a crise a niveis altos especialmente en Europa.

Falounos de como os escasos recursos e a aparición de Internet, fixeron que aparecese a economía colaboradora (sharing economy) de catro formas diferentes: coñecemento aberto; consumo colaborador; finanzas compartidas; e produción colaboradora.

Definiu o crowdfunding como un micro-mecenado masivo en liña a través dunha plataforma e a cambio dunha recompensa (simbólica, ben ou servizo). Que non é o mesmo que un mecenas ou unha colecta xa que é un quid pro quo.

A primeira decisión ante proxectos de crowfunding é a selección de plataformas. Recalcou a importancia dunha boa elección de plataforma e das condicións da mesma. As hai con ou sen ánimo de lucro e aínda que non exista actualmente unha lei de mecenado, si que se desgrava en Facenda. Púxonos de exemplo Verkami, canal Goteo (do que máis especificou), canal Lar e a plataforma ITH.

Para isto é importante tamén diseccionar o proxecto e saber que parte imos financiar con crowdfunding, contando cos gastos necesarios do retorno ás persoas que financian.

 

Tres puntos fortes do crowfunding son:

  1. Crowdfunding como liña de financiamento.
  2. Crowdfunding como campaña publicitaria: marketing con impacto.
  3. Crowdfunding como sistema de avaliación dun proxecto: como afecta á comunidade.

 

Como configurar a túa campaña?

 

  • Orzamento. Realista e viable. Cun 2018 03 22 Uxío 1mínimo necesario e cun óptimo ideal.
  • Crear un vídeo de explicación da presentación do proxecto.
  • Aportar imaxes.
  • Difusión en redes e prensa.
  • Ter un compromiso social.
  • Ofrecer recompensas
  • Contar cun bo equipo de traballo.
  • Comunidade máis orzamento. Ter rede de family friends (family, friends, followers)

 

Deunos os seguintes consellos para a comunicación:

QUE:

  • Comparte información cos “mecenas”. Ben contado e das súas recompensas.
  • Define o enfoque e os obxectivos.
  • Demostra autoridade. Ser alguén capaz no que se pode confiar.
  • Busca a aceptación social. Crear comunidade facéndolles sentirse seguros e demostrando gratitude.

COMO:

  • Falar co vocabulario acorde á xente á que te dirixes.
  • Comunicar en positivo. Ofrecerlles a oportunidade de ser parte do proxecto.
  • Amosar o proxecto con paixón.
  • Falar directamente con quen te le: “ti”, “nós”.
  • Introduce urxencia en que se esgota e pódese perder a oportunidade.
  • Faino corto e agarimoso. Breve.
  • Utiliza conclusións. Frase final.

 

A segunda parte da aula foi máis dinámica. Xuntámonos os grupos de traballo cos que levamos todo o curso para traducir os nosos proxectos en recompensas para o público, facer unha avaliación e un plan de financiamento. Para iso seguimos uns esquemas que tiña preparados en lonas polo chan da aula 25.

 

 

Fixo unha avaliación de cada grupo e aconsellounos transformar os nosos proxectos a crowdfunding para revisalos aínda que non se fagan.

Para rematar, acudiu como convidado Jorge Linheira, que compartiu a súa experiencia crowdfunding co seu libro Reserva india a través da plataforma libros.com.

Emprendemento cultural e creativo. Con Raúl Oliván

 

Por Sofía Arangüena

 

A sesión de hoxe comezou pola intervención de Rosa Sánchez Santos, voceira de Uninova que veu falarnos do programa Erasmus para xoves emprendedores, un programa de intercambio financiado pola Unión Europea que busca que as persoas asistentes adquiran as capacidades necesarias para desenvolver o seu negocio persoal de volta no seu país de orixe. Neste caso España e, máis concretamente, Galicia. Non existe requisito de idade, simplemente non ter experiencia no eido empresarial de máis de tres anos.

A forma de conseguir unha praza no programa realízase a través do match entre ti, a túa idea ou necesidade e a empresa dalgún país da Unión Europea que teña interese e tempo para acollerte. É dicir, é un traballo de procura persoal. Este ano, o programa sae de Europa, tendo a posibilidade de buscar unha empresa de acollida en Singapur, Israel ou Estados Unidos (concretamente no Estado de New York ou no de Pensilvania). Para ampliar información pódese consultar a súa web.

 

 

O groso da sesión veu das mans de Raúl Oliván, director xeral de Participación Cidadá, Transparencia, Cooperación e Voluntariado do Goberno de Aragón e antigo director de Zaragoza Activa.

Raúl centrou a maior parte da súa ponencia no Zaragoza Activa, pero poñendo en valor todas as ferramentas utilizadas nese ecosistema para levalas ao eido das administración públicas relacionadas coa cultura e a participación cidadá. Zaragoza Activa (antiga azucarera do Rabal) é actualmente un epicentro do emprendemento e innovación social baseado na práctica e a lóxica colaborativa que viu a luz hai 10 anos nunha zona deprimida desta gran urbe española.

Os servizos que ofrece son:

  • Viveiro empresarial
  • Sementeiro de ideas
  • La colaboradora (espacio de co-work)
  • Remolacha Hacklab (aula do futuro baseado no aprendizaxe práctico e colaborativo)
  • Explorer (concurso para xoves emprendedores)
  • Made in Zaragoza (rede de emprendedores creativos)
  • Zona emprego
  • Biblioteca BJCubit
  • Serpe Vermella (zona de ordenadores gratuítos)

Tras facer 3000 actividades, conseguir un tránsito humano de case medio millón de persoas, impulsar a creación de case 500 empresas e cambiar o paradigma de ser un espazo de ensino vertical a un espazo horizontal de aprendizaxe en común. Estas son as claves que nos deu para ilustrarnos:

 

Do usuario ao cidadán suxeito político soberano. O argumento parexo a esta idea é a importancia de ir máis aló dun espacio co-work. Pasar a unha comunidade colaborativa onde se aprende en común e existe unha co-formación, potenciando as habilidades que cada un poida aportar. En Zaragoza Activa, para materializar esta idea, creouse o “Banco do tempo”

Da ventanilla ás redes. Aquí o que nos quería explicar Raúl é a importancia das redes sociais online e da presencia en internet. Pero tamén de ir máis aló das redes sociais convencionais e pasar a formar comunidades online propias. O exemplo é a rede ZAG, usada para os membros de Zaragoza Activa coa que os integrantes senten que o proxecto é máis propio

Accesibilidade da cidadanía. A intención deste epígrafe foi falarnos de instrumentos innovadores e fáciles de entender, que axuden á cidadanía a utilizar espazos pouco coñecidos e transitados da cidade. O exemplo que poñía, dentro do Zaragoza Activa, foi a ferramenta creada a través da colaboración activa dos seus membros chamada “Mapping party” ou o mapa das economías feministas dentro da cidade.

2018 03 21 raul olivan 24Dos funcionarios aos mediadores. Aquí falábanos da importancia das figuras dos mediadores: persoas que facilitan a outros  ser parte do proceso creativo e produtivo e non simples consumidores. (Argumentando a importancia do ben coñecido concepto no eido cultural de  prosumidor)

Das masas ás multitudes. Aquí Raúl quixo explicar a importancia de dar voz e visibilidade a propostas de persoas que están máis á sombra, ou que fan cousas máis pequenas, ou máis locais, pero de igual importancia e enriquecemento. O exemplo que utilizou foi os “Atlas veciñais” de propostas e actividades feitas por eles.

Do regulamento ao experimento. Se necesitan novas iniciativas e fórmulas que fuxan do xa regulamentado, da burocracia ineficaz. Propostas como a Remolacha Hacklab por exemplo; un aula do futuro ou a OSCE; as economías colaborativas en código aberto para crear un tecido de coñecemento común e sostible

Dos usuarios ás comunidades. O argumento detrás deste enunciado é a importancia de crear unha filosofía palpable onde os membros e usuarios sintan que o espazo e a idea tamén é súa. Un espazo horizontal onde todo o mundo teña dereito de voz e voto.

Da burocracia ás experiencias. Na sociedade post-moderna na que nos movemos, precisamos  espazos e proxectos acordes a ela. De aí a importancia da filosofía, que quixo resaltar Raul, de ética para a estética, co fin de construír espazos e facer proxectos onde prime a experiencia en todo momento.

Da suspicacia á confianza. A idea a recalcar aquí sería que é importante reforzar as relacións de confianza entre os membros que participen no espazo, proxecto, idea…. En Zaragoza Activa os provedores doutras iniciativas ou ideas de negocio eran persoas e grupos pertencentes ao propio ecosistema. É dicir, é importante crear a confianza, pero tamén unha rede de apoio.

Do Estado pasivo ao Estado emprendedor . Finalmente, a última idea que quixo resaltar, e na que fixo moito énfase (estado polo que pasaron eles mesmos no 2013 dentro de Zaragoza Activa), é a idea de empoderar ás persoas para que fagan cousas e que con iso se cree unha rede de economía creativa entre os participantes dun proxecto, de calquera proxecto en definitiva.

 

Tedes máis información sobre esta inspiracional proposta na súa web, á que podedes acceder desde aquí.

Traballar con/desde/para unha entidade pública. Con Xavier Campos

Por María Vázquez

Na sesión de hoxe tivemos con nForto twitter Xavier Camposós a Xavier Campos, quen agora mesmo desempeña o seu traballo como asesor cultural na Deputación Provincial da Coruña, aínda que, tal e como confesa, Xavier ten unha visión híbrida de como se sinte: por unha banda é xestor cultural, por outra ten unha responsabilidade política e, por outra, séntese un activista cultural, xa que leva facendo dinamismo cultural desde os 16 anos. Aínda que onde se sente mais cómodo é no diálogo.

Xavier presenta para esta sesión dous enfoques: na primeira parte trata as cuestións que teñen que ver co desenvolvemento de políticas culturais desde a administración pública, baseándose na súa experiencia, e na segunda parte céntrase no traballo concreto nas administracións locais, os distintos proxectos que se poden desenvolver.

 

 

Basea a súa intervención entorno a cinco puntos:

  • Pequeno percorrido pola historia das políticas culturais galegas.
  • Como se traballa nas administracións públicas sobre todo nos concellos, desde a súa experiencia.
  • Como debemos traballar desde a administración  pública, sobre todo nos concellos, nas políticas culturais.
  • Análise de  proxectos específicos.
  • Recomendacións para relacionarse coa administración pública a hora de buscar financiamento calquera que sexa a forma xurídica, asociación, empresa, cooperativa, ou persoa física.

 

 

Percorrido pola historia das políticas culturais

 

Xavier fai este percorrido tendo en conta  cinco momentos que se caracterizan polo seguinte:

Momento activista. Ten que ver co tecido asociativo que emerxe nos anos 60-70 vinculados a tres eixos: cultura, lingua e democracia. No contexto de falta de liberdade de finais da época do franquismo, en Galicia, empezan a xurdir unha serie de asociacións, como Asociación Cultural de Vigo, Sementeira en Viveiro, o Facho na Coruña, o Galo en Santiago e moitas outras que, naquel momento, foron as que dinamizaron e crearon un tecido cultural moi de base asociado a cuestións moi transversais, como por exemplo á defensa do idioma, que naquel momento estaba prohibido nas manifestacións públicas, e na defensa e dignificacións da cultura galega e tamén unha forma legal encuberta, na forma de facer política cando non se podía facer política. Nesa época nacen situacións que aínda a día de hoxe son moi relevantes, como por exemplo a normalización do teatro galego, coa Mostra Abrente de Ribadavia ou as primeiras Feiras do Libro Galego. É dicir, xorde todo un dinamismo que aínda está por estudar.

Aproveita Xavier ao fío desta falta de estudos a nivel galego deste momento tan importante do dinamismo cultural, para anunciar que a Deputación da Coruña vai sacar unha convocatoria de dúas bolsas de 6000€ para proxectos de investigación en políticas culturais.

 

Momento Land Rover. Coa chegada da democracia a nivel autonómico xurde a necesidade de desenvolver unha institucionalización cultural. Dado que non existen ferramentas para levar a cabo unha política cultural a nivel autonómico hai que crealas, e póñense en marcha institucións como é o IGAEM, o Centro Dramático Galego, O Consello da Cultura Galega. É un momento frutífero, no ano 84-85, no que foi director xeral de Cultura Luís Álvarez Pousa e no que hai un primeiro esforzo de desenvolver un proxecto de política cultural con visión social, pero que non callou debido ao pouco tempo que durou esa aposta.

Nos concellos desenvólvense as áreas municipais de cultura: un momento clave, pois de como se foron desenvolvendo as contratacións axuda a explicar como está o panorama aínda hoxe en día. O perfil de traballador cultural non estaba definido, non existía formación específica nin saberes regulados ou recoñecemento  profesional. A provisión desas prazas fíxose do máis variopinta, con persoas que viñan do activismo cultural ou con formación en Humanidades. Así xorde nos anos 80 o Colectivo  Land Rover, como o primeiro colectivo de persoas que traballan no eido da cultura e que se ven na obriga de facer de todo, pois estaba todo por facer. Había moita inexperiencia e sobre todo falta de referentes.

 

Momento Xacobeo. Durante os 16 anos do goberno de Fraga, non existe modelo de xestión cultural. Confusión consciente, entre espectáculo, política cultural, turismo, macroespectáculos, no referente a contidos. Hai un asentamento moi pernicioso na forma de relacionarse os sectores culturais coa propia Administración, que pasa por definir políticas para cada un dos sectores e propiciar que cada un a nivel particular vaia a administración a presentar o seu proxecto ou a negociar os seus intereses particulares. Isto a nivel social é algo que se parece ao clientelismo, e non contribúe a xerar unha cultura social que sexa positiva e que nos permita falar dunha política cultural como tal, cuns obxectivos e  cunha metodoloxía de traballo definidos.

Segundo Xavier este modelo non cumpría nin sequera con ningún dos paradigmas da democratización cultural, xa que non se garantía unha oferta cultural de calidade, nin se xerou creación de públicos, nin axudou a fortalecer o propio tecido tanto social como económico da cultura no país. Esta época remata coa creación dunha enorme infraestrutura, descontextualizada das necesidades do propio país: A Cidade da Cultura.

 

Cambio político, 2005: o goberno Bipartito. Este momento caracterízase por un intento de ordenación de todo o panorama cultural galego e a creación dun contexto propicio2018 03 14 Xavier Campos 1 para empezar a traballar doutra forma. Por un lado deseñáronse políticas sectoriais e por outro creáronse o primeiro Plan Galego das Artes Escénicas e o Plan Galego do Libro e da Lectura, así como a Axencia do Audiovisual Galego e o Centro Coreográfico Galego, que substitúe ao ballet galego Rei de Viana. Ademais, fíxose unha adaptación máis ambiciosa coas grandes área da Xunta. Desaparece o IGAEM e substitúese polo AGADIC, coa idea de que houbese catro grandes bloques: un bloque centrado no sector privado, que sería AGADIC; un bloque centrado na cultura de base, o asociacionismo e a cooperación cos concellos, que sería a Dirección Xeral de Cooperación Cultural; un bloque centrado no apoio á creación a aos creadores, que era o destino que se lle quería dar a Cidade da Cultura a nivel galego e a nivel internacional, e o ámbito do Patrimonio.

Para poder definir estas políticas sectoriais, necesitamos interlocutores, o que xera dunha maneira natural nuns casos e noutros inducidas, unha vertebración nos diferentes sectores da cultura galega. Non é casual que neses anos nazan asociacións como Escena Galega, AGEM e a AGPXC. Cámbiase o enfoque de programar para e pásase a programar con.

 

Momento Actual. Co cambio de goberno que se produce no 2009, parello á chegada da crise económica que nos obriga a traballar doutra maneira. A Administración pública é o único cliente, ou o maioritario do ámbito cultural, polo que, si se reduce o orzamento, a repercusión que ten a nivel cultural é determinante. Isto leva a poñer en marcha proxectos que se caracterizan por apostar cun vínculo moi claro entre a cultura e o ámbito social, proxectos máis sostibles desde o punto de vista económico e que a forma de traballar coa sociedade cambia. O contexto de traballo pasa a ser a precariedade e a falta de capacidade para obter financiamento público. Propíciase a posta en marcha de cooperativas ou de iniciativas particulares.

 

 

Traballar coas administracións públicas 

En canto ao segundo punto, como traballar COAS administracións públicas, en base á súa experiencia pon enriba da mesa dúas cuestións positivas: por un lado, unha oportunidade de desenvolver políticas culturais, pero, por outro, unha responsabilidade, pola repercusión que podan ter na poboación as liñas de traballo que se marquen.

Xavier menciona cinco cuestións negativas ou eivas estruturais que teñen as administracións públicas á hora de deseñar políticas culturais:

  • Ausencia de proxectos. Cal é o marco de traballo no que nos queremos desenvolver, que queremos conseguir. Hai unha tendencia, aínda que cada vez menos, a entender a xestión cultural coma unha sucesión de actividades illadas, pero sen horizonte que lle dea coherencia e sentido común.
  • Febleza estrutural, falta de organigramas de persoal cualificado para desenvolver as políticas culturais. O que dificulta moito o traballo. Isto é un problema xeral en todas as administracións, tanto deputacións, Xunta de Galicia, como na maioría dos concellos.
  • Inadecuación lexislativa, pelexa constante cos servizos de intervención e secretaría. O ámbito da cultura ten unhas características e lóxicas diferentes que non teñen outros ámbitos. Como por exemplo a propiedade intelectual. Non fomos capaces en todos estes anos de desenvolver un marco legal adaptado ao ámbito cultural.
  • Desvertebración de axentes, minifundismos. Propiciouse a creación de políticas individualistas, de que cada quen pida para si: isto impide desenvolver políticas que beneficien ao conxunto.
  • Carencia dunha visión global no campo da cultura. As administracións son incapaces de xerar un clima no que cada unha desde o seu ámbito contribúa a mellorar o conxunto. A nivel institucional é imprescindible ordenar as competencias e crear un Pacto Galego pola Cultura.

 

 

Traballar desde a Administración pública

 

Segundo Xavier debemos facernos tres preguntas: onde, é dicir, desde que administración pública imos traballar; para que  obxectivos, que é o que pretendemos perseguir, e como, que metodoloxía imos empregar.

 

Para responder a primeira cuestión, onde, temos que ter en conta, en primeiro lugar, a análise e coñecemento do contexto no que estamos a facer. Elementos que nos singularizan e que permiten traballar contidos a nivel educativo, social, económico dunha forma específica. Partir da idiosincrasia do lugar onde se traballa, do que nos diferencia do resto e iso entendelo coma un valor a través do cal construír. Pon como exemplo a iniciativa O Ribadeo indiano, que puxo en marcha o concello de Ribadeo.

Outra cuestión a ter en conta son as funcións e as competencias, non e o mesmo traballar a nivel local, provincial ou autonómica. A Xunta de Galicia ten competencias en todas as dimensións da acción cultural, tanto a nivel económico que ten que ver mais cos sectores privados das industrias culturais, a dimensión social de cultura cidadanía, as persoas como protagonistas dos procesos culturais, a nivel patrimonial e a dimensión creativa que ten que ver cos procesos de creación artística, apoio a investigación e aos creadores. Ademais de ter competencias tamén ten a responsabilidade de definir o marco das políticas culturais en Galicia. A Deputación ten unha función sobre todo de apoio ás actividades que fan os concellos. Os concellos, por lei, só teñen obrigas aqueles de máis de cinco mil habitantes de contar cunha biblioteca pública, sen embargo foron desenvolvendo toda unha serie de competencias amplísimas en todas as dimensións da cultura. Pódese deducir que non hai unha definición clara das competencias de cada administración, o que supón a duplicidade dalgúns aspectos e que queden outros sen cubrir.

 

 

Xavier 3

 

Para qué traballamos, é dicir, que tipo de sociedade queremos construír a partir do que facemos. Xavier parte por unha banda do enfoque, para iso cita a Toni Puig, as ideas preceden á acción: antes de poñernos a facer algo temos que saber cal é o punto de partida e que obxectivos queremos conseguir. En función da sociedade na que vivimos, teremos que definir a acción cultural. Entende que a sociedade actual tende a deshumanizarse, a romper os vínculos sociais e a meternos en dinámicas máis individualistas, que cada vez estamos mais inmersos nunha sociedade do medo, da precariedade, que nos converte en obxectos de consumo.

Partindo desa análise da realidade, e si se quere cambiar, é necesario traballar dunha forma que axude a restaurar o vínculo social, dándolle importancia ao desenvolvemento das capacidades e talentos das persoas. Apostar por proxectos vinculados ao desenvolvemento persoal, mellora da autoestima, creación de vertebración social,… é dicir, a conseguir obxectivos vinculados ao ámbito social, entendendo a cultura como ferramenta para o progreso e benestar social, e que debera ser a predominante desde o ámbito público. Sen esquecer a dimensión económica da cultura que tamén hai que apoiala, pois xera riqueza, crea emprego.

En base a todo isto enumera os seguintes obxectivos dunha política cultural pública.

  • Crear contextos para avanzar en democracia cultural, os focos teñen que ser as persoas e non os artista.
  • Crear unha sociedade mellor. Identidade e cohesión social, do que somos, do noso patrimonio.
  • Contribuír ao progreso e ao benestar social.
  • Apoio ao talento, a creatividade e a produción cultural. A política cultural ten que apostar polo talento e pola creación.

 

En canto ao como facemos para levar todo isto adiante, na escolla das iniciativas é fundamental a coherencia coas liñas de traballo que se están a desenvolver como Administración. No deseño e no desenvolvemento, hai que ser relacionais, traballar con outra xente por cuestións máis democráticas e porque os resultados van ser mellores.

 

Por último a tramitación interna, traballar en cultura desde unha administración, supón seguir un procedemento. Para desenvolver un proxecto  determinado, primeiro temos que definilo, logo facer unha autorización de gasto (RC), é dicir reservar o diñeiro que necesitamos para desenvolver ese proxecto, hai que facer un informe técnico, onde se explica a natureza do proxecto. Ese informe vai acompañado dunha dilixencia de inicio da tramitación asinado pol@ responsable polític@ que vai aos servizos de secretaría e intervención para fiscalizar e dar o visto bo. E moi importante ter en conta os tempos deste proceso de tramitación á hora de planificar un proxecto.

 

Como se apoian e desenvolven proxectos desde a Administración

 

Existen varios tipos de fórmulas:

  • Vía contratación, no caso de que, por exemplo, unha entidade presente á Administración un proxecto que sexa de interese e vaia na súa liña de traballo. Se o orzamento é inferior aos 15.000€ considérase un contrato menor e pódese facer unha contratación directamente. Se supera os 15.000€ o modelo sería o procedemento aberto, no que se garante o principio de transparencia e o tratamento igualitario e non discriminatorio para todas as empresas candidatas.  (lei 9 2017. contratos)

Xavier 1

  • Vía subvencións. Por unha banda as de concorrencia competitiva: neste caso débese de garantir os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación. Para iso, é necesario definir exhaustivamente o obxecto e os criterios obxectivos de valoración en cada liña de subvencións. E, por outra, os convenios nominativos: neste caso formalizarase un convenio de colaboración entre a Administración e a entidade colaboradora no que se regulan as condicións e obrigas de ambas. Cada vez se está a eliminar en maior medida o modelo nominativo e a apostar polas subvencións de concorrencia competitiva.  (Lei de subvencións de Galicia)

 

Xavier defende os convenios nominativos si se fan desde as boas prácticas, sobre todo a nivel local pensa que son unha ferramenta moi útil para dar estabilidade ao tecido social e cultural, e que este tipo de convenios permite negociar os obxectivos e as condicións nas que se levará a cabo para que ambas partes obteñan un beneficio.

 

 

Posta en práctica do aprendido

xavier-campos_coruna-galDespois dun merecido descanso, de aproximadamente media hora, Xavier retoma a sesión cun enfoque mais práctico, primeiro pide que por grupos lle comentemos brevemente cada un dos proxectos nos que estamos traballando para analizar desde a súa experiencia e coñecemento as vías de financiamento. Debido a falta de tempo só se expuxeron tres proxectos:

 

 

Mapa emocional de Arteixo. Baixo a forma xurídica de Fundación (Fundación Art Eixo), o obxecto  é a construción compartida da identidade cultural do Concello de Arteixo. O proxecto é de ámbito local e a principal fonte de financiamento que propoñen é establecer vínculos de colaboración co Concello de Arteixo como principal beneficiario, e solicitude de subvencións á Deputación da Coruña. Xavier apunta neste caso con carácter xeral é evidente que ao ser un proxecto de ámbito local no que o principal beneficiario é o concello de Arteixo, tamén sexa este a principal fonte de financiamento e en canto ás axudas da Deputación, é moi importante ter clara a liña de subvención á que van concorrer e que gastos son subvencionables e cales non.

 

Os Sons das pedras. Baixo a forma xurídica dunha SL. (Espacio Especial), o obxecto é o desenvolvemento dun festival sobre o mundo da cantería. A única vía de financiamento externo é o Concello de Cuntis, non só a nivel económico senón tamén medios cos que conta, espazos, etc. Xavier apunta que o proxecto a nivel de contidos ten todo o sentido e  a cantidade económica solicitada ao concello é viable, pois entra dentro da fórmula de contrato menor.

 

Arte Brava. Baixo a forma xurídica de asociación (Asociación Arte Brava), o obxecto é desenvolver un proceso participativo da mocidade da Illa de Arousa para o deseño e execución da programación cultural. A principal vía de financiamento é o Concello da Illa, con apoios da Deputación de Pontevedra e logo varios patrocinadores de ámbito privado. Xavier apunta que a nivel de contidos é fantástico, pero a súa viabilidade depende unicamente da decisión do Concello.  Non hai outra posibilidade de levalo adiante se o concello non o interioriza como seu. Este sería un proxecto segundo a súa opinión que se podería subvencionar mediante convenio nominativo. Fai referencia a un proxecto deste tipo que se levou a cabo en Ribadeo que foi  Sonda Norte.

 

 

Á hora de solicitar financiamento a unha Administración pública debemos ter en conta o seguinte:

 

  • Saber quen somos, é dicir, baixo que forma xurídica Xavier 2definir quen é empresa, cooperativa, asociación.
  • Coñecemento de con quen nos imos reunir, se con responsables técnicos ou políticos. Coñecemento previo da administración á que nos diriximos.
  • Na presentación que se entenda cal é o obxecto da reunión. Que é a formulación. Poñer sempre o orzamento, a poder ser desagregado por partidas.
  • Soporte. É importante o formato no que se divulgan os proxectos, que sexan innovadores, diferentes, para axudar a valoralos positivamente.
  • Os tempos. Temos que intentar transmitir o que queremos dicir con certa brevidade.
  • Actitude. Non ser paternalista nin condescendente.
  • Tipos de proxectos. Buscándolle o encaixe coa liña de traballo que desenvolva a administración ao que lla presentamos. Desde a opinión de Xavier Campos, o tipo de proxectos mais interesantes para os concellos son aqueles que intentan crear vínculos coa comunidade local, poñer en valor o talento, crear comunidade, que teñen un sentido social a parte de cultural e artístico. Como por exemplo Eu son Mazaricos, FestiletrasDerrubando Muros con Pintura, Desordes Creativas, As Meninas de Canido, Fálame de San Sadurniño ou Suma Ágora.

 

Finalmente fai oito  recomendacións para desenvolver políticas culturais a nivel local:

  • Que se note de onde somos
  • Apoio absoluto á creatividade local, sexan profesionais ou afeccionados
  • Procura de colaboracións estables co tecido cultural.
  • Proxectos que aposten pola creación de vínculos sociais, de veciñanza, de integración social.
  • Educación como prioridade das políticas culturais. Apostar por proxectos de formación, e non unicamente de exhibición e distribución. Traballar cos centros de ensino. Cultura e educación teñen que ir xuntas nas políticas locais.
  • Propostas híbridas, nas que se impliquen distintas áreas do propio Concello e tamén entidades privadas.
  • Coidar a comunicación. Crear marca.
  • Non impoñer: orientar. Lexitimidade en marcar liñas pero con diálogo social.

 

Patrocinio e mecenado cultural. Con Sonia Díaz

Por Consuelo Lodeiro

A sesión de hoxe correu a cargo de Sonia Díaz, que nos deu as pautas de financiamento dun proxecto cultural a través dos patrocinios; porque en calquera proxecto cultural é moi importante o orzamento, ver se é viable e con que recursos contamos para levalo a cabo. Para iso empezou a clase dicindo cales eran os obxectivos fundamentais da sesión:

  • Financiamento dun proxecto cultural a través do patrocinio empresarial e institucional.
  • Claves para manter unha relación proveitosa e duradeira con institucións, con entidades privadas e cos departamentos de marketing de marcas comerciais.
  • Modelos posibles de dossier de patrocinio.

Vistos os obxectivos da aula de hoxe, pasou a explicarnos unha serie de definicións que son básicas para entender o que é un patrocinio e ver a diferencia entre varios conceptos.

 

Patrocinio

É un termo italiano, que na súa orixe tiña un fin concreto que era financiar aos artistas para que existira unha determinada arte, colaborábase desinteresadamente e non había un retorno para a empresa; actualmente co patrocinio hai un retorno para a empresa, ese retorno pode ser de distintos tipos. Ante todo, o patrocinio é unha relación de comunicación. Os patrocinios tamén poden ser públicos, aínda que nos centramos máis nos privados

Unha empresa pode ser:

  • O patrocinador principal dun evento (canto máis aporten maior ten que ser o retorno para a empresa, van querer maior visibilidade, poden esixir que o seu logo sexa o primeiro)
  • Facer colaboracións: hai entidades que colaboran en moitos proxectos aínda que a achega que se faga sexa mínima.

As principais motivacións do patrocinio cultural son:

  • RSE (as empresas establecen o seu plan e establecen alianzas), reputación, posicionamento de marca, captación de talento, beneficios fiscais, abrir novos mercados co público obxectivo, etc,…
  • Calquera proposta de patrocinio cultural constrúese entre as dúas partes a partires da análise de valores, públicos, visibilidade, cuantificación do retorno (ROI) e estratexias compartidas.

Para que unha empresa nos patrocine temos que coñecer e mostrar cal é o valor diferencial do noso proxecto.

 

Mecenado2018 03 07 Sonia Díaz 2

Son axudas a un determinado proxecto cultural sin que supoña un retorno para a empresa, que  conta con algúns beneficios fiscais aínda que se consideran insuficientes. España non conta aínda cunha Lei de Mecenado adecuada que regule este tipo de relación.

 

Filantropía

É a versión contemporánea do mecenado: grandes empresas que conseguen o máximo a nivel empresarial e queren facer un ben á sociedade de maneira desinteresada, colaborando en distintos proxectos.

 

 

Dossier de patrocinio

Cada dossier de patrocinio debe adaptarse a cada proxecto en concreto e facerse en función da empresa patrocinadora á que nos diriximos, aínda que hai unhas pautas e modelos a seguir. Nun dossier de patrocinio hai varias partes:

Estrutura: Debe responder as preguntas que é, a quen nos diriximos, quen somos, canto pedimos,… E para responder a esas preguntas temos que:

  • Ter ben definido o proxecto, os seus valores e públicos
  • Ter claro o orzamento
  • Ter claras as posibilidades de visibilidade que ofrecemos
  • Coñecer as entidades financiadoras, traxectoria, valores, plan de marketing,…

Podemos variar esa estrutura, hai que ser flexibles e ver en que poñemos énfase dependendo de cada proxecto.

Carta: A carta de presentación debe adaptarse a cada entidade, pero algunhas claves de éxito poden ser dirixirse a unha persoa en concreto e relacionar correctamente no primeiro parágrafo o noso proxecto, os valores da entidade financiadora.

Xuntanza: Antes da xuntanza hai que preparar ben a exposición e a mensaxe, coñecer moi ben a entidade e a persoa coa que falas e saber o que queres dicir. Durante a xuntanza, ter boa actitude, discurso positivo, comunicación non verbal… Despois da xuntanza debemos chamar -ao día seguinte- agradecendo a xuntanza e resolvendo as dúbidas que xurdiron durante esta.

 

 

 

Deseño integral: avaliación e continuidade dos proxectos

As últimas semanas do curso teñen sido de moito traballo para os seis equipos do curso. Hoxe, trala sesión do pasado 21 de decembro, na que por primeira vez esbozaron os seus proxectos, chegou o momento de amosar a proposta, en teoría definitiva, xa concretada e mesmo orzamentada de cada grupo. Este segundo aspecto, e polo tanto nalgún caso o enfoque do propio proxecto ou dalgunha parte do mesmo, podería sufrir modificacións nas vindeiras sesións, nas que se inicia o bloque formativo dedicado ao financiamento cultural. Pero, polo de agora, estes son os proxectos:

 

Equipo 1. PalpitArteixo

2018 03 01 presentacion equipos 12Baixo a forma dunha fundación (concretamente a fundación ArtEixo) o Equipo 1 propón a elaboración dun mapa emocional que nos permita acceder ao Arteixo de onte e ao Arteixo de hoxe. Ao de onte, a través de audiorroteiros, vinculados á memoria industrial do concello, tamén desde a perspectiva de xénero; ao de hoxe, coa música da banda e da escola municipais previamente xeolocalizadas, un percorrido polas zonas industrias e a posibilidade de escoitar unha radionovela, previamente elaborada pola mocidade nun obradoiro, contando tamén coa participación de artistas locais deste mapeado, que responderá a un proceso de investigación-acción.

Con PalpitArteixo o equipo quere apostar polo Arteixo do futuro, poñendo en valor a historia e a cultura do concello, focalizar a diversidade cultural que actualmente convive nel e xerar ferramentas de construción compartidas por esta cidadanía diversa e que se pretende que sexa tamén activa.

O custe total da actividade sería, segundo o orzamento actual do proxecto, de 24.835 €.

 

Equipo 2. Tapia Cultural

No caso do Equipo 2 temos a cinco autónomos asociados 2018 03 01 presentacion equipos 10baixo a marca Como tapias co obxectivo de desenvolver, desde un punto de vista cultural e social, a contorna natural da praia fluvial de Tapia. Baixo as premisas de traballar cunha veciñanza activa e con criterios medioambientais e de posta en valor da zona, esta asociación profesional propón unha semana de actividades no que, cada día, responde a un eixo temático: desde as actividades estritamente locais á cultura urbana, artes escénicas ou danza en forma de obradoiros, concertos, espectáculos de medio formato e de pequeno aforo ou rutas teatralizadas.

Para esta semana, que transcorrerá na primeira semana de xullo, o Equipo 2 ten xa desglosadas as necesidades humanas e materiais e elaborados os plans de seguridade e riscos laborais.

Calculan que para desenvolver este programa de actividades precisarán traballar durante dous meses a media xornada. As súas retribucións sumadas aos custos do desenvolvemento das actividades dan como resultado un orzamento de 24.551€

 

Equipo 3. Os sons das pedras

O Equipo 3, baixo a forma dunha empresa (una sociedade limitada) traballará en Cuntis coa cantería, típica da zona, como eixo fundamental para percorrer a memoria patrimonial e histórica da vila. A súa proposta consiste nun festival, que se levará a cabo o 7 de xullo (de 10:00 a 02:30) no lugar de Castrolandín, dirixido por unha banda a un público familiar e xuvenil e, por outra, a un público especializado, relacionado co eido da cantería. O festival desenvolverase nun recinto acotado ao que se accederá con entradas con prezos escalados que oscilarán entre os 8 e os 13 euros.

2018 03 01 presentacion equipos 8As propostas da xornada van desde unha exposición canteira, con explicacións en vivo do oficio, un concurso de cantería e unha visita teatralizada ao castro até actividades infantís (contacontos sobre cantería, obradoiros de cantería para nen@s,…) ou dirixidas ao público adulto (obradoiro de gravado en pedra). Haberá tamén tempo e espazo para a sesión vermú e para a comida, así como, dirixido ao público de perfil xuvenil, monólogos (Pedra, pico e pala, con Luis Piedrahita), percusión con pedras e un espectáculo musical dirixido por Xurxo Souto.

O equipo calcula o orzamento do festival en 69.500€

 

Equipo 4. Arrepola Betanzos

No Equipo 4 agrúpanse cinco técnicos municipais de cultura cun obxectivo claro: dinamizar socioculturalmente a zona histórica betanceira para, e sobre todo con, a veciñanza, traballando a identidade local, valorizando a cultura e as vivencias populares e facilitando novos espazos para a participación cidadá. Trátase dun proxecto a desenvolver en varios meses e que consta de varias fases.

Nunha primeira, de carácter máis ben interno, 2018 03 01 presentacion equipos betanzosestableceranse os oportunos contactos dentro do propio Concello para establecer liñas de actuación e coñecer os protocolos e normativas que poden influír no desenvolvemento do proxecto. Na segunda, comezarase unha pequena estratexia de márketing de rúa, coa colocación de pequenos repolos en xardíns da cidade, para dar paso a unha terceira: Amizade co repolo, que consiste en buscar a participación de veciñanza e comercio na elaboración do logo, e que se complementa con Correos en verso e prosa, para que as persoas que o desexen deixen en caixas do correo feitas por escolas infantís para esta actividade as súas vivencias e lembranzas betanceiras, e cunha serie de coloquios. Na cuarta fase, trala recollida de datos pertinente, celebrarase unha semana de festival na que haberá actividades variadas (entre elas, a ocupación de escaparates baleiros con distintas expresións artísticas) e a Repogala, cun xantar popular teatralizado e música.

O equipo contempla unha quinta fase de avaliación que determinará se o programa ten ou non continuidade, se a ten totalmente ou de xeito modular e con que frecuencia. O orzamento desta actividade é de 123.160€, incluíndo os salarios dos cinco técnicos municipais nas contas. Agardan poder financialo con fondos municipais, subvencións e patrocinios.

 

Equipo 5. Arte Brava

2018 03 01 presentacion equipos 4O Equipo 5 chegou á conclusión de que na Illa de Arousa falta oferta cultural e lúdica para a mocidade, técnicos especializados e mesmo unha política definida ao respecto. Por iso, a súa proposta pasa por xerar un proceso participativo no que a propia mocidade decida e xestione a oferta cultural da Illa.

Para iso, primeiro contactarán cos axentes locais relacionados coa mocidade coa idea de, despois, constituír un grupo promotor con intereses culturais. O seguinte paso será, da man de profesionais, facilitar e potenciar que a mocidade deseñe as actividades. O proxecto desenvolverase nun prazo amplo de tempo, non menor a un ano, que tería as seguintes fases:

  1. Diagnose
  2. Deseño e elaboración do proceso participativo e plan de comunicación
  3. Desenvolvemento e posta en práctica do proceso participativo
  4. Xestión e programación cultural colectiva
  5. Desenvolvemento do programa cultural
  6. Avaliación e redefinición, se procede, de cara á continuidade

O proxecto arrancará no mes de maio cunha toma de contacto co Concello e coa mocidade, con vistas a, xa no 2019, comezar a fase 5 cun concurso, obradoiros e un festival sobre os que a mocidade traballará para definir os seus contidos.

 

Equipo 6. Arzúa flúe

O Equipo 6, constituído como cooperativa, decidiu poñer en marcha en Arzúa unha rede de axentes de cambio: cidadáns comprometidos co seu lugar, que participan activamente da vida na súa contorna e que toman decisións, formando parte do tecido social 2018 03 01 presentacion equipos 1e traballando no beneficio común. O obxectivo é poñer en valor a contorna natural e patrimonial de Arzúa adquirindo conciencia sobre o propio territorio, a través do traballo cun colectivo de vinte persoas facilitados polo IES Arzúa e as asociacións máis activas da comarca: dez de entre 15 e 30 anos e outros dez de máis de 60, favorecendo a interacción e a aprendizaxe mutua entre os dous equipos.

Así, mediante distintas actividades formadoras, inculcaranse e xeraranse nocións que constrúan comunidade. Serían Miramos distinto a Arzúa (un obradoiro de fotografía e vídeo sobre lugares emblemáticos da contorna), Conciencia dos produtos (sobre economía circular) e un programa de radio en Radio Arzúa.

O orzamento desta actividade supera levemente os 9.000€

 

 

A importancia da avaliación dos proxectos

A primeira parte da sesión foi para a presentación dos proxectos e a segunda para varias cousas. Por unha banda, despedímonos de Diego Parajó como titor do curso e, por outra, démoslle a benvida a Sonia Díaz, que será, ademais de docente nalgunhas sesións, a nova titora, xunto con Sergio Lago e Marcos Lorenzo, dos proxectos, dende agora até a finalización do curso.

Con Marcos, precisamente, dedicamos os últimos minutos da aula a falar sobre a avaliación dos proxectos. Só catro persoas na aula fixeran avaliacións dos proxectos nos que traballaran, e normalmente por iniciativa persoal, polo que estas quedaran reducidas a un ámbito interno de utilidade para 2018 03 01 presentacion equipos 6a propia persoa, pero non para a institución ou organización promotora ou organizadora da actividade. Neste sentido, Marcos explicounos que a avaliación “é a ferramenta que temos para capitalizarnos como organización”. Porque, sen ela, é probable que nos seguintes anos se repitan os erros ou que non se saiban aproveitar os acertos. O desexable, segundo nos explicou, sería que houbera unha persoa cunha asignación de horas para esta tarefa en exclusiva, pero, como xa sabemos, o desexable non adoita ser a realidade do traballo cotián.

Tamén falamos das ferramentas para avaliar e dos criterios. Neste sentido, debatemos unha vez máis do que é o éxito dunha actividade: os números ou os obxectivos acadados? Porque, pode ser que unha actividade rexistre un gran número de usuarios e que, ao mesmo tempo, non cumpra obxectivos? E, neste caso, poderiamos considerar que foi unha boa actividade? E, sobre todo, ten a Administración ferramentas -e interese- para valorar estes matices?…

Con esas preguntas e as súas respostas rematamos a sesión, unha das máis importantes, en canto á materialización dos proxectos. A vindeira posta en común será o 11 de abril, pero xa non consistirá nunha presentación: nesa sesión, cada equipo terá que defender a súa proposta ante un patrocinador real, rematando así o ciclo de financiamento cultural que comeza hoxe.