Conversa aberta con Encarna Lago, Paula Cabaleiro e Julio Gómez: Inclusión, igualdade e sostibilidade, novas obrigas na Xestión Cultural

Trala intensa primeira parte de presentación dos anteproxectos -e un merecido descanso-  a sesión do 21 de decembro continuou cunha segunda parte, máis sosegada para os equipos, pero igualmente interesante, na que primeiro escoitar, e logo falar, sobre cuestións  que están a ser cada vez máis importantes para a sociedade e que supoñen un reto na xestión cultural, como son a inclusión, a accesibilidade, as cuestións de xénero e a sostibilidade.

 

2017-12-21 AlumnadoJulio Gómez, codirector do festival Sinsal e Sinsalaudio, falounos de SOSTIBILIDADE . Un concepto que marca cada vez máis o enfoque de moitos eventos a nivel europeo, sendo xa un obxectivo irrenunciable para os organizadores. Búscase o emprego de combustibles pouco contaminantes, optimizar os movementos de transporte para causar o menor impacto posible e garantir a reciclaxe de cantos máis elementos mellor, aplicando a máxima de que a mellor forma de reciclar é facelo na orixe procurando non xerar residuos.

Nos eventos tamén comeza a haber unha política moi concreta con  respecto á auga: auga como dereito, non como mercancía. Por iso, moitos festivais están a promover envases ou a admitir os que leva o usuario para reenchelos. Tamén se pensa na alimentación, poñendo en valor os excedentes, promovendo repartos, traballando o produto local… E, obviamente, se traballa nos modelos de organización e loxística, para tender á reutilización ou reciclaxe de elementos dunha edición a outra e minimizar a pegada ecolóxica dunha nova fabricación de certos materiais.

Julio falounos dunha ferramenta moi útil para poder desenvolver todas estas premisas, como é a coordinación de actividades empresariais. Un proceso baseado no diálogo entre os organizadores e todas as partes implicadas, con independencia do seu grao de proximidade ao evento, antes, durante e despois do mesmo. Nestas xuntanzas fálase, e confírmase a existencia dunha política de seguridade laboral, en canto ás cuestións que repercuten na integridade física dos traballadores, pero tamén nas legais e fiscais, así como a seguridade dos públicos. E incídese nas cuestións xa expostas de sostibilidade medioambiental. É a ferramenta que emprega Sinsal, un festival no que, por certo, non se empregan plásticos nin celulosas polas dificultades que presentan na súa reciclaxe.

 

2017 12 21 paula cabaleiro

Paula Cabaleiro, comisaria e xestora cultural,  dirixiu a súa intervención á PERSPECTIVA DE XÉNERO E GUALDADE  na xestión cultural e foi moi clara ao respecto: para ela, a perspectiva de xénero, a defensa da igualdade, son unha obriga para un xestor cultural, do mesmo xeito que son un dereito para a sociedade. E cando se xestiona cultura, sexa con diñeiro público ou privado, sen atender a estas cuestións o que se está a facer é atentar contra un dereito.

Paula explicounos que a súa visión e conviccións ao respecto teñen moito que ver co que viviu como estudante de Belas Artes, cun 70% de alumnas nas aulas, que, unha vez rematada a carreira, practicamente desaparecían no mercado laboral. Nas galerías, apenas había representación de mulleres artistas, igual que nos premios, tanto como receptoras como parte dos xurados. Por iso, cando foi ela a responsable de comisariar, decidiu contribuír ao equilibrio que non había e que, en termos xerais, sigue sen haber. Porque, segundo nos explicou, o teito de cristal é moi sólido no caso da arte, igual que en boa parte dos sectores. Por exemplo en ARCO, a referencia da arte contemporánea en España, as mulleres só representan o 20% dos artistas participantes.

Paula Cabaleiro falounos tamén da iniciativa Mulleres en acción, violencia cero, na que a arte pasa a ser unha ferramenta de concienciación para erradicar a violencia de xénero, ao tempo que é plataforma de mulleres artistas. Esta iniciativa, que desenvolve coa colaboración e implicación de varios concellos da provincia de Pontevedra, está a chegar cada vez a máis asociacións, centros escolares e institucións, de tal maneira que amplifica o seu impacto social, pero tamén o seu impacto artístico.

 

2017 12 21 Encarna e ÁngelesPola súa banda, Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, falou con nós de INCLUSIÓN e ACCESIBILIDADE. De que os dereitos culturais son para tod@s e que, por tanto, garantir que o patrimonio cultural chegue a toda a cidadanía é o deber da xestora cultural. Que non hai que “confundir o rigor científico co rigor mortis” porque, moitas veces, por riba das normativas que hai que mudar para adecualas ao tempo actual, está a vontade de achegar a cultura a todas as persoas e, sobre todo, de facelo desde a alteridade.

Pero Encarna non acudiu á mesa redonda soa. Fíxoo con Ángeles Miguélez, unha das profesionais que traballa no departamento de Didáctica do Museo do Mar de Lugo. Ela lembrounos algo que é obvio pero que con demasiada frecuencia se esquece: que as persoas con discapacidade son membros  da comunidade e, por tanto, teñen o mesmo dereito que calquera outra a acceder á cultura. E explicounos que a accesibilidade non é o mesmo que a inclusión.

 

Fíxoo en primeira persoa, 2017-12-21 Cartaz e brailleporque Ángeles, ademais de ser unha das profesionais que traballa no Museo do Mar, e de desenvolver nel medio cento de obradoiros anuais, é unha persoa invidente que un día decidiu que non só quería poder visitar os museos, senón que tamén quería traballar neles. Porque “no momento no que deixo de recibir un servizo a prestalo paso da accesibilidade á inclusión”. Un paso que segundo nos dixo debe ser o obxectivo a acadar, sen esquecer que “a accesibilidade para algunhas persoas é necesaria, e moi importante, pero, para todas, é moito máis confortable”.

 

 

Momento de debate

Tralas exposicións das ponentes houbo tempo para preguntar e debatir. Faláronse de moitas cousas aínda que sen dúbida foron as cuestións de xénero as que máis tempo ocuparon, porque moitas e moitos observamos carencias, tamén no ámbito da cultura, neste sentido. Apuntouse á falta dun protocolo específico para agresións machistas dentro dos plans de seguridade e emerxencia dos eventos, así como a escasa sensibilidade que moitas veces, ante feitos como mínimo repudiables, amosan os equipos de seguridade. E púxose sobre a mesa o valor das palabras do que falara Encarna Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural na Universidade de Santiago de CompostelaLago para debatir sobre unha cuestión, apuntada por Paula Cabaleiro e varias alumnas: por que ao remate do curso o noso título será de experto universitario e non de experta? E, profundando no valor de palabras e mensaxes, chegamos mesmo a cuestionar se o cartaz promocional do noso curso podía ter un trasfondo machista, herdeiro inconsciente dos estereotipos da publicidade tradicional. Un debate que queda aberto a todos os lectores deste post.

3 replies

Trackbacks & Pingbacks

  1. […] mismo modo, también es posible leer aquí todo sobre la segunda parte de esa misma sesión, que consistió en una conversación […]

  2. […] mesmo xeito, tamén é posible ler aquí todo sobre a segunda parte desa mesma sesión, que consistiu nunha conversa aberta entre Encarna […]

  3. […] Neste caso Julio González, Encarna Lago e Paula Cabaleiro, dos que falaremos polo miúdo nunha segunda parte, porque, ademais de exercer esta labor, participaron dunha charla aberta en torno a temas […]

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*