Conversa aberta con Encarna Lago, Paula Cabaleiro e Julio Gómez: Inclusión, igualdade e sostibilidade, novas obrigas na Xestión Cultural

Trala intensa primeira parte de presentación dos anteproxectos -e un merecido descanso-  a sesión do 21 de decembro continuou cunha segunda parte, máis sosegada para os equipos, pero igualmente interesante, na que primeiro escoitar, e logo falar, sobre cuestións  que están a ser cada vez máis importantes para a sociedade e que supoñen un reto na xestión cultural, como son a inclusión, a accesibilidade, as cuestións de xénero e a sostibilidade.

 

2017-12-21 AlumnadoJulio Gómez, codirector do festival Sinsal e Sinsalaudio, falounos de SOSTIBILIDADE . Un concepto que marca cada vez máis o enfoque de moitos eventos a nivel europeo, sendo xa un obxectivo irrenunciable para os organizadores. Búscase o emprego de combustibles pouco contaminantes, optimizar os movementos de transporte para causar o menor impacto posible e garantir a reciclaxe de cantos máis elementos mellor, aplicando a máxima de que a mellor forma de reciclar é facelo na orixe procurando non xerar residuos.

Nos eventos tamén comeza a haber unha política moi concreta con  respecto á auga: auga como dereito, non como mercancía. Por iso, moitos festivais están a promover envases ou a admitir os que leva o usuario para reenchelos. Tamén se pensa na alimentación, poñendo en valor os excedentes, promovendo repartos, traballando o produto local… E, obviamente, se traballa nos modelos de organización e loxística, para tender á reutilización ou reciclaxe de elementos dunha edición a outra e minimizar a pegada ecolóxica dunha nova fabricación de certos materiais.

Julio falounos dunha ferramenta moi útil para poder desenvolver todas estas premisas, como é a coordinación de actividades empresariais. Un proceso baseado no diálogo entre os organizadores e todas as partes implicadas, con independencia do seu grao de proximidade ao evento, antes, durante e despois do mesmo. Nestas xuntanzas fálase, e confírmase a existencia dunha política de seguridade laboral, en canto ás cuestións que repercuten na integridade física dos traballadores, pero tamén nas legais e fiscais, así como a seguridade dos públicos. E incídese nas cuestións xa expostas de sostibilidade medioambiental. É a ferramenta que emprega Sinsal, un festival no que, por certo, non se empregan plásticos nin celulosas polas dificultades que presentan na súa reciclaxe.

 

2017 12 21 paula cabaleiro

Paula Cabaleiro, comisaria e xestora cultural,  dirixiu a súa intervención á PERSPECTIVA DE XÉNERO E GUALDADE  na xestión cultural e foi moi clara ao respecto: para ela, a perspectiva de xénero, a defensa da igualdade, son unha obriga para un xestor cultural, do mesmo xeito que son un dereito para a sociedade. E cando se xestiona cultura, sexa con diñeiro público ou privado, sen atender a estas cuestións o que se está a facer é atentar contra un dereito.

Paula explicounos que a súa visión e conviccións ao respecto teñen moito que ver co que viviu como estudante de Belas Artes, cun 70% de alumnas nas aulas, que, unha vez rematada a carreira, practicamente desaparecían no mercado laboral. Nas galerías, apenas había representación de mulleres artistas, igual que nos premios, tanto como receptoras como parte dos xurados. Por iso, cando foi ela a responsable de comisariar, decidiu contribuír ao equilibrio que non había e que, en termos xerais, sigue sen haber. Porque, segundo nos explicou, o teito de cristal é moi sólido no caso da arte, igual que en boa parte dos sectores. Por exemplo en ARCO, a referencia da arte contemporánea en España, as mulleres só representan o 20% dos artistas participantes.

Paula Cabaleiro falounos tamén da iniciativa Mulleres en acción, violencia cero, na que a arte pasa a ser unha ferramenta de concienciación para erradicar a violencia de xénero, ao tempo que é plataforma de mulleres artistas. Esta iniciativa, que desenvolve coa colaboración e implicación de varios concellos da provincia de Pontevedra, está a chegar cada vez a máis asociacións, centros escolares e institucións, de tal maneira que amplifica o seu impacto social, pero tamén o seu impacto artístico.

 

2017 12 21 Encarna e ÁngelesPola súa banda, Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, falou con nós de INCLUSIÓN e ACCESIBILIDADE. De que os dereitos culturais son para tod@s e que, por tanto, garantir que o patrimonio cultural chegue a toda a cidadanía é o deber da xestora cultural. Que non hai que “confundir o rigor científico co rigor mortis” porque, moitas veces, por riba das normativas que hai que mudar para adecualas ao tempo actual, está a vontade de achegar a cultura a todas as persoas e, sobre todo, de facelo desde a alteridade.

Pero Encarna non acudiu á mesa redonda soa. Fíxoo con Ángeles Miguélez, unha das profesionais que traballa no departamento de Didáctica do Museo do Mar de Lugo. Ela lembrounos algo que é obvio pero que con demasiada frecuencia se esquece: que as persoas con discapacidade son membros  da comunidade e, por tanto, teñen o mesmo dereito que calquera outra a acceder á cultura. E explicounos que a accesibilidade non é o mesmo que a inclusión.

 

Fíxoo en primeira persoa, 2017-12-21 Cartaz e brailleporque Ángeles, ademais de ser unha das profesionais que traballa no Museo do Mar, e de desenvolver nel medio cento de obradoiros anuais, é unha persoa invidente que un día decidiu que non só quería poder visitar os museos, senón que tamén quería traballar neles. Porque “no momento no que deixo de recibir un servizo a prestalo paso da accesibilidade á inclusión”. Un paso que segundo nos dixo debe ser o obxectivo a acadar, sen esquecer que “a accesibilidade para algunhas persoas é necesaria, e moi importante, pero, para todas, é moito máis confortable”.

 

 

Momento de debate

Tralas exposicións das ponentes houbo tempo para preguntar e debatir. Faláronse de moitas cousas aínda que sen dúbida foron as cuestións de xénero as que máis tempo ocuparon, porque moitas e moitos observamos carencias, tamén no ámbito da cultura, neste sentido. Apuntouse á falta dun protocolo específico para agresións machistas dentro dos plans de seguridade e emerxencia dos eventos, así como a escasa sensibilidade que moitas veces, ante feitos como mínimo repudiables, amosan os equipos de seguridade. E púxose sobre a mesa o valor das palabras do que falara Encarna Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural na Universidade de Santiago de CompostelaLago para debatir sobre unha cuestión, apuntada por Paula Cabaleiro e varias alumnas: por que ao remate do curso o noso título será de experto universitario e non de experta? E, profundando no valor de palabras e mensaxes, chegamos mesmo a cuestionar se o cartaz promocional do noso curso podía ter un trasfondo machista, herdeiro inconsciente dos estereotipos da publicidade tradicional. Un debate que queda aberto a todos os lectores deste post.

Presentación e contraste dos anteproxectos do alumnado

A última sesión antes do descanso do Nadal é, tradicionalmente, unha das máis importantes en todas as edicións do curso, porque nela os equipos explican por primeira vez as conclusións ás que chegaron tralos traballos de diagnose e expoñen os seus anteproxectos en formato pechakucha. Isto faise sempre diante dos compañeiros, pero tamén –e para moitas persoas é a primeira vez que se ven nunha situación semellante- diante de profesionais do mundo da cultura que avalían as súas propostas. Neste caso Julio González, Encarna Lago e Paula Cabaleiro, dos que falaremos polo miúdo nunha segunda parte, porque, ademais de exercer esta labor, participaron dunha charla aberta en torno a temas clave.

Pero primeiro falaremos da exposición dos equipos, porque detrás de cada unha delas hai moitos días de traballo e moitas horas de reflexión, debate e facer e desfacer para chegar a un importante punto de partida para os próximos meses, como son os anteproxectos:

 

Equipo 1. Arteixo

O equipo 1 escolleu o concello de Arteixo para desenvolver o seu traballo nun contexto industrial. Tras analizar a realidade dun lugar, mundialmente coñecido grazas a Inditex, detectaron varias cuestións:

  • cof

    O equipo 1 aposta por un proxecto de memoria colectiva no concello de Arteixo

    Perda da identidade cultural

  • Ausencia de referentes para a mocidade, que busca lecer e cultura no veciño concello da Coruña
  • Multiculturalidade social, pero non na oferta cultural nin na construción da identidade local
  • Contraste entre a zona hípster, de alto poder poder adquisitivo, relacionada con Inditex e residente en Arteixo, e a zona da industria histórica, marcada pola refinería, en Meicende

Con estas conclusións decidiron que o seu proxecto debía servir para favorecer unha nova identidade cultural que fora diversa, multicultural e multixeracional e que fora, ademais, nexo de unión entre as zonas en contraste. Así foi como decidiron que o seu proxecto sería a creación dunha memoria colectiva construída no presente para falar do que hoxe é Arteixo pero tamén do que foi nos anos 60, 70 e 80.

 

Equipo 2. Praia fluvial de Tapia (Ames)

O equipo 2 tiña que desenvolver un proxecto nun entorno natural e para iso escolleu a praia fluvial de Tapia, no concello de Ames. Este espazo, na beira do Tambre, ofrece unha paisaxe (co río, algunhas fervenzas e un bosque autóctono) que fai que todos os veráns estea cheo de centos de persoas. Analizando a realidade do lugar, o equipo detectou as seguintes cuestións:

  • En Ames hai un gran movemento asociativo e veciños participativos

    sdr

    O equipo 2 desenvolverá en Tapia un programa multidisciplinar de actividades

  • A oferta cultural concéntrase nos espazos urbanos do concello: Bertamirás e Milladoiro, en detrimento das aldeas, que non son poucas, e nas que non hai programación
  • Existe unha gran conciencia medioambiental entre os veciños e tamén entre os visitantes
  • Os visitantes enchen a praia pero non interactúan entre eles nin coa veciñanza
  • Descoñécese a importancia histórica de Tapia

Con todo isto, o equipo decidiu que o seu proxecto sería Tapia Cultural, un programa multidisciplinar de actividades encamiñadas a favorecer a participación activa desa veciñanza con ganas e a interactuación dos visitantes co lugar e a súa xente.

 

Equipo 3. Cuntis

2017-12-21 Equipo 3 (1)

O equipo 3 escolleu a cantería como eixo para o seu proxecto cultural na vila termal de Cuntis

O equipo 3 tiña que desenvolver o seu proxecto nun entorno rural con poboación espallada. Para iso, os seus membros decidiron enfocar a súa proposta asumindo a forma dunha asociación de extraterrestres de diferentes planetas coa misión de invadir a Terra. Un traballo que decidiron comezar en Cuntis, onde atoparon todo isto:

  • Patrimonio cultural e artístico moi rico pero sen explotar
  • Escaso apoio municipal ás moitas asociacións do concello que, por outra banda, tenden a contraprogramarse entre elas
  • Poboación envellecida
  • Desconexión entre as parroquias e oferta de lecer centralizada na cabeceira do concello
  • Balneario, pedra angular da oferta turística e da vida lúdica da veciñanza

Con estos ingredientes, os invasores espaciais barallaron desenvolver unha Cuntis Fashion Week e un proxecto de fixación da mocidade á vida de lecer do concello, pero finalmente decidiron apostar polo proxecto CN36-670 ou Cuntis Canteiro: unha aposta por reivindicar o oficio tradicional da zona, recuperando a simboloxía e a xerga propias da cantería, apostando, ao mesmo tempo, por artellar a vida cultural das parroquias dispersas do concello.

 

Equipo 4. Betanzos

O equipo 4 optou pola vila de Betanzos para desenvolver o seu proxecto e explicóunolo cunha presentación dramatizada na que non faltaron as conclusións da súa diagnose:

  • Equipamentos públicos infrautilizados e descoñecidos pola cidadanía
  • Casco vello cun forte movemento asociativo
  • Ausencia de política de rehabilitación de vivendas para o casco histórico
  • Envellecemento da poboación
2017-12-21 Equipo 4 (1)

O equipo 4 traballará na localidade de Betanzos con propostas artísticas nos espazos baleiros

Tras un brainstorming no que entraron todo tipo de alternativas artísticas, o equipo trazou as liñas básicas dun proxecto que, en honra do clásico arroz con chícharos, patacas novas, repolo de Betanzos e máis cebolas, foi bautizado como Arrepola Betanzos: unha aposta polo orgullo betanceiro e base de traballar na identidade e o autocoñecemento da historia propia, contando coa memoria da veciñanza, traballando con propostas creativas e artes escénicas nos comercios e espazos baleiros.

 

 

 

 

Equipo 5. Illa de Arousa

As persoas que forman o equipo 5 precisaban dunha vila mariñeira para o seu proxecto e decidiron apostar pola Illa de Arousa, onde desenvolveron unha serie de entrevistas e encontros cos que chegaron ás seguintes conclusións:

2017-12-21 Equipo 5 (1)

O equipo 5 tratará de involucrar á mocidade da Illa na xestión da oferta cultural

  • Avance importante do turismo nos últimos anos, a pesar do cal o sector primario segue a prevalecer sobre o sector servizos. A posibilidade que a mocidade ten de incorporarse a un negocio familiar inflúe na taxa de abandono dos estudos e nun certo desinterese pola oferta cultural
  • Escasa axenda cultural. Do Concello, de asociacións ou do Concello a través delas, para nen@s e persoas maiores, pero non para a mocidade. Prevalece a oferta de actividade deportiva
  • Participación irregular nas actividades e maioritariamente feminina
  • Orgullo da mocidade de ser da Illa, o que non evita que saian dela para pasar o seu tempo libre
  • O narcotráfico, aínda que non como en épocas anteriores, inflúe nalgúns aspectos da vida local
  • Gran patrimonio natural e cultural

Con todo isto decidiron apostar por Pesca Brava, unha aposta por un espazo autoxestionado pola mocidade que hoxe non ten oferta cultural  e que ben podería ser A Casa da Tomasa, para a que o Concello busca unha ocupación. Nela desenvolveríase un proxecto multidisciplinar, enfocado á cultura, á formación e ao social, coordinado por profesionais e con vontade de tecer rede coas entidades xa existentes.

 

Equipo 6. Arzúa

As integrantes do equipo 6 escolleron como escenario de traballo unha vila de interior e iso foi o que as levou a Arzúa. Con entrevistas propias, e investigación en redes e hemeroteca, puideron concluír que:

  • Hai pouca poboación, fixada fundamentalmente na contorna rural, adicada nun 60%, ao sector agrogandeiro
  • A renta en xeral é baixa
  • Importante envellecemento da poboación
  • Importantes recursos naturais e patrimoniais (entre eles o Camiño)
2017-12-21 Equipo 6 (1)

O equipo 6 explorará as posibilidades de Arzúa a través da participación activa dos seus habitantes

A análise da realidade non proporcionou unha aposta clara sobre que facer na vila, pero finalmente o proxecto saiu: será a creación dunha rede de persoas conectadas entre si co compromiso de facer pequenas actividades relacionándose co seu territorio. Traballando en varios marcos: o do patrimonio natural, o do material (castro, pazos e granxas) e o do inmaterial (oficios da terra e tradición artística). Todo isto cun obxectivo final que aínda está por concretar, pero que pasaría pola celebración dun evento colectivo na que poñer todo o feito en valor.

 

 

Cada equipo tivo un retorno por parte dos profesionais convidados en forma de felicitacións, críticas, suxestións e todo canto é necesario para mellorar os anteproxectos. Anotacións ás que habería que engadirlle o dito por Maximino Viaño, emprendedor histórico e cronista de Ames, nunha das entrevistas feitas polo equipo 2 para o seu traballo de diagnose: O mundo está cheo de oportunidades. O asunto é que haxa xente que as saiba aproveitar. 

 

 

 

Economía da cultura. Con Pau Rausell

Por Carmen Prego Lamas

Na última aula antes do comezo do descanso de Nadal, achegámonos á Economía da Cultura a través do profesor da Universidade de Valencia, Pau Rausell. Benvidas as achegas do profesor, xa que nos permitiron, ou polo menos no meu caso, entender a xestión cultural dende a perspectiva da xeración de economía, de investimento, de reto, de crecemento económico …. Mudando vellas expresións como a de “A Cultura como gasto”.

pau rausell

Pau Rausell, profesor da Universidade de Valencia

 

Quero empezar este post cunha idea clave e que permite centrar o que foi a sesión de traballo co profesor Rausell: nos anos 90 a investigación na Economía da Cultura necesitaba xustificarse ante os “economistas” ( de servizos, os financeiros,….) o corro da Economía (con maiúsculas, para entendernos) estaba pechado para o ámbito da cultura. Se te xuntabas, comenta o profesor Rausell, co sector da Cultura notabas “aquí están os economistas a ensuciar a cultura”. A perspectiva mudou e aqueles economistas agora queren aproximarse/facer industria cultural.  E comenta, con gran satisfacción, que nestes momentos a “Unidad de Investigación en Economía de la Cultura y Turismo (Econcult)” que el dirixe, é unha das unidades de investigación que máis ingresos xera na Universidade de Valencia. Aproximámonos as propostas de traballo desta unidade nas que a máxima é a de proxectos con viabilidade orzamentaria apostando polos espazos, a innovación e a cultura. Ideas interesantes no seguinte enlace web econcult.eu.

 

 

Destaco a reflexión inicial de traballo dalgunhas propostas desta Unidade de investigación, como por exemplo:

  • El Horno. Espacio de las Artes y la Cultura para la inclusión social y la Salud Pública: como unha proposta de reinvención do espazo, o inicio de proxecto é cunha pregunta clave: ¿qué é o que temos? ¿cales son as restricións do espazo? Relacionar cultura/creatividade/saúde/inclusión/cuestións arquitectónicas…. Na xestión deste espazo. Cunha visión integral dos proxectos na súa fase inicial.

Así mesmo, Pau Rausell tamén analiza as políticas culturais e entre as prioridades destaca, por exemplo, que a nivel europeo todas as convocatorias especialmente o PROGRAMA COSME cada vez ten máis importancia na valoración dos proxectos presentados no ámbito da cultura, do patrimonio. Temos, polo tanto, un novo exemplo desta mirada da Economía á Cultura.

Vexamos máis polo miúdo esta aproximación. A economía como ciencia social que explica as eleccións dos individuos, e aplicada ao ámbito da cultura  “trata de inferir o comportamento dos individuos cando teñen que elixir entre usos alternativos do seu tempo e recursos” e aquí temos:

  • O individualismo metodolóxico: son os individuos os que toman as decisións de xeito racional e consciente.
  • Estas decisións son tomadas no marco de determinadas preferencias.
  • O obxectivo destas decisións é maximizar a utilidade das ditas eleccións.
  • Todo este proceso está suxeito a un conxunto de restricións que poden ser: de orzamento dispoñible, en relación co tempo, co custe de oportunidade ou con outras restricións institucionais e sociais.

A partir da conxunción destes principios metodolóxicos pódense elaborar modelos econométricos que poden chegar a explicar por que decidimos comprar unha entrada a un museo ou explicado en termos económicos: a satisfacción pola entrada ao museo é superior ao seu custe? A partir de aquí, pasaríamos a outros dos puntos da aplicación daNa aula Economía á Cultura: dado ese nivel de preferencia (a elección no noso caso da compra desa entrada ao museo) como se poderían aumentar os beneficios de satisfacción?

Así, dende unha perspectiva de aplicación da Economía á Cultura podemos establecer, como exemplo, o seguinte obxectivo: “imos facer que a xente vaia máis ao teatro” posibles ideas:

  • Baixar os impostos do teatro, pero non necesariamente ten por que baixar o prezo.
  • Prezo: redución do custe.
  • Programar máis teatro: creamos a oferta, creamos máis oportunidade. Aumentar a programación reducindo as restricións.
  • Outras moitas que poderían xurdir,…

A Economía da cultura tenta, polo tanto, aproximarse os hábitos de consumo cultural, por exemplo e  facer inferencias, extraer conclusións que permitan xerar os elementos necesarios para acadar ese obxectivo. O profesor Rausell coméntanos que España é un dos países nos que máis analizado están os hábitos culturais da poboación e que no desenvolvemento das programacións non empregamos nin o 10% desta información.

 

Nesta aproximación ao estudio aplicado da Economía á Cultura é importante saber:

vidriera-post Pau Rausell

Vidrieira no Musèe Carnavalet da Historia de París

Que estuda a disciplina académica da economía da cultura?

  • Aquí atopamos, por unha parte que os bens e servizos culturais non son un output calquera xa que son “bens de experiencia” e en moitos casos moitos destes bens/servizos culturais mostran atributos de bens públicos.
  • O estudio dos mercados da cultura
  • A xestión dos grandes equipamentos culturais é un tema clave especialmente en cuestións relacionadas cos modelos de xestión cultural e que se están a converter en temas centrais de estudo en traballos de economía e de xestión cultural
  • As funcións da intervención pública na provisión de bens e servizos culturais: tanto para a satisfacción dos dereitos culturais como polos efectos económicos e a versatilidade da cultura para acadar un abano de obxectivos sociais, educativos, etc.

 

Desta análise da aplicación da Economía á Cultura, tamén xurde unha cuestión ¿hai cousas en cultura que non se poden contar/cuantificar? Por exemplo: o impacto cognitivo dunha exposición pódese cuantificar, darlle un valor económico?

No estudio dos mercados da cultura temos:

  • Experiencias culturais que non son de mercado,
  • Experiencias culturais que son de mercado,
  • Experiencias que prevén as AA.PP.

É importante coñecer onde está o átomo cultural, o punto de relación/de contacto entre a economía de mercado e o ecosistema cultural. Nestes momentos, estamos convertendo, cada vez máis, bens e servizos culturais como produtos.

En relación co estudio da Economía das Organizacións Culturais, o profesor Rausell comenta que:

  • As organizacións culturais funcionan, cada vez máis, como referentes doutras organizacións económicas
  • As motivacións dos/as participantes (sexan capital ou traballo) planéanse en termos diferentes ao resto do sistema económico, o que implica unha maior resistencia “non podemos comparar o mercado de cadeiras co mercado das emocións”.
  • A creatividade como input e o contexto (espacio) resultan máis importantes que en outros ámbitos.
  • As condicións obxectivas de traballo no sector cultural son peores que na media da economía , pero hai algún tipo de compensación, un valor engadido.
  • A tendencia estrutural que o ámbito da cultura non sexa comparable aos outros sectores.
  • Os/as profesionais do ámbito da cultura destacan polas súas habilidades/capacidades de innovación e creatividade respecto dos profesionais doutros sectores, pero teñen máis dificultades na xestión do tempo, por exemplo, e na habilidade de comunicar os contidos dos seus proxectos.

 

Cultura, alicerce da sustentabilidade

A última parte da sesión centrouse nas posibilidades da Economía da Cultura como programa de política económica e a súa relación co desenvolvemento,  e así, temos que ser conscientes da evolución do concepto de desenvolvemento e tomando de referencia a Jon HAWKES que no seu libro The Fourth Pillar of Sustainability: culture’s essential role in public planning, que como argumento central está o de propor a cultura como cuarto piar da sustentabilidade (ao mesmo nivel que os tres piares tradicionais: desenvolvemento económico, social e ecolóxico).

Para HAWKES a cultura é un proceso, non un produto. Sen a vitalidade da cultura, a planificación pública nunca pode ser realmente eficaz e íntegra; coa importancia do nivel local para favorecer un desenvolvemento sostible cun forte compoñente cultural.

Rausell sostén que o obxectivo de toda acción pública é a da política na que a cultura adquire centralidade e reflexiona sobre aspectos como:

  • As políticas culturais son as que “menos cambian” nun cambio electoral faise o que se fai.
  • Temos modelos de facer xestión cultural secuestrados polos equipos técnicos: quen delimita a política cultural a nivel municipal é o técnico. Anoto a reflexión!!
  • As políticas culturais son as menos eficaces de todas.

A centralidade da Cultura nas políticas públicas debe ser unha aposta xa que:

  • A Cultura incrementa o “atractivo” das rexións.
  • A Cultura incrementa a productividade dos restantes sectores
  • Mellora a eficiencia e a adaptación ás novas realidades sociais

 

destaque-post Pau Rausell

Destaque do informe RIS3 GALICIA, das estratexias de especialización para o RETO 1: Novo modelo de xestión de recursos naturais e culturais baseados na innovación, cunha aposta pola modernización do sector turismo e industrias culturais galegos a través do uso intensivo das TICs para acadar un sector turístico competitivo a nivel Europa baseado no Turismo cultural e nos recursos naturais.

Esta aposta, a través da innovación, tamén é unha preocupación das políticas europeas así Europa 2020 é a estratexia de crecemento da UE para a próxima década. Baixo a perspectiva de que a “UE se converta nunha economía intelixente, sostible e integradora” e fixando cinco grandes obxectivos en materia de emprego, innovación, educación, inclusión social e clima/enerxía. Cada estado membro adopta os seus propios obxectivos nacionais. Así mesmo, as autoridades nacionais e rexionais deben preparar estratexias de especialización intelixente no proceso de descubrimento de emprendedores. Estas estratexias (ESCALAS RIS3: estratexias nacionais e rexionais para a especialización intelixente) serán determinantes na distribución dos fondos europeos.

 

 

 

debuxo-post Pau Rausell

Pau Rausell, por Jaime Capilla Cela

 

A modo de conclusión, desta interesante aula, podemos dicir que a cultura xera espazos amables onde se xeran relacións e que cando estas danse con frecuencia dan lugar a interaccións. Apostar, en definitiva, polo crecemento económico baseado, tamén, no dereito a emocionarse xa que como diría PIERE LUIGI SACCO, a “Cultura alegra a vida”.

 

Da idea ao anteproxecto cultural. Con Marcos Lorenzo, Sergio Lago e Diego Parajó

Por Jaime Capilla

Comezamos a aula como cada mércores recapitulando a sesión anterior, na que tivemos a oportunidade de acudir á Feira das Industrias Culturais, Culturgal (Pontevedra). Tentamos valorar o conxunto da feira e as distintas charlas e presentacións ás que puidemos asistir. Falamos sobre a conversa con Xosé Manuel Aldea (director do Curturgal) e con Cecilia Carballido (responsable de produción e comunicación da feira), sobre a presentación do Banco de Boas Prácticas na Xestión Cultural promovido pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), e , xa por último, valoramos a mesa redonda Novos modelos empresariais e profesionais na cultura, que contou coa presenza de profesionais como Clara Rodríguez (7H Coop), Emi Candal (Urdime) e Javier López (Ainé Producións), e moderada polo noso compañeiro Serxio Lago (BenCuriosa).

Despois destas valoracións arrincamos coa sesión do día, na que comezamos cunha breve presentación por parte de cada un dos grupos. Empregando a ferramenta dixital Real Time Board como soporte visual tentamos afondar nas claves e ir perfilando as principais características de cada proxecto. A estrutura das presentacións inspírase no seguinte esquema, sempre adaptado ás circunstancias e características de cada proxecto:

  • Principais ideas de diagnose
  • Tres ideas de proxecto que xurdiran nas sesións de creatividade
  • Presentación de boas prácticas que localizamos en relación as ideas anteriores e como punto de inspiración
  • Argumentar e defender a idea seleccionada.

Todo isto como un paso previo para a realización das presentacións do Pechakucha que realizaremos antes do Nadal diante de profesionais do mundo da cultura  que avaliarán as nosas propostas. Neste caso teremos a oportunidade de contar con grandes profesionais do eido cultural como: Julio González (co-director de Sinsalaudio), Encarna Lago (xerente da Rede Museística Provincial de Lugo) e Paula Cabaleiro (comisaria e xestora cultural).

 

 

 

Equipo 1. Arteixo

O equipo de Arteixo enfrontábase á xestión dun proxecto nunha contorna industrial con moitas peculiaridades. Tralo estudo desta localidade da provincia da Coruña, detectaron os seguintes elementos de diagnose:

  • Perda da identidade cultural.

    2017 12 13 sesión traballo proxectos CEUXC 6

    O equipo 1 destacou a multiculturalidade de Arteixo

  • Forte industrialización.
  • Importante impacto ambiental.
  • Falta de oferta de lecer para a mocidade, que se moviliza cara á cidade da Coruña.
  • Efecto Inditex. A empresa atrae a moita xente de distintas nacionalidades xerando unha rica diversidade cultural.

En canto ás ideas xurdidas na sesión de creatividade, o equipo estruturou a realización de actividades como:

  • Recital de lendas galegas.
  • Xornadas de cinema.
  • Obradoiros de graffiti.
  • Teatro interxeracional.
  • Rutas guiadas por persoas maiores.

Como proxectos de referencia falaron do Festival das Aldeas Vinhateiras, que propón a revitalización do territorio partindo da súa propia esencia, e a iniciativa “barrios críticos”, que se localiza na zona da Cova da Moura en Lisboa, un barrio de poboación migrante no municipio de Amadora.

A través destes elementos de diagnose, elixiron como idea principal para o seu proxecto a creación dunha memoria colectiva na búsqueda do Arteixo de seu, dun proxecto que proveña da memoria, das súas raíces e da súa idiosincrasia, pero tamén afondando no Arteixo máis multicultural e cosmopolita dos últimos anos.

 

Equipo 2. Praia fluvial de Tapia (Ames)

 

2017 12 13 sesión traballo proxectos CEUXC 13

O equipo 2 atopou en Tapia a unha veciñanza activa

O equipo encargouse de analizar o enclave da praia fluvial de Tapia no concello de Ames (A Coruña), un entorno natural na beira do río Tambre que conta cunha gran acollida de visitantes nos meses estivais. O proxecto nace co nome “Tapia (Eco)Cultural”.

 

 

Como elementos de diagnose previa destacaron:

  • A carencia dunha programación cultural no ámbito rural.
  • Certa concentración da programación cultural nos centros de poboación de Milladoiro e Bertamiráns, entre os que chega a producirse certa competición.
  • Un interese por parte dos axentes locais e da propia poboación pola dinamización da contorna rural.
  • Un activo tecido asociativo.
  • Amplo perfil de persoas que acuden a pasar o día na praia fluvial: familias, xente maior, xente nova, etc, …

En canto ás ideas que propoñen para a consecución do obxectivo de dinamizar esta contorna natural propoñen as seguintes:

  • Ruta de sendeirismo teatralizada.
  • Contacontos no muíño.
  • Concerto de grupos ou axentes locais relacionados coa música, como poderían ser a banda de Barouta ou o coro de Tapia.
  • Cine familiar.
  • Xogos tradicionais.

Conscientes da contorna na que se desenvolverá o proxecto, o equipo quixo marcarse unha liña de actuación importante con respecto ao medioambiente, buscando o menor impacto posible de residuos, facilitando puntos de reciclaxe e promovendo o transporte compartido.

En canto á operatividade do seu proxecto, destacaron a participación como eixo vertebrador, co que involucrar aos axentes locais no eido da programación, pero tamén destacan o interese por integrar ao público de forma activa a través de obradoiros, e sobre todo, desfrutar da dinámica de traballo de aprender facendo e compartindo.

 

Equipo 3. Cuntis

2017 12 13 sesión traballo proxectos CEUXC 18

O equipo 3 descubriu a importancia da cantería en Cuntis

A vila de Cuntis é unha contorna rural que se caracteriza por ter unha poboación moi espallada repartida en oito parroquias. O equipo realizou entrevistas cos axentes locais tralas que nos expuxeron os seguintes elementos de diagnose:

  • Importante patrimonio sen explotar.
  • Forte compoñente turístico totalmente enfocado nas augas termais e no balneario.
  • Tecido asociativo importante, pero con pouca actividade.
  • Unha poboación pequena, con case 4.000 habitantes, e distribuída en 8 parroquias.
  • Forte envellecemento da poboación.
  • Falta de conexión do Concello coas parroquias rurais.

Durante as súas pesquisas descubriron que, das oito parroquias que conforman este territorio, tres delas teñen unha tradición de canteiros moi importante. Este dato vai ser un eixo importante á hora de planificar o tipo de actividades e a dirección do proxecto. Como propostas principais manexan as seguintes:

  • Xogos tradicionais aproveitando a simboloxía e a xerga propia da cantería.
  • Incorporar a tradición canteira á moda.
  • Obradoiros de oficios.
  • Unha estratexia de comunicación moi inxeniosa na que os membros do equipo se transformarían nunha asociación de extraterrestres de diferentes planetas coa misión de invadir a Terra.

O grupo atópase nun momento de definición das estratexias a seguir, pero xa teñen claro que procurarán aproveitar esa tradición de canteiros como fío conductor da súa intervención cultural.

 

Equipo 4. Betanzos

O foco do proxecto cultural para o equipo de Betanzos é o casco vello da vila. Unha cidade con moita sona e gran riqueza patrimonial, pero que nos últimos anos foi perdendo peso estratéxico fronte a outras poboacións do entorno da cidade da Coruña. No seu período de diagnose o equipo detectou os seguintes elementos que caracterizan esta contorna urbana:

  • Forte asociacionismo en relación co casco vello.
  • Unha gran cantidade de vivendas e locais comerciais baleiros.
  • Forte envellecemento da poboación.
  • Infrautilización e descoñecemento dos equipamentos públicos relacionados coa cultura.
  • Pouca dinamización comercial.
2017 12 13 sesión traballo proxectos CEUXC 31

O equipo 4 decatouse da gran cantidade de locais baleiros en Betanzos que poderían ter un uso cultural

O grupo de traballo baralla varias ideas que partiron da sesión de creatividade, como a dinamización do comercio a través das artes escénicas, a creación de instalación creativas que promovan os equipamentos públicos, e tamén a realización de coloquios sobre historias de antes e de agora co que poder afondar na identidade e a historia da propia vila, así como profundar nas problemáticas que atañen a zona patrimonial.

Como proxectos de referencia aluden ao mapa emocional do Barrio de San Pedro (Santiago de Compostela); ao café da memoria promovido polo Museo do Pobo Galego, que trataba distintas temáticas como as mulleres no mar ou a propia historia do museo.

O equipo de Betanzos decántase finalmente polos coloquios como eixo vertebrador do seu proxecto cultural, buscando como obxectivos crear novos espazos de encontro para a veciñanza, a recuperación da memoria histórica da vila, a activación dos espazos comerciais ou a dinamización comunitaria deste entorno privilexiado.

 

Equipo 5. Illa de Arousa

O seguinte proxecto sitúase nun lugar singular como é a Illa de Arousa, unha vila mariñeira do sudoeste de Galicia. O grupo de traballo realizou unha labor de investigación moi exhaustiva, o que lles permitiu facer un diagnóstico moi afinado sobre as singularidades da illa, tanto da contorna como dos seus propios habitantes. Como características mais importantes destacan:

  • Unha problemática coa turistificación da illa, que tan só conta cunha vía de acceso e saída.
  • Unha dependencia casi exclusiva do sector pesqueiro en termos económicos, en torno ao 80 %.
  • Permanencia do narcotráfico e tódalas consecuencias que isto implica.
  • A oferta cultural da illa céntrase no ámbito da infancia e das persoas adultas.
  • A xente nova da vila tende a saír da illa para desfrutar do seu tempo de lecer, sobre todo debido a unha falta de oferta cultural que os inclúa.
  • A programación de lecer corre a cargo, case en exclusiva, da asociación cultural e deportiva Dorna.
  • Forte abandono escolar debido a fortaleza do sector primario, no que a maioría dos mozos ve case a única saída para as súas metas laborais.
2017 12 13 sesión traballo proxectos CEUXC 46

O equipo 5 aposta pola autoxestión para a mocidade da Illa

Despois deste período de diagnose o grupo de traballo considera o seu foco de intervención moi claro, e elixe a xuventude como público obxectivo do seu proxecto cultural. Os seus obxectivos son os de implicar á xente nova no eido cultural e que poidan desfrutar do seu tempo de lecer no ámbito da illa.

Como idea principal barallan a posibilidade de traballar cunha planificación que se espalle ao longo de todo o ano, aproveitando algúns dos espazos cos que conta a vila para desenvolver un proxecto participativo coa xente moza, no que se podan empoderar e traballar dende a autoxestión, artellando a súa propia oferta cultural.

 

Equipo 6. Arzúa

O derradeiro equipo desta tarde desenvolve o seu proxecto no ámbito dunha vila pequena que se sitúa  no medio da xeografía galega e na que conflúen tres dos itinerarios do Camiño de Santiago. Tralo profundo traballo de búsqueda de información, o equipo falounos das singularidades da vila:

  • Trátase dunha vila illada no centro do país.
  • Poboación envellecida e que mostra unha tendencia a marchar da vila.
  • Carácter agrario, no que predomina a gandeiría e a produción de leite.
  • Existe unha ampla oferta cultural, promovida tanto dende o Concello como dende Unións Agrarias.
  • Contorna natural e patrimonial de gran valor.
  • O Camiño de Santiago pasa por Arzúa en tres das súas rutas: Camiño Francés, Camiño Primitivo e Camiño do Norte. Pero non existe unha oferta cultural definida para este tipo de visitante.

Tralo análise destes elementos diferenciadores da vila, o grupo pensa en catro temáticas de actuación: ofertar formación no ámbito gandeiro, na procura da promoción e innovación neste sector primario; posibilidades turísticas vencelladas aos peregrinos; fomentar a participación e os modos de facer e idear novas actividades e programación cultural.

2017 12 13 sesión traballo proxectos CEUXC 59

O equipo 6 analizou as potencialidades do Camiño en Arzúa

Como poboación obxectivo elixiron á xuventude e ao ámbito da terceira idade, dado que estes serían os que máis dificultades terían para atopar oferta de lecer. O equipo de Arzúa baralla como idea principal a creación dunha rede de axentes do cambio que poidan revalorizar o patrimonio e reactivar os espazos naturais, como é o caso do encoro de Portodemouros.

A idea parte da creación de grupos de axentes, que van adquirindo pequenos compromisos de actuación en relación ao medio ambiente ou ao patrimonio da contorna da vila. Todo isto artellado dun xeito participativo e favorecendo o intercambio de experiencias.

 

 

Despois das presentacións de cada equipo adicamos a segunda parte da aula a traballar cada un cos seus equipos sobre a presentación do Pechakucha, tentando bosquexar en vinte tarxetas as ideas dos nosos proxectos e traballando cara á consecución do anteproxecto. Coa asesoría dos nosos titores tentamos reforzar os aspectos máis febles, definindo os aspectos clave e solucionando problemas concretos de cada un dos proxectos.

 

 

 

 

 

Preséntase o Banco de Boas Prácticas na Xestión Cultural

No espazo Foro do Culturgal vén de presentarse o Banco de Boas Prácticas na Xestión Cultural da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural. Un proxecto coordinado polo noso compañeiro Sergio Lago e no que traballaron tamén intensamente as ex-alumnas Adriana Castro Tarela e Nela Fraga Rivas.

Dende o enlace boaspracticas.xestoresculturais.gal pódese acceder xa a unha primeira versión do espazo web, que se abre coa vontade de que a comunidade poida axudar a mellorar.

Non se trata dun código, nin manual académico, nin dun ránking de proxectos. Trátase, en esencia, dunha panorámica de 100 proxectos inspiradores e diversos na xestión cultural galega, algúns consolidados e outros que parecen marcar tendencias de futuro. Unha ferramenta que entendemos será de gran utilidade para profesionais e públicos da cultura.

Tamén conta cunha versión en castelán, xa que o seguinte paso será a súa difusión no eido iberoamericano, grazas a un acordo de colaboración entre a AGPXC e o noso Curso. #aprendercompartindo

Novos modelos empresariais e profesionais na cultura

Por Carmen Menéndez

Empezamos a xornada cunha visita ao Culturgal, no Pazo da Cultura Pontevedra. Esta Feira das Industrias Culturais celebra este ano a súa décima edición. A Feira xa supera a etapa de lanzamento e consolidación. Segundo Manuel Bragado, o seu presidente, esta Feira xa pasou á fase adulta, o que supón afrontar novos retos, entre os que destacan abrir e proxectar Culturgal fóra, interactuar con outros ámbitos e debuxar novos horizontes.

dav

Marcos Lorenzo e Xosé Aldea conversan con nós sobre as características de Culturgal

Quedamos na entrada do Culturgal ás 16:30 e primeiro temos un encontro con Cecilia Carballido, colaboradora da empresa Ouvirmos, que son os encargados da súa xestión. En principio trátase de darnos as claves do funcionamento do Culturgal. Céntrase en contarnos datos do histórico desta feira así como algúns datos de organización. A continuación o director da empresa, Xosé Aldea, fálanos máis en detalle da xestión económica (persoal adscrito a este traballo, presuposto que manexan e a xestión do mesmo). Hai una rolda de preguntas e ao terminar facemos un percorrido polo recinto ao noso aire.

 

Ás 18:00 temos cita no Espazo Foro para celebrar a conversa aberta Novos modelos empresariais e profesionais na cultura. O obxecto desta mesa é tratar modelos de traballo que están a xurdir e consolidarse nos últimos anos no sector cultural, todos eles de vocación cooperativa e que acollen unha ampla rede de profesionais e empresas das distintas disciplinas culturais e creativas.

Clara Rodríguez, de 7HCoop, Emi Candal, de Urdime, e Javier López, de Ainé Producións

Unha cooperativa é unha asociación autónoma de persoas unidas voluntariamente para formar unha organización democrática cuxa administración e xestión debe levarse a cabo da forma que acorden os socios. A súa intención é facer fronte ás necesidades e aspiracións económicas, sociais e culturais comúns a todos os socios mediante unha empresa. A diversidade de necesidades e aspiracións (traballo, consumo, comercialización conxunta, ensino, crédito, etc,…) dos socios, que conforman o obxecto social ou actividade corporativizada destas empresas, define unha tipoloxía moi variada de cooperativas.

Nesta conversa vemos, de feito, tres modelos bastante diferentes entre si.

 

Clara Rodríguez, de 7H Coop.

Unha cooperativa de traballo asociado, cooperativa de produción, ou simplemente cooperativa de traballo, é un tipo de cooperativa cuxo obxectivo é o prover e manter aos seus socios de postos de traballo a tempo parcial ou completo, a través da organización en común da produción de bens ou servizos para terceiros.

7HCoop toma o seu nome do local que ocupou nunha actividade primixenia de intervención artística en Área Central (Santiago de Compostela). É unha cooperativa de traballo asociado que nace no ano 2015 con varios eixos: creación, acción cultural e economía social. Conformada por creadoras, axentes e educadoras de moi distintas disciplinas, traballan conxuntamente na creación de proxectos globais por e para persoas.

A crise e a situación laboral provoca a procura de novas fórmulas e espazos laborais. Conta Clara que comezaron tres persoas esta cooperativa, nun primeiro momento son unha fotógrafa, unha ilustradora e unha xestora cultural. Primeiro con pouco financiamento, funcionaba baseándose nunha rede de amigos e colaboradores, comisariando elas mesmas os proxectos, actuando no seu entorno máis próximo. Neste contexto de proximidade, veciñanza e visitantes achéganse, primeiro con descoñecemento e dúbidas sobre o funcionamento deste espazo, para irse facendo pouco a con el ata integralo con naturalidade.

O traballo e o coñecemento fan que este proxecto pequeno de tres persoas vaia crecendo a través de proxectos colectivos, ampliando tanto o seu espazo de intervención como de participación.

Esta actitude de romper barreiras, facer este espazo accesible e favorecer a comunicación, marca unha actitude clara de funcionamento desta cooperativa. Actitude que pode resumirse en: economía social onde priman as persoas, proxectos con obxectivos para poñerlle límite á crise, loitando contra ela tecendo moitas redes para que os proxectos saian adiante.

 

Emi Candal (Urdime)

Esta cooperativa, que acaba de cumprir cinco anos, está dedicada ás artes escénicas e musicais  orientadas especialmente a un público infantil e familiar.

Conta Emi que, nun momento concreto, observan un importante retroceso nos avances da profesionalización de anos previos. Como consecuencia da crise económica, as empresas profesionalizadas estaban retrocedendo na práctica de contratar persoal ou externalizar traballos máis aló da produción. Aínda que era obvia a necesidade de especialistas para estes campos, finalmente eran os propios actores ou a dirección quen asumía estes traballos.

Eles o que fan é ofrecer as catro partes esenciais para o desenvolvemento dos espectáculos ás compañías: produción, xestión, distribución e comunicación. Xa que consideran que é un traballo excesivo para os artistas e que lles impide centrarse na parte creativa. Dese xeito poderanse centrar unicamente neste traballo mentres eles encárganse de resolver toda a parte loxística.

Empezaron tres persoas cun proxecto musical, agora son cinco socios e traballan con doce compañías en exclusiva e con outras en cousas máis concretas.

Buscan vías a maiores das habituais de distribución para facer máis viable a súa sustentabilidade.

As claves ou dinámicas que os axudan a traballar no sector son principalmente dúas: o coñecemento que teñen do mesmo e entablar conversas e redes abertas de traballo conxunto. Consideran que a capacidade de compartir espazos de traballo, o respecto ás diferentes miradas e o contacto coa xente (compartir ou coñecemento e a bagaxe en foros, reunións… ) é fundamental para irlles facendo expertos no sector .

 

Javier López (Ainé Producións)

Formada por dous socios, tamén nace como consecuencia da crise económica, xa que queda sen traballo a produtora na que traballaban e, coa súa experiencia, xúntanse para formar esta S.L.

Teñen dúas partes de actuación ben definidas: proxectos de produción audiovisual propios e representación de artistas.

Os seus obxectivos son: a necesidade de profesionalizar o sector e o coidado do artista (partindo do recoñecemento do seu talento e creatividade, axúdanlles para que o exploten sen preocuparse por nada máis). Tiveron que diversificar o negocio, e foron ampliando os servizos cun de imprenta (cunha deseñadora permanente) e cunha empresa de comunicación online (cun xornalista permanentemente). A empresa está formada por catro departamentos ben diferenciados:

  • Deseño/imaxe. Entenden que a procura do respecto e calidade sobre a imaxe do produto baséase no control directo sobre todo o proceso; dende a foto, a elaboración da publicidade ou a distribución.
  • Comunicación. A cargo de persoal especializado e unicamente adicado a esta tarefa e que conte coa habilidade para recoller, contrastar, revisar e indagar sobre o que aparece nos medios. Cada produción ten a súa imaxe propia, a súa estratexia, etc,…
  • Distribución dos espectáculos. A partir duns espectáculos xa consolidados, van facendo producións novas.
  •  Administración. Xestión real da súa carreira, control sobre os contratos, compañías, anuncios, etc,…

 

dav

Aproveitamos a xornada para coñecer en grupo a feira e aos profesionais que se dan cita nela