Prácticas do alumnado desta edición 2016-17

Para propiciar unha inmersión total no mundo profesional e para aplicar os contidos nos que afondamos na aula, o Curso ofrece unhas prácticas optativas en institucións e empresas culturais de referencia, a realizar durante un tempo mínimo de 120 horas e máximo de 350 horas.

A experiencia busca ser o máis persoalizada aos intereses e dispoñibilidade do noso alumnado, a quen tamén aconsellamos e recomendamos as entidades nas que mellor poden encaixar.
Así, este ano as prácticas son no Departamento de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura (Ruth Sousa, na foto da esquerda), en 7H Cooperativa (Rebeca Mariño), Asociación Cultural Xan de Arzúa (Juan Antonio Seara), Centro Dramático Galego (César No Cortiñas), Chévere (Agustín Bolaños), Cultura do Concello de Culleredo (Lois Anxo Ferreiro), Cultura do Concello de Vilagarcía de Arousa (Fernando López), Correveydile (Lola Mera, na foto da dereita), Dotbeat (Andrea Verdú), Edicións Positivas (Uxía Castro), Fundación Luis Seoane (Marcos Seoane), O Cable Inglés (Tamara Casás), ONP Productions-Resurrection Fest (Ángel Piñeiro), Sinfónica de Galicia (Marcos Seoane) e Urdime (Eva Colmeiro).

Queremos agradecer expresamente a todas estas entidades e todas as persoas que se fan cargo, nas mesmas, da titoría do noso alumnado. Sen elas e o seu esforzo de acollida, esta parte tan importante de #aprenderfacendo non sería viable.

Graciñas.

Xornada formativa con Xavier Marcé e Escena Galega

Nunha nova cita complementaria ao Curso, a comunidade de alumn*s e ex-alumn*s puido compartir unha interesante xornada formativa sobre #XestiónCultural e artes escénicas coas compañías asociadas a Escena Galega.

A cita contaba cun convidado de luxo: Xavier Marcé, ex-director do Institut Català de les Empreses Culturals, vicepresidente do Grupo Focus e ex-director de recursos do Instituto de Barcelona Cultura, sendo actualmente asesor desta área no Ajuntament de Barcelona.

Moi agradecidos a #EscenaGalega, especialmente a Diego Vázquez Meizoso e á súa presidenta (e ex-compañeira no Curso) Belén Pichel polo convite!

 

Presentación final dos proxectos 2016-17 e unha sorpresa

O pasado venres, 9 de xuño, celebramos no Salón de Graos da Facultade de Económicas a última aula do Curso na súa edición 2016-17. Durante a mesma presentáronse os proxectos finais dos diferentes equipos, gozamos cunha actividade sorpresa e festexamos no bar O Cesto, cuns petiscos diante.

A sesión comezou cunha noticia magnífica: o nomeamento do compañeiro Marcos Seoane como novo director do Conservatorio de Culleredo. Marcos tivo a ben agasallarnos cun breve discurso no que, visiblemente emocionado, admitiu que ese logro non tería sido posible sen o enorme caudal de coñecementos e ilusión adquiridos durante o Curso ;)

A continuación, xa repostos, procedemos á presentación dos proxectos. Cada equipo dispuña de 15 minutos para realizar a súa exposición e para responder ás dúbidas e recibir as réplicas e suxestións do resto da clase. O primeiro deles, VITE NAZÓN, propuxo unha intervención no barrio compostelán de Vite. A súa iniciativa consistiu na xestión temporal dunha serie de locais baleiros, con vistas a fortalecer a identidade do barrio e o seu dinamismo social e económico. Máis ao concreto, planearon a constitución dun espazo de coworking cun mesto programa de actividades ligadas ao tecido comunitario do barrio, e a habilitación de catro espazos dedicados a residencias culturais e creativas, nas disciplinas da moda, da arte, da música e do teatro.

O segundo dos proxectos, a realizar no territorio raiano do Couto Mixto, propuxo a celebración dun FESTIVAL ASTROMÁNTICO, de música, natureza e gastronomía, coincidindo co fenómeno da chuvia das Perseidas, a mediados de agosto. Esta actividade estaría dirixida aos amantes da astronomía, pero tamén a público familiar que se despraza en autocaravanas. O festival incluiría roteiros guiados no que a veciñanza mostrase a cultura local aos visitantes. O slogan deste proxecto foi ben poético e elocuente: “No ceo non hai fronteiras”.

A terceira das presentacións levou por título O PARQUE FAISE ESCOITAR e tivo como protagonista ao parque natural das Fragas do Eume. O equipo promotor identificou dúas problemáticas no lugar: a escasa divulgación dos valores patrimoniais do parque e os impactos negativos que as restritivas normativas de protección tiveron sobre os seus habitantes. Para afrontar ambos problemas deseñaron unha batería de actividades que incluía a elaboración dunha páxina web que centralizase a información sobre o parque, a posta en marcha de roteiros de turismo cultural, a oferta de cursos de formación para a poboación local e a celebración de xuntanzas periódicas coa veciñanza para afondar na historia social e nos valores naturais e etnográficos da zona.

O seguinte proxecto presentado foi ES DE CARNOTA? CARNOTÁNS POLO MUNDO 2.0. No Concello de Carnota o equipo encontrou unhas altas taxas de emigración e de envellecemento da poboación, o que sumado á escasa oferta cultural e de entretemento levoulles a propor unha acción dobre: a creación dun portal web que fomentase a participación veciñal, a memoria social e o orgullo de pertenza dos naturais de Carnota, con independencia de onde vivan (aquén ou alén mar), así como unha festa gastronómico – cultural (“A Gran Caldeirada”), como espazo de encontro presencial e con potencial turístico, a celebrar nunha fin de semana de xullo.

Despois de Carnota chegou a quenda a Vilagarcía. Co propósito de estimular a relación porto – cidade, o equipo concibiu unha iniciativa tripla. Por unha parte o proxecto MARDEVOLTA, unha acción documental de reforzo da identidade mariñeira mediante a edición de textos sobre a historia e a gastronomía local, así como a realización de curtametraxes. Por outra parte unha acción lúdico – deportiva pensada para o público xuvenil. E a maiores unha terceira acción pedagóxico – divulgativa, o ENCONTRO INTERNACIONAL DE EXPERIENCIAS CULTURAIS INNOVADORAS PORTO/CIDADE, co que se aspira a elaborar un código de boas prácticas portuarias, e de paso referenciar a Galicia como punto de encontro nesta temática.

O último dos proxectos presentados, “PADROGRAFÍAS”, estivo centrado na vila de Padrón e no seu potencial turístico vinculado á literatura (e non só). O equipo propuxo unha intervención de turismo cultural que arrincaría cunha viaxe en tren entre Santiago de Compostela e Padrón, buscando xerar unha experiencia inmersiva mediante audioguías, seguida por un paseo polas inmediacións do pobo e polo centro do casco histórico, co obxecto de coñecer máis a fondo a historia local e os seus valores, pero tamén as eivas da súa evolución recente. Este proxecto incluía tamén ambientacións teatrais e degustacións gastronómicas.

2017 06 09 sesion radio

Logo dun merecido descanso, dirixímonos á Sala de Xuntas da Facultade, onde os compañeiros Lemur e Ruth Sousa nos tiñan preparada a sorpresa lúdica da tarde: a gravación do programa de radio “Antes d’O Cesto”. Dispostos arredor dunha grande mesa circular, e ante un despregue de aparataxe técnico, os dous condutores do programa achegáronnos ás facetas artísticas e ás inquietudes persoais de varias compañeiras/os.

En primeiro lugar regaláronnos aos coordinadores un doce envelenado: unha entrevista cruzada. Saímos como puidemos. A continuación entrevistaron a César No, dramaturgo, quen nos ofreceu, xunto a Andrea Álvarez e Uxía Castro, a lectura dramatizada do texto “Meu vello amigo”, co que gañou o premio “A pipa de Becerreá” e que nos deixou cun nó na gorxa. De seguido entrevistaron a Ángel Piñeiro, director do festival Castelo Rock, a Agustín Bolaños, membro da compañía Elefante Elegante, a Belém Brandido, de Pistacatro Produtora de Soños, á artista Rebeca Mariño, quen nos leu un texto de xornalismo dadaísta, e aos músicos Andrea Verdú e Xavier Mera, quen nos deleitaron con dúas pezas de música ao vivo.

.

E á fin, á hora convida, a festa radiofónica rematou e comezou a culinaria, cos petiscos que nos ofreceron no bar O Cesto, a outra sede do Curso desde o seu comezo en 2014.

Marcos Lorenzo 

Presentando os proxectos ante potenciais financiadores

Na penúltima sesión do Curso achegámonos ao financiamento e patrocinio de proxectos culturais. Así, durante a primeira hora, celebramos unha mesa redonda onde coñecemos as liñas de traballo de tres entidades convidadas e debatemos sobre os principais criterios á hora de tomar a decisión de apoiar un proxecto.

Nesta xa tradicional cita acompañáronnos José Luis Maestro (director de competitividade en Turismo de Galicia), Carme Casado (CERSIA – Concello de Santiago de Compostela) e Belén Vidal (Galicia Calidade, que conta como socias a algunhas das  principais empresas patrocinadoras galegas).

2017 06 02 sesión patrocinio 29editada

 

Como vimos contando, unha parte importante da experiencia do Curso baséase en “aprender facendo” e na colaboración en equipo. Seguindo esta premisa, dende o comezo das aulas o alumnado está a traballar en seis proxectos, co apoio dos titores e contando co contraste de compañeir*s e convidad*s extern*s.

Nesta liña e despois de defender xa en decembro unha primeira proposta ante docentes e expert*s en activo, realizamos nesta sesión unha simulación de entrevistas de patrocinio con Carme, José Luis e Belén como responsables de potenciais entidades colaboradoras, Os equipos tiñan que presentar o seu proxecto e intentar pechar unha proposta de colaboración.

O exercicio permitiunos traballar sobre moitos aspectos deste tipo de entrevistas, así como contrastar posteriormente coas persoas convidadas como vían os proxectos que está a desenvolver o alumnado. Ademais, varios dos proxectos como o de “Vite” e o “Encontro Porto-Cidade” viron recompensado o seu traballo cunha proposta de cita para presentar o proxecto final ante as súas interlocutoras.

Con todo este retorno, os equipos deberán agora afinar os seus proxectos nesta recta final do Curso. Seguimos!

.