Da idea ao anteproxecto. Marcos Lorenzo e Sergio Lago

Por: Juan Antonio Seara

O pasado venres 25 de novembro tivemos a oitava sesión do Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural, baixo o título de O proxecto Cultural II, da Idea ao Anteproxecto, e que á súa vez é a segunda sesión que os alumnos temos cos titores do Curso Marcos Lorenzo e Sergio Lago.

Como todas as sesións que levamos feitas ata agora, a sesión sempre é presentada ao longo da semana aos alumnos. A presentación da sesión consistiría, como ben reza o título: “da idea ao anteproxecto”, polo tanto, partindo da diagnose presentada polos 6 grupos de traballo do Curso, orientarnos na preparación da sesión do próximo día 2, que terá lugar no Culturgal, a feira da Cultura Galega, mediante a presentación de cada un dos grupos dun PechaKucha.

O PechaKucha consiste en que cada grupo realice unha presentación do seu proxecto coa utilización de 20 diapositivas, dedicándolle a cada unha delas 20 segundos (tamén definido por moitos como “formato 20×20”).

Voume tomar a liberdade neste punto, de introducir un concepto que, ao meu entender, resultou ser un xogador na sesión, sen estar convidado, e que foi o protagonista involuntario ao longo da tarde: o tempo, como veremos.

Coma cada venres cando comezamos as sesións, dásenos a oportunidade aos alumnos que falemos, valoremos, opinemos… da aula anterior. Foron varios os compañeiros que tomaron a palabra, e por paradoxal que pareza, había unanimidade, non só para a sesión anterior senón para todas as que levamos realizadas para este Curso 2016-2017, en que o tempo das sesións non chega a nada. Quedamos con ganas de máis, e na impartida na sesión anterior por Diego Parajó, resultou que o tempo se fixo curto e que nos gustaría ter máis tempo para poder finalizar e realizar máis a gusto o proxecto que el presentaba.

Unha vez finalizadas estas valoracións, reflexións… sobre a sesión do venres anterior, Marcos pasou a presentar a dinámica da sesión deste venres na que o tempo volveu xurdir como protagonista. A sesión dividiuse en tres partes, cuns tempos moi marcados.

Na primeira parte, dunha hora de duración, os compoñentes dos 6 grupos (Couto Mixto, Padrón, Fragas do Eume, Vite, Carnota e Vilagarcía) agrupáronse en diferentes partes da aula para traballar en equipo. A dinámica consistía en poñer en común como presentaríamos o que poriamos no PechaKucha. Os titores de cada grupo, Marcos como titor de Padrón, Fragas do Eume e Carnota e Sergio do Couto Mixto, Vite e Vilagarcía, estiveron orientando a cada grupo, e clarificando ideas que igual non estaban moi claras, na diagnose que cada un deles presentou.

A Segunda parte, dunha hora de duración, sería plasmar en 20 cartolinas (imaxinando que fosen cada unha das diapositivas que temos que presentar na sesión do vindeiro venres), seguindo o guión que nos facilitaron os titores, as 20 ideas que se van plasmar no PechaKucha. O guión contiña os seguintes puntos: título, somos, ideas de diagnose, os destinatarios, os obxectivos e a idea ou intuición.

Por último, a terceira parte sería realizar a proba do 20×20, a modo de ensaio para valorar entre os titores e os compañeiros do Curso se acertaramos na presentación do proxecto. Nesta parte, o tempo foi o gran Protagonista.

Tras un sorteo aleatorio, foi o grupo 6, Vilagarcía, o que iniciou a presentación, seguido do grupo 3, Fragas do Eume; o equipo 1, Couto Mixto; equipo 4, con Vite; o grupo 2, Padrón e por último o grupo 5, con Carnota.

As valoracións por parte dos titores e os alumnos foi positiva, salvo algúns erros que eran os que se pretendían que xurdiran con esta sesión para así podelos corrixir e presentar un traballo moito máis elaborado na seguinte sesión.

O principal problema que tiveron os grupos, foi o tempo de 20 segundos para cada diapositiva. Na maioría dos casos os grupos pasáronse, en maior medida uns que outros, no tempo final de presentación. Isto viña motivado nalgúns grupos, pola cantidade de información que querían presentar.

E ao final, excedeuse o tempo previsto para a realización da sesión.

Técnicas de creatividade. Deseño centrado nas persoas. Diego Parajó

Por: Vanesa Trevín

O pasado venres 18 de Novembro, tivo lugar a 7ª sesión do Curso Universitario de Xestión Cultural. Tivemos o privilexio de contar con Diego Parajó. Diego é xerente da empresa Xeneme, Proxectos Sociais. Diplomado en Educación social, formouse en desenvolvemento comunitario, coaching sistémico, xestión de proxectos e dirección de empresas. Actualmente traballa como formador, asesor e xestor de proxectos en servizos sociais, educativos e culturais.

A sesión comezou introducíndonos nas posibilidades que ten a utilización de metodoloxías creativas á hora de desenvolver novos proxectos culturais, especialmente no tocante a traballar en equipo. Chamou a atención sobre a necesidade dun cambio nas dinámicas de traballo, a xeración dun contexto emocional para favorecer a busca de solucións e a importancia de ir máis aló do evidente á hora de desenvolver actividades e proxectos de tipo cultural.

Establécese o proceso creativo en 5 pasos:

Empatizar: Desenrolo dun coñecemento profundo do reto. Búsqueda de Feitos, Problemas e obxectivos.

Neste paso presentáronse algunhas dinámicas como:

– WORLD CAFÉ, que consiste na recollida de opinións sobre diferentes temas durante 5 minutos, ao final dos cales se farían cambios nos grupos, ao longo de arredor de dúas horas.

– INSIGHTS, realización de perfiles diferentes, poñéndolles nome e apelidos, inventando a unhvanesa-mapa-de-empatiaa persoa concreta que amalgame toda esa información.

– MAPA DE EMPATÍA: unha ficha elaborada para tratar de comprender as necesidades e os obstáculos de certos colectivos (ver imaxe).

– MAPAS CONCEPTUAIS: como o SHADOWING – seguemento dos personaxes para poder describir as súas experiencias de uso, ou os MAPAS DE TRAXECTORIA.

Definir: Articular claramente o problema que se desexa resolver. Para poder desenrolar o produto, é necesario centrarse en problemas concretos.

A través do encabezado ¿Como poderíamos…., trátase de dilucidar a base do problema co que teremos que tratar. Para comprobar que a definición do reto ou desafío é correcta, preséntase un pequeno test:

– A redacción permite un resultado aberto?

            – A redacción está centrada no usuario/a?

            – Refírese a un grupo específico de usuarios/as?

Idear: Xerar múltiples posibles solucións. Seleccionar e desenrolar a solución. Para desenrolar unha boa idea é preciso xerar gran cantidade de ideas sen limitarse ao sentido común, e aos esquemas establecidos. So desta maneira, algunha das ideas que xeremos poderá ser susceptible de seleccionarse para o seguinte paso.

Neste apartado, destacou a DINÁMICA DE XERACIÓN DE IDEAS, a través de varias técnicas como SCAMPER, que consiste na reformulación de posibles solucións en base a un problema, ou o 365, que trata de saturar o espazo de traballo a través da xeración de múltiples ideas que logo serán cribadas, quedando apenas con 5 delas (vanesa-20161118_200716ver imaxe).

Prototipar: Deseñar un prototipo (ou serie de prototipos), para por a proba a totalidade ou parte da solución.

Testear: Participar nun proceso de innovación de ciclo curto, para mellorar continuamente o deseño.

Para que o proceso chegue a bo termo, ofrécense unha serie de metodoloxías creativas, centradas na exploración de novas realidades e do desenvolvemento de prototipos para probar o seu funcionamento ou non:

Pensamento Disruptivo: este concepto implica o rompemento das regras establecidas, tratar de ser capaces de explorar novos camiños, preto da antítese do establecido.

Hibridación: Capacidade de disociar conceptos para asocialos de xeito diferente, sumando un orde maior ao anterior: o produto como resultante maior que a mera mestura das partes.vanesa-desing-thinking

Design Thinking: Capacidade de mesturar o pensamento converxente e diverxente en ciclos de desenvolvemento das ideas, ampliando ou pechando o fluxo da información en relación á necesidade do momento (ver imaxe).

Learning by Doing: Necesidade de prototipar as ideas, facelas realidade para poder xerar espazos de conversa.

Un enfoque de deseño interesante é o DCU, ou Deseño Centrado no Usuario. Nel, o proceso creativo está dirixido pola obtención de información acerca das persoas que van facer uso do produto final.  Con este enfoque poderemos evitar, na medida do posible, as consecuencias de tratar de “implantar” un produto ou un concepto que non funcionará.

Outro proceso é o CPS, ou Método de Solución Creativa de Problemas, como un proceso integral de creatividade e innovación, considerado precursor do Design Thinking entre outros, con seis pasos principais:

Encontrar Obxectivos: para abrir a porta a utilizar este proceso. Este paso anímanos a observar dende outra perspectiva.

Encontrar Feitos: revisar a información relativa á situación. Tense en conta toda a información para revisar o obxectivo e comezar a innovar.

Encontrar Problemas: asegurar que se está a enfocar o problema correcto. É posible orixinar a solución correcta ao problema equivocado.

Encontrar Ideas: facer conexións, tomar riscos, e probar novas combinacións para dar con solucións innovadoras, máis aló dunha “tormenta de ideas”.

Encontrar Solucións: reforzar as mellores ideas xeradas, que precisan cumprir certos requisitos antes de converterse nunha solución.

Encontrar Aprobación: quen é o responsable, que ten que facerse, e cando e cales son os recursos dispoñibles para converter esta idea nunha solución en pleno funcionamento.

Esta sesión foi eminentemente práctica e as técnicas que foron presentadas, permitíronnos a todos afondar nos problemas e posibles solucións dos nosos proxectos e avanzar na súa realización. O noso agradecemento a Diego Parajó, polo gran traballo que desenvolveu con este grupo, e polas ferramentas que nos facilitou, que ben seguro aplicaremos a partir de agora nas nosas futuras actividades profesionais.

Turismo Cultural e desenvolvemento territorial. Manuel Gago

Por: Eva Colmeiro

O pasado venres 11 de novembro contamos coa presenza de Manuel Gago, un dos máis recoñecidos divulgadores culturais do noso país, experto en comunicación multimedia sobre patrimonio cultural, gastronomía e ciencia.

A primeira parte da sesión centrouse en definir que é o Turismo Cultural. Como veremos non é unha tarefa doada, debido a factores intrínsecos; o propio concepto ten unhas fronteiras borrosas, pois hai moi poucas persoas que realizan un Turismo Cultural “puro” xa que normalmente este modelo compleméntase con outros modelos: turismo cultural + turismo de lecer, turismo familiar + turismo cultural. Pero tamén a factores extrínsecos ou alleos; como apunta Gago non podemos falar do Turismo Cultural sen ter en conta a propia evolución do concepto cultura.

Polo tanto resulta necesario realizar unha análise sobre as diferentes definicións do concepto turismo e cales son as características que o van configurando ao longo do tempo. O punto de partida deste análise situámolo na definición realizada en 1976 polo Consello Internacional de Monumentos e Sitios Históricos-Artísticos (ICOMOS) que o define como “aquela forma de turismo que ten como obxectivo, entre outros fins, o coñecemento de monumentos e sitios históricos-artísticos. Exerce un efecto realmente positivo sobre estes en tanto que contribúe a satisfacer os seus propios fins, ao seu mantemento e protección. Esta forma de facer turismo xustifica de feito, os esforzos que tal mantemento e protección lle esixen á comunidade, por mor dos beneficios socioculturais e económicos que comporta para toda a poboación implicada”.

Pronto esta definición quedarase moi limitada debido a dous cambios fundamentais; un no ámbito da cultura e o outro no denominado turismo de masas. O primeiro cambio, como xa apuntamos noutras sesións, é a transformación e ampliación do concepto cultura, motivado principalmente polo acceso a unha maior educación dos públicos (democracia cultural, democratización da cultura) e tamén pola incorporación da idea de cultura inmaterial. O segundo cambio, prodúcese pola reorientación do sector turístico, que posibilita a aparición de novos modelos turísticos que xa non teñen o Patrimonio Material (monumentos) como protagonistas principais e comezan a incluír outras manifestacións tales como a gastronomía ou a natureza. O Turismo Cultural xa non só implicaba a visita de lugares e monumentos, é dicir, o consumo de produtos culturais do pasado, senón tamén o consumo do modo de vida e da cultura daquelas zonas que visitan.

A partir deste momento o Turismo Cultural vaise asociar á idea de vivir experiencias, non só vale con ver o lugar de destino senón ter unha experiencia de autenticidade. Pero aquí tamén xurde un conflito á hora de deseñar o produto turístico; establecer que é auténtico e que non o é. Para explicar estes conceptos de experiencia e autenticidade, poñemos un exemplo:

CarcassonneCarcassonne (Francia). Conxunto arquitectónico medieval restaurado no século XIX e declarado patrimonio da Humanidade en 1997. É unha reconstrución idealizada dunha cidadela medieval. A pregunta: autenticidade da experiencia? Ou pola contra é todo falsidade creada para vender un produto turístico?

Polo tanto debemos proseguir a nosa análise xa non tanto definindo o Turismo Cultural como aquel vinculado aos monumentos e conxuntos histórico-artísticos senón centrándonos no concepto de creación de experiencias xa que son as que actualmente definen o modelo de Turismo Cultural.

Para crear estas experiencias temos que ter en conta que o ser humano está conformado por relatos (na escola, na relixión, na familia, no contorno social, nos mass media), é necesario polo tanto que o factor “experiencia” pase pola participación nun relato coñecido, e ser parte del.

Para contextualizar toda esta terminoloxía, Manuel Gago, explicou o que acontece nas Illas Orcadas en Escocia onde está Skara Brae un dos asentamentos neolíticos máis monumental e mellor conservado do mundo, pero que tiña un problema; como conectar un relato (o neolítico) non moi atractivo para o turista con outros relatos ou historias xa coñecidas polo público e que posibilitasen a visita ou a creación dunha experiencia que atraese turistas a ese xacemento? O que crearon foi unha viaxe no tempo.

2016-11-montaxe-skara-brae

Crearon unha senda con datas históricas coñecidas por case todos (chegada do home á Lúa, Pirámides de Giza, etc.) que van creando unha experiencia (viaxe no tempo) ata chegar ao xacemento.

2016-11-montaxe-skara-brae-2

O desenvolvemento do Turismo Cultural en Territorios obriga a toma de decisións e tamén a ter en conta moitas variables:

– A procedencia do turista (local, estatal, internacional)

– Canto tempo quero que o turista estea no lugar. De paso ou con tempo de consumo (oferta hoteleira)

– Relato: Consumo local, estatal ou internacional

– Contorno: Autónomo (xera unha experiencia propia) ou Secundario (necesita ser explicado)

Debemos ter en conta todas estas variables para que o noso produto turístico conecte co público e xere experiencias.

 

Na segunda parte da sesión, Manuel Gago expón algún dos seus proxectos, onde a comunicación, a mercadotecnia e a arqueoloxía, xunto a todos os conceptos anteriores: público, experiencias, relatos, deseño de produtos crean experiencias únicas no territorio.

A TORRE DOS MOUROS (Lira, Carnota)

Neste proxecto a intención era modificar o modelo científico de escavación arqueolóxica:
– Escavación
– Publicación científica
– Posta en valor
– Difusión

O equipo que traballou neste proxecto estableceu un modelo diferente:

– Difusión e posta en valor. A difusión fíxose a través das Redes Sociais. Difundíase en directo o avance das escavacións. Isto xerou un novo tipo de visitante, aquel que só coñecía o xacemento pola campaña de comunicación, e logo acudía á Torre dos Mouros para ver in situ o que antes vía a través das RRSS.

– A escavación é, en si mesma, unha publicación científica. Partillaban nas redes sociais fotografías dos restos que atopaban conforme escavaban. Cambiaron a linguaxe técnica por unha linguaxe coloquial que posibilitou o acercamento da xente ao que alí se descubrira.

– Posta en valor Os proxectos teñen que conectar coa xente local, para iso crearon as Barferencias. Que trasladaban aos bares de Carnota temas de actualidade científica conducidos por expertos. Fixeron talleres para nenos onde recreaban os petroglifos da contorna e aprendían sobre estética e cerámica da Idade do Ferro. No propio xacemento, conta contos relataban lendas locais.

– Mercadotecnia e branding. Se queres vender un produto turístico é importante crear marca. Un logo que conecte coa xente local (neste caso un cabalo dourado vinculado ao xacemento por unha lenda de tradición oral) pero tamén que os turistas o identifiquen cunha experiencia.

MURO DA CIDADE DE MEDEIROS (Monterrei)

O Muro de Medeiros é unha fortificación da Idade do Ferro que data de hai 2.200 anos. Posúe unha importante concentración de lagares rupestres que poñen en valor a cultura do viño existente na comarca. O proxecto pretende recuperar e rehabilitar o Castro ao tempo que pon en alza a cultura do viño.

Este proxecto ten moitas peculiaridades pois é a primeira vez que se crea un produto, O godello Mara Moura, vinculado a un territorio concreto, O Castro de Medeiros, e conectado cun relato ou historia recoñecida pola comunidade local como é a lenda da Moura Mara.

Con estes exemplos Manuel Gago deixounos claro como explorar a organización de pequenas comunidades locais en torno a un ben patrimonial, e a propia capacidade deste para converterse nun obxecto cultural xerador de contidos e servizos. Unha vez máis o Turismo Cultural xerando experiencias.

Déixovos aquí web grafía por se queredes seguir vivindo experiencias:

Galicia:

http://www.muvicc.es/

http://murodemedeiros.net/unha-fortificacion-chea-de-incognitas/

http://www.aaviladonga.es/

Internacional:

http://www.lariojacapital.com/elriojaylos5sentidos/

http://www.turismocarcassonne.es/

http://www.vivetoscana.com/palio-di-siena/

http://www.guedelon.fr/

http://www.alesia.com/espanol_fr_000397.html

http://www.orkneyjar.com/history/skarabrae/

http://www.maeshowe.co.uk/

Ámbito sociocultural. participación e cidadanía. Alberto García

Por María Alonso Pais.

O pasado día 4 de novembro, tivemos a nosa 5º sesión formativa con Alberto García. Comezou a súa sesión comentándonos que a súa forma de traballar basease nas teorías do desenvolvemento comunitario adaptadas ao novo paradigma no que se atopa actualmente a xestión cultural, que xa vimos na sesión de Lluís Bonet:

Cultura xa non tan baseada na oferta senón no predominio da PARTICIPACIÓN e CIDADANÍA xa non simple consumidora senón co-decisora.

A continuación, fixemos unha pequena dinámica para a cal debíamos escribir nun papel o que nos move para traballar no ámbito cultural, e no final da sesión ler tódolos papeis e ver si o que escribiramos se correspondía co novo paradigma (xa vos adianto, que Alberto quedou abraiado coa riqueza do grupo e ca conexión profesional cas novas claves do traballo en cultura).

Inda que comezamos cunha contextualización histórica dos últimos 60 anos, foi unha sesión moi amena e moi práctica, xa que puidemos ver exemplos gráficos para poder levar a cabo no noso futuro laboral como Xestores Culturais (ou Mediadores culturais, como a Alberto lle gusta denominarse), que serán de gran utilidade para deseñar os proxectos de traballo do curso.

.

2016-11-04-pizarra-1
(Contextualización “simbólica” para explicar a evolución da xestión cutlural dos últimos 60 anos).

.

1959: o fito foi MALRAUX, onde o protagonista era o Estado, onde se buscaba a democratización da cultura a través dunha planificación UP-DOWN e unha rede de espazos chamados casas da cultura. Un exemplo que nos puxo Alberto foi Guimaraes, onde o Estado, a administración, é o protagonista absoluto do sistema cultural, o que é envexable por unha banda, aínda que como vimos despois pode desequilibrar e empobrecer a saúde de outras partes do ecosistema cultural.

1968: O fito foi MAIO DO 68, onde se fraguan as bases que chegan ata hoxe ao “novo paradigma de traballo”. Os espazos eran os centros sociais, o obxectivo principal destes era a PARTICIPACIÓN SOCIAL. As persoas son produtores de cultura, son CIDADANÍA ACTIVA que xera contidos, que se autoorganiza e quere decidir.

1987: o tema é a Economía&Cultura. A cultura vese tamén como un factor de desenvolvemento económico. Fálase de XESTIÓN cultural, de INDUSTRIAS culturais..

2000: Revolución DIXITAL. Cambia o papel EMISOR-RECEPTOR. Compartir contidos á vez que somos as persoas as xeradoras dos propios contidos. O exemplo típico é WIKIPEDIA:

No paradigma anterior os emisores do coñecemento eran unha elite pechada, hoxe en día os receptores xa non son pasivos, queren participar da xeración dos contidos.

Organizadxs en comunidades de aprendizaxe, de interese ou de práctica, xeran colectivamente o coñecemento, ca facilidade que aportan as novas tecnoloxías e sorprendentemente, coincidindo cas vellas ideas da educación popular onde “ninguén educaba a ninguén e o coñecemento se xeraba de maneira colectiva e popular”.

2008: o fito é a CRISE. Unha gran crise económica (unha gran reconversión) que desemboca nunha crise de valores. En cultura pasamos do GRANDE ao PEQUENO, do CARO ao EMOTIVO, do ESPECTACULAR ao RELACIONAL, dos EVENTOS aos PROCESOS, dos PÚBLICOS ás COMUNIDADES. A cultura vólvese máis social, un exemplo é que o festival de cine con máis repercusión hoxe en Galicia non é o modelo Ourense, é CANS.

2011: O fito é o 15M, a cidadanía eleva a súa voz de novo. Queremos participar, codecidir, cambiar o up to down polo down to up. Fálase unha vez máis de comunidades, de cultura dos comúns, de ECOSISTEMAS CULTURAIS. O exemplo que nos poñen son os laboratorios culturais como tendencia e o recén presentado laboratorio cultural de A Coruña.

.

Unha vez feita esta contextualización “breve e simbólica”, Alberto comezou co tema central do seu relatorio, o seu traballo, o que lle move, o seu día a día.

A que se adica? Alberto traballa no Centro Social de Boiro, e alí como director do centro ten que coordinar infraestruturas, persoal e programación, coidar dos servizos e actividades que ofrece o centro. Pero o traballo máis importante que Alberto di que desenvolve non é o de ofrecer servizos senón o de XERAR COMUNIDADE(s). Non só traballa cos seus compañeiros e co resto do persoal e das entidades residenciadas no centro, non só traballa con asociacións e colectivos organizados, sexan sociais, económicos, ambientais, etc.. tamén traballa con persoas, grupos, CIDADANÍA mais ou menos organizada, ca se poden COPRODUCIR proxectos. Para él no novo paradigma de traballo (que é basicamente “o mesmo de sempre” baseado no desenvolvemento comunitario e na ASC), os xestores culturais son MEDIADORES que traballan CO- ECOSISTEMA CULTURAL: (administración+creadores+sector privado+cidadanía). A implicación da comunidade é central para que o resultado final teña éxito, e é o que buscamos ca mediación.

Para mergullarnos na animación sociocultural, o que quixo Alberto foi primordialmente definirnos tal término, xa que non se ten moi claro a definición deste. Para el a Animación Sociocultural é traballar CA xente, co ecosistema “para que as comunidades sexan protagonistas do seu propio desenvolvemento”. Antes falábamos de traballar PARA e POR a xente. Cambia polo tanto a (pre)posición do xestor.

Unha vez compartiu con nós O QUE FAI, explicounos COMO O FAI. Como traballan dende o centro social  para “artellar as comunidades”, mediante un cadro que dende Boiro deseñaron e practican.

2016-11-04-pizarra-2

Para artellar comunidades, o primeiro é ter en conta os valores compartidos, non ter presa por concretar os proxectos. Analizar o ecosistema, ver onde hai comunidades que xa existen ou están latentes que comparten valores e logo MEDIAR, CONECTAR, DINAMIZAR, ACOMPAÑAR.. para CON ELAS, XUNTO A ELAS, producir as accións.:

De seguido pasamos a analizar o cadro que nos mostrou Alberto, con exemplos de accións para traballar nun ecosistema:

  • Valor creativo-colaborativo: o tema a traballar era o handmade, levado a cabo polo colectivo Creaturas e a acción foi o Maio Vintage Market
  • Valor de cultura como motor de desenvolvemento económico: o tema a traballar nesta ocasión era a economía creativa, o colectivo impulsor desta iniciativa foi República Creativa e o exemplo que vimos foi o Networking creativo
  • Valor de transformación social: o tema a traballar era a recuperación estética dunha rúa e a memoria colectiva, o colectivo impulsor foi Unión de Muchachas e o exemplo que vimos foi Principal 97

.

Unha vez vistos os exemplos dun  traballo cultural onde se ten en conta o ecosistema, os valores e á xente como xeradora de contidos, pasamos ó descanso, e á volta nos esperaba unha dinámica por grupos de traballo, analizar unha serie de proxectos culturais que se están a levar a cabo en diferentes localizacións similares ás dos nosos proxectos para este curso, e ver si se adaptaban ó modelo de traballo baseado no novo paradigma e este nos era útil para o traballo que nos queda por diante.

Estes foron os proxectos a analizar:

Para rematar, dicir que a sesión con Alberto foi moi produtiva, onde puidemos ver unha forma de traballar diferente, onde se lle da máximo protagonismo ás persoas, a un ecosistema e a uns valores.

Despídome cunha frase de Eduardo Galeano, que reflexa para min a sesión de hoxe, “Moita xente pequena, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas, poden cambiar o mundo”.

Si queredes saber máis sobre Alberto, non esquezades visitar o seu blog. E ánimo compañeir@s, que traballar CA xente é posible!