Prácticas en empresas e entidades seleccionadas co alumnado

#AprenderFacendo. No Curso ofrecemos a posibilidade de ampliar a experiencia formativa no día a día de empresas e entidades do interese d*s nos*s compañeir*s.


2016 03 11 Casa da Xuventude -comunica2editUnha das liñas vertebrais do Curso son os traballos en equipo que se desenvolven sobre contextos reais. No caso do grupo conformado por Alba, Marta e Vicente, tras coñecer o proceso de reflexión aberto polo Concello de Santiago de Compostela sobre o uso da “Casa da Xuventude”, decidiron analizar o caso deste “novo” equipamento municipal localizado na Praza do Matadoiro.

Durante os primeiros meses de 2016 analizaron diferentes modelos de autoxestión cidadá e co-xestión de espazos públicos, sempre despois dunha diagnose do caso concreto deste edificio, do barrio e da oferta sociocultural pre-existente na súa contorna. O resultado foi un documento que foi entregado ao Concello de Santiago.

Posteriormente, durante este verán de 2016 e grazas a un convenio entre a USC e o propio Concello, incorpóranse como equipo mediador para desenvolver o proceso de apertura temporal do centro, renomeado como Matadoiro Compostela. Trátase dun proxecto experimental de mediación cultural, co obxectivo de achegar unha plataforma de escoita participativa previa á definición de usos e reforma do espazo.


Noa_Díaz_Prácticas_1

Noa quería coñecer dende dentro a xestión e programación de actividades culturais dunha institución pública.

Dende hai unhas semanas traballa na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal xerando ideas e levando a cabo iniciativas dirixidas ao público infantil e xuvenil arredor do mundo do libro e da propia biblioteca.

O seu “facebook analóxico” e o novo blog da zona infantil-xuvenil buscan fomentar de xeito orixinal a comunicación entre a biblioteca e *s usuari*s.


Fernando é músico profesional. Quixo realizar prácticas no Arquivo Sonoro de Galicia.

Alí está a catalogar, ordear, arquivar, publicar, publicitar, etc. as partituras sobre poemas de Rosalía de Castro que diferentes músicos foron doando.

Tamén ten previsto, aproveitando a súa condición de músico, traballar na música que se gravou na emigración, así como na colección de Dorothé Schubarth, colaborar no traballo de organización de exposicións do Consello Da Cultura Galega, etc.

Fernando_Rei_prácticas_blog


Elena ten un proxecto de restauración dun muíño familiar e considerou que a realización de prácticas na Rede Museística provincial de Lugo podería axudala.

O seu traballo versa sobre o pan como nexo cultural, un símbolo común presente en diferentes sociedades. Logo dun proceso de investigación, xuntarase no Pazo de Tor e o museo fortaleza de Narla (nas fotos) con persoas pertencentes a culturas diferentes, a quen lles explicará o proceso de elaboración do pan no seu país e como dos mesmos elementos, pero cuns procesos particulares, obtéñense resultados diferentes (mais igual de saborosos ;-)

Prácticas Elena 1-pequena


Sol vén do mundo das Belas Artes. Ela elixíu incorporarse ao Museo de Arte Contemporáneo de Vigo.

Dende que está alí xa vivíu 3 montaxes de exposicións, cos seus procesos completos: a chegada das obras, a montaxe, o rexistro, o deseño dos materiais promocionais,… Coñeceu ás artistas e incluso participou na creación dunha das obras, xunto con outras rapazas de prácticas!

Di que as profesionais do MARCO son estupendas, que está a aprender moito delas ademais de pasalo moi ben! :)


 

Tamén tiveron esta experiencia práctica Carolina na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Cristina en 10d10, unha empresa adicada á xestión cultural e a produción musical e Xurxo en SINSALAudio.

 

 

Última sesión Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural 2015-16. Horizontes de futuro para a cultura en Galicia con Manuel Gago

Por Nela Fraga Rivas

O pasado venres clausuramos esta segunda edición do Curso nunha sesión de reflexión sobre os horizontes de futuro para a cultura en Galicia, da man dun profesional cunha importante visión panorámica do sistema cultural galego: Manolo Gago.

Comeza cun enfoque histórico, coa evolución da situación da lingua como punto de referencia da cultura galega, para analizar as perspectivas coexistentes na actualidade: aquela cuxo punto de referencia xeracional é previo a Franco, e aquela que vivíu despois del. Os diagnósticos da normalización ou mellora no uso da lingua galega elaborados por estes dous grupos serán ben diferentes, mesmo diametralmente opostos. O mesmo pode ocorrer ao diagnosticarmos o sistema cultural galego. Cal é, pois, o noso punto de partida?

Unha vez determinado ese punto de partida seremos capaces de albiscar o seu futuro. Facernos unha pregunta que se vén abrindo camiño: Como medrar cara fóra? Xa que, se non medramos non poderemos crear produtos culturais válidos incluso para o interior de Galiza. Manolo exemplifica esta conclusión coa iniciativa Culture Ireland, que xurdíu da detección dun problema no seu sistema cultural.

A cultura folclórica dos emigrados de Irlanda aos EEUU nos anos 40-50 era ben diferente á contemporánea dos irlandeses que ficaron. Porén, ao descoñecer na diáspora estas novas formas autóctonas a falta de interese mermaba considerablemente o seu mercado; preocupáballes que se perdían aos públicos de orixe irlandesa nos EEUU o seu PIB caería en picado. Son conscientes, nese punto, de que teñen que facer ese proceso de expansión; e de aí nace  Culture Ireland.

Galicia atópase nunha situación moi semellante. Pero cal é a pegada do sector cultural galego? O 2% do PIB (porcentaxe importante), uns 1.103 millóns de €. Con 5.747 empresas culturais (nas que se inclúe a arquitectura); un 3% da forza laboral.

Salvando as distancias non hai moita diferencia porcentual e proporcional do que ocorre no resto de Europa en termos de produción.

E en relación coa crise? Nunha comparativa con España observamos que Galicia cae en crise máis tarde, pero tamén tarda máis en recuperarse. Dato, comenta, do que temos que aprender. Os sectores que medran son as bibliotecas e os museos, mentres que os que desaparecen son os de produción de contidos culturais (audiovisuais, editoras, etc.).

2016 06 10 última sesión- Manolo Gago

Manolo fálanos entón de culturagalega.gal a revista do Consello da Cultura Galega, un portal divulgativo que mostra o traballo de moita xente, e nese sentido cumpre unha certa función de base de datos que serve para poder desenvolver o medio. Grazas á información e recepción desta web hoxe sábese que “a 4ª cidade en consumo de cutura galega é Londres”. Ou que o público que consume cultura galega como tal non existe; a xente que consume literatura galega non o fai necesariamente co cine ou co arte contemporánea, por exemplo. O noso consumidor medio éo por sectores. Só un 20-30% se interesa por toda a cultura.

Entender que máis que un público cultural temos varios implica afrontar que as relacións a establecer con eles son diferentes. Os puntos de confluencia destes públicos están nos eventos ou servizos (concertos, festivais,…), mentres que nos produtos ocorre todo o contrario. Porén, estes últimos, que Manolo denomina como “públicos nucleares”, son aqueles máis “fieis”, máis predispostos a mercar o teu produto.

Coñecer esta particularidade do noso sistema cultural é importante para comprender, por exemplo, a industria do libro galego. O noso campo literario ten un número de “fieis”, pero cada quen interesado no seu (o lector de ensaio pode non selo de poesía, por exemplo), o cal reduce o target dun produto. Por iso non é rendible publicar un libro de ampla tirada como se fai noutros campos literarios. Ás editoras non lles compensa apostar a un só produto porque a porcentaxe do beneficio que este dea é pequena, por grande que este resulte ser. Deses 16.000€, aproximadamente, dunha tirada de 800 exemplares a editorial recibe o 40%, 6.400€, e o escritor tan só un 10%. Por iso en Galicia as editoriais publican, en pequena tirada, moitas cousas moi diferentes entre si.

Para exemplificar esta peculiaridade do noso marco cultural, Manolo amósanos as ínfimas proporcións de seguidores que comparten tres dos críticos galegos máis influíntes, cada un dun sector diferente.

2016 06 10 última sesión- Manolo Gago2-pequena

A cuestión entón é: como subverter (ou aproveitar) esta particularidade no consumo de produto cultural galego?

Manolo comparte experiencia do seu propio “experimento”. “Non entendo os produtos pechados”, di. As historias trascenden o formato. Henry Jenkins, o gurú do transmedia, leva ben tempo falando disto. Por iso, Manolo publicou Vento e chuvia, unha novela gráfica ilustrada por Manel Cráneo, de temática mitolóxica e ambientada na Idade do Ferro, pero empregando o modelo promocional da música; isto é, imitando a xira de concertos que seguen á publicación dun disco. Deseñou 3 produtos con este fin: unha conferencia-presentación do libro, unha obra teatral que a complementa, e un híbrido entre eles. Durante ano e medio promocionou baixo este formato a súa obra, que chegou a acadar os 3.700 exemplares vendidos (fronte aos 800 habituais do noso mercado).

Hai xeitos, polo tanto, de crebar os moldes. Ainda que en casos coma este implique problemas de clasificación, unha desvantaxe relevante no mundo editorial.

Manolo fai fincapé en que existen prexuízos tremendos á hora de probar novos formatos que non pasen por minusvalorar ao lector/espectador.

Pon exemplos de proxectos  de recuperación do patrimonio baseados na autosustentabilidade, que souberon aproveitar financiamento da empresa privada buscando asociacións e colaboracións innovadoras.

Achega consellos para unha relación proveitosa cos medios de comuncación e explica como as pezas audiovisuais e a súa capacidade de reutilización nos permitirán aforrar cartos.

Fala de novos nichos conformándose no mercado, como o da divulgación científica.

Conclúe que a xestión cultural ten unha gran capacidade para detectar este tipo de proxectos transversais e nichos emerxentes.

A seguinte cuestión que nos lanza é: nunha empresa de xestión cultural onde está o I+D? A resposta unánime: tomando riscos (sen pasarse!). O xeito de minimizar o risco é mediante o prototipado. A clave deste I+D no noso sector está en atopar o xeito de diferenciarse como marca.

Na última parte da aula, diagnosticamos entre tod*s certos males endémicos e endogámicos de dificil solución. Logo de afondar no exempla ex contraria, Manolo ofrécenos consellos para as boas prácticas, salpicados con casos vivos de éxito; para que sexamos capaces de analizar por que hai cousas que funcionan e outras que non. Sitúanos no camiño, xa como expertos, das boas prácticas aprehendidas da xestión cultural. Empregalas no día a día axudará non só ao bo funcionamento da nosa empresa ou dos nosos proxectos, senón tamén á distinguírmonos na maneira de facer. Deixamos a aula e o Curso cunha derradeira reflexión:

Unha marca hoxe non é un logo: unha marca hoxe é un xeito de ser.


Así foi a nosa despedida. Na imaxe non están tod*s que son, pero son tod*s que están.

Un pracer ter compartido esta experiencia con tod*s vós, compañeir*s! :)

2016 06 10 última sesión- foto grupo

Traballo de Equipo. A Casa da Xuventude de Santiago de Compostela

Unha das liñas vertebrais do Curso son os traballos en equipo que se desenvolven sobre contextos reais. No caso do grupo conformado por Alba Vázquez, Marta Gómez e Vicente Conde, tras coñecer o proceso de reflexión aberto polo Concello de Santiago de Compostela sobre o uso da “Casa da Xuventude”, decidiron analizar o caso deste “novo” equipamento municipal localizado na Praza do Matadoiro, ate hai pouco tempo titularidade da Xunta de Galicia.

Neste2016 03 11 Casa da Xuventude con Jorge Duarte traballo, realizado durante os primeiros meses de 2016, analizan diferentes modelos de autoxestión cidadá e co-xestión de espazos públicos, sempre despois dunha diagnose do caso concreto deste edificio, do barrio e da oferta sociocultural pre-existente na súa contorna.

Como engadido, incluíronse as referencias que se manexaron, como por exemplo dous libros impulsados por docentes do noso Curso, Pau Rausell e Roberto Gómez de la Iglesia, nos que se poden atopar ducias de exemplos adicionais sobre innovadores modelos de xestión de espazos culturais públicos e privados.

Agradecer a dispoñibilidade do Concello de Santiago de Compostela, en especial d*s concelleir*s Jorge Duarte e Branca Novoneyra, por abrir ao grupo as portas da Casa da Xuventude e permitir coñecer de primeira man as liñas de traballo para a apertura da instalación, tamén durante o proceso que se desenvolverá ao longo deste verán.

O documento co traballo realizado está dispoñible para descarga neste enlace.

 

Presentación das estratexias de financiamento e debate sobre o estado actual da cultura en Galicia.

A primeira parte desta penúltima sesión do Curso adicámola á presentación das estratexias de financiamento dos proxectos.

Logo dunha breve introdución dos coordinadores, na que tod*s intercamiamos impresións respecto ás últimas aulas, comezamos coas exposicións por equipos.

  • A primeira foi a do proxecto LavacOLLA! Na súa proposta consideran un crowdfunding con achegas cuantionas por parte de empresas. *s compañeir*s achan este plan de financiamento un chisco optimista. Animan ás compañeiras a propoñer un mínimo e un máximo e a matizar as recompensas que ofrecerán.

Co gallo de axeitar ao noso proxecto a estratexia e a escolla da plataforma de micromecenado, Sergio realiza unha breve exposición das distintas opcións que temos dependendo da natureza e finalidade do que teñamos entre mans. Amosa exemplos similares ao de LavacOLLA! nunha das plataformas que sinala como máis axeitada que a que inicialmente se propuxo.

Unha das compañeiras aproveita a ocasión para promover o crowdfunding dun festival de danza, que está na fase da conta atrás. O que nos leva a falar de contemplar recompensas de peche dunha certa dimensión.

2016 06 03 presentación estrat (3)-pequena

  • O proxecto Lix-Arte cóntanos brevemente o desglose do seu financiamento. Neste punto buscan reducir gastos máis que buscar patrocinadores, pois tamén se centrarían no micromecenado. Para estratexias como esta, indica Sergio, cabe ter en conta opcións como a que inclúe goteo.org que funcionen como unha ONG.
  • Ponte na Historia falan dende un suposto, xa que o seu proxecto está pensado para a institución pública.
  • A xogar ao parque! queren asegurar a vibilidade do seu proxecto co financiamento inicial. Buscan continuidade e parten de multitude de pequenas cuantías e convenios con patrocinadores, que desglosan segundo as actividades e eventos programados.
  • O Mapa emocional de Fisterra prantexa apoiar o 35% do seu financiamento en axudas e entidades locais, o 15% nun convenio de colaboración co Concello e a Deputación, un 3% na hostelería e servizos de transporte locais, e un 35,6% na venta do produto físico e electrónico. As achegas d*s compañeir*s fanlles considerar potenciais trabas coa administración pública.

2016 06 03 presentación estrat (5)

Logo das presentacións, unha pausa ao sol para preparar a segunda parte da sesión: o debate.


Por Berta Galo

Cal é a situación actual da cultura en Galicia? Este foi o punto de partida do ambicioso e inabarcábel debate que se lle propuxo á clase, presupoñéndoa máis que preparada para facerlle fronte polos oito meses de formación; polos coñecementos impartidos e compartidos por unha vintena de profesionais durante este tempo; e tamén porque a audiencia interpelada é -ou pretende- ser axente activo do sector a analizar.

O fervedoiro de peticións de palabra, de argumentacións e espelidas contra respostas, de propostas, matizacións e suxestións ratificou non só o certeiro da presunción, senón o gusto da clase polos retos, suficientemente avalada pola ousadía ou inconsciencia que supón dedicarse a este sector, e máis en tempos de crise.

2016 06 03 presentación estrat_edited-1

Así que, unha vez aberta a quenda de intervencións (e escalpelo en man como reclamaba algún compañeiro) deu comezo a disección en grupo da que saíu un contundente diagnóstico:

– En Galicia non se ve a potencialidade da cultura como valor económico, que a ten.

– A administración pública está moi anquilosada e moi remisa a novas iniciativas culturais que veñan de abaixo a arriba.

– Os proxectos e os xestores culturais dependen en exceso dos cartos públicos.

– O poder non está cómodo con outros modelos de cultura; a do valor social, a do contrapoder…

Pero tamén moitas propostas:

– As administracións locais deben deixar de ser xestores para ser mediadores.

– Menos cronograma e máis estratexia cultural. Urxe repensar onde se quere ir.

– Programar desde a austeridade, que non desde a precariedade ou o voluntarismo.

– Proxectos independentes orzamentariamente da administración.

– Implicación emocional nos proxectos, retroalimentando un modelo de cultura con gratificacións para a comunidade onde se desenvolve.

– Apostar polos novos valores e ideas que xorden desde unha nova figura no panorama cultural: a do emprendedor/a.

– A cultura non debe limitarse a reclamar ser un dereito, tamén debe saber que ten uns deberes.

2016 06 03 presentación estrat. financiamento (10)-pequena

E nestes camiños a seguir, tamén se reivindicou o valor do noso, porque a cultura tamén é territorio, o dos máis próximos, e precísase deseñar para eles, e evitar que as estratexias estean ideadas exclusivamente desde comparacións -por veces acomplexadas- cos que temos máis ao carón. “Canto máis vexo fóra, menos complexo teño do noso sector”, aseverouse no debate no que, no entanto, tivo a Portugal como modelo de xestión cultural a emular.
O tupido tecido de pequenas industrias culturais do país veciño, con iniciativas innovadoras, consultores e expertos especializados, e con proxectos cun marcado rendemento económico foi posto en valor en máis dunha ocasión fronte a oposta realidade do sector galego.

Ante este espello no que reflectirse, escoitáronse voces alertando do pouco axeitado da comparación entre dous territorios que, a pesar da súa proximidade, teñen realidades sociopolíticas ben diferentes: Portugal leva máis tempo convivindo coas regras do mercado capitalista e, ao contrario que Galicia, xa ten superados debates de identidade ou idiomáticos.

2016 06 03 presentación estrat_edited-3

E por iso, as contra argumentacións focalizáronse na potencialidade dunha xestión cultural “desde Galicia e para Galicia” cun potente mercado cultural interno, no que é posible defenestrar o ‘modelo Lito’ por un de “proximidade” e de empoderamento “do pequeno” na acción cultural, onde o valor social é tan ou máis dinamizador co económico.

E nesta aposta -polo que comprobamos no curso- é na que están non poucos xestores culturais actuais e moitos dos futuros do país. Unha conclusión que pode pasarse de freada en positivismo e pecar de pouco rigorosa co fatalismo que seica nos caracteriza, pero que ten o ánimo de racharmos con estereotipos que isto, máis que dar gusto, vicia.