O valor económico da cultura e o patrimonio. Lluís Bonet.

O pasado xoves 26 de maio tivemos a oportunidade de aprender dun dos maiores expertos internacionais en Economía da Cultura, Lluís Bonet. O profesor da Universidade de Barcelona tiña unha cita en Santiago para impartir un relatorio na Cidade da Cultura de Galicia e desde o Curso quixemos aproveitar esa circunstancia e pedímoslle que se achegase á Facultade de CC. Económicas para ditar unha conferencia sobre a súa área de coñecemento, petición que aceptou de forma xenerosa e inmediata.

A exposición de Lluís Bonet tivo un marcado perfil técnico, abordando algunhas claves para a análise económica do sector cultural. Segundo Bonet, o impacto económico da cultura non esgota o seu valor (que tamén é social e cultural) pero o seu estudo pode ser útil para diferentes fins, como a busca da lexitimidade, a priorización de recursos ou a ampliación de coñecemento. Outra cousa é que esa medición non sexa precisamente sinxela, ao tratarse dun sector en constante transformación (citou o exemplo da cultura colaborativa e os seus efectos sobre a cadea de valor) e con fronteiras borrosas. A modo de exemplo, non é o mesmo o emprego xerado na industria creativa que o emprego creativo do conxunto da economía. De feito, as estatísticas culturais parten con frecuencia de presupostos distintos, e dese xeito non é de estrañar que segundo as fontes os datos difiran notablemente. Así, o emprego cultural en Italia sería un 7’26% do total segundo a UNESCO, e tan só un 1’13% segundo as pesquisas de David Throsby.

2016 05 26 Conferencia Lluís Bonet 2

Por outra parte, e redundando nisto, non deberamos esquecer que o ecosistema cultural é indisociable dos sistemas produtivo, político, mediático ou educativo nos que se insire, e que nese sentido un coche tamén é un soporte cultural que vende capital simbólico e identidade.

Á hora de medir os impactos económicos da cultura debemos diferenciar entre os directos (gasto realizado nun territorio debido á existencia de certo activo cultural ou patrimonial), os indirectos (efectos xerados noutros sectores de actividade por ese maior gasto) e os inducidos (consecuencias a medio prazo na localidade). Iso si, os impactos non sempre son positivos. Existen custos e beneficios, directos e externos, que se poden distribuír entre a poboación de forma moi asimétrica. En calquera caso, unha investigación rigorosa neste ámbito é custosa e complexa, e con frecuencia atopamos a tendencia a sobredimensionar os impactos positivos do fenómeno cultural estudado.

No segundo tramo da clase, Lluís Bonet mostrounos o círculo virtuoso da posta en valor dos recursos patrimoniais, onde o aspecto chave e detonante inicial reside na vontade da comunidade por protexer un activo. Esa vontade é recollida pola institución en forma de investimento para a recuperación / conservación do mesmo e de definición duns servizos asociados. Nun seguinte chanzo teremos a demanda que fai uso deses servizos e que solicita melloras e novas utilidades.

E rematamos este breve resumo cunha reflexión do profesor Bonet que secundamos. A cultura é a columna vertebral dun modelo de desenvolvemento endóxeno e a base do noso sistema de identidade e auto-recoñecemento. Non a guinda (prescindible) do pastel.

2016 05 26 Conferencia Lluís Bonet 6_edited-1

3 replies

Trackbacks & Pingbacks

  1. […] mi opinión, esta clase ha sido una de las más interesantes hasta el momento junto con la de Lluis Bonet y Pau Rausell, por descubrirme aspectos importantísimos en los que no había profundizado antes y […]

  2. […] En el blog del Curso tenéis el resumen de las claves que nos ha dado para el análisis económico del sector cultural y la puesta en valor de los recursos patrimoniales: edu.xestioncultural.com/2016/05/o-valor-economico-da-cultura-e-o-patrimonio-lluis-bonet/ […]

  3. […] No blog do Curso tedes o resumo das claves que nos achegou para a análise económica do sector cultural e a posta en valor dos recursos patrimoniais: edu.xestioncultural.com/2016/05/o-valor-economico-da-cultura-e-o-patrimonio-lluis-bonet/ […]

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*