Mesa redonda de financiadores e patrocinadores da cultura

Por Yolanda Vázquez Busto.

O venres 27 de Maio tivemos a sorte de contar coa realización dunha mesa redonda sobre financiamento e patrocinio de proxectos culturais.

Comezaron as exposicións da man de José Luis Maestro, representante de Turismo de Galicia, o cal deu conta sobre a composición da entidade conformada por diferentes organismos como Turgalicia, Consorcio do Instituto de Estudos Turísticos, Dirección Xeral de Turismo e Xacobeo; falouse sobre a estructuración e xestión da información do portal web, do traballo feito durante os últimos sete anos en produtos de cabeceira de marca e das dúas liñas que se seguen dentro do turismo cultural: O patrimonio oculto e os Santuarios Máxicos.

Finalizou o seu relatorio facendo un percorrido polos diferentes tipos de subvencións promovidas dende Turismo de Galicia e dos seus diferentes ámbitos e obxectivos: Concellos, comarcas (xeodestinos), cooperación entre empresas e microempresas e os produtos nos que se desexa incidir nos vindeiros anos: creación dunha oferta de turismo senior, creación de rutas turísticas innovadoras, turismo idiomáticos, etc…

2016 05 27 sesión patrocinios-pequenaContinuou a exposición Carmen Casado, do Concello de Santiago, presentando estratexias de aproximación ás administracións públicas. No seu discurso enfatizou na idea da necesidade de información e de coñecemento sobre as entidades coas que se quere chegar a cooperar e os seus obxectivos estratéxicos para verificar a compatibilidade dos mesmos, sen esquecer que é primordial a identificación de saber quen define os obxectivos políticos e técnicos, ademáis de coñecer quen coordina a tramitación dos diferentes proxectos de axudas, convenios e demáis procesos
concursales ou competitivos.

Falouse da problemática de procesos de contratación aos que soamente se accede por invitación, así como dos prazos e condicións do modelo de funcionamento da administración pública que poden non encaixar co desenvolvemento de determinadas actividades susceptibles de financiación por parte dos organismos públicos, así como da dificultade que supón poder acceder a un patrocinio dun evento novo pola falta de análise de publicidade xerada previamente e a falla de valor de marca, sen esquecer a necesidade de protexer as novas ideas e que na procura da axuda das adminitracións públicas é convinte contar cun terceiro socio (como concellos ou xeodestinos) para interactuar ca administración.

2016 05 27 sesión patrocinios (23)-pequenaRematou esta mesa redonda Víctor Ferreira de Tórculo Comunicación Galicia quen contou a súa dilatada experiencia no patrocinio empresarial, falando dos seus referentes entre os que se conta a Xeración Nós e da diferenciación entre ideoloxías e experiencias reais e prácticas.

Unha das ideas que transmitiu foi o enriquecemento da empresa co mundo cultural e da mellora de posición de mercado e da fidelización de clientes que se acada con iniciativas de colaboración cultural. Sobresaliu o concepto de que nun mundo tan competitivo como o da empresa, son os valores quen a distinguen e os que poden axudarlle a desmarcarse. Ademáis da necesidade que existe de sacar adiante plans de igualdade, de compromiso co medioambiente, etc… no mundo empresarial.

Finalizada a mesa redonda, e despois do descanso, iniciouse a rolda de entrevista de patrocinio dos diferentes proxectos onde descubrimos a necesidade dun ámbito de acción maior para poder acceder a ter posibilidades de cooperación con Turismo de Galicia, ou a necesidade de permisos administrativos para dar a coñecer os traballos
elaborados en Lix-Arte, ou o sinxelo que semella obter patrocinios de empresas de batidos de leite ;)

Descubrirmos a dificultade que conleva expoñer dunha forma clara e concisa os nosos
proxectos e que convencer para vencer non é soamente unha frase feita. É unha arte.

2016 05 27 sesión patrocinios _32_-pequena

O valor económico da cultura e o patrimonio. Lluís Bonet.

O pasado xoves 26 de maio tivemos a oportunidade de aprender dun dos maiores expertos internacionais en Economía da Cultura, Lluís Bonet. O profesor da Universidade de Barcelona tiña unha cita en Santiago para impartir un relatorio na Cidade da Cultura de Galicia e desde o Curso quixemos aproveitar esa circunstancia e pedímoslle que se achegase á Facultade de CC. Económicas para ditar unha conferencia sobre a súa área de coñecemento, petición que aceptou de forma xenerosa e inmediata.

A exposición de Lluís Bonet tivo un marcado perfil técnico, abordando algunhas claves para a análise económica do sector cultural. Segundo Bonet, o impacto económico da cultura non esgota o seu valor (que tamén é social e cultural) pero o seu estudo pode ser útil para diferentes fins, como a busca da lexitimidade, a priorización de recursos ou a ampliación de coñecemento. Outra cousa é que esa medición non sexa precisamente sinxela, ao tratarse dun sector en constante transformación (citou o exemplo da cultura colaborativa e os seus efectos sobre a cadea de valor) e con fronteiras borrosas. A modo de exemplo, non é o mesmo o emprego xerado na industria creativa que o emprego creativo do conxunto da economía. De feito, as estatísticas culturais parten con frecuencia de presupostos distintos, e dese xeito non é de estrañar que segundo as fontes os datos difiran notablemente. Así, o emprego cultural en Italia sería un 7’26% do total segundo a UNESCO, e tan só un 1’13% segundo as pesquisas de David Throsby.

2016 05 26 Conferencia Lluís Bonet 2

Por outra parte, e redundando nisto, non deberamos esquecer que o ecosistema cultural é indisociable dos sistemas produtivo, político, mediático ou educativo nos que se insire, e que nese sentido un coche tamén é un soporte cultural que vende capital simbólico e identidade.

Á hora de medir os impactos económicos da cultura debemos diferenciar entre os directos (gasto realizado nun territorio debido á existencia de certo activo cultural ou patrimonial), os indirectos (efectos xerados noutros sectores de actividade por ese maior gasto) e os inducidos (consecuencias a medio prazo na localidade). Iso si, os impactos non sempre son positivos. Existen custos e beneficios, directos e externos, que se poden distribuír entre a poboación de forma moi asimétrica. En calquera caso, unha investigación rigorosa neste ámbito é custosa e complexa, e con frecuencia atopamos a tendencia a sobredimensionar os impactos positivos do fenómeno cultural estudado.

No segundo tramo da clase, Lluís Bonet mostrounos o círculo virtuoso da posta en valor dos recursos patrimoniais, onde o aspecto chave e detonante inicial reside na vontade da comunidade por protexer un activo. Esa vontade é recollida pola institución en forma de investimento para a recuperación / conservación do mesmo e de definición duns servizos asociados. Nun seguinte chanzo teremos a demanda que fai uso deses servizos e que solicita melloras e novas utilidades.

E rematamos este breve resumo cunha reflexión do profesor Bonet que secundamos. A cultura é a columna vertebral dun modelo de desenvolvemento endóxeno e a base do noso sistema de identidade e auto-recoñecemento. Non a guinda (prescindible) do pastel.

2016 05 26 Conferencia Lluís Bonet 6_edited-1

Financiamento cultural. As administracións públicas. Paulo Rodríguez.

Por Nuria Seoane Bouzas.

Sos chegamos antes,

xuntos chegamos máis lonxe.

Con esta cita, abriu Paulo Rodríguez, o director do Teatro Rosalía Castro da Coruña (TRC) e presidente da RED (Red Española de Teatros, Auditorios, Circuitos y Festivales de Titularidad Pública) a sesión do venres 20 de maio.

Paulo distribuíu a dita sesión en tres apartados:

  • Parte “Morfeo” (como el mesmo a denominou).

  • Unha dinámica en grupos.

  • Transmisión de catro experiencias que serven tanto para quen traballa na Adminisitración pública como para creadoras/es, produtoras/es, distribuidoras/es etc.

Recomendounos, así mesmo, o libro: La utilidad de lo inútil, de Nuccio Ordine 

Na parte “Morfeo”, falounos da definición e contextualización da cultura. Recordounos que contamos con múltiples concepcións do termo “cultura”, unhas que parten dunha visión meramente histórica e outras cuxa orixe radica nunha concepción materialista e/ou idealista.

Expuxo a definición de Raymond Williams da cultura, para quen designa un proceso de cultivo da mente en función dunha terminoloxía moderna e cientificista ou en función dun espírito máis acorde cun enfoque tradicional, que apunta cara a tres nocións:

  1. Un estado mental ou espiritual desenvolto (concepción da cultura como unha expresión elitista).

  2. Un proceso que conduce ao estado de que son parte as prácticas culturais xenericamente consideradas.

  3. Os instrumentos (e os medios) dese proceso como cada unha das artes e outros vehículos que expresan ou conforman un estado espiritual ou de comportamento colectivo.

Os puntos 2 e 3 remítennos a dous enfoques:

  1. Idealista (concibe o termo cultura como indicador dun espírito formador global da vida individual e colectiva, en que se manifestan unha variedade de actos sociais, de xeito especial aqueles que se refiren ás artes plásticas, ao teatro etc.)

  2. Materialista (de inspiración marxista, que considera a cultura como reflexo do universo social máis amplo e determinante).

A tendencia actual máis estendida vén ser unha mestura das dúas concepcións. Por tanto, o termo cultura segue apuntando cara a actividades determinadas do ser humano. Porén, non quedan restrinxidas ás tradicionais (pintura, literatura, cinema, teatro…, é dicir, ás que se presentan baixo unha forma estética), senón que se estenden a unha rede de significacións e linguaxes, e inclúen tanto o tradicional (cultura popular) como outras manifestacións como a moda, a publicidade, o comportamento individual e colectivo, a festa ou a convivencia etc.

2016 05 20 sesión Paulo Rodríguez - Foto Nuria Seoane 2_edited-1

Falounos tamén Paulo da relación entre a cultura, as políticas culturais, a cultura e a economía, a ganancia cultural, o patrimonio cultural e os circuítos.

Política cultural: na actualidade, a dimensión de política cultural é un concepto que ten por obxecto a cultura, considerada desde un punto de vista totalizante, antropolóxico e sociolóxico de maneira global. Estariámonos referindo á ciencia organizadora das estruturas culturais e xeralmente entendida como o programa de intervencións realizadas polo Estado, institucións civís, entidades privadas ou grupos comunitarios, co obxecto de satisfacer as necesidades culturais da poboación e promover o desenvolvemento das súas representacións simbólicas.

Podemos distinguir entre política cultural patrimonialista (histórico-artística) e do fomento da creación (promove a distribución, promoción e uso de novos valores culturais).

A política cultural é a que produce efectos de proporcionar instrumentos de coñecemento, recoñecemento e autorrecoñecemento.

Gasto cultural: de entrada, este termo evócanos todas as alternativas para o apoio á cultura:

  1. baixo a concepción paternalista e arcaica da actividade cultural ao abeiro da Administración pública

  2. política cultural plena

  3. incentivos indirectos á produción cultural

  4. tendencias e estado da cuestión do compromiso de gasto público para a cultura

  5. capital cultural

  6. globalización

  7. sistema de produción cultural.

Neste apartado,podemos distinguir entre compromiso individual na adquisición de bens culturais (entradas de teatro, concertos, libros… mais non investimentos no eido da cultura, como por exemplo compra de obras de arte) e ámbito colectivo (gastos que a comunidade ou o poder público/privado comprometen nas operacións de distribución, cambio e consumo de cultura).

Ganancia cultural: en contraposición co concepto de “gasto cultural”, sitúanos no ámbito máis inmaterial (referímonos ao resultado dun proceso mediante o que, tanto o individuo como o grupo, adquiren novos códigos e competencias artísticas ou capacidades estéticas.

Circuíto cultural: conxunto que comprende produtores, produtos ou manifestacións culturais, distribuidores, públicos e institucións ou instancias organizadoras (axencias financeiras, produtores públicos e privados, escolas de formación etc.).

En relación coas políticas culturais e os seus circuítos, podemos establecer varios estadios:

  • Políticas relativas ao mercado cultural: apoio á produción, creación, distribución e acceso á cultura.

  • Políticas de activación de iniciativa do sector privado no eido cultural: incentivos fiscais e mecenado.

  • Políticas relacionadas coa cultura allea aos mercados culturais, que non posúe valor simbólico no propio mercado mais si ten un marcado valor cultural na comunidade (amadores, aficionados…).

  • Políticas relativas aos usos culturais, encargada para a creación de condicións necesarias para acceder á cultura con valore democratizadores e axentes activos.

Logo, mencionounos Paulo algúns tipos de relacións entre o sector privado e o público:

  • colaboracións (que xeralmente se dan entre iguais, por exemplo poderíase levar a cabo unha entre o Teatro Rosalía Castro da Coruña e o Teatro Principal de Santiago de Compostela)

  • subvencións (nominativas ou de concorrencia)

  • explotación mixta e explotación conxunta

  • relacións con órganos de personalidade xurídica propia

  • alianzas non regradas

  • etc.

Despois, continuamos a aula, repartidos en tres grupos, anotando nun folio todos aqueles programas/caladoiros de que podemos botar man para alianzas regradas e non regradas coa Administración pública.

2016 05 20 sesión Paulo Rodríguez - Foto Nuria Seoane 3

Logo do descanso, explicounos catro experiencias de financiamento que cre que nos poden resultar ben útiles:

  1. IETM (International Network Contemporany Performing Arts).

  2. Redela (Red Eurolatinoamericana de Artes Escénicas).

  3. Circuito de Danza “Danza a Escena”.

  4. Programa PICE AC/E (Programa para la Internacionalización de la Cultura Española)

Cooperación empresarial intersectorial e novas vías de financiamento. Roberto Gómez de la Iglesia.

Por Isabel Sánchez Temprano.

O pasado venres 13 de Maio visitou a nosa aula Roberto Gómez de la Iglesia, ó cargo da empresa c2+i e do proxecto Conexiones Improbables, co lema de “hibridar para innovar” que vai definir a postura de Roberto ante a relación entre o mundo da cultura e a economía e o sector industrial.

A súa empresa e o seu traballo céntranse na economía creativa; non só pensar a economía dos sectores culturais, senón como facer máis creativos o resto dos sectores económicos.

Advírtenos que o momento económico no que está afondada a cultura hoxe en día non vai variar, nin van vir tempos mellores, polo que temos que asumir esta situación e buscar outros mecanismos para chegar ao financiamento, e que este pode chegar do diñeiro privado.

Tamén unha dinámica que está ocorrendo é que as empresas patrocinadoras están a converterse elas mesmas nas propias promotoras dos eventos culturais, polo que temos que deixar de ser simplemente proveedores de contidos culturais para adoptar novas actitudes á hora de relacionarnos coas empresas e o sector industrial.

Roberto Gómez distingue 4 elementos nun ámbito cultural: XESTIÓN CULTURAL, OFERTA CULTURAL, DEMANDA CULTURAL e FINANCIAMENTO CULTURAL. Así como nun tempo atrás estes eran compartimentos estancos que rara vez salían dos seus estadios, hoxe en día ten cambiado o marco de xeito que pasamos a ser cada vez máis ó mesmo tempo oferta, demanda, financiamento, etc.

2016 05 13 sesión Roberto Gómez de la Iglesia2As regras de financiamento cambiaron á súa vez, xerando modelos como a economía colaborativa e o micromecenado; aínda que hoxe en día o micromecenado segue a estar nunha dimensión moi pequena.

Hai dúas anotacións ás que nos refire que son a destacar e que é importante que manteñamos en mente:

– Por un lado a diferenza entre o valor dinerario e o valor económico.

– E por outro lado que o sector cultural non é tan dependente do diñeiro público como se cre en relación coa dependenza que teñen outros sectores.

Tamén sinala que temos que ter en conta a diferencia entre custo, prezo e valor dun produto ou ben cultural. En termos de mercado algo vale o que outra persoa está disposta a pagar. Polo que se convirte nun termo relativo. Así nos enfronta o xeito de ser caro ou barato (que como dicíamos non é máis que un concepto relativo) ó termo costoso (que ten unha tanxibilidade maior que o anterior).

É importante tamén que teñamos en conta o concepto de limiar de rendibilidade. Así como a diferenza entre administrar recursos, captar recursos e xerar recursos. Lembrándonos que en ocasións hai que incrementar un pouco os custos para xerar un ingreso maior.

Fai unha analoxía moi visual que é plantexar, máis que canto custa unha entrada, canto custa unha butaca baleira, e canto diñeiro se tira cada vez que hai unha butaca baleira (ou unha sala de museo sen visitantes, por exemplo).

 

“Canto custa unha butaca baleira?”

É moi importante neste punto ter confianza e inverter esforzos en ter unha boa organización dentro da empresa ou organismo que se traballa. Ante un novo horizonte cunhas problemáticas tamén propias hai que traballar dun xeito acorde. As empresas teñen que ser cada vez máis flexibles, e isto ocorre con máis sinxeleza coas empresas máis pequenas, diversificando proxectos e abarcando liñas e problemáticas tamén diversas para garantir a supervivencia como sector no contexto actual que antes comentabamos.

As empresas teñen que esquecerse e deixar atrás aquelas estruturas fixas e radicalmente estratificadas como as que habían nun pasado e abrirse a estruturas abertas de organización.

2016 05 13 sesión Roberto Gómez de la Iglesia3-fotoIsabel

O mundo da cultura e a creatividade, pola súa banda, ten un gran valor e aportación a esta nova liña que queren e deben tomar as empresas, xa que, como dicía Roberto, traballamos coas emocións e as experiencias. Somos capaces de tecer redes e de favorecer novos espacios para o diálogo e a relación entre persoas, e isto aumenta a flexibilidade dentro dos organismos e o pensar “fóra da caixa” tan importante nos procesos de innovación.

Este é un tema central no proxecto Conexiones Improbables; o feito de pór en relación o mundo empresarial co mundo creativo e artístico. Os axentes do mundo creativo a involucrar nun proxecto como este poden ser moi diversos. Roberto citanos algúns dos que están traballando en activo actualmente nesta iniciativa: Paola Tognazzi, que en Wereable Dynamics desenvolve ferramentas en base á ergonomía humana; Virginia Imaz, clown coñecida polas súas clownclusiones en relatorios; PKMN, colectivo de arquitectos, etc.

Unha das conexións improbables que nos destaca é a da marca de bicicletas Orbea con Cocreable, colectivo que promove a co-creación como ferramenta para solventar retos sociais, medioambientais e de negocio co obxectivo de mellorar o proceso de compra dunha nova gama de bicicletas.

Nos seguintes videos podese ver máis ampliamente como se traballa en torno a este proxecto de Conexións Improbables:

Conferencia de Lluís Bonet na Facultade de CC. Económicas da USC: “O valor económico da cultura e o patrimonio”

Canto pesa o sector cultural no PIB? Que impacto económico ten un festival de música ou de cine? Que papel pode desempeñar un monumento ou unha especialidade gastronómica no desenvolvemento territorial?

Estas e outras cuestións serán abordadas por Lluís Bonet nunha conferencia que levará por título “O valor económico da cultura e o patrimonio”. Lluís Bonet é profesor da Universidade de Barcelona (UB) e director da área de posgraos en xestión cultural. Considerado o maior experto peninsular en Economía da Cultura, é consultor da UE e da UNESCO, e ten impartido conferencias en máis de 40 países.

O seu relatorio celebrarase no Salón de Graos da Facultade de CC. Económicas, o xoves 26 de maio, ás 20h. O acto está organizado polo Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural da USC, en colaboración coa Fundación Cidade da Cultura de Galicia.

conferencia_lluis_bonet_horizontal

Crónica do Porto: tecendo lazos culturais

A pasada fin de semana un grupo de estudantes e profesores do Curso, xunto coas compañeiras de O Cable Inglés e Vamos Scotland, viaxamos ao Porto para coñecer de primeira man as mellores prácticas en xestión cultural do Norte de Portugal e os seus profesionais de referencia. Foron tres días ben intensos, nos que puidemos tirar aprendizaxes moi valiosas e iniciar novos vínculos profesionais que agardamos sexan longos e frutíferos.

A primeira parada fixémola en Guimarães, no CIAJG – Centro Internacional de Arte “José de Guimarães”. Na primeira parte da visita puidemos gozar coas exposicións permanentes de arte chinesa, precolombiana e africana (abraiante a colección de máscaras). A continuación, o concelleiro de cultura, José Bastos, ofreceunos unha explicación detallada sobre as claves da política cultural municipal das últimas décadas, que levaron a esta cidade a ser Capital Europea da Cultura en 2012.

Segundo José Bastos, non hai receitas máxicas e “os procesos non son replicables”, pero é posible que incidise positivamente a estabilidade política (máis de vinte anos ininterrompidos de goberno do mesmo alcalde), a rehabilitación a fondo do casco histórico con estratexias para evitar procesos de xentrificación, e a capacidade para “ir reaxindo”. Porén, durante a súa intervención tamén nos trasladou a necesidade de fomentar o desenvolvemento desde os valores intrínsecos de cada lugar, de contemplar a cultura – o patrimonio – o turismo como un todo, e de facer énfase na participación cidadá e na dinamización do tecido asociativo, cuestións todas elas que xa denotan uns enfoques e prioridades sostidos no tempo de forma coherente.

Por último, e ante a nosa petición, explicounos o particular modelo de Régie-Cooperativa no que se sustenta A Oficina, a empresa que xestiona case a totalidade do orzamento municipal en cultura. Aínda que a Câmara de Guimarães conta coa maioría de accionariado, tamén participan particulares, empresas e outras entidades, tanto públicas como privadas.

Exposición "Arte Bruta". No núcleo de arte da Oliva Creative Factory, en São João da Madeira

Exposición “Arte Bruta”. No núcleo de arte da Oliva Creative Factory, en São João da Madeira

Unha vez concluída a visita a Guimarães, encamiñámonos ao Porto, onde nos agardaba unha delegación de alumn*s do Mestrado em Gestão de Indústrias Criativas, da Universidade Católica Portuguesa, á que se sumou o seu director, Luís Teixeira. Cea, conversa agradable, un brinde e a descansar para afrontar a longa xornada do sábado.

A mañá seguinte discorreu no edificio da empresa municipal Porto Lazer, en plena Avenida dos Aliados. Un dos seus traballadores, Daniel Ramos, realizounos un percorrido sobre as actividades que programan e os seus proxectos estrela. Un dos máis emblemáticos foi a rehabilitación e uso cultural do céntrico edificio AXA, no que se incluíu bar, auditorio, espazos expositivos e andares para residencias artísticas. Outro proxecto de gran dimensión foi o chamado Locomotiva, que implicou a rehabilitación da zona circundante á estación de trens de São Bento, cunha clara finalidade turística. E por último, mostrounos un vídeo sobre o vindeiro desafío cultural da cidade do Porto: a rehabilitación en chave cultural e creativa do antigo matadoiro, sito na freguesía de Campanhã.

Descanso para un café e continuamos no mesmo lugar, nesta ocasión para escoitar a Bruno Costa, director do festival internacional de teatro de rúa imaginarius. O imaginarius nace en 2001, como unha iniciativa da Cámara Municipal de Santa Maria de Feira, por entón liderada na súa área cultural por Carlos Martins (quen nos acompañou horas despois). Nos seus inicios procuraba atraer públicos e media, para así lograr un impacto de visibilidade para o municipio. Desde 2013 as prioridades mudaron e agora persegue outros obxectivos, entre os que se encontran: capacitar aos artistas e ás audiencias; impulsar proxectos innovadores, con independencia do seu tamaño; inserirse en redes internacionais (p.e. teñen un acordo de colaboración coa Fira de Tárrega); traballar toda a cadea de valor dos espectáculos de rúa, e non só a exhibición; e mesturar os públicos para lles facilitar experiencias sorprendentes. Unha vez descrito o marco xeral, Bruno Costa pasou a mostrarnos algunhas programacións inscritas no festival, como a mais, de colaboración con outros festivais, a imaginarius infantil, vinculada cos centros escolares, o mercado urbano ou o espazo off (programación sen curadoría). O imaginarius é producido pola empresa municipal Feira Viva.

E despois da estupenda charla de Bruno Costa e da comida de mediodía, collemos rumbo a São João da Madeira para coñecer a Oliva Creative Factory.

Esta entidade está situada nunha antiga metalurxia restaurada e combina a dimensión meramente artística do seu Núcleo de Arte, con outra función de impulso ao emprendemento no sector cultural e creativo. De entrada visitamos as salas dedicadas a expor parte das coleccións Norlinda e José Lima, con pezas de arte contemporánea, e Treger/Saint Silvestre, cunha fascinante selección de pezas de arte bruta. Exerceu como anfitrioa Raquel Guerra, a directora do Núcleo de Arte. Posteriormente, Carla Relva amosounos os espazos e servizos que se inclúen nesa dimensión máis emprendedora da Oliva: a Incubadora, para proxectos empresariais en fase inicial (primeiros tres anos), o Business Centre, para empresas máis maduras e consolidadas, e as Lojas Comerciais e Pop Up, tendas permanentes ou ben provisionais para sondar a resposta dos potenciais clientes. Tamén unha gran empresa como a ERT, dedicada á xeración de materiais téxtiles, decidiu localizar na Oliva o seu Centro de Innovación Creativa, aproveitando a infraestrutura e o talento que alí se atopa.

A proposta da Oliva Creative Factory complétase, entroutras, cunha Escola de Danza e un programa de residencias artísticas.  

De novo no Porto asistimos á derradeira actividade do sábado, unha mesa redonda sobre proxectos de cooperación cultural internacional, con tres das principais figuras da xestión cultural de Portugal: Susana Marques, Cristina Farinha e Carlos Martins. No mítico local do Maus Hábitos acondicionáronnos a Sala de Espectáculos para este fin e alí nos acomodamos unhas 30 persoas.

Mesa redonda no Maus Hábitos

Mesa redonda no Maus Hábitos

Susana Marques presentou tres proxectos: un de natureza 100% comercial, de colaboración entre o municipio industrial de Paredes e Beijing (China), outro europeo, sobre o patrimonio arquitectónico do Renacemento, e un terceiro de teatro e comunidade que conecta a UE con Xeorxia e Marrocos. Carlos Martins centrouse nunha iniciativa xurdida á calor da capitalidade europea da cultura de Guimarães, de cooperación entre Xapón e Europa, utilizando a cultura como embaixadora de negocios, e baixo o financiamento de grandes multinacionais niponas. A terceira intervención, de Cristina Farinha, dedicouse a analizar as posibilidades de cooperación entre Galiza e o Norte de Portugal.

Durante o coloquio houbo unha reflexión crítica sobre o escaso aproveitamento dos fondos europeos para intensificar a alianza cultural entre ambos territorios, e fomos identificando liñas de interese en común, como o intercambio de formación e coñecemento,  a ampliación de públicos, a colaboración coas diásporas xoves e cualificadas, paquetes de turismo cultural conxuntos, creatividade e innovación en sectores produtivos tradicionais, estratexias culturais para territorios con poboación dispersa e envellecida,  etc. Tamén convimos en que moitos deses posibles ámbitos de cooperación dependen dunha variable previa: que haxa un suficiente coñecemento mutuo e espazos de encontro que faciliten o xurdimento de ideas útiles para ambos (e parcerías). Quizás o Eixo Atlántico ou o Memorandum Paz Andrade poderían axudar nese propósito.

Ao remate da mesa redonda ficamos na propia Sala de Espectáculos, onde ceamos, celebramos e o dono do local, Daniel Pires, se achegou a dirixirnos un saúdo e unhas palabras explicando o modelo cultural e de negocio do Maus Hábitos.

O domingo pola mañá fixemos unha pequena visita á Fundación Serralves e emprendemos a volta á casa, con parada en Viana do Castelo para avituallamento. En conxunto foi unha finde estimulante, de cargar pilas, con proxectos dos que vale moito a pena tomar nota, e de convivencia entre amig*s dun lado e doutro da raia que agardamos teña continuidade e sirva para dar novos pasos cooperativos.

Marcos Lorenzo

 

 

Viaxe a Porto

Dende a comunidade do Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural da USC organizamos unha viaxe a Porto para coñecer as mellores prácticas e os axentes culturais de referencia da rexión Norte de Portugal. Xuntarémonos así docentes, alumnos e ex-alumnos, e compañeiras de profesión como as de O Cable Inglés. Esta visita está deseñada en colaboración co Mestrado em Gestão de Indústrias Criativas da Universidade Católica do Porto.

Ao longo desta fin de semana (6, 7 e 8 de maio) mostraranse diversas iniciativas, proxectos e institucións culturais que destacan pola súa excelencia e que nos servirán de inspiración. O programa de actividades inclúe tamén pequenas estadías noutras localidades (Guimarães, São João da Madeira) e unha mesa de diálogo con profesionais da cultura e a creatividade especialistas en proxectos internacionais.

Durante toda a visita estaremos acompañados polo alumnado e profesorado do Mestrado, co obxecto de favorecer o coñecemento mutuo e o establecemento de futuras liñas de cooperación. E quedará tempo para festexar, claro!

Este é o itinerario que temos preparado:

Sexta-feira 6 de maio:

  •  Visita á Régie-Cooperativa A Oficina, Guimarães.
    A Oficina é un espazo de intervención cultural cunha longa e consolidada traxectoria. Alí nos recibirá o seu impulsor, un dos profesionais da cultura de maior experiencia de todo Portugal: José Bastos. Concelleiro da Câmara Municipal de Guimarâes dende hai 30 anos, foi un dos principais promotores da Capitalidade Europea da Cultura. Tamén foi presidente da Associação Portuguesa de Programadores Culturais.
  • Xa no Porto, cearemos na Baixa cos alumnos do Mestrado da Universidade Católica.
  • Actividade nocturna cultural.

Sábado, 7 de maio:

  • Coñeceremos Porto Lazer, a empresa que xestiona a cultura na Câmara Municipal do Porto.Dende o 2006, Porto Lazer encárgase da xestión, promoción e organización da programación cultural de Porto. Parte fundamental da estratexia de dinamización da cidade, traballa diariamente para construír unha oferta de calidade, diversa, socialmente inclusiva e, por riba de todo, xeradora de valor para a afirmación nacional e internacional da marca Porto.

  • Xuntanza con Bruno Costa, un dos xestores culturais máis estimulantes da actualidade. Creador de Imaginarius, Festival Internacional de Teatro de Rúa (Santa Maria da Feira), falaranos da súa experiencia á fronte deste evento, o maior de Artes de Rúa que se celebra en Portugal, e un referente internacional.
    Nacido en 2001, o Imaginarius aposta tanto por grandes producións internacionais como polos creadores locais, ofrecendo estreas de creacións orixinais, e unha competición de proxectos de artistas emerxentes (na sección Mais Imaginarius). Sexa pola súa presenza na Circostrada Network, sexa polo conxunto de parcerías con outros festivais, ten feito de Santa Maria da Feira a capital portuguesa das Artes de Rúa.

  • Visita á Oliva Creative Factory, en  São João da Madeira. Nas instalacións rehabilitadas dunha antiga metalúrxica xurde este proxecto innovador, orientado a fomentar o emprendemento creativo. Dispón de espazos dedicados á arte contemporánea (con exposicións permanentes e temporais), á formación (cunha escola de danza) e á celebración de eventos.

  • Mesa redonda, de volta no Porto, sobre cooperación cultural internacional: Susana Marques + Carlos Martins + Cristina Farinha.

    Susana Marques: directora desde hai 15 anos da empresa de consultaría e xestión cultural Setepés. É consultora da Unión Europea e foi coordinadora do proxecto Art on Chairs, de innovación creativa no sector do moble. Impartiu aulas na Escola Superior Artística do Porto e no Curso de Experto en Xestión Cultural da USC.

    Carlos Martins: socio fundador da empresa de consultaría Opium. Foi presidente do Conselho de Administração da Sociedade de Turismo de Santa Maria da Feira S.A., director executivo de Guimarães Capital Europeia da Cultura 2012 e presidente da ADDICT (Agência para o Desenvolvimento das Indústrias Criativas da Região Norte).

    Cristina Farinha: experta en politicas culturais e membro, entre outros organismos, do panel de seguimento e selección das Capitais Europeas da Cultura. Ex-directora executiva da ADDICT, imparte aulas no Mestrado em Gestão de Indústrias Criativas e no Curso de Experto en Xestión Cultural.

Domingo, 8 de maio.