Marco europeo e cooperación cultural internacional. Cristina Farinha.

Por Belén García Pichel.

Na súa aula do venres, Cristina Farinha falounos fundamentalmente de como se estrutura o financiamento destinado á cultura na Unión Europea e máis concretamente do programa Europa Creativa, asunto que centrou a maior parte da sesión.

Despois dunha interesante introdución sobre a súa experiencia laboral, sempre arredor do sector cultural ao longo de vinte anos, Cristina introducíunos no tema facendo un resumo da constitución e historia da Unión Europea. No caso que nos ocupa, a cultura, os estados teñen a soberanía polo que ao igual que a educación ou o medio ambiente, son áreas complementarias e é o principio de subsidariedade o que rixe á UE. Polo tanto, a UE só pode financiar proxectos conxuntos de varios países e varios colaboradores. A cuestión da movilidade e da cooperación é o principio fundamental das axudas que aporta a UE.

EUROPA CREATIVA:

Europa Creativa é o novo programa da UE para o período 2014-2020 destinado a impulsar os sectores cultural e creativo, cun presuposto global de 1.460 millóns de euros. Un orzamento moi reducido en opinión de Cristina dado o inxente número de proxectos que concurren.

O programa tenta pór solución aos problemas duns mercados fragmentados, ás dificultades, polo tanto, que poden ter artistas e operadores culturais de entrar neses novos mercados.

As prioridades de Europa Creativa son:

– A movilidade transnacional tanto dos profesionais do proxecto creativo como da obra resultante.

– O aumento de públicos así como un maior intercambio entre artistas e estes, unha maior comunicación entre o emisor e o receptor. Neste sentido hai unha aposta clara polas novas tecnoloxías.

– A capacitación: as actividades de formación e as actividades con novas tecnoloxías.

As liñas de apoio de Europa Creativa:

CULTURA:

– Proxectos de cooperación. O 98% do orzamento para cultura está destinado aos proxectos de creación. A convocatoria é anual.

– Tradución, publicacións. Cunha convocatoria entre dúas ou tres veces ao longo dos sete anos que dura o programa.

– Plataformas e redes.

MEDIA2016 04 29 sesión Cristina Farinha - Fotos Nela 1

Destinado a festivais, videoxogos… Esta liña de apoio ten unha lóxica de industria pura e conta cun orzamento maior ca a área de cultura.

CROSS-SECTORIAL

Apoio máis puntual, neste caso adicado a proxectos que teñan que ver cos refuxiados.

Os criterios de avaliación:
Existen dous tipos de proxectos: os de pequeno e gran formato. Os primeiros han de contar con tres colaboradores, finánciase ata o 60 % do orzamento e a cantidade máxima aportada será de 200.000 €. Os segundos terán un mínimo de 6 colaboradores, finánciase o 50 % do orzamento e a cantidade máxima aportada será de 2.000.000 €.

Os proxectos puntúanse da seguinte maneira: 30 puntos para a relevancia, 30 para a calidade dos proxectos, 20 para a comunicación e outros 20 para o apartado de colaboradores.

Nesta parte Cristina insistíu en algo que pode parecer obvio pero que é de vital importancia para calquera proxecto: a concreción e clara definición do mesmo. É fundamental un plan do proxecto que contemple os obxectivos, o equipo co que imos contar, os colaboradores (por que eses e non outros), os públicos e por suposto os resultados.

Unha vez rematada toda esta explicación detallada do programa Europa Creativa xa non quedou tempo para moito máis que enumerar e dar unha pequena explicación doutros programas promovidos pola UE como o ERASMUS, COSME,  H2020 ou ERDF.

Emprendemento nas industrias culturais e creativas. Fernando Prieto

O pasado venres tivemos no Curso a Fernando Prieto, emprendedor no sector dos contidos dixitais e consultor de crowdfunding. Licenciado en Dirección e Administración de empresas polo CUNEF de Madrid, foi durante 8 anos director da Fundación Caixa Galicia da Coruña. É socio de Estudio Gato Salvaje, a primeira produtora de videoxogos española que presentou o seu proxecto en Kickstarter, a maior plataforma de crowdfunding do mundo. Isto levoulle a fundar a consultora Start Your Business International Consulting, SYBIC, en 2013, para axudar a que outros proxectos españois se poidan presentar en Kickstarter.

A súa sesión valeunos para avanzar no financiamento dos proxectos, coñecendo as diversas opcións de crowdfunding.


“Todo o mundo ten, alomenos unha vez na vida, unha gran idea”. O que importa, di Fernando, é o que fagamos con ela.

Á hora de elaborar propostas orzamentarias hai que ser prudentes. Cando se disparan os prazos, dispárase proporcionalmente o custo dos proxectos. E canto máis altos sexan os orzamentos, maior será este incremento.

O que adoita pasar, cando estamos a xestar un proxecto propio, é que infravaloramos os custos e somos demasiado optimistas nos ingresos.

Tendemos a pensar que a nosa criatura terá unha grande acollida, que “medio millón de persoas estará agardando a que saia”. Sen embargo, esta é a parte máis complicada e cara: xerar audiencias.

2016 04 22 sesión Fernano Prieto - Foto Nela 4O habitual é ter que investir cartos en chegar ao público. Hai casos de marcas que teñen a súa audiencia xa fidelizada e, polo tanto, case asegurado o éxito de saída. Fernando ponnos o exemplo de videoxogos feitos por deseñadores que teñen millóns de seguidores, e que non terían o mesmo impacto que o noso produto, a pesar de que o produto fose o mesmo. O éxito, polo tanto, non é extrapolable nos produtos cando obviamos o factor audiencias. É importante ter presente isto, e contemplar a publicidade sempre no orzamento.

Á hora de financiar de xeito tradicional un proxecto contabamos co primeiro círculo, a familia e amigos, para un apoio económico inicial. O segundo era o banco. As entidades bancarias, como negocios que son, ven dúas cousas cando acodes a eles cun proxecto cultural: un risco moi alto e a carencia de criterio para avaliar a calidade do mesmo e as posibilidades de éxito. Fernando fálanos aquí, como se de ciencia ficción se tratara, do Royal Bank de Canadá, que ten unha división só para análise de videoxogos, con 25 analistas de proxectos ao seu dispor.

Dentro do préstamo bancario existen os préstamos participativos, que teñen a vantaxe de que non precisan aval. Son créditos brandos. Algo a ter en conta se temos presentes as estatísticas que din que 9 de cada 10 proxectos fracasan.

Hai, máis alá dos bancos, distintas opcións para que pedir financiamento de proxectos creativos: os socios inversores. Entre eles, falounos do modelo incubadora, o Bussiness Angel (que arrisca con nós converténdose no noso socio, por proxectos de menos de 50.000€) e o Venture Capital (que cubre un rango máis ambicioso; a partir dos 50.000€). O interesante é a franxa que se move entre estes dous últimos, porque nos ofrece opcións de combinación:

Se tivesemos entre mans, por exemplo, un orzamento de 100.000€, poderiamos pedir 10.000 € a 10 financiadores diferentes, de xeito que se a estadística se cumpre, polo menos un deles terá éxito. O que se fai, nestes casos, para que ese 1 que triunfe recupere a perda dos outros 9 é investir en proxectos máis arriscados, de xeito que o noso financiador vexa o 100% de rendabilidade.

Fernando fálanos aquí dun proxecto que se está a desenvolver en San Francisco. Un equipo enteiro trasladouse alí para crear, non un videoxogo, senón un novo motor de videoxogos. Ao seu financiador compénsalle o elevado custe desta inversión porque, de ter éxito, o retorno será incalculablemente máis alto que se se tratara dun proxecto máis modesto e conservador.

2016 04 29 sesión Fernando Prieto -foto Nela 1

Logo de repasar estes modelos clásicos de financiamento abordamos o crowdfunding.

Este novo modelo comezou no crowdsourcing (GNU/Linux, Mozilla Firefox,…), que nace en EEUU.

Fernando explica que no sistema estadounidense “se non está prohibido, está permitido; mentres que aquí, baixo o burocratizado modelo napoleónico, está prohibido todo o que non está permitido”. A nosa lexislación é moito máis ríxida. O que en EEUU é considerado unha doación, aquí considérase compravenda, o cal implica un contrato. É unha mentalidade ben diferente a americana: non se permite a mentira, pero si o fracaso. Na península habendo factura, un fracaso pode implicar accións legais.

O crowdfunding de recompensa en España compromete de maneira legal. O formato americano, pola contra, amosa xenerosidade. Fernando fálanos do exemplo dun produto lanzado en EEUU que sufríu un erro na súa distribución física levando á case total perda de fondos. O responsable da campaña rehipotecou a súa casa para que o produto chegase a todos aqueles que participaran aportando cartos. A gratitude desta xente foi tal que a seguinte campaña tivo un apoio sobrecolledor.

Fernando fai fincapé en que á hora de empregar esta plataforma hai que saber axustar. Coller o que precisamos, non a totalidade do presuposto. A tasa de éxito varía en función da natureza do produto. Pero se algo ten de positivo é que minimiza o fracaso: “O crowdfunding é a maneira máis barata de fracasar”.

Outra das vantaxes deste modelo é que permite a validación de produto. Cando lanzamos unha campaña, podemos conseguir un muestreo gratuíto a partir das opinións dos usuarios, que nos pode servir para reorientar o proxecto.

Fernando introduce a continuación a plataforma que tan ben coñece: Kickstarter. Nela, pódense clasificar os proxectos segundo a área á que pertenzan. A tasa de éxito adoita estar entre o 6 e o 10%, segundo as visitas. Este dato facilita o cálculo de impactos que nos fan falta nun lanzamento e investir en publicidade (pop-ups ou facebook). Este, insiste Fernando, é un punto sumamente importante no que falla a maioría da xente.

A compañeira Carolina Blanco quere saber neste punto o desglose de impostos dunha campaña. Isto inicia unha completa explicación: Cada país ten o seu imposto, de xeito que teríamos que recoller por cada usuario que colabora na nosa campaña o que lle corresponde dependendo da súa procedencia. A plataforma non facilita esa información polo que a tributación dos impostos se convirte un problema. Fernando puxo o exemplo de casos de fracasos debidos a este inconveniente e aos atallos que se adoitan tomar pala salvalo.

Existen, porén, grandes plataformas como Apple ou Steam, que reteñen o IVA que corresponde a cada usuario.

A continuación falamos de Equity, modelo de crowdfunding no que o colaborador se convirte en socio. As aportacións aquí oscilan dos 100 aos 1.000€. Ao tratarse dun rango maior, as plataformas contan cun sindicato de accionistas, para evitar blanqueos ou fraudes e protexer, asimesmo, aos usuarios que entran de accionistas.

En Equity hai que presentar un plan de negocio. Isto implica máis traballo e esixe certas nocións empresariais. Pero serviría para impulsar proxectos de importante calado.

O mercado anglosaxón, indícanos Fernando, é nun 80% empresa privada, e nun 20% pública. Xusto á inversa que o español. Plataformas como esta poderían axudar a revertir os números.

Non se trata dos públicos; todo produto ten o seu público. O problema adoita ser a campaña asociada ao produto, non o produto en si.

Aquí comparte Fernando a súa propia experiencia e aprendizaxe no lanzamento dos seus videoxogos: dos erros na identificación de públicos, e de como se subsanaron.

Finalmente, achéganos certas claves da distribución de produtos dixitais. Que opción escoller e cal é a canle máis axeitada? Amósanos algúns editores ou publishers que ata hai ben pouco copaban a canle.

Hoxe a democratización dos medios permitíu a autopublicación. Agora trátase de facer balance entre os pros e os contras de conceder unha porcentaxe dos beneficios a cambio de visibilidade no mercado ou non facelo.

A aula rematou cunha reflexión sobre os hábitos de consumo en todos os ámbitos culturais: música, cine, videoxogos, etc.

Foi esta unha sesión na que se nos abríu unha nova dimensión das opcións crowdfunding, moito máis ampla da que estamos afeitos a enxergar. E decatarnos de que hoxe en día temos as ferramentas necesarias se queremos xogar nas ligas superiores.

Patrocinio e mecenado. Beatriz Fontán.

2016 04 15 sesión Beatriz Fontán - Fotos Ana C_edited-1Por Ana Mª Costas Carbajal.

Comezamos esta estupenda sesión identificando cada quen o seu grao de enerxía (que nalgúns casos non chegaba nin a un 2) e escribindo nun post-it que agardabamos desta clase.

“Implicar ás empresas é un fin social”: dende esta premisa queda claro que temos que ampliar a implicación económica nun proxecto máis aló da parte meramente pública.

Pero esta implicación privada, sempre sen perder a independencia na xestión e dende unha visión poliédrica do patrocinio.

Partimos da diferenciación entre patrocinio (que pode ser público ou privado), e mecenado. O primeiro, dende a chamada responsabilidade social corporativa, con cuestións sociais, culturais, medioambientais, etc, persegue unha contraprestación. O mecenado, non: ten lugar de forma desinteresada.

Unhas indicacións para captar fondos públicos ou privados, son: facer un listado de patrocinadores sensibles. Saber quen é a persoa responsable de analizar as propostas e os tempos cos que conta para atendernos. Hai que dar unha boa información do retorno que o evento aporta a ese organismo.

Destes contactos faise unha criba. Se conseguimos un compromiso, o ideal é a tres anos, ou alomenos acadar unha continuidade que nos permita non só este evento puntual, senón “chegar ata a cociña” e sumar e facer equipo coa entidade cara a futuras colaboracións.

Pero a entrada dun patrocinio non pode supor a perda da autonomía do proxecto; a proposta ten que construirse dende as dúas partes (“apareamento”); os fondos se solicitan, non se rogan.

A proposta de patrocinio ten que ir moi datallada, e ser capaz de captar a atención nun primeiro momento, adaptando sempre o discurso ó receptor, e sempre facendo fincapé en cal é a nosa proposta de valor.

Nun dossier (envoltorio) nunca pode faltar: que, cando, e onde. Os obxectivos do noso proxecto e o posible oco ou baleiro que cobre. Tamén un orzamento ben detallado, onde figuren os ingresos que se prevé percibir e a inversión humana e económica que nós estamos a facer.

Con todo, o financiamento vía sponsor non debe superar o 30% para acreditar a viabilidades do proxecto.

Cales son os motivos das empresas para patrocinar unha acción? Tratamos de definilos nun post-it: a imaxe de marca, publicidade, incremento nas ventas, repercusión mediática, …

Hai sete motivos: xera un retorno (imaxe de marca, reputación), supón unha vantaxe cara a competencia no uso dunha liguaxe publicitaria non convencional; un recoñecemento emocional da marca, resulta máis económico que unha campaña de comunicaión ó uso; xera un tipo de evento único, se asocia de forma natural a marca con outras entidades oficiais (Xunta., Consellería de Cultura, Xacobeo….) e supón unha aproximación territorial co público da marca.

Temos que facer unha importante labor pedagóxica xa que as marcas descoñecen bastante o ecosistema cultural. O ideal é que o patrocinio se integre no plan de comunicación da marca, que sume, de maneira que te siga tendo en conta a longo prazo.

Hai que aproveitar que dentro do marketing hai un auxe inxente do chamado marketing da xeración de contidos.

Despois do descanso pasou a contarnos anecdotas de patrocinio e estratexias nalgúns proxectos concretos nos que ten participado (festival Port Amé-rica, Música no Claustro, Gala Mestre Mateo, como manager de Berrogüetto…). Acabamos a sesión cunha valoración de Beatriz no patrocinio de cada un dos nososo proxectos subindo por turnos os grupos ó estrado.
Aplausos xerais.

Avaliación e continuidade dos proxectos. Presentación e contraste na aula.

Por Carlos Varela Ulla.

8 de abril: Día Mundial do Pobo Xitano.
A súa cultura é tamén o noso patrimonio.

A sesión do venres 8 de abril prometía ser interesante e así foi. Foi una “tarde 2×1”. A primeira parte dedicada á exposición da evolución dos nosos proxectos e a segunda a tratar o tema da avaliación dos proxectos culturais.

OS NOSOS PROXECTOS…NUN PARÁGRAFO

A proposta pedagóxica deste curso de experto aséntase na idea de “aprender compartindo”: unha das accións que mellor expresa esta idea é a de expoñer o progreso dos nosos proxectos para entre todos aportar melloras, novas ideas e críticas construtivas. Permítemos “testar” os nosos progresos e descubrir as nosas carencias. Resumir desde a perspectiva do “notario da sesión” cada exposición nun parágrafo é unha síntese inxusta por deficiente pero interesante para saber si captamos sinteticamente a idea en acción de cada proxecto. Intentámolo?

2016 04 08 sesión de presentación proxectos- Fotos Nela 6

O Equipo 6 co proxecto do “Mapa emocional de Fisterra” abríu a tarde. Seguindo o exposto antes do nadal, puidemos apreciar en detalle a dimensión turístico-cultural que unha audioguía colaborativa, en permanente construción polos seus protagonistas(especialmente os máis novos) pode ser un recurso cultural moi atractivo ao servizo dun territorio.


2016 04 08 sesión de presentación proxectos- Fotos Nela 7

O Equipo 1 expuxo o proxecto de “LavacOLLA”. Un proxecto interxeneracional que a través do audiovisual como soporte, pretende mellorar os lazos da comunidade parroquial desta parroquia compostelá. Presentado con moito dinamismo fixeron dos seus 5 minutos unha panorámica integral deste proxecto.


2016 04 08 sesión de presentación proxectos- Fotos Nela 8O Equipo 3 contounos o seu proxecto de “Ponte na Historia” de Pontedeume cos Mómaros. No marco da Festa das Peras, a máis importante do concello, pretenden iniciar a parte pública do seu proxecto para recuperar e revalorizar o rico patrimonio da terra dos Andrade. O fundamento do seu proxecto basease no traballo previo de documentación. A experiencia de percorrer un roteiro cultural, dinamizado en puntos estratéxicos con actividades culturais “xeolocalizadas”, acompañados por unha guía ilustrada farán que os veciños e os visitantes apreciemos o rico patrimonio desta vila coruñesa.


2016 04 08 sesión de presentación proxectos- Fotos Nela 2O Equipo 4 invitounos a xogar ao trompo. Presentou o seu proxecto de “A Xogar ao Parque… de Bonaval”. Orientado a dar novos usos aos espazos naturais urbanos propuxo a formación dun equipo de mediadores lúdicos (movemento gamer) que dinamizasen unha serie de entrenamentos en xogos populares galegos para como colofón desta primeira experiencia piloto, rematar cun torneo e gymkana no marco do parque de San Domingos de Bonaval. A idea de protexer e revitalizar o patrimonio inmaterial e sentimental dos galegos e composteláns é unha obriga dun concello Capital da Cultura Europea e dunha cidade declarada pola UNESCO Patrimonio da Humanidade.


2016 04 08 sesión de presentación proxectos- Fotos Nela 5O Equipo 5 tivo que afrontar o cambio radical da súa idea inicial e nos indicaron as liñas xerais da súa idea para darlle un uso cultural e autoxestionado á recuperada Casa da Xuventude de Santiago de Compostela. Están na fase de diagnóstico, analizando os axentes a implicar, as metodoloxías a seguir, os modelos de xestión do público. A liña que queren marcar de seguro que dará moito que falar na cidade. Facer da Casa da Xuventude un “espazo experimental e autoxestionado” para creadores e o tecido social da cidade é un reto enriquecedor para eles e para todos nós. Estaremos atentos e colaborando!


O Equipo 2 cunha presentación moi dinámica presentou o seu “LixArte”. Un proxecto a desenvolver no compostelán Polígono Industrial do Tambre que combina patrimonio industrial, reciclaxe e innovación de produtos a través da convivencia de creadores nas empresas. A través da dinamización in situ pretenden enriquecer a vida sociocultural dos miles de traballadores e empresas que convivindo no Polígono non teñen tempo a participar da creación e difusión das intervencións culturais.

2016 04 08 sesión de presentación proxectos- Fotos Nela 1

Pero para que presentamos os nosos proxectos? En primeiro lugar para contar o que imos desenvolvendo desde a idea inicial ata o momento, incorporando os contidos do curso e facendo da aprendizaxe unha experiencia significativa no noso proceder de xestores e xestoras culturais. En segundo lugar para enfrontarnos ao reto de presentar en público o que traballamos en grupo; e sendo xa todos experimentados non hai quen nos quite os nervios de falar e compartir en gran grupo. E terceiro é máis relevante para someternos ao xuízo dos docentes do noso curso.

Nesta ocasión Marcos e Sergio ao final de cada intervención, sumaron as súas valoracións fixando as nosas perspectivas na organización operativa dos proxectos e sobre todo nas eivas dos orzamentos presentados. En xeral todos superamos esta proba, mais queda afondar na xestión económica (que non só son os cartiños!) para facer viábeis os nosos proxectos.


A AVALIACIÓN DE PROXECTOS CULTURAIS

Á volta da merenda Marcos Lorenzo invitounos á reflexión sobre a parte máis importante dun proxecto cultural e que por distintos motivos ás veces obviamos: A avaliación.

2016 04 08 sesión de presentación proxectos- Fotos Nela 4Unha exposición clara e atinada que deu resposta sintética ás preguntas que todo xestor/a cultural debe facerse:

Que é avaliar? Que se avalía nun proxecto cultural? Para que avaliamos? Ten valor a avaliación? Como podemos avaliar? Con que podemos avaliar? Cando avaliamos? Como medimos os nosos resultados? …

Visionado o video de Jordi Pardo na videoteca do portal de Gestió Cultural da Universidade de Barcelona (onde contamos con moitas aportacións interesantes para o noso propósito de formarnos como xestores e xestoras da cultura en Galicia), Marcos aportou as súas respostas ás preguntas que nos facemos sobre a avaliación e rematou coa súa experiencia real de avaliar proxectos, procesos e “servizos” culturais na Cidade da Cultura.

Como práctica fixemos por grupos un exercicio de “definir indicadores de avaliación” para os nosos proxectos.

Como íamos ben de tempo pensabamos en rematar algo antes máis xurdiu algo moi interesante un pequeno pero interesante debate aberto sobre como contar os resultados cando estes son “negativos”. Non sei a vós pero a min ter tempo para “aprender debatindo” fai do curso unha experiencia máis enriquecedora.

Vémonos o venres…

Unha visión da cultura desde a economía. Pau Rausell

Presentábase o recoñecido experto en economía da cultura, Pau Rausell, chanceando sobre as dificultades que tería en impartir a aula en galego, aínda que, cunha refinada ironía ¨marca da casa¨, deixaba caer que estaría disposto a facelo en valenciá de ser suxerido polos alí presentes. As expectativas que xeraba esta primeira sesión do trimestre final do curso eran altas e abofé que foron cumpridas cun traballado discurso, encravado nunha elegante retórica, digno dun dos grandes investigadores en economía cultural desta diversa península.

Antes, o tradicional repaso dos coordinadores do curso polos eventos que se deixaron vivir nas últimas semanas e os que se achegan: desde a esperada viaxe ¨extraoficial¨ do vindeiro mes ata a introdución das próximas aulas nas que se abordarán temas tan interesantes coma a cooperación internacional e a financiación dos nosos proxectos a través do patrocinio, do crowdfunding, o mecenazgo, etc. Seremos quen de conseguir un bo patrocinador que nos axude a facer realidade os nosos traballos?

Despois dun extenso resumo dos proxectos máis recentes (http://www.econcult.eu/) levados a cabo desde o departamento de economía aplicada da Universitat de Valéncia (moitos deles por encargo directo do Ministerio de Cultura) proseguía Pau Rausell cunha básica definición: ¨A economía é a ciencia que trata de explicar o comportamento (cultural) dos individuos¨. Desde a visión do economista, ¨non nos interesa por qué unha persoa consume cultura ou non, senón como poderiamos facer para aumentar ese consumo¨. Aquí entra en xogo o individualismo metodolóxico ligado ás escollas racionais (rational choice) das persoas, nas que interfiren certas restricións (presupostarias, sociais, legais, persoais, etc.), que condicionan a nosa toma de decisións á hora de consumir un ben ou servizo cultural (preferencias).

Como pode un economista cultural mudar o nivel de preferencias dun usuario/a? É unha tarea que se torna complicada, afirmaba o docente, cando os niveis de democratización da cultura son actualmente baixos. Por exemplo, á pregunta “como poderiamos facer para que a xente acuda máis ao teatro?” Desde a visión dun economista deberiamos traballar sobre as restricións que fan que non acudan, en especial, cando sabemos que a esas persoas lles gusta moito o teatro (ou calquera outra manifestación cultural) pero non van por algún motivo.

marta e pontón¨Hai certa impostura nos individuos en determinadas respostas que fan que as estatísticas nunca sexan 100% fiables¨, – afirmaba con certa ironía. Así como un denominado 2º nivel de preferencias, que nos leva ao autoengano, cando dicimos, por exemplo, que nos gustaría que nos gustase algo (coma a lectura). En definitiva, a clave está en que o economista debe romper as restricións que condicionan o comportamento dos individuos na toma de decisións e maximizar a utilidade (valor) nas preferencias ou eleccións dos consumidores culturais.

Para isto existen diversas ferramentas de medición que nos axudarán a aproximarnos a estes valores – adiantaba gráficamente. Podemos falar, entre as máis relevantes, das contas satélite da cultura e os estudos de impacto económico. As primeiras serven para medir o peso da cultura na economía, produción e emprego en comparación con outras actividades económicas. O impacto económico determina o valor monetario dos bens e servizos culturais en relación aos beneficios sociais que xenera (Frey, 2000). Ambas ferramentas son moi recurrentes no eido académico, pero tamén son moi uilizadas á hora de deseñar as políticas culturais públicas, as que se tornan aínda ineficaces e regresivas (destinadas á clase media e media-alta). Un cambio de modelo é posible entre a cidadanía!


Coa reflexión ao redor das políticas culturais públicas e o alto grado de conservadorismo actual, por moito que se fale de innovación, comezabamos a segunda parte da tarde abrindo o espectro da cultura á participación cidadá como parte da
dimensión intrínseca do capitalismo cultural. Como podemos ampliar os nosos grados de liberdade cultural? A ampliación das nosas capacidades de decisión está directamente relacionada coa satisfacción dos nosos dereitos culturais: SER, PARTICIPAR, ACCEDER, EXPRESARSE e COMUNICAR. Porque cando facemos comunidade, aumenta o noso benestar e a nosa felicidade.

¨A orixe do valor simbólico, económico e social é un proceso de construción social onde son TAN NECESARIAS a participación da creación, a mediación e o consumo/uso/participación.¨ Creatividade, tolerancia e desenvolvemento cultural deberían ser conceptos imprescindibles no ámbito das políticas culturais europeas. Estes termos pódense consultar de maneira extensa no libro Cuáles son las necesidades humanas de Jon Hawkes, unha das moitas lecturas recomendadas por Pau Rausell na tarde do pasado venres.

Demasiados contidos en tan pouco tempo para resumir toda a sabiduría que nos transmitiu este experto en economía da cultura e ao que foi un verdadeiro pracer poder escoitar. 2016 04 01 sesión Pau Rausell - foto Vicente 2Desde unha visión máis económica, quedámonos coa idea de que TODO SE PODE MEDIR, pero fagamos o esforzo entre todos e todas para que conte tanto o aspecto cualitativo coma o cuantitativo en canto ao que as políticas culturais se refire.

Rematarei cunha reflexión sobre a labor dos xestores culturais no ámbito da cooperación cultural internacional, a cal é a de fomentar e difundir o diálogo entre as diferentes culturas para que exista un respeto mutuo ante as diferencias multiculturais da nosa sociedade globalizada. Este é o obxetivo principal dos principais actores como a UNESCO ou a Agencia Española de Cooperación Internacional para o Desarrollo (AECID), dúas institucións fundamentais para a obtención de datos estatísticos fiables cos que poder medir os impactos económicos das políticas culturais. Traballar por un desenvolvemento sostible das culturas capaz de reducir a pobreza, que fomente a cohesión social e a igualdade de dereitos e que produza un diálogo intercultural a través da alfabetización moral, a cultura e o medio ambiente.