Presentación e contraste dos anteproxectos do alumnado. Mesa redonda cos profesionais da cultura Encarna Lago, Julio Gómez e Vítor Belho

Por Marta Gómez.

Derradeiro día de clase antes do Nadal. Esta foi unha clase distinta e especial, dende a súa localización ata o seu contido. Atopámonos no Consello da Cultura Galega para realizar a presentación dos nosos anteproxectos. Alí, esperábannos uns oíntes de excepción: Encarna Lago (xerente da Rede de Museos de Lugo), Vítor Belho (socio consultor de Nordesía e director de Womex) e Julio Gómez (director de Sinsal Audio).

Cada un dos grupos, presentamos os nosos proxectos en formato pechakucha, o que propiciou o dinamismo, as imaxes cativadoras, unhas cantas risas e moitos aplausos. Tras comentar o aprendido durante a diagnose dos distintos emplazamentos, falamos das ideas que estabamos a barallar e a dirección que seguirían os proxectos. Este foi o momento no que os expertos, posicionados cal xulgado dun talent show, fixéronnos saber as súas impresións, recomendacións e asesoramento profesional.

A pesar da sensación de que podían darlle a un pulsador e facer aparecer unha gran X vermella sobre as nosas cabezas, no momento en que comezaron a falar, todo foron palabras alentadoras, trucos, e incluso breves brainstorming! A cercanía nos comentarios e a sinceridade, resultaron na mestura perfecta para darlle un novo impulso aos proxectos.

No breve descanso tralas presentacións, palpábase a emoción entre os compañeiros, a tranquilidade do traballo feito e a ilusión renovada polos respectivos proxectos.

Finalmente, desfrutamos dunhas palabras acerca do estado actual da profesión de xestor cultural, promulgadas nunha mesa redonda polos nosos expertos.

2015 12 18 sesión contraste proxectos - foto Marta G.

Julio Gómez reflexionou acerca da fiscalidade dos traballadores culturais, debido ao especial réxime formado por autónomos, traballadores temporais e creadores. Resaltou tamén a necesidade dunha maior permeabilidade do sector cultural con outros sectores, dado que resultaría moi fructífero fomentar a relación con consellerías como Industria, Turismo ou Enerxías Renovables; dando lugar a unha mellor consideración e profesionalización da Cultura (que actualmente carece de sector propio). Para exemplificar esta situación, salientou o feito de que os traballadores culturais son remitidos ao réxime da construcción, en cuestión de riscos laborais.

Doutra banda, Encarna Lago puxo de manifesto que a fase de construción de infraestruturas xa está completa, sendo necesario centrar a atención no potencial creativo: pasar de tocar a forma a tocar o fondo. A súa visión do xestor é a de “posibilitador”, débese programar coas persoas e non para elas. Para Encarna o importante é amar o que fas, xa que a cultura é algo que apasiona, e partindo disto, traballar con estratexias de naturalización; o seu método: ÉTICA, TÉCNICA e EMPATÍA.

Non podemos deixar de lado ao púlico, senón que hai que dotar de poder á cidadanía, programar con eles e xerar rendabilidade. En lugar de centrarnos no emprego de enormes espazos e infraestruturas, debemos pór en valor o patrimonio real que está en desuso.

“A transversalidade é fundamental, non xestionamos etéreos”.

Os seus últimos consellos: darse a valer, dicir NON á gratuidade da cultura, crear marca, xuntarse cos comúns e tender pontes aos diferentes.

En terceiro lugar, Vítor Belho captou a nosa atención coa súa primeira frase: “Temos problemas dabondo, non temos falta deles”. Resaltou que o concepto de cultura está maltratado e prostituído, históricamente, vén marcado por quen o conceptualiza. A día de hoxe, percíbese que a cultura é empregada como unha ferramenta política, cando debería ser un instrumento social. Deste modo, tras unha alusión ao sistema anglosaxón, no que impera un modelo mixto de xestión entre creadores e políticos, fixo fincapé na busca dun sistema no que non exista tal control sobre a vertente creativa. Isto é, apartarnos desta “xestión puramente política” e romper co illamento do resto de sectores: “ser máis incisivos en que non poden decidir por nós”.

Os xestores culturais deberían deixar de lado o estigma de “marchantes” e dignificar a profesión destacando a utilidade social; pór sobre a mesa o componente ideolóxico da cultura como instrumento transformador e renovador da sociedade.

2015 12 18 sesión contraste proxectos 2 - foto Marta G.

Por último, recibimos as recomendaciós finais: empaparnos e nutrirnos doutros modelos, de proxectos e referentes de fóra. Abrirnos, saír fóra de “nós”, das nosas fronteiras,… “CONTAMINARNOS”.

Despois dunha xornada tan diferente, a miña sensación é de que os cambios están por vir no mundo da cultura. Dirixímonos cara un modelo que pon o acento na colaboración e participación, na comunidade, a cidadanía e a retroalimentación con outros sectores, en pos dunha transformación da sociedade.

Por Marta Gómez.

Canto nos custan as ideas? Bases para o deseño orzamentario. Miguel Martín.

Por Quique Vázquez Martínez.

Azul, amarelo, verde, vermello… cores e máis cores van enchendo pouco a pouco a miña cabeza, con tendencia de por si ao colorido, a través das clases das tardes dos venres, que xa teñen gañada a súa aspa no meu calendario.

Dinámicas de grupo, ideas para saturar, diverxer, converxer, levántate e anda… (aquí viría un suspiriño),… Mais ao achegarse o tema económico a poesía torna en prosa, o abstracto ten nome e apelidos e o castelo que cada un de nós vai construíndo no seu maxín empeza a transformarse en ghalpón no momento en que lle poñemos prezo. A idea da transmisión de coñecemento a través do visual (imaxe, imaxe, imaxe) disípase, e a estructura a, b, c de toda a vida, polo menos da miña vida, volve a casa polo nadal pintada de gris.

Miguel Martín foi o condutor desta primeira clase de xestión económica. Na primeira parte achegámonos nas puntas dos pés ao orzamento: as súas funcións (planificación, comercial, xurídica), estrutura (ingresos e gastos), a súa presentación dependendo da súa clasificación (económica, funcional, orgánica), ás diferenzas entre o orzamento das administracións públicas e das empresas privadas; e antes de ir ao sagrado café e cigarro de media xornada, Miguel propuxo un exercicio de traballo en grupo, no que tivemos que contestar varias cuestións (nome do proxecto, tipoloxía, descrición, duración, unidade ou entidade propoñente, cliente ou destinatario e [aquí cabería outro suspiriño] orzamento total).

Non foi nada fácil achegarse, aínda a sabendas de que era un suposto, á cantidade de diñeiro (sempre tan concreto el) que íamos necesitar para levar adiante un proxecto aínda en cueiros. E así, grupo a grupo, dimos conta da nosa ficha. Desde os 5.000 euros de Lavacolla ata os 300.000 euros de Bonaval, empezamos a tomar contacto co poderoso cabaleiro.

2015 12 11 - sesión Miguel Martín - foto Quique

Na segunda parte, a contratación foi a estrela (laboral temporal ou indefinida, artística, contratación externa), a pizarra empezou a encherse de números acompañados de siglas (IRPF, SS, IVE…), o terreal e particular comezaron a gañarlle espazo ao ideal e conxunto e apareceron as preguntas na aula: Pódese facturar sen ter que pagar autónomos? Cantos días de indemnización por ano traballado corresponden nun contrato temporal? E de vacacións? E tivemos incluso un “aviso a navegantes” por se a alguén se lle daba por alugar un local e se despistaba da retención de IRPF.

A práctica retomou o protagonismo e puxémonos mans a obra para facer, outra vez en grupo, a distribución de gastos e ingresos do orzamento do exercicio anterior.

Os activos fixos e a distribución do seu gasto en varios proxectos ou períodos, así como a imputación dos custos de estrutura (divisibles ou indivisibles) achegaron o final da clase. E pola miña cabeza, a esas alturas, xa pasaban cousas do tipo “poderei descontar os medicamentos do meu pai imputando a parte proporcional no proxecto? O meu pai é estructural na miña vida”.

Mísero de min, volverei ás cores que tanto ben me fan, seguirei preguntando cada vez que me propoñen, ou propoño algo no meu traballo: de cantos cartos dispoñemos? E cando precise contratar a alguén, terei claro que o salario bruto non é o salario neto, que se multiplico por 1,33 o bruto achegareime ao gasto mensual total, e chamarei a unha xestoría.

Visita ao Culturgal 2015

Por Leticia Andueza.


A oitava edición do CULTURGAL
 levouse a cabo o pasado venres 4, sábado 5 e domingo 6 de decembro, no seu habitual enclave do Pazo da Cultura da cidade de Pontevedra.

Sen cumprir aínda a década de vida, a Feira das Industrias Culturais de Galicia, pretende facer de Pontevedra o lugar de referencia para dar visibilidade á cultura galego-portuguesa; citándonos a tod*s para corresponsabilizarnos na construción da realidade cultural galega en xeral, e da consolidación desta feira como cita anual obrigada, en particular.

O eixo desta edición foi a PALABRA. A palabra en todas as súas acepcións e expresións. Palabra falada, escrita, cantada… A palabra sentida… comunicada…

A organización disque procurou trasladar esta idea de comunicación á distribución dos espazos no recinto, mellorando amplamente a experiencia dos usuarios. Deste xeito, dividiuse a programación en catro espazos ben diferenciados: Foro, Libro, Infantil e Carpa. Todos abeirados por expositores tanto do eido público como do privado, mais unha proposta gastronómica orixinal á par que saborosa, que puxo a guinda.

Semella tarefa imposible abranguer nunha soa entrada, a cantidade inxente de propostas culturais de valor que se achegan, durante estes tres días, nun mesmo recinto. Mais abofé que os axentes máis representativos da escena cultural galega debían estar alí, e alí estaban: nesta sorte de feira de profesionais aberta ao público.

Unha manchea de compañeir*s da segunda edición do Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural, Presumimos de Culturgal nunha sesión opcional que consistiu nun xantar conxunto e o posterior percorrido polo recinto feiral.

2015 12 04 xantar pontevedra 2

Pasamos unha tarde para non esquecer entre novidades editoriais, fonográficas, audiovisuais e escénicas.

Non o sabíamos o venres, pero ao momento de escribir este post podemos afirmar que o Culturgal 2015 foi un éxito de asistencia, tanto de público como de axentes, e que estamos fronte ao evento máis significativo do calendario cultural deste país; consolidando así a súa proposta de valor: ser o maior e máis relevante escaparate das creacións culturais made in Galicia.

Tendes eiquí un vídeo resumo do noso paso polo Culturgal 2015:

Enlaces de interese:

Galería de imaxes 8ª edición.

Arquivo das pasadas edicións.

Mapa de expositores 2015.