Foto de Xela Rodríguez 7hCoop

Sesión final do Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural 2014-15

O CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea) acolleu a última sesión desta primeira edición do Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural na USC, na cal o alumnado presentou e contrastou os proxectos e estudos de caso nos que estiveron a traballar durante os últimos meses.

Unha parte importante da experiencia do Curso baséase en “aprender facendo” e na colaboración en equipo. Seguindo esta premisa, dende o comezo das aulas unha parte do alumnado estivo a deseñar varios proxectos dende cero, co apoio dos titores do Curso. Así, despois de defender en decembro unha primeira proposta ante docentes e expert*s en activo, durante este 2015 definiron unha estratexia de financiamento para facelos viables, contrastaron a súa viabilidade e presentaron agora os plans de comunicación e lanzamento.

Os proxectos que se deseñaron foron: Moe o Son, intervención cultural en muíños rehabilitados de Porto do Son; En-vite un proxecto audiovisual e sociocultural de posta en valor da historia do barrio de Vite, en Santiago de Compostela; Terra Loba, proposta transmedia e de turismo cultural arredor das lendas previas ao Camiño de Santiago; e Cóntocho, que persegue o obxectivo de rescatar o patrimonio inmaterial dunha bisbarra, a través do diálogo interxeracional e empregando as tecnoloxías móbiles. No tramo final incorporouse tamén un proxecto de recuperación dunha sala autoxestionada en Santiago de Compostela, #euvoltoáYago e un proxecto gráfico cultural, o Galeguipsum.

Outra parte do alumnado realizou estudios de caso sobre as estratexias de comunicación de diversos proxectos e entidades, como son o Marco de Vigo, Festival de Cans, Museo do Pobo Galego e as Festas do Barrio de San Pedro (Compostela).

 

Foto de Raúl Marín

Posteriormente, compartimos reflexións sobre o traballo no sector cultural en Galicia nunha conversa aberta na que nos acompañaron Clara Rodríguez de 7H Cooperativa Cultural, Quique Costas e Fran P. Lorenzo.

E xa para rematar, dixemos adeus definitivamente a esta primeira edición do Curso indo tod*s de xantar (e festa) de despedida!!  ;)

 

 

* A foto de cabeceira é de Xela Rodríguez de 7Hcoop e a do corpo do post do compañeiro Raúl Marín.

Manuel Gago e a divulgación cultural na rede

A última aula do Curso foi conducida por Manuel Gago, profesor de xornalismo na USC, director de culturagalega.gal (o portal divulgativo do Consello da Cultura Galega), fundador de patrimoniogalego.net e autor do blog decano da rede en Galicia: Capítulo Cero, con información sobre arqueoloxía, gastronomía ou viaxes.

Gago dividiu a súa exposición en dúas partes ben diferenciadas: unha primeira dedicada a analizar a divulgación cultural en Galicia, e unha segunda arredor da función e significación do patrimonio (os castros) na actualidade.

Para Manuel Gago a xestión cultural é un oficio en constante reinvención, e que por tanto precisa da I+D e require dunha actualización permanente. Para ilustrar ese proceso de renovación, serviuse da historia do portal web culturagalega.gal. Os diferentes deseños de culturagalega.gal ao longo do tempo pódense consultar na web archive.org, que preserva a memoria da rede.

Pois ben, nun principio culturagalega.gal (por entón “.org”) estaba ateigado de contidos, mostrando todo o material do que dispuñan da redacción. Dando os primeiros pasos, observaron con sorpresa como as visitas se incrementaban notablemente ás 03:00 AM. Tempo despois repararon en que se trataban de visitas desde Arxentina, podendo comprobar a vizosidade e o carácter global da comunidade galega. Paréntese: a día de hoxe, con ferramentas máis precisas para identificar a orixe das visitas, pódese constatar como *s principais usuari*s da páxina atópanse en (por esta orde): A Coruña, Santiago, Madrid, Vigo, Londres, Pontevedra, Barcelona, Lugo e Ourense.

Pasado algún tempo decatáronse de que debían pasar de ser xornalistas a expertos en documentación, poñendo a disposición da xente os seus fondos dunha maneira sinxela e atractiva. O último dos cambios no deseño da web foi provocado pola confirmación de que lograran pouco engagement (non se interactuaba nin se xeraban debates nin retuiteos). Preguntáronse por entón se non estarían a producir demasiada información, indixerible pola audiencia.

Desde hai poucas semanas dispoñen dun novo deseño onde tratan un tema semanal e as noticias se reducen (menos e de menor extensión), nun afán de posicionarse con maior intensidade nas redes sociais.

Ligado a isto, Manuel Gago explicounos que cada vez menos persoas acuden aos medios directamente, e cada vez máis buscan un contido concreto a través de facebook ou twitter. Así mesmo, está caendo a audiencia dos medios de comunicación en papel, pero tamén nas súas versións dixitais. En canto á presencia da cultura nos medios galegos, 3/4 das noticias refírense a contidos non galegos, e na meirande parte deles a sección de cultura estase a diluír en seccións máis amplas (entretemento, xente, tendencias…). En xeral os medios galegos resisten polo seu vínculo territorial, polo cal as redaccións de “local” dificilmente se achicarán.

E rematou Manuel a primeira parte cuestionándose se existe un público da cultura per se. Ao seu xuízo, máis ben hai áreas específicas de interese (literatura, ciencia, arte contemporánea, música, audiovisual…) que son moi pouco porosas entre si.

Na segunda parte, Gago falounos do seu traballo na ciencia arqueolóxica, máis en concreto arredor dos castros e de como estes se foron significando popularmente ao longo dos séculos. Do seu punto de vista, os castros deberan ser considerados como un equipamento público máis, cun papel na vertebración da comunidade local e da súa memoria colectiva, alén da súa mera utilidade turística. O tramo final da clase dedicouna a mostrar algúns exemplos de dinamización comunitaria a través da recuperación de castros, como nos casos da Torre dos Mouros (Lira), Castro de Mallou (Carnota) e Croas de Niñóns (Ponteceso).

Foto Lucía Pita

María Yáñez e a contorna dixital: comunidades e creación colectiva

Celebramos unha nova sesión adicada á comunicación na contorna dixital, pero desta volta analizando a perspectiva das novas lóxicas de comunidade e as posibilidades de creación colectiva, non só de contidos, senón tamén de proxectos en común. Para falar de todos estes temas convidamos a María Yáñez, especialista en contidos dixitais e en distribución e promoción audiovisual en internet.

María é licenciada en Xornalismo e Máster en Estudos Culturais e Literarios, leva máis de 15 anos traballando en cine, televisión e internet, e explorando as interseccións entre estes medios. É socia e co-fundadora de A Navalla Suíza, empresa de comunicación dixital, e co-editora de EMBED.at, publicación en torno ao audiovisual integrado. Traballa de xeito independente como profesora de novas narrativas dixitais (MPXA, ESCAC, UNIA…) e tamén deseñando e executando estratexias de contidos dixitais e comunicación online para distintos proxectos relacionados co audiovisual. O seu último proxecto é Screenly, unha plataforma de distribución de cine en salas baixo demanda.

 

Comezamos a aula debatendo arredor do que consideramos “contido dixital” e as súas particularidades. Os contidos perderon o seu “valor industrial” e a súa importancia atópase cada vez máis ligada á experiencia que podemos vivir a través deles. Por outra parte vimos tamén como sobra oferta e o que falta é tempo e capacidade de atención.

O acceso aos contidos, polo tanto, xa non é o reto, tampouco o seu consumo convencional. Búscase agora estender a experiencia e lograr niveis maiores de engagement (implicación) por parte das persoas usuarias. Neste sentido foi interesante o repaso polos distintos niveis da cadea do compromiso e a participación (ver fotografía).

2015 05 22 maria yañez - fotos alicia padin6_peq

 

Actualmente tod*s (potencialmente) somos prosumidores (produtores + consumidores) e isto provoca que moitos aspectos da comunicación e incluso da economía estean mudando cara unha lóxica de colaboración entre iguais (p2p). Analizamos tamén as distintas motivacións que fomentan a nosa participación, así como a diferencia entre esta e a simple interacción.

Arredor do debate sobre a participación, María recomendounos a obra “Memecracia” da xornalista Delia Rodríguez, que na súa presentación comparte a seguinte reflexión: “Memecracia é o sistema no que vivimos inmersos. Un mundo no que internet multiplicou a información e os medios de comunicación tradicionais fallaron. Un lugar desconcertante no que as ideas que logran captar a atención cidadá e guiar o seu comportamento non son as mellores, nin as máis nobres, nin as máis útiles, nin as máis veraces; só son as máis contaxiosas.

 

Como non todo pode ser dixital, entramos posteriormente en diversos formatos, neste caso presenciais, que nos permiten traballar dende a orientación crowd. En concreto parámonos sobre todo no formato hackathon, orixinario do sector da programación (informática) e que integra os conceptos de maratón e hacker. Trátase de experiencias colectivas e colaborativas de formato intensivo, curta duración e cun obxectivo común, xeralmente prototipar posibles aplicacións e solucións a unha problemática proposta inicialmente. O resultado compártese de xeito aberto, para que outra xente poida seguir co proceso. Un exemplo que vimos foi Popathon.

 

Aínda que xa non se dan o volume de proxectos que xurdiron entre 2008 e 2012, falamos tamén dos proxectos audiovisuais colaborativos. Neste tipo de propostas vimos que paradoxalmente canta máis liberdade se ofrece, menor adoita ser a participación. O recomendábel é propoñer un reto cunhas regras predeterminadas e que permitan colaborar cun esforzo razoable. Algúns exemplos que revisamos foron “Life in a day“, The Are You Happy? Project, The Johnny Cash Project, ultrasound.dev.ber.to, #18DaysInEgypt ou eufalo.tv, no que traballou a propia María.

Comentamos tamén unha liña de traballo que se abriu na rede de Aulas CeMIT para traballar na alfabetización dixital de persoas adultas. Para lograr este fin empregaron como fío condutor a recuperación de memoria fotográfica, audiovisual ou de historias persoais e da propia localidade. Ademais de cumprir os obxectivos de adquisición de competencias básicas como escanear, editar imaxes, subir contidos a internet, etc., os proxectos adquiriron unha dimensión sociocultural moi potente de recuperación da memoria común.

 

O primeiro que comentamos nesta liña foi Memoria de Muller, da que xa non existe web pero dos que todos os vídeos seguen dispoñibles en youtube. Outros proxectos que o segueron foron Riotorto no Tempo, desenvolvido por A Navalla Suiza, que posteriormente liberaron, permitindo a descarga do código desta ferramenta, o que serviu de base para novos proxectos como Memoria de Sada ou Fálame de San Sadurniño.

Nunha liña similar estaría o Proxecto Socheo, creado na Guarda no 2011 para localizar, inventariar e estudar os arquivos audiovisuais gravados na comarca do Baixo Miño. Recentemente participaron na creación da Red de Cine Doméstica, formada por nove iniciativas de todo o estado dedicada á recuperación, conservación e difusión do cinema doméstico nos seus diferentes soportes.

Xa para rematar a sesión contrastamos con María os distintos proxectos que están a desenvolver os equipos na aula. Nese momento saíron exemplos de documentais expandidos como Living Los Sures, a partir do cal vimos como a motivación para a participación soe ser máis potente nun momento de conflito, que neste caso foi o proceso de xentifricación deste pequeno barrio de Brooklyn.

Outras mostras moi interesantes de traballos nos que colaborou e que vimos neste tramo final foron o da web da escavación arqueolóxica do Castelo de Rocha Forte e a plataforma en internet da compañía escénica Chévere: redenasa.tv.

 

 

* A foto de cabeceira foi realizada por Lucía Pita e a do corpo do post por Alicia Padín.

Rubén Bastón, marketing dixital e medios sociais

Nunha das sesións máis amenas do Curso, polo estilo desenfadado do convidado, recibimos a Rubén Bastón, responsable de Marketing e Comunicación en Elogia. Coordinador de equipos, relator e profesor de medios sociais e marketing online, Rubén tamén é un apaixonado do baile e da música tradicional galega.

 

Empregando o VI Estudio Anual sobre Redes Sociales en España, realizado por IAB Spain e Elogia, comezamos a aula falando sobre medios sociais e as distintas implantacións e perfil de usuarios que teñen as maioritarias no noso territorio.

Seguindo coas redes sociais, sinalou tamén algunhas das claves sobre as que funcionan: a colaboración, a democratización, a comunicación bottom-up, a meritocracia, o beta perpetuo e a transparencia. A maiores comentou que a participación dos usuarios en calquera rede é desigual, cunha minoría que aporta contidos e unha maioría que actúa como meros espectadores.

De entre a mareira de términos anglosaxóns que invadiu a aula, destacou a importancia que Rubén lle deu ao inbound marketing, co obxectivo de atraer usuarios a través da xeración de contido de valor, cun claro compoñente emocional.

 

Entramos a continuación nas claves para xerar unha estratexia efectiva de marketing social, para o cal empregamos o enfoque do modelo POST.  Con el analizamos en primeiro lugar cal é o noso público (people), despois definimos os nosos obxectivos (objectives), a continuación a estratexia para logralos (strategy) e finalmente escolleremos as ferramentas que nos permitan desenvolvela (technology).

Aínda que pareza obvia esta secuencia, resulta demasiado habitual ver como se comeza polo final, abrindo por exemplo un perfil nunha rede social sen analizar antes a quen nos diriximos e polo tanto, se esa ferramenta é a máis interesante para o noso público.

Dentro dos obxectivos, revisamos os principais que podemos marcar: reach (quero chegar a máis xente), leads (quero conseguir cousas dos demais), loyalty (quero que sempre conten comigo), advocacy (quero que falen ben de min), branding (quero que me recoñezan), curation (quero que o usuario reciba só o que precise) e intelligence (quero aprender da comunidade).

De cara a definir as estratexias, recomendounos tres pasos básicos: imaxina, constrúe e mide. Afondamos tamén no traballo de Malcolm Gladwell, especialmente no seu libro “The Tipping Point: How Little Things Can Make a Big Difference” (2000), onde se empregou por primeira vez o término “viral”, ao realizar unha analoxía entre as epidemias virais e as epidemias sociais. Unha epidemia viral depende do axente, a forza do virus e o ambiente mentres que a viralidade dun contido na rede (epidemia social) depende das persoas (lei dos poucos), a forza do movemento (o factor pegañento) e o contexto en que se desenvolve, xa que deben existir tamén unhas condicións que favorezan a expansión.

Retomando de novo o VI Estudio Anual sobre Redes Sociales en España, puidemos analizar cal é o nivel de implantación, intensidade de uso, segmentación e outros moitos detalles que nos permiten identificar as plataformas (technology) máis adecuadas.

Finalmente, a modo de estudo de caso próximo, comentamos a campaña de crowdfunding para o disco da Asociación Cultural na que participa Rubén: Elelelos.

Participando en Zinc Shower 2015

Arredor do Curso desenvolvemos diversas actividades co obxectivo de coñecer novos proxectos, nov*s profesionais e en definitiva, crear rede. Sen dúbida, unha das máis interesantes foi a viaxe ao ZINC SHOWER 2015, en Matadero Madrid.

Diego Parajó, socio de Xeneme Proxectos Sociais, xunto con África Rodríguez, co-xestora e fundadora do Coworking-Pontevedra Espacio Arroelo, desenvolveron un obradoiro dentro da programación oficial da feira, como parte da colaboración entre os promotores do Curso e a organización de Zinc Shower. Co título “Dinamizar – Empoderar – Dinami(t)ar: como activar procesos colectivos” descubrimos como as comunidades e organizacións enfróntanse aos retos e como podemos usar eses procesos como disparadores do cambio e o emprendemento social e cultural.

 

 

* A foto de grupo na entrada da Nave 16 de Matadero é autoría de Xela Rodríguez – 7Hcoop. Graciñas!