Héctor Pose e a acción cultural local

Nesta aula acompañounos Héctor Pose, doutor en psicopedagoxía, profesor da Universidade da Coruña, ex-técnico municipal de cultura do Concello de Malpica, co-impulsor do proxecto Interea e especialista en cultura e cidade.

A sesión estivo dividida en tres partes: planeamento estratéxico en cultura, Axenda 21 da Cultura e presentación de proxectos culturais imaxinativos e innovadores. Ao comezo da aula, Héctor advertiunos que a súa exposición se ía centrar na cultura desde o sector público, aínda que faría referencia a boas prácticas desde o ámbito privado.

 

O planeamento estratéxico en cultura é un método de elaboración de políticas culturais que fai énfase na conectividade e o traballo en rede, na posta en valor dos recursos dunha localidade e na confluencia dos esforzos do goberno local cos axentes económicos e os axentes socioculturais. Parte da consideración de que a cultura non é un feito illado no territorio senón que está mergullado no ecosistema local ao que pertence. Algúns dos principais obxectivos do planeamento estratéxico en cultura son: 1) axudar a gañar competitividade e calidade de vida; 2) reducir incertezas e anticipar cambios; 3) alentar a participación da poboación; 4) xerar capital social comunitario; 5) afondar na corresponsabilidade das partes; 6) visualizar mellor as prioridades e retos do municipio.

 

Antes de explicarnos as chaves da Axenda 21 da Cultura, Héctor preguntouse o por que da disparidade de políticas culturais entre concellos galegos, ás veces limítrofes. Unha das respostas estribaría na falla duns métodos, coñecementos e formación en políticas culturais compartidos entre *s responsables polític*s, técnic*s municipais, representantes asociativ*s, etc. Así, o impulso das iniciativas culturais estaría condicionado á boa vontade ou ao voluntarismo de individuos ou pequenos colectivos, o que a longo prazo supón unha febleza. A este respecto, lembrou que a única obriga legal no ámbito da cultura para os concellos de máis de 5.000 habitantes é a de dispor dunha biblioteca municipal.

A Axenda 21 da Cultura é un documento que recolle unha serie de principios e recomendacións sobre políticas culturais urbanas. Foi elaborada dun xeito participativo por representantes de máis de 500 cidades. Algunhas ideas – forza son: a procura dun proxecto cultural consensuado, a valoración da diversidade, a concepción da política cultural como un quefacer cívico – social, a aposta por proxectos transversais (entre diferentes departamentos do municipio) e a creación de partenariados público – privado – sociais.

 

Na terceira parte da clase Héctor Pose expuxo algúns exemplos de boas prácticas en xestión e políticas culturais:

Libraría Nova Colón, na Coruña. Espazo de encontro afectivo e educador, con alta rendibilidade social (que por desgraza vén de pechar).

Cámara Municipal de Portimão: citou dous exemplos de iniciativas valiosas. Por unha banda, o proceso participativo para decidir os usos dun edificio público (que finalmente se dedicou a arquivo e biblioteca). Durante as obras, o valado informou de todo o proceso e da historia do inmoble. E por outra, os mupis de información coa oferta cultural estival, e que agrupan as programacións públicas, privadas e asociativas.

Fantasiarte (en Palmela, sur de Lisboa). Actividade educativo – cultural para nenos de 0 a 16 anos e que se estende durante todo o curso académico. O traballo realizado é exposto a final de curso no Teatro São João.

Creative Cities: rede de profesionais da xestión cultural en Canadá.

– En Deià (Mallorca), organización de faladoiros de pequeno formato entre veciños e veciñas do pobo e artistas consagrad*s.

Arts@Leeds. Interesante programa de creación de novos públicos.

Disonancias (Euskadi). Antecedente do proxecto “Conexiones Improbables“, de busca de vías de colaboración de artistas e pensador*s con empresas, estimulando a innovación e a creatividade das mesmas.

Teatro Veciñal (Concello de Ferrol). Proxecto de dinamización teatral dos barrios e zona rural de Ferrol, co obxectivo de crear novos públicos para as artes escénicas, favorecer o xurdimento de novos talentos da escena e facilitar a expresividade popular arredor das problemáticas da comunidade.

Interea. Programa de investigación, formación, encontro e divulgación sobre a xestión cultural na provincia da Coruña. Impulsado pola Deputación Provincial da Coruña e as Universidades de Santiago e A Coruña. Entre 2001 e 2008 foi o principal espazo provincial de encontro entre técnic*s municipais de cultura, responsables polític*s, artistas, investigadores e tecido asociativo, contribuíndo a vertebrar o sector. Experiencia que foi presentada en Europa e América como unha boa práctica internacional e que serviu de inspiración a outras semellantes en diversos países.

A aula concluiu cun debate aberto sobre a profesión de xestor/a cultural na actualidade.

 

Vermú con… Jaume Colomer

En colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural e outros colectivos profesionais galegos, abrimos unha serie de encontros informais con docentes foráneos que participan da nosa iniciativa formativa. A idea é establecer un punto de encontro, sen periodicidade fixa, pero que nos permita compartir un vermú/café entre profesionais, estudantes e coa participación de personalidades de referencia para a nosa profesión, superando o formato de charla unidireccional.

Despois das primeiras citas con Roberto Gómez de la Iglesia e Susana Marques, contamos nesta ocasión con Jaume Colomer, profesor da Universitat de Barcelona, consultor cultural e unha das referencias en xestión de públicos da cultura, temática sobre a que xira a conversa.

 

jaume-colomerLicenciado en Filosofía e Letras, Jaume Colomer é Profesor Asociado do Departamento de Teoría e Historia da Educación da Universitat de Barcelona, onde imparte as materias Xestión Cultural, Estudo de públicos e políticas de programación.

Dende o ano 2003 é Director de BISSAP, consultoría de xestión cultural especializada en artes escénicas. Coordina a secretaría técnica do Cercle de Cultura e de La Unión de Asociaciones Empresariales de la Industria Cultural Española. É Comisario de Mercartes 2014, Asesor do Goberno do Perú para a xestión do Gran Teatro Nacional e director da editorial Cuadernos Gescénic.

Anteriormente foi Xerente da empresa Tres per 3, S.A. dedicada á produción e exhibición de espectáculos teatrais en Barcelona (1999-2003) e Director de Servizos de Educación, Cultura i Cooperación do Concello de Sabadell (1996-1999), como tamén tivo diferentes responsabilidades directivas nas Áreas de Mocidade, Asuntos Sociais e Deportes do Concello de Barcelona (1979-1995).

É tamén autor de diversas publicacións sobre cultura e educación, e colaborador habitual da revista Artez onde publicou máis de 50 artigos sobre xestión escénica. En Cadernos Gescénic publicou: (2007) “A xestión das artes escénicas en tempos difíciles” e, xunto con Jordi Selas, (2009) “Mercadotecnia das artes escénicas. Creación e desenvolvemento de públicos”. A súa última publicación é (2012) “Guía legal e financeira das artes escénicas en España, do Instituto Autor”. Ten activo un blog sobre “Os públicos da cultura“.

 

  • Cando e onde? Sábado 14 de marzo de 2015 ás 12:00 na zona vella de Compostela (o local será comunicado ás persoas asistentes).
  • Como inscribirse? Escribindo ao correo do Curso: formacion@xestioncultural.com
  • Custe? De balde para asociad*s de colectivos profesionais convidados.
  • Prazas limitadas

 

.

.

Jaume Colomer, os públicos da cultura

Iniciamos un novo módulo coa visita de con Jaume Colomer, profesor da Universitat de Barcelona, consultor cultural e unha das referencias en xestión de públicos da cultura, temática sobre a que xirou principalmente a aula.

Na sesión abordáronse aspectos clave como o propio concepto de públicos culturais, os procedementos para identificalos e coñecer os seus intereses, gustos e necesidades, as finalidades e estratexias de xestión que podemos aplicar, as oportunidades que nos ofrece a aplicación das metodoloxías e ferramentas da mercadotecnia, así como o proceso de elaboración dun plan de xestión de públicos.

 

* Foto principal por Raúl Marín

Financiamento cultural, unha ollada ás sesións de presentación de proxectos con patrocinadores

Aínda que estamos xa inmersos no último trimestre, facemos unha pausa para recuperar a experiencia do recente peche do segundo módulo do Curso, o dedicado ao financiamento cultural.

Na primeira parte da sesión, na aula da Facultade de Económicas, os equipos expuxeron os seus proxectos para sometelos ao contraste avaliador do resto de compañeir*s.

2015 03 06-07 presentacion-aula

O equipo de Moe o Son na presentación ante compañeir*s na aula

Unha parte importante da experiencia do Curso baséase en “aprender facendo” e na colaboración en equipo. Seguindo esta premisa, dende o comezo das aulas unha parte do alumnado está a deseñar catro proxectos dende cero, co apoio dos titores do Curso. Despois de defender en decembro unha primeira proposta ante docentes e expert*s en activo, durante este comezo de 2015, definiron unha estratexia de financiamento para facelos viables.

Os proxectos en marcha actualmente son Moe o Son, intervención cultural en muíños rehabilitados de Porto do Son; En-vite un proxecto audiovisual e sociocultural de posta en valor da historia do barrio de Vite, en Santiago de Compostela; Terra Loba, proposta transmedia e de turismo cultural arredor das lendas previas ao Camiño de Santiago; e Cóntocho, que persegue o obxectivo de rescatar o patrimonio inmaterial dunha bisbarra, a través do diálogo interxeracional e empregando as tecnoloxías móbiles.

Outra parte do alumnado realizou estudios de caso sobre as estratexias de financiamento de diversos proxectos e entidades, como son o Marco de Vigo, Festival de Cans, Museo do Pobo Galego e tamén unha comparativa entre o financiamento en espazos auto xestionados en Galicia e noutras experiencias foráneas.

 

Ao día seguinte desprazámonos ao Centro Sociocultural de Vite, onde nos acompañaron María Garrido, directora de marketing de Bodegas Martín Códax; José Luis Maestro, director de competitividade na Axencia de Turismo de Galicia; e Teresa Otero, animadora sociocultural no CSC de Vite.

Durante a primeira hora, celebramos unha mesa redonda onde coñecemos as liñas de traballo das persoas convidadas e debatemos sobre os principais criterios á hora de tomar a decisión de apoiar un proxecto.

Xa para finalizar, realizamos unha serie de simulacións de entrevistas con María, José Luis e Teresa como responsables de potenciais entidades colaboradoras, nas cales tres dos equipos tiñan que presentar o seu proxecto e intentar pechar unha proposta de colaboración.

O exercicio permitiunos traballar sobre moitos aspectos deste tipo de entrevistas, así como contrastar posteriormente coas persoas convidadas como vían os proxectos que está a desenvolver o alumnado. O equipo de Terra Loba apostou por unha presentación con pantalla ante José Luis Maestro, Moe o Son e En-vite desenvolveron un formato de entrevista de despacho ante María Garrido e Teresa Otero, respectivamente.

Con todo este retorno, os equipos deberán agora afinar os seus proxectos e deseñar unha estratexia de marketing e comunicación para o seu lanzamento. Seguimos!

* Parte das fotografías (as boas) foron realizadas polo compañeiro Raúl Marín ;)