Definindo equipos e aproximándose aos aspectos legais

O pasado venres 31 de outubro quedaron definidos os equipos que traballarán xuntos durante as vindeiras semanas e adicamos a primeira parte da aula ao traballo práctico sobre os seus proxectos. Os titores do Curso, Sergio Lago e Marcos Lorenzo, foron os encargados de conducir a sesión.

Unha vez posto en común o traballo de diagnose realizado durante a semana, debatíronse e perfiláronse mellor as ideas, obxectivos e principais destinatarios, avanzando na esencia do proxecto: que imos a realizar, a quen vai destinado, que necesidades pretendemos cubrir e os principais argumentos de defensa da nosa proposta.

 

 

No último tramo da sesión realizamos unha aproximación ás obrigas legais que pode atoparse un xestor cultural na súa actividade. Neste sentido, fixemos mención en varias ocasións á excelente “Guía de boas prácticas da xestión cultural” da Asociación de Profesionales de la Gestión Cultural de Cataluña (APGCC). Outra fonte de referencia é a biblioteca técnica e lexislativa que está a xerar a Asociación Galega de Empresas de Servizos para Eventos (AGASE).

Coñecimos tamén os aspectos máis significativos dos dereitos de autor e dos dereitos dos usuarios no contexto das actividades culturais, así como os diferentes marcos de traballo para operar legalmente como xestores culturais. Neste último punto parámonos especialmente nas contas do freenlancismo cultural, no tsunami de iniciativas animando  ao emprendemento cultural e creativo e, finalmente, no auxe do cooperativismo cultural en Galicia, unha forma empresarial que actúa tamén como ferramenta para a transformación social.

E arrancamos cos proxectos…

O pasado venres (24 – out) foron os titores do Curso, Sergio Lago e Marcos Lorenzo, os encargados de conducir a sesión. Como xa é habitual, iniciamos a clase repasando o aprendido na semana anterior, resolvendo dúbidas e avaliando o funcionamento do Curso.  A continuación Sergio e Marcos mostraron nun pantallazo a estrutura do proxecto que debemos elaborar no Curso, explicando o sentido de cada un dos seus apartados.

000-estrutura-base-proxectoO proxecto tipo foi dividido en dous grandes bloques, un descritivo, no que se atopan a Introdución, a Fundamentación, os Obxectivos, os Destinatarios e as Entidades Colaboradoras, e outro bloque operativo, do que forman parte os apartados de Metodoloxía, Accións, Resultados Agardados, o Calendario, a Localización, Recursos, Orzamento, Avaliación e Seguintes Pasos a Dar. Ademais, mencionáronse unha serie de documentos internos (que non é preciso compartir con clientes ou destinatarios) de gran importancia á hora de definir o proxecto, como son o Diagnóstico, a Estrutura Organizativa, o Plan de Produción, o Plan de Financiamento e os plans de Marketing, Comunicación e Medios.

Posteriormente, cada equipo desenvolveu unha choiva de ideas para comezar a definir a temática sobre a que se traballará ao longo do Curso. As ideas preliminares foron expostas e recollidas na pizarra, como podemos apreciar na seguinte imaxe.

Aula 24.10.14

Logo do descanso, Sergio e Marcos explicaron algúns proxectos “reais”, aprobados e executados. Non tanto como plantillas ou receitas a seguir ao pé da letra (a natureza dos temas que abordan e o perfil dos clientes aos que se dirixen fan de cada proxecto algo único), senón para mostrar diferentes opcións que poidan inspirar á aula. En concreto, Sergio expuxo algúns elementos sobre as orixes e as chaves de funcionamento do Culturgal, a feira galega das industrias culturais, da que foi director. Así mesmo, explicou someramente o proxecto Fábrica de Sel, en Muros, ligado á cultura mariñeira e ao patrimonio industrial das conserveiras.

Pola súa banda, Marcos centrouse na fase de conceptualización do FIOU, o Festival Internacional de Orquestras de Galicia, unha iniciativa a medio camiño entre a verbena tradicional e un macrofestival de pop-rock. O FIOU celebrouse en Cea (Ourense) en 2010, no marco do Xacobeo, e perseguía dignificar a festa e a cultura popular, así como servir de oportunidade de desenvolvemento local e visibilización da Galicia interior.

Para rematar a sesión, os equipos xuntáronse de novo para planificar a busca de información esencial (datos, documentación, ideas…) para cada un dos seus proxectos, con vistas á elaboración do Diagnóstico. Esta dinámica de traballo continuará o venres, 31 de outubro. Estamos pois dando os primeiros pasos, os equipos comezan a rodarse e os proxectos a coller corpo.

(* Foto destacada de Raúl Marín, compañeiro da aula) 

Participación con Ana Lorenzo de Cidadanía | Foto de Alicia Padín

Ana Lorenzo: identificación de necesidades e participación social

Na pasada sesión (17 de outubro), Ana Lorenzo introdociunos na fase inicial de todo proxecto cultural: a identificación de necesidades, a elaboración dun diagnóstico e o fomento da implicación das comunidades e destinatari*s no deseño e execución dos proxectos.

Comezou a clase desvelando a súa intención de refutar a célebre pirámide de necesidades sociais de Maslow. Seguindo unha táboa de Max-Neef argumentou que as necesidades humanas son iguais para todas as persoas, o que difire son os medios para alcanzalas (os denominados “satisfactores”). Así mesmo, mostrou como as necesidades, sexan materiais ou morais, están ligadas entre si e non se poden disociar.

A continuación, ensinounos algunhas técnicas de investigación social útiles para o traballo dunha xestora cultural. A comezar pola enquisa, que nos prové de datos, seguida da entrevista, que nos facilita as explicacións sobre os fenómenos que acontecen nunha colectividade, e das técnicas participativas, que empoderan aos destinatarios dos proxectos culturais ao darlles voz e facelos cómplices e parte activa nos mesmos.

A terceira parte da clase (Ana dividiu a sesión en “6 movementos”) consistiu nunha análise de datos secundarios a partir do Anuario de Estatísticas Culturais do Ministerio de Cultura. Coas conclusións que fumos tirando sobre a evolución recente do sector cultural en España, elaboramos un DAFO (unha táboa que permite diferenciar elementos positivos e negativos, internos e externos, baixo as etiquetas “Debilidades, Ameazas, Fortalezas e Oportunidades”).

O cuarto movemento foi unha análise de discurso a partir de fragmentos de entrevistas reais realizadas pola cooperativa Cidadanía, da que Ana é socia-traballadora.

Participación con Ana Lorenzo de Cidadanía | Foto de Alicia PadínEn quinto lugar, procedimos a debuxar un Mapa de Axentes relevantes para un proxecto hipotético de valorización da cultura rural. Así, trazamos un eixe no que as abcisas mostraban a maior ou menor afinidade co obxectivo perseguido, e as ordenadas o grao de poder deses axentes.

E por último, o sexto movemento foi de contraste coa aula, para testar canto tiñamos aprendido na sesión e se o viamos útil para o noso desempeño profesional.

En termos pedagóxicos a sesión foi moi práctica, centrada en dinámicas na aula, e onde os equipos que realizarán os proxectos do Curso tiveron oportunidade de comezar a trabar relación.

 

* (As fotos son da nosa compañeira Alicia Padín).

 

Teatro Valle Occupato | Foto: Claudio Marrucci

Juan Freire, cultura colaborativa e innovación cidadá

Nesta segunda sesión do Curso recibimos a Juan Freire, experto en estratexias de innovación e actualmente un dos promotores de Teamlabs. O obxectivo desta aula era achegarnos ao concepto de innovación aplicado á xestión cultural, así como analizar o potencial da cultura colaborativa e a innovación cidadá.

Juan comezou expoñendo algúns exemplos da crecente distancia entre as institucións e a xente, o que se acaba traducindo en moitas ocasións nun pulso entre o legal e o lexítimo. Comentamos diversos exemplos tanto de economía colaborativa coma de espazos autoxestionados. Un exemplo significativo é o Teatro Valle Occupato, o máis antigo de Italia e que en 2011 unha ocupación cidadá salvou dun incerto futuro.

 

“Algúns destes pulsos gáñanse, outros non, pero estamos ante indicios de cambio”.

 

Entrando xa no termo innovación, destacou que actualmente conviven contornas onde todo é innovación con outras onde aínda existe un departamento ou persoal compartimentado. Tamén mostrou a súa preferencia pola denominación innovación cidadá, aínda que se atope máis estendida a de innovación social, xa que “estamos nun momento onde a cidadanía está a sentirse protagonista da innovación“.

Defendeuse a innovación cidadá como marco xeral onde xorden novas innovacións tecnolóxicas. A maior forza da primeira, máis posibilidades de que apareza a segunda e a menor custe. Paradóxicamente, o poder político e económico desconfía da innovación cidadá e concibe de xeito illado o desenvolvemento tecnolóxico, aínda que para iso teña que recorrer á inxección económica directa e continua para inflar esta innovación tecnolóxica artificialmente.

 

Design Thinking, Ideo

Lugares de confluencia onde xurde a innovación (gráfico de Ideo)

 

Este fío levounos a falar dos novos espazos públicos, onde a xente se está a reunir, non para consumir ou discutir simplemente, senón para facer cousas xuntos.

Juan expuxo tres exemplos de laboratorios cidadáns, neste caso en Madrid:

  • Dende o impulso colectivo e o asociacionismo falamos de Makespace, arredor da cultura maker (e que en Galicia ten o seu reflexo nas iniciativas reunidas en OSHWDem)
  • Curiosamente o Makespace Madrid xurdiu doutro espazo que está promovido por unha institución pública, o Medialab-Prado, un lugar que comezou orientado á arte dixital, evolucionou e agora é un centro de relacións entre comunidades de todo tipo.
  • Xa como iniciativa privada, menciónase a rede de espazos de coworking Impact Hub.

 

“Os contedores están por aí, eu podo escoller o contedor, non é el o que me limita”, referíndose ás relacións clásicas con espazos institucionais e ás posibilidades de novos espazos para a cultura.

 

A mención ao Rijksmuseum deunos pé a falar xa de datos abertos. Pechado durante anos por obras, os seus traballadores dedicáronse a dixitalizar a colección, “inicialmente como mera alternativa a estar de brazos cruzados”. Co tempo convertéronse na referencia mundial en técnicas de dixitalización de obras artísticas, pero o salto cualitativo estivo na decisión de abrir os seus datos, xa que a xente comezou a desenvolver numerosas aplicacións que os profesionais do museo nin imaxinaran.

 

Regresando ás novas culturas e ás multitudes intelixentes, a cultura hacker achegou uns valores e unhas regras de goberno que marcaron as bases para as seguintes, como a maker ou a do prototipado e para novas formas de participación cidadá:

  • O consenso aproximado, que permite facer algo “simplemente se estamos de acordo en facelo”.
  • A posibilidade de facer “fork
  • Os elementos da cultura dixital, como a meritocracia, o sustento na acción, o P2P ou a conciencia de rede

Un exemplo deste traspaso dende a cultura dixital ao proxecto físico, podemos atopalo no Campo de Cebada, un proxecto veciñal de reactivación dun solar baleiro, que no 2013 recibiu o prestixioso premio Golden Nica na categoría de “Comunidades Dixitais”. Na súa xustificación, o xurado sinalaba que era un modelo onde existía un uso intensivo do dixital, pero que sobre todo consideraban que era herdeiro da cultura dixital. Xa en 2014, o proxecto galego Montenoso recibiu tamén unha mención de honra nestes mesmos premios.

 

Captura da web Montenoso

Captura da web Montenoso

 

O último bloque da participación de Juan Freire estivo xa dirixido ás dinámicas de equipo, ferramentas e posibles fases á hora de afrontar un proxecto… pero os detalles quedan xa reservados para o alumnado do Curso  ;)

Sinalar simplemente que, en contraposición á clásica estratexia de construír “dende a intuición”, a recomendación principal á hora de emprender un proxecto foi comezar “dende a evidencia”, dende a detección de necesidades, problemas e oportunidades a través dun proceso de investigación previa sobre a realidade do contexto onde imos a intervir.

Precisamente, na vindeira sesión traballaremos con Ana Lorenzo, socia de Cidadanía, sobre a  identificación de necesidades e oportunidades, descubrindo tamén como achegarnos á realidade a través da análise de datos, de discursos e das técnicas de investigación-acción-participativa.

 

Sesión inaugural do Curso: Fátima Anllo

O pasado venres, 3 de outubro, inauguramos o Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural, na Facultade de CC. Económicas da USC. Logo da presentación oficial, a cargo de Isabel Neira, Sergio Lago e Marcos Lorenzo, a primeira das profesoras convidadas, Fátima Anllo, impartiu unha clase maxistral sobre os piares teóricos da xestión cultural.

Ao longo da súa exposición, Fátima lembrounos que o traballo d* xestor/a cultural se desenvolve nun contexto social e no seo dunha organización (sexa empresa, administración pública ou asociación), e que por tanto debe ser rigoroso, partir dun diagnóstico e estar debidamente planificado. É un labor creativo, si, pero ao servizo dun interese colectivo e non (só) das nosas propias apetencias.

Durante a sesión xurdiron moitos asuntos de interese, en ocasións mesmo sorprendentes. Así, Fátima fixo fincapé en que a programación cultural non é un fin en si mesmo senón unha ferramenta máis para acadar un obxectivo cultural. Do mesmo xeito, cuestionou esa visión tan extendida segundo a cal a cultura é boa de seu, e que, en consecuencia, o gasto público en cultura está plenamente xustificado e non é preciso avalialo. Tamén argumentou que en España, contra o que se pensa, o sector cultural vive en moita menor medida dos fondos públicos que nos países anglosaxóns (o gasto liquidado en cultura das administracións españolas apenas chega ao seu verdadeiro destinatario: a cidadanía). E remarcounos que unha das funcións esenciais do xestor/a cultural consiste en dar sentido á organización na que opera.

Unha primeira xornada intensa, á espera do segundo dos nosos convidados, Juan Freire e o seu “Manifesto Crowd