Por Mariña Lestón
Este xoves 17 de outubro saímos por primeira vez da facultade de económicas da USC, para dirixirnos ao Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego, onde nos esperaba unha sesión moi completa sobre a cultura no sector público e privado en Galicia.
Esta estivo dividida en dúas partes, unha primeira onde afondamos sobre a acción cultural pública e equipamentos, da man de Fran Núñez; e unha segunda onde se trataron os retos no sector público e privado galego con Carlos Lorenzo e Emi Candal.
Se comezamos polo principio, iniciamos a sesión coñecendo as infraestruturas do Salón Teatro, centro neurálxico e histórico de gran parte do teatro galego. Logo diso dirixímonos á biblioteca do mesmo edificio onde, agora si, entramos en materia dos contidos da sesión. Desta vez, o noso anfitrión foi Fran Núñez que, entre outras moitas cousas, é actor, director de escena, e director do CDG.
A súa exposición xirou á redor das funcións desta última entidade no sector cultural galego, en concreto, nas artes escénicas. De xeito xeral, as liñas de traballo desta, divídense en tres: creación, accesibilidade e difusión. Se algunha destas tres patas falla, o sistema coxea: sen creación, o teatro non se mantén vivo; se este non é accesible, logo non respecta os valores do público; e por último, pero non por iso de menor relevancia, se non existe unha labor de difusión, a actividade non chega ás destinatarias, neste caso, o público e, unha vez máis, remata por morrer.
Logo disto pasamos a afondar en cada unha das competencias da propia entidade. A primeira delas, a creación e dramaturxia; baseada en bolsas, residencias artísticas, torneos e premios, ou a adaptación de clásicos galegos e universais. Tamén se nos informou das súas infraestruturas; constando estas do propio Salón Teatro, con talleres, oficinas, espazo de exhibición… A nave, con almacéns, espazos de ensaio, talleres… E os acordos de colaboración entre o CDG e a Cidade da Cultura, a USC ou o Centro Superior de Hostelería de Galicia. No tanto á formación e a mediación, desenvólvese un amplo traballo con proxectos como o CDGLab, da man da ESADg, no que o alumnado da Escola Superior pode desenvolver diferentes actividades en torno ás propias ofertadas polo Centro. Tamén intervencións a través de coloquios, improvisacións, publicacións, colaboracións co teatro amador, ou o programa Xuventude Crea, para xóvenes talentos.
As características no tanto á programación do CDG baséanse na pluralidade de xéneros e estilos, tendo en conta ao público adulto, a infancia, e a diversidade na oferta teatral: circo, xestual, obxectos… Tamén tratamos as bases da selección do elenco para as mesmas producións, na que algúns dos puntos a ter en conta son a interxeracionalidade, a pariedade, ou ser egresado da ESADg.
O Centro Dramático existe por obra e graza do idioma, ao igual que nós, como ben diría Castelao; así que a condición sine qua non do mesmo é a utilización do galego como lingua vehicular, máis non é a única concibida dentro do sistema, xa que, ademais das accións interiores, existen moitas outras no exterior, que fan que teña un gran impacto territorial. Algúns deles son o Proxecto Nós/Nous, levado
a cabo en galego, portugués e francés; o Proxecto Phoné, no que se traballa con linguas minorizadas e minoritarias; ou as xiras e coproducións, nas que se ten en conta a historia do noso país e, a consecuencia, os países onde moitos dos nosos antepasados e coetáneos, residiron e residen.
Por último, dentro das características do engrenaxe do CDG, está a accesibilidade. Esta é posible a través de emisións de vídeo signado durante as funcións, audiodescrición, funcións descontraídas ou o subtitulado multilingüe, entre outras ferramentas. O teatro tamén se fai accesible ao contemplar a realidade xeográfica e poboacional do noso territorio, na que gran parte do mesmo habita vilas lonxe dos movementos culturais mainstream. Isto lógrase a través de programas como o “Bus do CDG”, que achega á poboación de diferentes vilas do territorio á capital; ou descentralizando a propia cultura a través das xiras con producións e coproducións. Para información máis detallada sobre o funcionamento do Centro, deixo a seguinte das fotografías, extraída da presentación levada a cabo por Fran Núñez. Afondo deste xeito no funcionamento e as bases do Centro Dramático Galego xa que, dende o meu punto de vista, é clave coñecelas para entender como se estrutura o propio sistema teatral e, a consecuencia, gran parte da nosa industria cultural.
Retos da cultura en Galicia dende o sector público e o privado
A segunda parte da sesión foi levada a cabo por Emi Candal, socia da cooperativa Urdime e coordinadora da Sectorial de Cultura da asociación de cooperativas de Galicia EspazoCoop; e Carlos Lorenzo, técnico de Cultura de Carral e presidente da Asociación Galega de Profesioncias da Xestión Cultural. Foi a primeira delas a que dou inicio a esta, entrando en materia dos retos no sector privado.
Segundo o seu punto de vista, o problema principal reside na debilidade estrutural das entidades públicas, debido á precariedade do oficio e ao escaso número de profesionais con formación propia. É por iso que o obxectivo do sector debe ser buscar a profesionalidade e profesionalización deste. Así mesmo, unha oportunidade que a este se lle presenta é que cada vez é máis evidente a necesidade da cultura, como feito que garante a vida en sociedade, o que a súa vez, vela polo mesmo sector. Como resposta ao seu propio traballo, amosa as coperativas como a fórmula modelo que axuda a formalizar os proxectos culturais, cambiando o sistema dende o emprendimento colectivo.
Na seguinte listaxe desenvólvese como axudan as cooperativas a sacar adiante proxectos dentro das industrias culturais:
- Posibilidade de escoller o réxime das persoas adscritas (de forma conxunta): xeral/artistas/autónomas…
- Autoregulación anticipo societario, (permite á cooperativa/socias tomar decisións anticipos).
- Internalización de tarefas auxiliares e diversificación de tarefas económicas. Convivir, dentro da estrutura, perfís complementarios.
- Posibilidade de achegar recursos económicos a trarvés da asociada. Capital social a cambio dun acordo.
- Fondo de formación e promoción cooperativa.
- Medidas de fomento cooperativismo: Pago único.
Por outra banda, Carlos Lorenzo, á vez que definíu os retos no sector público, contextualizou os inicios das profesionais da xestión cultural en Galicia, defendendo que, co paso dos anos, grazas aos servizos culturais, estas puideron mellorar a súa forma de traballo; xa que nun inicio a maior parte eran animadoras socioculturais e, a día de hoxe muitas son profesionais das industrias culturais, con formación e coñecementos especializados. Grazas tamén a isto, forman parte do sector e teñen participación dentro da mediación cultural.
Desenvolvíu tamén os factores condicionantes do traballo das xestoras culturais, as funcións e os retos das mesmas:
– Factores condicionantes:
- Creación (artes e patrimonio).
- Cidadanía (débese a mediación entre profesionais e cidadanía).
- Sectores culturais (€).
- Administración pública (política e burocracia).
– Funcións: Artes escénicas, música, patrimonio, artes visuais, literatura, biblioteca, actividades, festas, letras galegas, nadal, entroido, samaín, os maios, asociacións, locais culturais…
– Retos da xestión cultural na administración pública:
- Recoñecemento social da cultura.
- Introdución das políticas culturais nas axendas políticas.
- Recoñecemento das singularidade da cultura para o seu encaixe na trama burocrática.
- Presenza da cultura no ensino. –
- Xestión comarcal da cultura.
- …
Por último, gustaríame finalizar cunha conclusión que extraio desta última parte da sesión: os proxectos de transformación social no sector cultural hai que sementalos gran a gran e coidalos, xa que deben prevalecer no tempo para ter o impacto desexado.