Cooperación, comunidades e coñecemento en rede. Con Sofía Coca

Por Sabela Brand

Na clase do día 24 de Febreiro de 2023 tivemos a visita de Sofía Coca, a responsable de xestión do coñecemento e relacións coa comunidade en ZEMOS98, e unha das impulsoras da cooperativa. ZEMOS98 é unha cooperativa nada no ano 1998 que actualmente se adica a desenvolver procesos de mediación que activan relacións entre activistas, artistas, académicas, fundacións e institucións públicas; poñendo en valor procesos políticos e culturais para o cambio social.

O primeiro que fixemos na sesión de hoxe foron unhas dinámicas de presentación. Primeiro presentámonos individualmente e despois, Sofía propúxonos unhas preguntas ás que tiñamos que contestar ensinando unha cartolina verde se pensábamos que a resposta era verdadeira, ou con unha vermella se polo contrario, considerábamos que a resposta era falsa.

A partir desta dinámica e dalgunha anécdota que nos contou Sofía, conseguimos coñecer un pouco máis ZEMOS98 e os valores da cooperativa. Pero aínda faltaba coñecer a historia, e explicóunola a través dos diferentes proxectos.

 

A súa historia en proxectos

Festival ZEMOS98 (1999 – 2015)

No ano 1998 xurdiu ZEMOS98 como asociación para crear un festival audiovisual e dixital que supoñía un espazo de investigación marcado pola cultura crítica e o avance dixital. Con el trataban de amplificar con eventos culturais, debates que xa existían na sociedade. Facer este festival supuxo traballar cunha metodoloxía na que, sen querelo, comezaron a utilizar o concepto de mediación: entender o festival como un espazo diverso e que diminúe a desigualdade.

Educación expandida (2010 – 2011)

Educación expandida, en realidade é o festival pero con outro nome. Representa o vínculo sobre a vocación de aprender en comunidade e reflectir unha tensión sobre o que senten cos espazos educativos actuais. Nesta edición do festival fixeron conferencias, talleres… e déronse conta de que non tiñan que soamente xerar eses procesos, senón que as metodoloxías tiñan tamén que axudar e tiñan que saír deses espazos académicos formais típicos. E foi aquí cando se foron acercando máis ao concepto de mediación, que para eles ten que ver con cavar túneles, con canalizar fluxos de relación.

Campaña de avais para Coop57 (2012)

O ano 2012 supuxo un gran cambio para ZEMOS98. Era o momento previo a constituírse como cooperativa. Tiñan unha débeda bancaria de 150.000€ aprox. e decidiron pedir axuda a COOP57. Con eles lanzaron unha campaña onde buscaban avalistas que puideran pagar a débeda en caso de que eles non chegaran a conseguilo. A campaña saíu ben, consolidouse o vínculo co entorno da economía social e solidaria e fundaron a cooperativa, pero sen deixar de ser asociación. Isto permitiulles manter a antigüidade e poder operar desde distintas naturezas.

 

Copylove (2012-2014)

Copylove xurdiu no contexto das mobilizacións do 15M, onde se empezou a falar moito máis dos coidados, do feminismo e de pór a vida no centro. Todo isto materializouse nun proxecto de investigación e dúas edicións do festival.

O proxecto de investigación iniciouse de maneira local, en Sevilla, como unha rede informal de xente que pertencía a asociacións, colectivos… con posicionamento feminista e querían saber que parte ocupaban os afectos e os coidados na súa práctica cotiá. Neste proxecto, xeraron unha ontoloxía que lles serviu para interpretar e reflexionar sobre estas cuestións dos afectos e os coidados.

 

 

Pedagoxía dos coidados (2016-2018)

Copylove expandiuse a formato internacional con este nome. Destas edicións sacaron un paper que se pode consultar en: pedagogyofcare.eu

Devenir Internacional (dende o 2010)

Devenir internacional foi o primeiro proxecto europeo que fixeron, colaborando coa European Cultural Fundation, e grazas a este proxecto formaron unha rede que os puxo en contacto con colectivos europeos, o que fixo máis fácil os seus seguintes proxectos europeos: Remapping Europe (2012-2014), Displaced Ion Media (2016-2018) e Medioactivism (2019-2021).

 

Proxectos actuais

Artilleria (Dende o 2019 )

O concello de Sevilla adxudicou unha licitación á entidade francesa CentQuatre para a definición dun modelo de xestión e coordinación transaccional para o centro Magallanes_ICC da Fábrica de Artillería. Este proceso está coordinado polo ICAS (Ilustre colegio de abogados de Sevilla) e co-financiado a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteriza de España-Portugal Interreg V-A POCTEP. O papel de ZEMOS98 neste proxecto é o de ser o nexo, como axente local, entre Sevilla e o CentQuatre.

Creatures (2020-2022)

No marco deste proxecto foi no que xurdiu o xogo de mesa Commonspoly, un xogo que premia a cooperación entre os participantes e invita á reflexión de maneira lúdica sobre os bens comúns. ZEMOS98 describe este xogo na súa web como “una herramienta ideal para introducir las teorías del procomún y el cooperativismo de forma pedagógica”.

Creatures é un horizonte 2020 coordinado polas universidades de Aalto e Sussex co que querían medir o impacto social de varios proxectos. No caso de ZEMOS98, quixeron medir o impacto que ten o xogo de mesa en canto ás prácticas colaborativas, modelos de cooperación e todo o que intentan reflectir no xogo.

Canceladísimxs (dende o 2020)

Canceladísimxs trátase dun proxecto diferente ao resto. É unha newsletter onde o equipo de ZEMOS98 intenta compartir a súa visión do mundo. Non soamente os proxectos en modo spam, senón comentar memes, noticias actuais…

Concomitentes (Dende 2018)

Trátase dunha colaboración que teñen con Concomitentes axudando á Unidade Pediátrica de Tenerife. Este proxecto comezou por intentar facer a contorna do hospital máis agradable para as familias e os nenos que tiñan que estar hospitalizados e acabaron saíndo varios novos proxectos: on podcast, La cuidateca e Hospitalario (un conto ilustrado coa colaboración de El Hematocrítico).

 

Unha vez comentados todos estes proxectos, fomos ao descanso e ao volver falamos das metodoloxías que usaban na cooperativa. Sofía falounos de que todos os anos realizan unha memoria económica e utilizan unha metodoloxía chamada rentabilidade social aplicada aos proxectos. Isto permite valorar a dimensión máis intanxible dos proxectos como o coñecemento adquirido, a aprendizaxe, satisfacción… E ao cruzalo coa rentabilidade económica de cada un dos proxectos sacan unha táboa onde poden valorar e debater os proxectos que realizan.

 

A mediación

A parte de mediación comezou con un clip sobre a diferencia entre a tradución literal e a interpretación. Isto serviu para exemplificar que a mediación non trata soamente de trasladar unha mensaxe, senón que a mensaxe, nese traxecto ten que ser cuestionada, mediatizada, cambiada… No propio traballo de mediación xa estás xerando discursos, a propia mediación é un “evento” cultural.

Ese “evento” que ten ZEMOS98 no que se efectúa esta mediación é Planea, un proxecto cultural que xorde por parte da Fundación Daniel y Nina Carasso, creando unha rede de arte e escola. Desde esta fundación querían dotar de recursos a unha rede para que fixera moito máis pola arte e pola escola, e decidiron investir nesta rede, que comezou como piloto na Comunitat Valenciana, Madrid e Andalucía con ZEMOS98 como coordinadores da rede estatal e da andaluza.

ZEMOS98 traballa nesta rede da seguinte maneira: van a centros educativos públicos e fan un diagnóstico xunto co equipo directivo, para ver cales son as problemáticas dese centro e cal sería o proxecto artístico que se podería propoñer no que acabase participando a totalidade do centro. Isto tendo en conta a itinerancia do profesorado, intentando que o proxecto non recaia nunha única persoa. O que intentan é xerar pequenas estruturas nos centros que despois poidan quedar ahí aínda que cambie o equipo directivo ou se marchen os profesores, que sexa unha cultura de centro.

A modo de resumo deste proxecto, das súas liñas de actuación e dos principios, deixo a continuación unha infografía que Sofía utilizou na súa presentación:

 

Para rematar a aula, visualizamos un vídeo de Anastasia Makridou que fala sobre o rol de ser mediadora:

 

Por último, para concluír, Sofía plantexounos unhas situacións reais que pasaron na súa cooperativa para debater sobre como as teriamos atallado nós e despois explicando cal foi a súa solución.

 

 

 

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


*