Comunicación cultural con Sonia Díaz e avaliación de proxectos

2014 12 12 luciaO pasado venres contamos coa presenza de Sonia Díaz, experta en comunicación cultural, e Marcos Lorenzo, titor do Curso, aos que se sumou a compañeira Lucía Pita, quen se ocupou de explicarnos un par de ferramentas útiles para a organización de tarefas (evernote.com) e o traballo en equipo (trello.com)

 

Comezou Sonia a súa exposición enumerando os elementos a ter en conta na comunicación cultural, a saber: emisor, mensaxe, receptor, código, canle, contexto e marco referencial. Para ilustrar cada un destes elementos recorreu aos exemplos de varios festivais de música: Reperkusión, SonRías Baixas, Portamérica e Resurrection Fest. Segundo Sonia, a comunicación cultural non pode ser intuitiva. Pola contra, debemos planificar a estratexia, determinar os obxectivos, identificar aos receptores e os códigos a empregar, elixir as canles, deseñar as mensaxes, emitir, retroalimentar as respostas e seguir mantendo aberta a canle.

2014 12 12 sonia 1A continuación, tomou o caso do Festival de Cans para sinalar os principais axentes a contemplar na comunicación cultural, é dicir, creador*s, distribuidor*s, produtor*s, financiador*s, mediador*s e públicos.

Así mesmo, revisamos modelos de plan de comunicación dun evento, que inclúe, entre outros os seguintes apartados: 1. DAFO e recomendacións; 2. Obxectivos cualitativos e cuantitativos; 3. Públicos: identificación e características (cun mapa relacional); 4. Estratexias e tácticas; 5. Soportes, códigos e canles; 6. Accións e materiais; 7. Cronograma; 8. Orzamento.

A intervención de Sonia concluiu cun contraste dos proxectos dos distintos equipos do Curso.

 

Pola súa parte, Marcos trasladounos os fundamentos da avaliación de proxectos culturais, empregando como manual de referencia o libro “Deseño e avaliación de proxectos culturais”, de David Roselló. Para Marcos, a avaliación é un tipo de investigación que se pregunta por todos os apartados do proxecto para tirar conclusións útiles e propoñer melloras. Un dos erros máis habituais, ao seu xuizo, consiste en confundir avaliar con fiscalizar, ou dito doutro modo, buscar culpables en vez de solucións.

Logo da introdución inicial, Marcos expuxo unha clasificación cos distintos tipos de avaliación segundo quen avalíe (interna ou externa), segundo o momento da avaliación (ex ante, intermedia, ex post, constante ou final), segundo o obxecto a avaliar (de contexto, de resultado, de proceso, de satisfacción, de equidade), segundo o método de avaliación (cuantitativa ou cualitativa) e segundo o enfoque da avaliación (reflexiva, experimental, transversal ou de opinión).

2014 12 12 marcosE a continuación describiu as distintas fases que implica a avaliación dun proxecto: fase de deseño (elaboración de indicadores e sistema de recolla da información), fase descritiva (a recolla en si da información), fase valorativa (o contraste cos valores de referencia), fase de proceso (análise das causas dos resultados), fase de toma de decisións (propostas de mellora) e fase de difusión.

Seguiu coa enumeración dos métodos e fontes para o acceso á información, como son os rexistros (estatísticas existentes, bibliografía), as medicións (conteo de persoas, entradas vendidas), cuestionarios, entrevistas en profundidade, entrevistas grupais e observacións anotadas no noso caderno de campo.

Unha vez rematada a exposición teórica, Marcos mostrounos o exemplo do ciclo literario “Galicia, Ceo das Letras”, celebrado en 2011 e 2012 na Cidade da Cultura de Galicia, e no que puidemos coñecer un cuestionario de valoración do público, así como un informe de avaliación dunha sesión do ciclo e o informe de avaliación final da edición de 2012. Posteriormente, os equipos da aula dispuxeron dun tempo para confeccionar os seus propios indicadores e expuxéronos ante *s compañeir*s.

A clase rematou cunha mostra dalgunhas memorias anuais de entidades e institucións culturais e cunha apelación de Marcos á necesidade de dotar de continuidade aos proxectos culturais, sobre todo se queremos que sexan realmente transformadores.

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


*