Introdución ao marketing cultural e técnicas de comunicación eficaz. Beatriz Fontán e Isabel Neira

O pasado 28 de novembro tivemos de novo sesión dobre. Por unha parte contamos con Beatriz Fontán, experta en marketing cultural e que nos axudou a traballar sobre as propostas de valor dos proxectos que están a desenvolver os equipos na aula. A continuación, Isabel Neira falounos das “claves para unha comunicación eficaz”, coa mirada posta xa na última sesión do trimestre, onde os grupos deberán presentar en público as súas propostas.

 

2014 11 28 beatrizfontánTendo en conta que adicaremos todo o terceiro trimestre aos aspectos específicos do “marketing cultural e da xestión de públicos“, Beatriz Fontán comezou a súa intervención realizando unha introdución xeral á terminoloxía e aspectos esenciais da mercadotecnia xeral.

Comentou que a pesar das connotacións negativas que arrastra o termo “marketing”, en realidade estamos a falar de estratexias para permitir un intercambio de bens, servizos ou coñecemento, polo que non necesariamente temos que pensar sempre en termos de vendas. Incluso nese caso, a venda dun produto ou servizo cultural pode ser un simple medio para acadar metas superiores: artísticas, educativas ou sociais. Polo tanto, a mercadotecnia non é boa nin mala en si mesma, xa que non deixa de ser unha ferramenta estratéxica para lograr os fins que nos propoñamos.

Nesta mesma liña citou a definición de Philip Kotler, o pai do marketing moderno: “Proceso social e de xestión a través do cal os distintos grupos e individuos obteñen o que precisan ou desexan, creando, ofrecendo e intercambiando produtos con valor para outros”. Esta referencia enlaza coa necesidade de que no deseño da nosa estratexia engadamos ás clásicas 4P’s (Prezo, produto, distribución (placement) e promoción) unha 5ª: as Persoas, esencial no noso sector. Partiríamos así para traballar en Cultura do “marketing relacional”.

O exemplo do Cirque du Soleil levounos a falar das estratexias do “Océano Azul”, das que nacen propostas que non teñen competencia, porque crean un territorio novo: “Se tes o mesmo punto de vista que todo o mundo, nunca crearás algo diferente”. Seguindo o fío, coñecemos o “Pensamento Lateral“, outra perspectiva que se basea en rachar coa liña dunha lóxica normal (unidireccional).

Antes de pasar á dinámica de traballo cos equipos de alumn*s, onde se definiron as propostas de valor dos seus proxectos, Beatriz reflexionou sobre a necesidade de que a estratexia de marketing saia de departamentos pechados e sexa transversal nas empresas e institucións. Este pensamento é moi similar ao que Juan Freire compartiu nunha anterior sesión, falando nese caso sobre a innovación e a necesidade de que tod*s academos unha formación básica nestas materias.

 

2014 11 28 isabelneiraPola súa parte, Isabel Neira achegouse ás técnicas de presentación e venda de proxectos, resaltando que aínda que o máis importante é a idea, o noso traballo como bos oradores pasa por identificar os obxectivos do que queremos transmitir e adaptalo ao público obxectivo ao que nos estamos a dirixir.

El medio a través do que realizamos a nosa presentación, os condicionantes do espazo, a posición que adoptamos con respecto ao auditorio, a comunicación non verbal y la conexión co público foron algúns dos moitos aspectos nos que profundizou antes de presentar algunha das características básicas do formato Pechakucha, no cal o alumnado presentará os seus proxectos o vindeiro 20 de decembro.

Falounos tamén de poñer o foco en sentir e crer firmemente no que estamos a contar, buscando tamén o estilo de presentación máis adaptado ao noso estilo comunicativo.

Outro aspecto a traballar é a empatía ou intelixencia interpersoal, esa capacidade de poñerse no lugar do outro e saber adaptar a nosa linguaxe e comunicación non verbal segundo o público obxectivo. Aquí entrarían aspectos como o entusiasmo, saber captar a atención, crear interese e ante todo, lanzar mensaxes claras, coherentes e cribles. En definitiva, temos que saber capturar a resposta da audiencia e reinventarse polo camiño, tendo sempre clara a mensaxe que queremos transmitir (IDEA) e trasladala repetidamente.

No último tramo mostrou exemplos de presentacións e resaltou que na valoración de proxectos, un aspecto de gran importancia para analizar a súa viabilidade é a solidez e complementariedade do propio equipo de traballo que defende a idea, incluso a veces máis que aspectos económicos ou do estado de madurez da proposta.

1 comentario

Trackbacks y pingbacks

  1. […] despois memoria das súas anteriores sesións no Curso, parándonos especialmente nas implicacións do marketing relacional nos novos xeitos de traballar […]

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


*