dav

Deseño operativo dos proxectos. Con Marcos Lorenzo e Sergio Lago

Por Sonia Taboada

O pasado mércores 9 de xaneiro comezamos a primeira sesión do ano da man dos titores Marcos Lorenzo e Sergio Lago para profundizar no deseño operativo dos proxectos culturais. Trala presentación dos anteproxectos na última clase do 2018, adentrámonos de cheo na seguinte etapa do noso proxecto: os apartados operativos.

Neste segundo trimestre daremos resposta ás seguintes cuestións:

  • COMO? A metodoloxía ou itinerario a seguir.
  • A TRAVÉS DE QUE? Accións
  • CANDO? Temporalización, os tempos.
  • ONDE? Localización
  • CON QUE? Recursos
  • CON QUEN? Equipo e colaboracións
  • CANTO? Orzamento
  • QUEN O FINANCIA? Plan de financiamento

 

Despois da presentación desta nova etapa, Marcos e Sergio expuxeron dous proxectos dos que formaron parte: Culturgal e Nexos. Estas programacións servíronnos para resolver certas dúbidas sobre a metodoloxía a seguir, orzamentos, etc.

Na segunda parte da sesión traballamos por equipos para comezar a definir a metolodoxía, é dicir, un plan de traballo a seguir nos nosos proxectos. Adicamos a clase a desenvolver unha planificación dos tempos do noso proxecto. Para isto hai que ter en conta o que nos levaría cada unha das fases do proxecto e así poder visualizar se o que estamos a programar é viable ou, pola contra, que facer para que sexa viable.

A recomendación dos titores foi que partiramos da data final do noso proxecto e que fósemos debullando as subtarefas, xa que a data final é a que marca todo o proceso do proxecto.

Unha sesión para reflexionar sobre por que deseñar o proxecto deste xeito e non doutro?, para quen?, para que?.  Todas estas cuestións son esenciais para reflexionar sobre a viabiliade dun proxecto cultural.

31-10-18 Alberto de Boiro (3)

Participación e cidadanía. Con Alberto García

Por Lidia Losada

A 5ª sesión formativa, que tivo lugar o 31 de outubro, foi impartida polo actual presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, Alberto García. Ademais, tamén exerce como técnico de Cultura no Concello de Boiro e, precisamente, para enfocar os contidos da primeira parte da sesión, Alberto tomou como base o traballo que se está a realizar alí no centro social.

No centro social de Boiro hai un equipo de profesionais que apostan pola cultura participativa, na que os cidadáns non son simples consumidores dos servizos ofertados. O que buscan é o traballo coas diferentes persoas e que elas mesmas sexan as protagonistas do seu propio desenvolvemento social e persoal. Trabállase en comunidade, é dicir, os proxectos levados a cabo han de ser postos en marcha coa colaboración dos cidadáns. Todo funciona mellor cando se traballa coas persoas, non para elas, sendo así o propio colectivo o que emite a actividade. Para achegarnos un pouco máis ao traballo realizado en Boiro, Alberto proxectounos vídeos nos que algúns dos participantes habituais falan da súa gratificante experiencia.

Podemos afirmar que estamos ante unha visión sociocultural do traballo que intenta que as persoas como seres sociais se impliquen para avanzar na democratización cultural. A cidadanía, ademais de ter dereito de acceso á cultura, tamén ten dereito a facela. Así, a democracia cultural proporciona a individuos, grupos ou comunidades, os instrumentos para que con liberdade, responsabilidade e autonomía poidan desenvolver a súa vida cultural.

Seguidamente, Alberto ofreceunos unha contextualización da evolución da Xestión Cultural nos últimos 60 anos, pois é importante coñecer sempre os antecedentes do momento no que nos atopamos para poder chegar a comprendelo. Por exemplo, non se poden obviar acontecementos como a crise económica, nin a revolución dixital nin as revolucións políticas. Así, mencionou varias etapas diferenciadas:

  • Malraux ’59. Por aquela época estábase intentando achegar a alta cultura aos habitantes en espazos xestionados polo Estado, como poden ser as Casas de Cultura. O problema é que se trata dun ecosistema no que os cidadáns non están implicados.
  • Maio ’68. Estábase comezando a pensar que a cidadanía podía intervir na cultura a través da súa participación en distintas asociacións que desenvolvían a súa actividade en centros sociais.
  • Wall Street ’87. A fascinación polo sistema de vida americano chega á cultura. Esta pasa a ser unha industria, motivo polo cal se viron implicadas moitas empresas.
  • Revolución dixital ’00. Prodúcese un cambio na mentalidade e comézase a crer que todos aprendemos de todos, polo que nos atopamos ante comunidades de aprendizaxe. Desta forma, comezaron a reforzarse as alianzas socioculturais.
  • Crise ’08. A cultura vólvese máis social. Prodúcese un cambio do grande ao pequeno e dos públicos ás comunidades.
  • 15M ’11. A cidadanía quere participar, constituír ecosistemas culturais nos que poder xerar cultura.
  • En xeral, estase volvendo á ideoloxía do ’87, posto que nos amosamos fascinados pola economía e polo turismo e temos en mente a creación de macroeventos. Sen embargo, a nosa misión como mediadores culturais ten que ser o desenvolvemento integral do entorno.

 

Na 31-10-18 Alberto de Boiro (4)segunda parte da sesión, despois do descanso, levouse a cabo unha dinámica de grupos. Así ben, aproveitouse para traballar sobre as localizacións que cada equipo elixiu para realizar o proxecto do Curso, profundando desta maneira na fase de diagnose. Ao final da tarde, todos tivemos que saír a expoñer as conclusións ás que chegamos grazas á nova materia que se nos proporcionou durante a sesión.

Xa para finalizar, cabe destacar que foi unha sesión especialmente amena, na que teoría e práctica foron integradas á perfección. Alberto ofreceunos unha visión diferente e moi interesante da mediación cultural, na que se poñen en alza uns determinados valores e na que a colaboración cidadá actúa como protagonista.

Aprendendo as claves do traballo en equipo

O proxecto cultural. Sergio Lago e Marcos Lorenzo. Técnicas para o traballo en equipo. Diego Parajó

Por Laura Rodríguez

O pasado 10 de outubro asistimos á segunda clase do CEU en Xestión Cultural. Comezamos a sesión da man de Marcos Lorenzo, cunha introdución ao deseño dun proxecto. A través desta, analizamos as vantaxes de redactar un proxecto, se é importante ou non enumerar os puntos que o caracterizan. Chegamos á conclusión de que é unha parte esencial, coa que garantiza que o noso proxecto sexa coherente, analizando así a súa viabilidade, o impacto ou a pertinencia social que pode acadar. Ademais de garantir os fundamentos que nos levan a realizar un proxecto, tamén é unha ferramenta indispensable para o traballo en equipo, asegurando os obxectivos da empresa a través deste documento rector. A maiores tamén e indispensable como tarxeta de visita da empresa, recollendo neste dossier a natureza e o fin do proxecto.

Así, comezamos a tratar a diagnose dun proxecto, unha análise da contorna e do ambiente onde se pretende implantar o proxecto. Coa diagnose, podemos asegurarnos das necesidades e o potencial do proxecto e ver cales son os valores que aporta socialmente. A través desta fase, vemos as debilidades e fortalezas do proxecto e realizamos unha sinopse e resumo deste, no que nos baseamos para crear unha fundamentación sólida, un conxunto de argumentos do que queremos, do proxecto. Tamén aseguramos que hai un destinatario claro, ao cal é mellor ter en conta á hora de elaborar o proxecto, xa que será máis eficaz e eficiente. Coa diagnose atopamos unha forma de ter os obxectivos medidos e cuantificados, para un mellor desenvolveDinámica de grupo durante a sesiónmento deste.

Tras esta primeira parte da sesión, Diego Parajó levounos aos corredoiros da facultade para realizar unhas actividades máis prácticas. Así, experimentamos cunhas dinámicas de grupo, a través das cales coñecimos un pouco máis aspectos do grupo que formamos na clase. Fómonos dividindo segundo idades, procedencia, actividade nas redes, consumo cultural ou se facíamos copias de seguridade ou non.

 

Tras isto, analizamos que cualidades críamos cada un de nós que eran positivas e negativas á hora de traballar en grupo. A conclusión xeral foi que o importante Técnicas para o traballo colaborativoreside máis en ter unha boa actitude e unha boa comunicación de grupo. Seguimos a clase coa formación dos diferentes grupos que traballaremos nun proxecto ao longo do curso, asignándonos a cada equipo unha forma xurídica e dándonos a escoller un contexto, o cal iremos analizando.

Volvimos á aula para falar sobre a boa xestión e organización de equipo. Comezamos falando do importante que é ter algo de valor usable, útil. Para aplicar isto, vimos un exemplo moi útil de como xestionarnos á hora de facer unha empanada, dividindo as tarefas a realizar e aprendendo a descompoñelas e a delegalas, todo aplicado despois a un proxecto. A través disto, entramos en contacto coa ferramenta de organización Trello, a cal nos permite organizarnos a distancia dentro dun mesmo equipo, controlando todas as fases do proxecto.

Rematamos a charla co termo scrum, metodoloxía coa que se fai o mesmo que coas empanadas do exemplo: créase unha lista de tarefas e establécese a orde de tarefas e o tempo que nos vai levar. A isto denominámolo sprint, co que se axiliza o traballo das tarefas a realizar para un proxecto.

En resumo, nesta sesión tivemos un primeiro contacto co desenvolvemento dun proxecto, no noso caso cultural e do que é un bo traballo en equipo, dándonos unhas ferramentas básicas e moi útiles para a xestión e organización de grupos.

2018 04 25 Araceli C. (1)

Estratexias de comunicación dixital para institucións culturais. Con Araceli Corbo

Por Alfonso Villanueva

 

Na sesión de hoxe contamos con Araceli Corbo, responsable da biblioteca-centro de documentación do Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León, MUSAC, profesora asociada na Universidade de León e organizadora de varios encontros sobre redes sociais, museos e centros de arte. A aula comezou con Araceli explicando a estratexia, canles e proxectos que seguiron dende diferentes museos para dar a coñecer a súa oferta cultural e expositiva. Comezou falando sobre o MUSAC, onde ela traballa, e o gran esforzo que se fai para difundir todo o que a institución desenvolve, dando información inmediata e facendo fincapé no streaming. Explicounos que actualmente a web 2.0 é un traballo colectivo que pasa por unha constante actualización e que constitúe unha ferramenta básica.

2018 04 25 Araceli C. (2)

 

En canto á comunicación que se establece co público das institucións, Araceli dividiu as ferramentas a empregar en función da situación do usuario respecto á institución, xa que, desde a perspectiva da estratexia de comunicación, non compartiremos do mesmo xeito o que queremos contar se a persoa aínda non nos visitou ou se xa fixo a visita. Da mesma maneira, as ferramentas e códigos son distintos se a persoa está xa accedendo á nosa proposta.

 

 

 

 

Plataformas que podemos utilizar antes da visita

A páxinas web son, en moitos casos, o primeiro que busca a persoa que quere coñecer a institución, por iso é fundamental mantela actualizada e non só iso, senón que hai que relacionar os contidos que hai nela. Como exemplo de páxina innovadora falounos, entre outras, da web do Museo del Prado e destacounos outras ferramentas a ter en conta nas nosas tarefas de comunicación:

 

  • Sites específicos nos que ofrecer as imaxes de tódalas obras que hai nos diferentes espazos.  Neste sentido explicounos que algúns son edicións especiais e que, por si mesmos, son case exposicións.

 

  • Arquivos dixitais con acceso ás persoas usuarias. Hai museos que tamén ofrecen na súa web as coleccións online, amosando unha parte das coleccións ou todo o seu arquivo. Nalgúns casos tamén se utiliza Pinterest, redes sociais ou gifs para amosar e difundir as coleccións.

 

  • Visitas virtuais, que poden incluso ser en 3D. Nalgunhas webs, como a que xa comentamos do Museo del Prado, é posible deseñar unha visita personalizada escollendo as obras que se queren ver. Dentro desta opción, como en todas, xoga tamén un papel moi importante a creatividade da persoa que deseña as estratexias de comunicación e as posibilidades da institución. Isto ás veces tradúcese en propostas sorprendentes, como a visita nocturna cun robot que popularizou o museo Tate.

 

  • Liñas de tempo. Utilízanse para mostrar as coleccións pero tamén como ferramenta educativa.

 

Xa no eido dos recursos audiovisuais debemos ter en conta diversas canles. Temos a opción de empregar Youtube, para publicar vídeos tanto para promoción das exposicións como para dar información das mesma mediante os seus comisarios ou artistas. Tamén é unha boa canle para compartir contidos propios da web da institución. Pero esta non é a nosa única posibilidade á hora de empregar a imaxe:

 

  • Facebook live. É un medio que os museos tamén utilizan e que proporciona moitas visitas

 

2018 04 25 Araceli C. (4)

  • Periscope. Vídeos de corta duración que só duran 24 horas

 

  • Snapchat. Tamén se usa, aínda que moito menos polas súas limitacións. Casa Batlló é unha das institucións culturais que o emprega.

 

  • Instagram. Actualmente é unha das redes que máis se utilizan, tanto para desenvolver concursos e outras actividades participativas como para invitar aos usuarios a poñer un hashtag e buscar a súa complicidade como altofalantes da oferta cultural. As Instagram Stories, por certo, están a ser un recurso cada vez máis empregado.

 

  • Podcast. Hai museos que crean contidos propios para as redes, ben sexa no eido da arte sonora, e esta sería a ferramenta a empregar para a súa difusión, como na publicación de entrevistas a comisarios, artistas, persoas implicadas na exposición, etc,…cuxas opinións poden ser relevantes á hora de achegar a nosa proposta ao público.

 

Outra ferramenta que nos permite a comunicación co público antes de que este se achegue á nosa institución son as publicacións dixitais. Neste ámbito Araceli destacounos dúas opcións:

 

  • Issu, que permite facer publicacións dixitais e ademais ofrece a posibilidade de descargalas.

 

  • Blogs, que permiten facer publicacións con argumento e material. Moitos dos museos os teñen e tamén se empregan como os sites con temáticas especificas.

 

Se queremos ter un contacto máis próximo e personalizado co público, temos a opción do envío de mails específicos. Neste sentido, Mailchimp é unha plataforma que permite enviar moitos mails á vez, coa posibilidade engadida de dispor de varias propostas de deseño e de crear listas de contactos. Pero tamén temos a alternativa da mensaxería inmediata, con aplicacións como WhatsApp ou Telegram. Ademais, temos Facebook, que resulta unha plataforma moi interesante pola marxe de contido que ofrece, e Instagram, que como antes dixemos permite o posicionamento dun hashtag, tamén a través das conversas que poidamos establecer.

 

 

 

Plataformas, canles, medios e estratexias a utilizar durante a visita

 

2018 04 25 Araceli Corbo (5)

Como xa explicamos, hai, por parte da institución, unha comunicación previa á experiencia cultural da persoa usuaria, pero tamén hai a posibilidade de seguir comunicándonos unha vez que “está a ser” esa experiencia, aínda que con outras ferramentas:

 

 

 

  • Cartelería na que se lle indique ao usuario a posibilidade de participar, especificando as canles nas que o pode facer.

 

  • Influencers na inauguración. Estas persoas falarán a través das súas contas (falamos de instagramers, youtubers,…) e opinarán sobre a  exposición ou evento

 

  • Determinar un hashtag e animar aos usuarios a empregalo para xerar máis presencia nas redes.

 

  • Realidade virtual, aumentada e recursos de xeolocalización: utilizado máis en institucións que apostan por crear experiencias.

 

  • Museoloxía interactiva, a través da tecnoloxía Kinect, que achega as obras aos usuarios. Outra posibilidade son as pantallas interactivas nas que a persoa elixe os contidos.

 

  • Apps. O primeiro museo que as usou en España foi o museo Picasso. Hoxe en día utilízanse para facer audioguías. Moitas delas tamén inclúen xogos.

 

 

 

Plataformas, canles, medios e estratexias despois da visita do usuario

A persoa que visitou a nosa institución se cadra quedou con gana de saber máis e a nós interésanos gañar público e fidelizalo. Para iso, a comunicación segue a ser fundamental. Estas son algunhas das ferramentas que podemos empregar para manter o interese pola nosa oferta:

 

  • Fliker, con álbums das visitas ao museo

 

  • Vimeo, no que facer un repositorio dos streamings que se producen durante as visitas. Adoita ter unha moi boa acollida porque ofrece a posibilidade de ser consultado a posteriori.

 

  • Videoconferencias a través de YouTube ou Hangouts, establecendo mesmo a posibilidade de debates.

 

 

 

2018 04 25 Araceli C. (5)En xeral, son moitas as posibilidades que ofrece o ámbito dixital en materia de comunicación cultural. Segundo nos explicou Araceli, hai unha cousa fundamental para que todas funcionen dun xeito correcto, que é que na nosa páxina web teñamos sempre indicado cales son as nosas canles e redes de comunicación, para que a persoa usuaria -o noso público- entenda dun xeito fácil como nos comunicamos con ela e ata que punto pode obter información de nós.

Iso sen esquecer unha posibilidade externa a ese tecido de canles e redes propias como é a Wikipedia: unha plataforma na que aínda faltan institucións culturais, pero na que moitas están tratando de estar presentes, xa que é unha ferramenta básica de primeiro contacto co público.

 

Por suposto, só con ferramentas non se fai nada. Para que todo isto teña sentido é preciso deseñar unha estratexia de comunicación dixital. Para iso necesitamos saber cal é o noso punto de partida, os obxectivos que queremos acadar e o público ao que nos queremos dirixir. Con esa información definida poderemos planificar a nosa estratexia de contidos, que redes empregaremos para os nosos fins e que accións concretas desenvolveremos e en base a que calendario.

Con todo isto deseñado, chegaría o momento de pasar á acción e executar a nosa estratexia.

2017 01 13 esquema

Deseño operativo dos proxectos culturais. Marcos Lorenzo e Sergio Lago

Por: Uxía Castro Fondo

O pasado venres 13 de xaneiro deste recen estreado 2017 tivo lugar a sesión co título “Deseño operativo dos proxectos culturais” que, desta volta correu a cargo dos titores do curso Marcos Lorenzo e Sergio Lago.

No principio da clase, os nosos titores explicáronnos que viñamos de acabar unha etapa dos proxectos que engloba os apartados descritivos, é dicir, o anteproxecto e, polo tanto agora entramos nunha nova etapa, a dos apartados operativos.

A raíz disto, comentáronnos a que dedicaremos o segundo trimestre. Definiremos certos aspectos dos proxectos como son: o como?, é dicir, o itinerario que imos seguir ou as accións de traballo que levaremos a cabo; a través de que?, a programación cultural; cando?, desenvolver un plan de traballo interno para marcarmos os tempos das distintas fases da realización dos proxectos; onde?, porque o lugar de realización das actividades pode condicionar outros aspectos do traballo; con que?, é dicir, os recursos cos que contamos; con quen?, crear un equipo de colaboración contando cos profesionais que sexa necesario; canto?, definir a relación de custes e o orzamento; quen o financia?, definir un plan de financiamento; e por último a continuidade que se lle dará aos proxectos, se continuarán a medrar para o mellor cumprimento dos obxectivos…

Despois desta presentación da etapa, explicáronnos a que dedicaríamos a sesión: a facer unha planificación temporal dos proxectos, que nos levase dos anteproxectos (o punto en que estamos) á realidade para medir o que realmente nos queda por facer.

Para iso tivemos que definir unha liña do tempo de xeito que os principais fitos como poden ser a data de inicio, a data final e outros sucesos chave quedasen organizados cronoloxicamente. Como para realizar a tarefa tiñamos que ter en conta o tempo que nos levaría cada paso dos proxectos (preparación, difusión…) os titores dixéronnos que, se comezásemos pola data final e a partir de ese punto dividísemos as subtarefas que teríamos que ir facendo, nos resultaría máis doado xa que a data final é a que desencadea todo o proceso.

2017 01 13 cronoloxia

O obxectivo da sesión era realizarmos un plan de traballo que comprendese todos os procesos desde o anteproxecto á realidade para que, dese xeito, puidésemos ver se o que estamos a formular é ou non viable e, en caso negativo, que poderiamos facer para que o fose.

Como para ver a viabilidade dos proxectos tiñamos que ter en conta todos os aspectos, foi unha sesión interesante para podermos reflexionar sobre o que realmente propoñemos, por que o facemos desa maneira?, para que?, para quen?… e outros moitos interrogantes a ter en conta.

2017 01 13 esquema