Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural na Universidade de Santiago de Compostela (2016-17)

Traballar desde/con/para unha entidade pública. Encarna Lago

Por: Rebeca Mariño

Este venres tivemos a sesión do Curso con Encarna Lago, xerente da Rede Museística da provincia de Lugo. Con ela afondamos na realidade da xestión cultural desde as administracións públicas.

Aludindo ao lema “Museo para todos e todas” Encarna Lago comeza a sesión achegándonos dúas creacións, a primeira unha reprodución dunha obra de Miguel Agudo, na que deixa voar a palabra PROBLEMA para quedarse coa palabra POEMA.

Encarna enlaza sen pausa cun poema de Machado:

“Hay dos modos de conciencia:
una es luz, y otra, paciencia.
Una estriba en alumbrar
un poquito el hondo mar;
otra, en hacer penitencia
con caña o red, y esperar
el pez, como pescador.
Dime tú: ¿Cuál es mejor?
¿Conciencia de visionario
que mira en el hondo acuario
peces vivos,
fugitivos,
que no se pueden pescar,
o esa maldita faena
de ir arrojando a la arena,
muertos, los peces del mar?”

Antonio Machado

A sesión estivo estruturada en tres bloques, ademais de achegarnos á Rede Museística de Lugo e contar cunha parte practica onde os equipos de traballo tivemos que defender, nun suposto, as nosas propostas ante a administración pública e ante unha empresa privada.

 

Bloque I : A xestión cultural dende a administración pública

Encarna Lago quixo comezar este primeiro bloque amosándonos os seguintes artigos:

“A Administración Pública serve con obxectividade ós intereses xerais e actúa de acordo cos principios de eficacia, xerarquía, descentralización, desconcentración e coordinación, con sometemento pleno á lei e ó dereito” Artigo 103 C. E.
“O poderes públicos promoverán e tutelarán o acceso á cultura, á que todos teñen dereito” Artigo 44.1 C. E.
“A C.E. obriga ós poderes públicos a facilitar a participación de todos os cidadáns na vida cultural” Artigo 46 C. E.
“O Estatuto de Autonomía de Galicia en 1981, dotaba ao goberno e ao Parlamento de amplos poderes en materias relacionadas coa educación e a cultura. En concreto, no seu artigo 32, establece que lle corresponden á Comunidade Autónoma a “defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego”

Centrándonos en Galicia podemos observar que a cultura está amparada tanto pola Constitución como polo Estatuto de Autonomía de Galicia, mais non existen políticas culturais, non existe unha folla de ruta a seguir. Contamos coa Xunta, coas deputacións ou os concellos que elaboran programación cultural pero cunha desconexión total entre eles.

Pódese dicir que contamos con dous modelos de legar cultura, por unha banda un modelo moi centrado no patrimonio cultural fronte a outro modelo de xestión cultural centrado na difusión e a produción cultural. Limitados ambos, a produción e elaboración de normativas, en ocasión baseadas en intereses políticos.

Encarna repite varias veces a primeira oración “Enchamos de contido o valor da palabra”. “Somos países que lexislamos para non cumprir, e somos países que curiosamente definimos para saltarnos as definicións.”

A clave da administración é servir e coidar a cidadanía:

 ADMINISTRAR
<-> ad>ir hacia
ministrare>servir, coidar

A Administración pública non pode marxinarse da súa obrigada tarefa de asegurar as bases para que os creadores e os cidadáns obteñan as condicións para crear e expresarse con plenitude.

 

Bloque II: A evolución de xestor cultural a catalizador

O perfil do xestor cultural debe adaptarse ás novas necesidades socioculturais, presentándose como catalizador/mediador; xestionar con, cos usuarios, co apoio das empresas, creando un novo tecido cultural baseado na participación e integración.

Esta é unha formación continua, o xestor cultural ten que ter a capacidade de xerar cambio. Outros dos campos a cubrir por un profesional da xestión cultural:

– Coñecer as ferramentas de coordinación institucional e a lóxica administrativa, o marco legal, procedementos, recursos económicos e funcionamento dos equipos humanos na administración pública.
– Fomentar o despregamento de programas e accións culturais que contribúan ao desenvolvemento de valores e relación sociais e de cidadanía.
– Profesionais que coñezan o que fan e que resultados obteñen.
– Promover a transversalidade (conceptual, de xestión e organizativa) da cultura na administración.

ÉTICA, TÉCNICA, EMPATÍA e non desistir (ou máis ben insistir) son as prácticas a seguir que nos receita Encarna Lago como futuros profesionais da xestión cultural.

 

Bloque III: Responsabilidade social na xestión pública

A administración pública debe traballar a RSC como organización exemplar e como axente dinamizador. Despois de que axente dinamizador, a Administración ha de ser impulsora, difusora, orientadora e facilitadora de directrices en materia de responsabilidade civil.

Para pechar esta primeira parte da sesión, coñecemos a paxina web Foro de Cultura e Boas Practicas, unha iniciativa cidadá independente e sen animo que lucro que traballa para “fortalecer o liderado e confianza nas organizacións e profesionais da cultura en España, mediante o impulso de boas prácticas en transparencia, bo goberno, financiamento responsable e mediación de resultados”.

 

Rede Museística Provincial de Lugo

Tras un descanso, Encarna aproximounos o seu día a día como xestora da Rede Museística Provincial de Lugo. O que ten claro como xestora é que este non é o seu museo, é de todas e para todas; o museo é un contador de historias, todos e todas temos algo que contar, que compartir, que amosar; cando falamos da RMPL, falamos de museoloxía social, de apostar polo noso con paixón.

Encarna Lago xunto cos seus compañeiros teñen a misión de xestionar os 4 museos que forman a Rede Museística Provincial de Lugo; en 2006 elaboran un informe onde solicitan un novo modelo de xestión; centralización dos departamentos no museo provincial e dotar o resto de vixilancia e persoal cualificado nos departamentos de didáctica.

Seguindo a receita de boas prácticas (ética-técnica-empatía), o equipo humano da RMPL conseguiu acadar grandes recoñecementos e premios, axudando a incluír Lugo como unha das 10  cidades máis accesibles de Europa.

Se queredes coñecer un pouco máis cada un dos catro museos que tecen a Rede Museística Provincial de Lugo, déixovos o seguinte enlace http://redemuseisticalugo.org/

.


Material multimedia: dous minutos en vídeo na aula con Encarna Lago e pequena galería de fotos.

 

Contexto de intervención. Iniciativa empresarial nos sectores culturais e creativos. Joaquín Martínez “Kin”

Por: Fernándo López

 

  • Cómo se fai o management
  • Cómo é a preprodución
  • Organización de eventos

“Kin” nos fixo un análise das fortalezas que temos as empresas de Xestión cultural en Galicia.

Situación procedente do entorno, competencia ou mercado que podería ser aproveitado polas empresas para mellorar a situación competitiva dentro do sector.

 

OPORTUNIDADES (PROS)

  • Experiencia profesional das empresas do sector (Aprendizaxe durante o traballo).
  • Sector estratéxico de desenrolo económico: Entretemento.
  • Diversificación: Produción doutras actividades ao marxe da música, deporte, política, etc.
  • Novos sistemas de comercialización máis accesibles: soportes, formatos, contidos…
  • Tendencia da sociedade a una maior cultura do ocio, xeración de necesidades.
  • Expansión internacional.
  • Consolidación dun tecido de eventos permanentes en España con antigüidade e estrutura.
  • Postos de traballoo de baixo custo e gran capacidade de captación de empregados doutros sectores.
  • Sector históricamente en precario e con gran capacidade de adaptación ó medio.
  • Caráter multixenaracional e multisectorial.
  • Atractivo sectorial gran potenciador de sinerxias entre actividades, publicidade, comunicación, etc.

 

AMEAZAS (CONTRAS)

  • Intrusismo no sector.
  • Non existe un convenio colectivo específico para o sector (Só existe en Galicia).
  • Falta de formación específica para os traballadores.
  • Proxecto de redacción da lei da música incompleto e inacabado.
  • Existencia dun exceso de oferta gratuita.
  • Monopolio do promotor; excesivo intervencionismo por parte da Administración.
  • Excesiva oferta de eventos e concertos sin unha planificación adecuada.
  • Falta de información cuantitativa da industria musical: non se dispón de datos de facturación, exportacións, etc.
  • Crise económica a nivel mundial.
  • Altos impostos: 21% IVE + 10% SGAE.
  • Falta de plan de desenrolo do talento.
  • Existe un monopolio de grupos de comunicación e difusión da música.

 

DESEÑO DE PROXECTOS

Procedemento:

diagrama

 

Material multimedia: tres minutos en vídeo na aula con Kin Martínez.

Deseño operativo dos proxectos culturais. Marcos Lorenzo e Sergio Lago

Por: Uxía Castro Fondo

O pasado venres 13 de xaneiro deste recen estreado 2017 tivo lugar a sesión co título “Deseño operativo dos proxectos culturais” que, desta volta correu a cargo dos titores do curso Marcos Lorenzo e Sergio Lago.

No principio da clase, os nosos titores explicáronnos que viñamos de acabar unha etapa dos proxectos que engloba os apartados descritivos, é dicir, o anteproxecto e, polo tanto agora entramos nunha nova etapa, a dos apartados operativos.

A raíz disto, comentáronnos a que dedicaremos o segundo trimestre. Definiremos certos aspectos dos proxectos como son: o como?, é dicir, o itinerario que imos seguir ou as accións de traballo que levaremos a cabo; a través de que?, a programación cultural; cando?, desenvolver un plan de traballo interno para marcarmos os tempos das distintas fases da realización dos proxectos; onde?, porque o lugar de realización das actividades pode condicionar outros aspectos do traballo; con que?, é dicir, os recursos cos que contamos; con quen?, crear un equipo de colaboración contando cos profesionais que sexa necesario; canto?, definir a relación de custes e o orzamento; quen o financia?, definir un plan de financiamento; e por último a continuidade que se lle dará aos proxectos, se continuarán a medrar para o mellor cumprimento dos obxectivos…

Despois desta presentación da etapa, explicáronnos a que dedicaríamos a sesión: a facer unha planificación temporal dos proxectos, que nos levase dos anteproxectos (o punto en que estamos) á realidade para medir o que realmente nos queda por facer.

Para iso tivemos que definir unha liña do tempo de xeito que os principais fitos como poden ser a data de inicio, a data final e outros sucesos chave quedasen organizados cronoloxicamente. Como para realizar a tarefa tiñamos que ter en conta o tempo que nos levaría cada paso dos proxectos (preparación, difusión…) os titores dixéronnos que, se comezásemos pola data final e a partir de ese punto dividísemos as subtarefas que teríamos que ir facendo, nos resultaría máis doado xa que a data final é a que desencadea todo o proceso.

2017 01 13 cronoloxia

O obxectivo da sesión era realizarmos un plan de traballo que comprendese todos os procesos desde o anteproxecto á realidade para que, dese xeito, puidésemos ver se o que estamos a formular é ou non viable e, en caso negativo, que poderiamos facer para que o fose.

Como para ver a viabilidade dos proxectos tiñamos que ter en conta todos os aspectos, foi unha sesión interesante para podermos reflexionar sobre o que realmente propoñemos, por que o facemos desa maneira?, para que?, para quen?… e outros moitos interrogantes a ter en conta.

2017 01 13 esquema

Economía da cultura. Mercados e industrias culturais. Pau Rausell

Por: Xabier Mera

Esta é unha guía-resumo da sesión, que podedes atopar ao completo en 5 vídeos no seguinte enlace:

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Índice
1.
Economía como ciencia social
2.
Economía política
3.
As organizacións culturais
4.
Financiamento cultural

1. Economía como ciencia social
Premisas
1.1 Individualismo metodolóxico. Asumimos que é o individuo o que toma as decisión
1.2 Rational Choice. O individuo escolle SI cando os beneficios superan aos custos e escolle NON cando existen menos beneficios que custos
1.3 Restricións. Impiden ou restrinxen a toma de decisión. Poden ser de moi diversos tipos (cartos, tempo, desigualdade social, tabús, etc.

O Novelo
onovelo
A cultura ten relación co espazo simbólico (vid. Bourdieu) e presenta unha alta complexidade específica que podemos visualizar botando man do símil do novelo, onde cada fío sería un factor do sector cultural, relacionado e ensarillado con moitos dos seus aspectos, perspectivas, ciencias e metodoloxías que usamos para tratar de definila e modificala.

A Economía ten unha vantaxe  competitiva fronte a outras disciplinas estritamente sociais (Antropoloxía, Socioloxía, etc.), xa que a pesares de non ser explicativa como estas, facilita pola súa simpleza ver relacións entre diferentes fíos do novelo cultural, comprobando o que sucede no conxunto cando modificamos un aspecto-fío escollido para súa análise.

Metodoloxías de medición
Na cultura, pese a pertencer ao simbólico, todo é medible. Podemos dicir ademais que hoxe en día si que temos xa moita información en datos sobre o sector cultural, podendo dedicarlle a maior parte do tempo á propia análise deses datos en vez de na recollida dos mesmos. O reto agora é simplificar as ferramentas de medición e interrelacionalas, facéndoas máis operativas e accesibles.

Métodos:
1. Catálogos administrativos
2. Estadísticas culturais
3. Contas satélite da cultura
4. Estudos sectoriais
5. Modelos econométricos
6. Sistemas indicadores
7. Mapeos culturais
8. BIG DATA
9. Estudos de impacto económico
10. Estudos de valoración continxente

2. Economía política (Desarrollo e Territorio)
-A Economía da Cultura como ferramenta para análise sectorial das actividades ligadas á Cultura e á creatividade.

-Escala das experiencias culturais:
1. experiencias culturais de NO mercado: son a inmensa maioría
2. experiencias culturais de SI mercado
3. experiencias culturais das Administracións: menores que a privadas (aquelas de SI mercado)

esquema-mercados-culturais
A Economía de mercado aumenta a mercantilización das experiencias culturais, aportando maiores beneficios pero tamén maiores costos nos diferentes grados das experiencias culturais Por exemplo, a difusión libre e solidaria de contidos artísticos individuais amadores (experiencia de NO mercado) correrá o risco de diminuír ou desaparecer conforme ese individuo se profesionalice na economía de mercado, a cal esixe valor económico e non solidarios para a distribución de contidos culturais.

En calquera caso, é problemática a propia definición de Cultura para afrontar o obxecto de estudo e incluso valorar o que é aceptable culturalmente de ser mercantilizado.

3. As organizacións culturais

3.1 Similitudes e diferenzas entre o sector cultural e os outros sectores de mercado

Existen certas anomalías (diferenzas) que distinguen o sector cultural. Por exemplo:

-Os bens e servizos culturais non son normais en termos económicos, xa que están baseados na experiencia; non sabemos de antemán o valor real que nos van aportar como usuario. Están baseados en expectativas.

-Isto ten implicacións moi claras, como que a demanda tende a ser moi conservadora (consumimos culturalmente o que  sabemos que funciona).

-Os produtores culturais traballan e se comportan de xeito diferente no mercado (diverxendo por exemplo dentro do capitalismo, da estrita lei da oferta e da demanda) e tenden ao monopolio debido a que exclúen a copia/imitación/plaxio como factor competitivo ou posicionador no mercado (ninguén consumiría un libro, filme, canción, etc. que fose igual ou demasiado similar a outro/a).

-As motivacións dos participantes (sexan capital ou traballo) formúlanse en termos diferentes ao resto do sistema económico, o que implica maior resiliencia (aguantan mellor etapas de crise económica) pero tamén maior tendencia estrutural á precarización (por ex., as motivacións e comportamentos amadores no sector profesional provocan baixos prezos e salarios, xa que hai xente está disposta traballar por pouco beneficio económico).

-A creatividade (INPUT) e o contexto (espazo) resultan máis importantes que noutros ámbitos organizacionais.

-As capacidades e habilidades son relativamente diferenciais a outros sectores económicos.

3.2 Destrezas e habilidades dos traballadores culturais (Véxase gráfico e explicación no vídeo número 3)

3.3 A Economía como programador de política económica e a súa relación co Desenvolvemento

  -Evolución da definición de Desenvolvemento: fomos incorporando novos aspectos ao propio concepto ata incorporar a Cultura como parte esencial do desenvolvemento: desenvolvemento sostible (Comisión Brundland, 1987); A Cultura como 4º piar (ou tapa) do desenvolvemento e o cambio social (Jon Hawkes).

-Canto máis desenvolvemento atopamos nunha sociedade, as súas necesidades mudan para ter que ver menos coa subsistencia e o tanxible para expresarse en termos de simbólico, identitario, etc., e todo isto último asóciase por definición á chamada produción cultural. A cuestión é…

Como traducir iso en políticas culturais?:
Axenda 21 da Cultura (2004)
Libro Verde da Cultura (2010). Ten por obxectivo liberar o potencial das industrias culturais e creativas
Declaración Universal da UNESCO sobre a diversidade cultural.

Evolución das teorías e autores sobre modelos de cultura e creatividade baseados no desenvolvemento: desde Bourdieu (artes como capital cultural nas elites), Malraux (a cultura nas clases traballadores), a Economía Creativa do New Labourism nos 80-90, a  Clase Creativa, o Capitalismo Cultural (Antonella Corsani), Rifkin, etc.

3.4 Modelos/paradigmas de políticas culturais
-Modelo ocorrencial (o peor de todos, baseado nos ocorrencias non planificadas de cargos públicos e/ou privados.
-Modelos secuestrado  polos corpos técnicos (reglamentista, corporativismo sectorial).
-Modelo compensatorio-punitivo de grupos de interese (compensatorio de oferta e de demanda).

3.5 Como satisface a Cultura as necesidades dunha comunidade (para que sirva a política cultural)
1. Dereitos culturais:

Dereito a ser (identidade dentro do simbólico)
Dereito a participar e acceder
Dereito a expresarse e comunicar

2. Persecución de efectos económicos:
-Renda e ocupación
-Competitividade do territorio
-Sostibilidade dos sectores culturais.

3. Persecución doutros efectos:
-Innovación e  investigación, inclusión, difusión de valores, cohesión social, etc.

3.6 É o modelo de desenvolvemento baseado na Cultura unha solución?
Está comprobado que a maior número de traballadores culturais (que son máis flexibles a variacións da economía), hai unha correlación cunha maior riqueza no territorio/rexión, e maior innovación, creando espazos amables de intercambio social e de coñecemento (fertilización cruzada) entre axentes moi distintos, creando novo e transformador capital social.

4. Financiamento cultural

Este punto quedou apenas esbozado por falta de tempo na sesión. Con todo, Pau apuntou a súa opinión sobre 3 puntos quentes actuais sobre o financiamento cultural en España:
1- O IVE cultural, que Pau pensa que está sobredimensionado o seu impacto real negativo no sector.
2- A Lei de Mecenazgo, que terá pouca repercusión no sistema cultural español (onde recorda Pau que xa existía unha lei de mecenazgo), agás quizais no micro-mecenazgo.
3- Novas formas solidarias e directas de financiamento como o “crowdfunding”. Son formas de micro-mecenazgo, interesantes a desenvolver no presente e futuro inmediatos).


Conclusión:

“A cultura é o sistema de base da innovación”.2016-12-16-pau-rausell-20-rec-eclair

 

Presentación e contraste dos anteproxectos do alumnado. Mesa redonda con profesionais da cultura.

Por: Lois Anxo Ferreiro

Tal como estaba previsto, os alumnos/as fomos chegando ao Pazo da Cultura de Pontevedra. Para logo, dirixirnos a pé, ao Restaurante Santa Clara, onde tiñamos reservada mesa.

Alí mantivemos un xantar de confraternidade, que serviu para coñecernos un pouco máis, e acordar os últimos detalles para as presentacións dos proxectos.

Logo do xantar, que tivemos que rematar con moita présa, por mor de cumprir os tempos acordados cos xestores do Culturgal, voltamos ao Pazo da Cultura. Alí, recibiunos Cecilia, técnica responsable da feira, quen nos indicou que a nomeada Mostra das industrias culturais galegas é organizada pola asociación sen ánimo de lucro do mesmo nome, presidida por Manuel Bragado e constituída no 2010, e que conta con case que un cento de empresas expositoras. Ademais, e contestando á pregunta feita por un de nós, informounos tamén que para a xestión do Culturgal traballan tres persoas dende o mes de abril ata decembro a xornada completa tódolos anos.

.

Logo dirixímonos ao Salón de Actos do Pazo da Cultura para que cada grupo de traballo do Curso, expuxera ao súa diagnose, e as súas propostas de proxectos para os diferentes lugares escollidos.

O Pechakucha foi apresentado diante de tres grandes profesionais da xestión cultural: Marián Fernández: socia do Cable Inglés, Cooperativa de xestión cultural, Julio Gómez: creador e co-director de SinsalAudio e Xavier Campos: actualmente asesor cultural da Deputación da Coruña, quen, unha vez rematada cada intervención, facían unha análise e diferentes recomendacións para mellora-las propostas.

Unha vez analizadas tódalas propostas de proxectos, fixemos unha visita ao recinto feiral do Culturgal, e de seguido e tal como estaba previsto, na sala VIP tivo lugar a mesa redonda “O estado de situación da xestión cultural en Galicia e as perspectivas futuras”, a cargo de Julio Gómez, Marián Fernández, e Xavier Campos, o acto, foi aberto á participación dos alumnos/as doutras edicións do Curso de xestión cultural, e ao resto de xestores culturais en activo e persoas interesadas. Neste encontro de suxestións e ideas, Julio falou sobre todo, de que había que implicar ao público para que entendera o valor real das actividades culturais en xeral, sabendo que unha entrada ao teatro, ou a un concerto, etc., non cubre os custes. Marián explicou que tiñamos que ter como obxectivo na xestión cultural, acadar unha axenda cultural única para toda Galiza, xa que actualmente existe unha contra-programación. Xavier falou da febleza das políticas culturais públicas; afirmou que na actualidade existe moita temporalidade nos traballadores culturais, e que había que acadar equipos estables, para asentar boas prácticas culturais, a pesares dos trocos de políticos nas administracións.

Tamén se abordaron outros temas como que era importante para os xestores culturais ter coñecementos de dereito e de economía moi relacionados coa cultura, ou de que se inviste moito en recursos e pouco en produción, así como de que debería haber un modelo de política cultural claro.

culturgal-mesaredonda

Da idea ao anteproxecto. Marcos Lorenzo e Sergio Lago

Por: Juan Antonio Seara

O pasado venres 25 de novembro tivemos a oitava sesión do Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural, baixo o título de O proxecto Cultural II, da Idea ao Anteproxecto, e que á súa vez é a segunda sesión que os alumnos temos cos titores do Curso Marcos Lorenzo e Sergio Lago.

Como todas as sesións que levamos feitas ata agora, a sesión sempre é presentada ao longo da semana aos alumnos. A presentación da sesión consistiría, como ben reza o título: “da idea ao anteproxecto”, polo tanto, partindo da diagnose presentada polos 6 grupos de traballo do Curso, orientarnos na preparación da sesión do próximo día 2, que terá lugar no Culturgal, a feira da Cultura Galega, mediante a presentación de cada un dos grupos dun PechaKucha.

O PechaKucha consiste en que cada grupo realice unha presentación do seu proxecto coa utilización de 20 diapositivas, dedicándolle a cada unha delas 20 segundos (tamén definido por moitos como “formato 20×20”).

Voume tomar a liberdade neste punto, de introducir un concepto que, ao meu entender, resultou ser un xogador na sesión, sen estar convidado, e que foi o protagonista involuntario ao longo da tarde: o tempo, como veremos.

Coma cada venres cando comezamos as sesións, dásenos a oportunidade aos alumnos que falemos, valoremos, opinemos… da aula anterior. Foron varios os compañeiros que tomaron a palabra, e por paradoxal que pareza, había unanimidade, non só para a sesión anterior senón para todas as que levamos realizadas para este Curso 2016-2017, en que o tempo das sesións non chega a nada. Quedamos con ganas de máis, e na impartida na sesión anterior por Diego Parajó, resultou que o tempo se fixo curto e que nos gustaría ter máis tempo para poder finalizar e realizar máis a gusto o proxecto que el presentaba.

Unha vez finalizadas estas valoracións, reflexións… sobre a sesión do venres anterior, Marcos pasou a presentar a dinámica da sesión deste venres na que o tempo volveu xurdir como protagonista. A sesión dividiuse en tres partes, cuns tempos moi marcados.

Na primeira parte, dunha hora de duración, os compoñentes dos 6 grupos (Couto Mixto, Padrón, Fragas do Eume, Vite, Carnota e Vilagarcía) agrupáronse en diferentes partes da aula para traballar en equipo. A dinámica consistía en poñer en común como presentaríamos o que poriamos no PechaKucha. Os titores de cada grupo, Marcos como titor de Padrón, Fragas do Eume e Carnota e Sergio do Couto Mixto, Vite e Vilagarcía, estiveron orientando a cada grupo, e clarificando ideas que igual non estaban moi claras, na diagnose que cada un deles presentou.

A Segunda parte, dunha hora de duración, sería plasmar en 20 cartolinas (imaxinando que fosen cada unha das diapositivas que temos que presentar na sesión do vindeiro venres), seguindo o guión que nos facilitaron os titores, as 20 ideas que se van plasmar no PechaKucha. O guión contiña os seguintes puntos: título, somos, ideas de diagnose, os destinatarios, os obxectivos e a idea ou intuición.

Por último, a terceira parte sería realizar a proba do 20×20, a modo de ensaio para valorar entre os titores e os compañeiros do Curso se acertaramos na presentación do proxecto. Nesta parte, o tempo foi o gran Protagonista.

Tras un sorteo aleatorio, foi o grupo 6, Vilagarcía, o que iniciou a presentación, seguido do grupo 3, Fragas do Eume; o equipo 1, Couto Mixto; equipo 4, con Vite; o grupo 2, Padrón e por último o grupo 5, con Carnota.

As valoracións por parte dos titores e os alumnos foi positiva, salvo algúns erros que eran os que se pretendían que xurdiran con esta sesión para así podelos corrixir e presentar un traballo moito máis elaborado na seguinte sesión.

O principal problema que tiveron os grupos, foi o tempo de 20 segundos para cada diapositiva. Na maioría dos casos os grupos pasáronse, en maior medida uns que outros, no tempo final de presentación. Isto viña motivado nalgúns grupos, pola cantidade de información que querían presentar.

E ao final, excedeuse o tempo previsto para a realización da sesión.

Técnicas de creatividade. Deseño centrado nas persoas. Diego Parajó

Por: Vanesa Trevín

O pasado venres 18 de Novembro, tivo lugar a 7ª sesión do Curso Universitario de Xestión Cultural. Tivemos o privilexio de contar con Diego Parajó. Diego é xerente da empresa Xeneme, Proxectos Sociais. Diplomado en Educación social, formouse en desenvolvemento comunitario, coaching sistémico, xestión de proxectos e dirección de empresas. Actualmente traballa como formador, asesor e xestor de proxectos en servizos sociais, educativos e culturais.

A sesión comezou introducíndonos nas posibilidades que ten a utilización de metodoloxías creativas á hora de desenvolver novos proxectos culturais, especialmente no tocante a traballar en equipo. Chamou a atención sobre a necesidade dun cambio nas dinámicas de traballo, a xeración dun contexto emocional para favorecer a busca de solucións e a importancia de ir máis aló do evidente á hora de desenvolver actividades e proxectos de tipo cultural.

Establécese o proceso creativo en 5 pasos:

Empatizar: Desenrolo dun coñecemento profundo do reto. Búsqueda de Feitos, Problemas e obxectivos.

Neste paso presentáronse algunhas dinámicas como:

– WORLD CAFÉ, que consiste na recollida de opinións sobre diferentes temas durante 5 minutos, ao final dos cales se farían cambios nos grupos, ao longo de arredor de dúas horas.

– INSIGHTS, realización de perfiles diferentes, poñéndolles nome e apelidos, inventando a unhvanesa-mapa-de-empatiaa persoa concreta que amalgame toda esa información.

– MAPA DE EMPATÍA: unha ficha elaborada para tratar de comprender as necesidades e os obstáculos de certos colectivos (ver imaxe).

– MAPAS CONCEPTUAIS: como o SHADOWING – seguemento dos personaxes para poder describir as súas experiencias de uso, ou os MAPAS DE TRAXECTORIA.

Definir: Articular claramente o problema que se desexa resolver. Para poder desenrolar o produto, é necesario centrarse en problemas concretos.

A través do encabezado ¿Como poderíamos…., trátase de dilucidar a base do problema co que teremos que tratar. Para comprobar que a definición do reto ou desafío é correcta, preséntase un pequeno test:

– A redacción permite un resultado aberto?

            – A redacción está centrada no usuario/a?

            – Refírese a un grupo específico de usuarios/as?

Idear: Xerar múltiples posibles solucións. Seleccionar e desenrolar a solución. Para desenrolar unha boa idea é preciso xerar gran cantidade de ideas sen limitarse ao sentido común, e aos esquemas establecidos. So desta maneira, algunha das ideas que xeremos poderá ser susceptible de seleccionarse para o seguinte paso.

Neste apartado, destacou a DINÁMICA DE XERACIÓN DE IDEAS, a través de varias técnicas como SCAMPER, que consiste na reformulación de posibles solucións en base a un problema, ou o 365, que trata de saturar o espazo de traballo a través da xeración de múltiples ideas que logo serán cribadas, quedando apenas con 5 delas (vanesa-20161118_200716ver imaxe).

Prototipar: Deseñar un prototipo (ou serie de prototipos), para por a proba a totalidade ou parte da solución.

Testear: Participar nun proceso de innovación de ciclo curto, para mellorar continuamente o deseño.

Para que o proceso chegue a bo termo, ofrécense unha serie de metodoloxías creativas, centradas na exploración de novas realidades e do desenvolvemento de prototipos para probar o seu funcionamento ou non:

Pensamento Disruptivo: este concepto implica o rompemento das regras establecidas, tratar de ser capaces de explorar novos camiños, preto da antítese do establecido.

Hibridación: Capacidade de disociar conceptos para asocialos de xeito diferente, sumando un orde maior ao anterior: o produto como resultante maior que a mera mestura das partes.vanesa-desing-thinking

Design Thinking: Capacidade de mesturar o pensamento converxente e diverxente en ciclos de desenvolvemento das ideas, ampliando ou pechando o fluxo da información en relación á necesidade do momento (ver imaxe).

Learning by Doing: Necesidade de prototipar as ideas, facelas realidade para poder xerar espazos de conversa.

Un enfoque de deseño interesante é o DCU, ou Deseño Centrado no Usuario. Nel, o proceso creativo está dirixido pola obtención de información acerca das persoas que van facer uso do produto final.  Con este enfoque poderemos evitar, na medida do posible, as consecuencias de tratar de “implantar” un produto ou un concepto que non funcionará.

Outro proceso é o CPS, ou Método de Solución Creativa de Problemas, como un proceso integral de creatividade e innovación, considerado precursor do Design Thinking entre outros, con seis pasos principais:

Encontrar Obxectivos: para abrir a porta a utilizar este proceso. Este paso anímanos a observar dende outra perspectiva.

Encontrar Feitos: revisar a información relativa á situación. Tense en conta toda a información para revisar o obxectivo e comezar a innovar.

Encontrar Problemas: asegurar que se está a enfocar o problema correcto. É posible orixinar a solución correcta ao problema equivocado.

Encontrar Ideas: facer conexións, tomar riscos, e probar novas combinacións para dar con solucións innovadoras, máis aló dunha “tormenta de ideas”.

Encontrar Solucións: reforzar as mellores ideas xeradas, que precisan cumprir certos requisitos antes de converterse nunha solución.

Encontrar Aprobación: quen é o responsable, que ten que facerse, e cando e cales son os recursos dispoñibles para converter esta idea nunha solución en pleno funcionamento.

Esta sesión foi eminentemente práctica e as técnicas que foron presentadas, permitíronnos a todos afondar nos problemas e posibles solucións dos nosos proxectos e avanzar na súa realización. O noso agradecemento a Diego Parajó, polo gran traballo que desenvolveu con este grupo, e polas ferramentas que nos facilitou, que ben seguro aplicaremos a partir de agora nas nosas futuras actividades profesionais.

Turismo Cultural e desenvolvemento territorial. Manuel Gago

Por: Eva Colmeiro

O pasado venres 11 de novembro contamos coa presenza de Manuel Gago, un dos máis recoñecidos divulgadores culturais do noso país, experto en comunicación multimedia sobre patrimonio cultural, gastronomía e ciencia.

A primeira parte da sesión centrouse en definir que é o Turismo Cultural. Como veremos non é unha tarefa doada, debido a factores intrínsecos; o propio concepto ten unhas fronteiras borrosas, pois hai moi poucas persoas que realizan un Turismo Cultural “puro” xa que normalmente este modelo compleméntase con outros modelos: turismo cultural + turismo de lecer, turismo familiar + turismo cultural. Pero tamén a factores extrínsecos ou alleos; como apunta Gago non podemos falar do Turismo Cultural sen ter en conta a propia evolución do concepto cultura.

Polo tanto resulta necesario realizar unha análise sobre as diferentes definicións do concepto turismo e cales son as características que o van configurando ao longo do tempo. O punto de partida deste análise situámolo na definición realizada en 1976 polo Consello Internacional de Monumentos e Sitios Históricos-Artísticos (ICOMOS) que o define como “aquela forma de turismo que ten como obxectivo, entre outros fins, o coñecemento de monumentos e sitios históricos-artísticos. Exerce un efecto realmente positivo sobre estes en tanto que contribúe a satisfacer os seus propios fins, ao seu mantemento e protección. Esta forma de facer turismo xustifica de feito, os esforzos que tal mantemento e protección lle esixen á comunidade, por mor dos beneficios socioculturais e económicos que comporta para toda a poboación implicada”.

Pronto esta definición quedarase moi limitada debido a dous cambios fundamentais; un no ámbito da cultura e o outro no denominado turismo de masas. O primeiro cambio, como xa apuntamos noutras sesións, é a transformación e ampliación do concepto cultura, motivado principalmente polo acceso a unha maior educación dos públicos (democracia cultural, democratización da cultura) e tamén pola incorporación da idea de cultura inmaterial. O segundo cambio, prodúcese pola reorientación do sector turístico, que posibilita a aparición de novos modelos turísticos que xa non teñen o Patrimonio Material (monumentos) como protagonistas principais e comezan a incluír outras manifestacións tales como a gastronomía ou a natureza. O Turismo Cultural xa non só implicaba a visita de lugares e monumentos, é dicir, o consumo de produtos culturais do pasado, senón tamén o consumo do modo de vida e da cultura daquelas zonas que visitan.

A partir deste momento o Turismo Cultural vaise asociar á idea de vivir experiencias, non só vale con ver o lugar de destino senón ter unha experiencia de autenticidade. Pero aquí tamén xurde un conflito á hora de deseñar o produto turístico; establecer que é auténtico e que non o é. Para explicar estes conceptos de experiencia e autenticidade, poñemos un exemplo:

CarcassonneCarcassonne (Francia). Conxunto arquitectónico medieval restaurado no século XIX e declarado patrimonio da Humanidade en 1997. É unha reconstrución idealizada dunha cidadela medieval. A pregunta: autenticidade da experiencia? Ou pola contra é todo falsidade creada para vender un produto turístico?

Polo tanto debemos proseguir a nosa análise xa non tanto definindo o Turismo Cultural como aquel vinculado aos monumentos e conxuntos histórico-artísticos senón centrándonos no concepto de creación de experiencias xa que son as que actualmente definen o modelo de Turismo Cultural.

Para crear estas experiencias temos que ter en conta que o ser humano está conformado por relatos (na escola, na relixión, na familia, no contorno social, nos mass media), é necesario polo tanto que o factor “experiencia” pase pola participación nun relato coñecido, e ser parte del.

Para contextualizar toda esta terminoloxía, Manuel Gago, explicou o que acontece nas Illas Orcadas en Escocia onde está Skara Brae un dos asentamentos neolíticos máis monumental e mellor conservado do mundo, pero que tiña un problema; como conectar un relato (o neolítico) non moi atractivo para o turista con outros relatos ou historias xa coñecidas polo público e que posibilitasen a visita ou a creación dunha experiencia que atraese turistas a ese xacemento? O que crearon foi unha viaxe no tempo.

2016-11-montaxe-skara-brae

Crearon unha senda con datas históricas coñecidas por case todos (chegada do home á Lúa, Pirámides de Giza, etc.) que van creando unha experiencia (viaxe no tempo) ata chegar ao xacemento.

2016-11-montaxe-skara-brae-2

O desenvolvemento do Turismo Cultural en Territorios obriga a toma de decisións e tamén a ter en conta moitas variables:

– A procedencia do turista (local, estatal, internacional)

– Canto tempo quero que o turista estea no lugar. De paso ou con tempo de consumo (oferta hoteleira)

– Relato: Consumo local, estatal ou internacional

– Contorno: Autónomo (xera unha experiencia propia) ou Secundario (necesita ser explicado)

Debemos ter en conta todas estas variables para que o noso produto turístico conecte co público e xere experiencias.

 

Na segunda parte da sesión, Manuel Gago expón algún dos seus proxectos, onde a comunicación, a mercadotecnia e a arqueoloxía, xunto a todos os conceptos anteriores: público, experiencias, relatos, deseño de produtos crean experiencias únicas no territorio.

A TORRE DOS MOUROS (Lira, Carnota)

Neste proxecto a intención era modificar o modelo científico de escavación arqueolóxica:
– Escavación
– Publicación científica
– Posta en valor
– Difusión

O equipo que traballou neste proxecto estableceu un modelo diferente:

– Difusión e posta en valor. A difusión fíxose a través das Redes Sociais. Difundíase en directo o avance das escavacións. Isto xerou un novo tipo de visitante, aquel que só coñecía o xacemento pola campaña de comunicación, e logo acudía á Torre dos Mouros para ver in situ o que antes vía a través das RRSS.

– A escavación é, en si mesma, unha publicación científica. Partillaban nas redes sociais fotografías dos restos que atopaban conforme escavaban. Cambiaron a linguaxe técnica por unha linguaxe coloquial que posibilitou o acercamento da xente ao que alí se descubrira.

– Posta en valor Os proxectos teñen que conectar coa xente local, para iso crearon as Barferencias. Que trasladaban aos bares de Carnota temas de actualidade científica conducidos por expertos. Fixeron talleres para nenos onde recreaban os petroglifos da contorna e aprendían sobre estética e cerámica da Idade do Ferro. No propio xacemento, conta contos relataban lendas locais.

– Mercadotecnia e branding. Se queres vender un produto turístico é importante crear marca. Un logo que conecte coa xente local (neste caso un cabalo dourado vinculado ao xacemento por unha lenda de tradición oral) pero tamén que os turistas o identifiquen cunha experiencia.

MURO DA CIDADE DE MEDEIROS (Monterrei)

O Muro de Medeiros é unha fortificación da Idade do Ferro que data de hai 2.200 anos. Posúe unha importante concentración de lagares rupestres que poñen en valor a cultura do viño existente na comarca. O proxecto pretende recuperar e rehabilitar o Castro ao tempo que pon en alza a cultura do viño.

Este proxecto ten moitas peculiaridades pois é a primeira vez que se crea un produto, O godello Mara Moura, vinculado a un territorio concreto, O Castro de Medeiros, e conectado cun relato ou historia recoñecida pola comunidade local como é a lenda da Moura Mara.

Con estes exemplos Manuel Gago deixounos claro como explorar a organización de pequenas comunidades locais en torno a un ben patrimonial, e a propia capacidade deste para converterse nun obxecto cultural xerador de contidos e servizos. Unha vez máis o Turismo Cultural xerando experiencias.

Déixovos aquí web grafía por se queredes seguir vivindo experiencias:

Galicia:

http://www.muvicc.es/

http://murodemedeiros.net/unha-fortificacion-chea-de-incognitas/

http://www.aaviladonga.es/

Internacional:

http://www.lariojacapital.com/elriojaylos5sentidos/

http://www.turismocarcassonne.es/

http://www.vivetoscana.com/palio-di-siena/

http://www.guedelon.fr/

http://www.alesia.com/espanol_fr_000397.html

http://www.orkneyjar.com/history/skarabrae/

http://www.maeshowe.co.uk/

Ámbito sociocultural. participación e cidadanía. Alberto García

Por María Alonso Pais.

O pasado día 4 de novembro, tivemos a nosa 5º sesión formativa con Alberto García. Comezou a súa sesión comentándonos que a súa forma de traballar basease nas teorías do desenvolvemento comunitario adaptadas ao novo paradigma no que se atopa actualmente a xestión cultural, que xa vimos na sesión de Lluís Bonet:

Cultura xa non tan baseada na oferta senón no predominio da PARTICIPACIÓN e CIDADANÍA xa non simple consumidora senón co-decisora.

A continuación, fixemos unha pequena dinámica para a cal debíamos escribir nun papel o que nos move para traballar no ámbito cultural, e no final da sesión ler tódolos papeis e ver si o que escribiramos se correspondía co novo paradigma (xa vos adianto, que Alberto quedou abraiado coa riqueza do grupo e ca conexión profesional cas novas claves do traballo en cultura).

Inda que comezamos cunha contextualización histórica dos últimos 60 anos, foi unha sesión moi amena e moi práctica, xa que puidemos ver exemplos gráficos para poder levar a cabo no noso futuro laboral como Xestores Culturais (ou Mediadores culturais, como a Alberto lle gusta denominarse), que serán de gran utilidade para deseñar os proxectos de traballo do curso.

.

2016-11-04-pizarra-1
(Contextualización “simbólica” para explicar a evolución da xestión cutlural dos últimos 60 anos).

.

1959: o fito foi MALRAUX, onde o protagonista era o Estado, onde se buscaba a democratización da cultura a través dunha planificación UP-DOWN e unha rede de espazos chamados casas da cultura. Un exemplo que nos puxo Alberto foi Guimaraes, onde o Estado, a administración, é o protagonista absoluto do sistema cultural, o que é envexable por unha banda, aínda que como vimos despois pode desequilibrar e empobrecer a saúde de outras partes do ecosistema cultural.

1968: O fito foi MAIO DO 68, onde se fraguan as bases que chegan ata hoxe ao “novo paradigma de traballo”. Os espazos eran os centros sociais, o obxectivo principal destes era a PARTICIPACIÓN SOCIAL. As persoas son produtores de cultura, son CIDADANÍA ACTIVA que xera contidos, que se autoorganiza e quere decidir.

1987: o tema é a Economía&Cultura. A cultura vese tamén como un factor de desenvolvemento económico. Fálase de XESTIÓN cultural, de INDUSTRIAS culturais..

2000: Revolución DIXITAL. Cambia o papel EMISOR-RECEPTOR. Compartir contidos á vez que somos as persoas as xeradoras dos propios contidos. O exemplo típico é WIKIPEDIA:

No paradigma anterior os emisores do coñecemento eran unha elite pechada, hoxe en día os receptores xa non son pasivos, queren participar da xeración dos contidos.

Organizadxs en comunidades de aprendizaxe, de interese ou de práctica, xeran colectivamente o coñecemento, ca facilidade que aportan as novas tecnoloxías e sorprendentemente, coincidindo cas vellas ideas da educación popular onde “ninguén educaba a ninguén e o coñecemento se xeraba de maneira colectiva e popular”.

2008: o fito é a CRISE. Unha gran crise económica (unha gran reconversión) que desemboca nunha crise de valores. En cultura pasamos do GRANDE ao PEQUENO, do CARO ao EMOTIVO, do ESPECTACULAR ao RELACIONAL, dos EVENTOS aos PROCESOS, dos PÚBLICOS ás COMUNIDADES. A cultura vólvese máis social, un exemplo é que o festival de cine con máis repercusión hoxe en Galicia non é o modelo Ourense, é CANS.

2011: O fito é o 15M, a cidadanía eleva a súa voz de novo. Queremos participar, codecidir, cambiar o up to down polo down to up. Fálase unha vez máis de comunidades, de cultura dos comúns, de ECOSISTEMAS CULTURAIS. O exemplo que nos poñen son os laboratorios culturais como tendencia e o recén presentado laboratorio cultural de A Coruña.

.

Unha vez feita esta contextualización “breve e simbólica”, Alberto comezou co tema central do seu relatorio, o seu traballo, o que lle move, o seu día a día.

A que se adica? Alberto traballa no Centro Social de Boiro, e alí como director do centro ten que coordinar infraestruturas, persoal e programación, coidar dos servizos e actividades que ofrece o centro. Pero o traballo máis importante que Alberto di que desenvolve non é o de ofrecer servizos senón o de XERAR COMUNIDADE(s). Non só traballa cos seus compañeiros e co resto do persoal e das entidades residenciadas no centro, non só traballa con asociacións e colectivos organizados, sexan sociais, económicos, ambientais, etc.. tamén traballa con persoas, grupos, CIDADANÍA mais ou menos organizada, ca se poden COPRODUCIR proxectos. Para él no novo paradigma de traballo (que é basicamente “o mesmo de sempre” baseado no desenvolvemento comunitario e na ASC), os xestores culturais son MEDIADORES que traballan CO- ECOSISTEMA CULTURAL: (administración+creadores+sector privado+cidadanía). A implicación da comunidade é central para que o resultado final teña éxito, e é o que buscamos ca mediación.

Para mergullarnos na animación sociocultural, o que quixo Alberto foi primordialmente definirnos tal término, xa que non se ten moi claro a definición deste. Para el a Animación Sociocultural é traballar CA xente, co ecosistema “para que as comunidades sexan protagonistas do seu propio desenvolvemento”. Antes falábamos de traballar PARA e POR a xente. Cambia polo tanto a (pre)posición do xestor.

Unha vez compartiu con nós O QUE FAI, explicounos COMO O FAI. Como traballan dende o centro social  para “artellar as comunidades”, mediante un cadro que dende Boiro deseñaron e practican.

2016-11-04-pizarra-2

Para artellar comunidades, o primeiro é ter en conta os valores compartidos, non ter presa por concretar os proxectos. Analizar o ecosistema, ver onde hai comunidades que xa existen ou están latentes que comparten valores e logo MEDIAR, CONECTAR, DINAMIZAR, ACOMPAÑAR.. para CON ELAS, XUNTO A ELAS, producir as accións.:

De seguido pasamos a analizar o cadro que nos mostrou Alberto, con exemplos de accións para traballar nun ecosistema:

  • Valor creativo-colaborativo: o tema a traballar era o handmade, levado a cabo polo colectivo Creaturas e a acción foi o Maio Vintage Market
  • Valor de cultura como motor de desenvolvemento económico: o tema a traballar nesta ocasión era a economía creativa, o colectivo impulsor desta iniciativa foi República Creativa e o exemplo que vimos foi o Networking creativo
  • Valor de transformación social: o tema a traballar era a recuperación estética dunha rúa e a memoria colectiva, o colectivo impulsor foi Unión de Muchachas e o exemplo que vimos foi Principal 97

.

Unha vez vistos os exemplos dun  traballo cultural onde se ten en conta o ecosistema, os valores e á xente como xeradora de contidos, pasamos ó descanso, e á volta nos esperaba unha dinámica por grupos de traballo, analizar unha serie de proxectos culturais que se están a levar a cabo en diferentes localizacións similares ás dos nosos proxectos para este curso, e ver si se adaptaban ó modelo de traballo baseado no novo paradigma e este nos era útil para o traballo que nos queda por diante.

Estes foron os proxectos a analizar:

Para rematar, dicir que a sesión con Alberto foi moi produtiva, onde puidemos ver unha forma de traballar diferente, onde se lle da máximo protagonismo ás persoas, a un ecosistema e a uns valores.

Despídome cunha frase de Eduardo Galeano, que reflexa para min a sesión de hoxe, “Moita xente pequena, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas, poden cambiar o mundo”.

Si queredes saber máis sobre Alberto, non esquezades visitar o seu blog. E ánimo compañeir@s, que traballar CA xente é posible!

Elaboración do diagnóstico. Identificación de necesidades e oportunidades. Ana Lorenzo.

Por Marina Isabel Carracedo Mateo.

O pasado venres, 28 de outubro, tivemos a cuarta clase do curso, impartida por Ana Lorenzo Vila, socióloga experta en investigación social e participación cidadá e técnica de proxectos da sociedade cooperativa Cidadanía, que obtivo este ano o premio ao mellor proxecto cooperativo nos Premios á cooperación de Galicia.

A sesión comezou cunha dinámica grupal na que tiñamos que posicionarnos respecto a unha serie de preguntas que xiraban en torno á cuestión de que é unha necesidade cultural, baseada en parte nun artigo do sociólogo Julio Alguacil sobre necesidades e satisfactores. Aínda que nun principio a maioría nos posicionabamos a favor de que as necesidades son subxectivas e diferentes en cada persoa, ao final da dinámica distinguimos os desexos das necesidades, que non teñen por que se corresponder, e coincidimos en que son universais. Como vimos, as necesidades humanas fundamentais son as mesmas en todas as culturas e en todos os tempos e o que cambia (e, por tanto, define a unha cultura) é a forma de satisfacelas.

.

foto_clase

.

A actividade serviu tamén para introducir a clasificación das necesidades humanas feita polo pensador chileno Max-Neef et al., que distingue entre necesidades e os satisfactores desas necesidades combinando dous criterios: as categorías axiolóxicas ou necesidades humanas fundamentais (subsistencia, protección, afecto, entendemento, participación, ocio, creación, identidade e liberdade) e as categorías existenciais (as necesidades de ser, ter, facer e estar). O cadro, constitúe unha provocadora resposta á tradicional Pirámide de necesidades de Abraham Maslow, que sostiña que debemos ter cubertas todas as necesidades básicas antes de poder autorrealizarnos, serviunos para reflexionar sobre o importante papel que a cultura desempeña no noso día a día para cubrir as nosas diferentes necesidades.

Continuamos a sesión aprendendo sobre os tres enfoques máis comúns á hora de facer unha diagnose das necesidades culturais que ten unha comunidade. O primeiro pode empregarse, por exemplo, para estudar o nivel económico da poboación; o segundo, para analizar por que certos colectivos non participan en determinadas actividades, mentres que o terceiro nos serve para implicar á cidadanía nos proxectos que organizamos:

enfoques-diagnose

.

Ana deunos unha serie de pautas á hora de preparar os materiais das enquisas (por exemplo, formular as preguntas de xeito que non impliquen nunca un posicionamento, ou facer entrevistas sempre que se poida en lugar de preguntas de resposta pechada), e despois analizamos entre todos unha serie de datos estatísticos do Ministerio relacionados co emprego cultural e unha serie de intervencións nun grupo de discusión para familiarizarnos coa metodoloxía e aprender a quitar conclusións relevantes. Rematamos a sesión creando entre todos un mapa de axentes culturais, poñendo como caso hipotético un proxecto para traballar a interculturalidade no barrio santiagués de Vite, identificando os diferentes axentes (como o Concello, os centros de ensino, a comunidade xitana ou diferentes asociacións) e situándoos no mapa en función do poder que considerabamos que cada un deles potencialmente ten para acadar o obxectivo formulado. Os seguintes pasos serían facer un esquema DAFO cos puntos fortes e as debilidades que temos e, por último, crear o plan de acción.

Agradecemos dende aquí a Ana Lorenzo por unha sesión moi dinámica e práctica que nos fixo reflexionar e aprender unha serie de pautas que nos servirán para poder elaborar a diagnose e identificar as necesidades ás que responderá non só o noso proxecto cultural do curso, senón todo o que queiramos idear a partir de agora.