Técnicas para o traballo en equipo e ferramentas colaborativas. Con Diego Parajó

Esta sesión, adicada ao traballo en equipo e colaborativo, tivo unha pequena primeira parte. Nela, ademais de poñer en común as impresións sobre a  anterior aula con Lluís Bonet e Sergio Lago, puidemos coñecer a Diego V. Meizoso, unha das personas que participa na titorización do Curso e que acompañará ao alumnado ao longo do proceso de construción dos proxectos culturais.

Precisamente diso tamén se falou nesta sesión: fixéronse os grupos de traballo, explicouse o plan previsto e anunciáronse as datas e contidos dos primeiros entregables. Con todo iso sobre a mesa, só quedaba poñerse en marcha. E para iso contamos con Diego Parajó, outro dos titores, co que os achegamos ás técnicas para o traballo en equipo e ás ferramentas para desenvolvelo.

 

Adeus post-it!

Nas cinco edicións previas, esta sesión celebrouse sempre de maneira moi dinámica, desenvolvendo os exercicios propostos por Diego de maneira práctica, moi, moi divertida e con ducias de post-it de cores. Pero nesta sexta edición a nova normalidade manda e non quedou máis remedio que renunciar a ese formato de sesión, que sen dúbida é un dos clásicos do Curso. Renunciar na forma, porque, no fondo, a sesión trasladou os mesmos contidos e ideas que en anos anteriores.

Ademais, Diego substituíu os papeliños de cores nas paredes por papeliños de cores nun taboleiro dixital (Miro), de tal modo que puidemos aprender (facendo) no eido das ferramentas telemáticas.

Nesta sexta edición, o traballo en equipos volverá a coordinarse a través de Trello, outra ferramenta profesional, ás veces é difícil no comezo para algunhas persoas, pero que acaba por ser moi útil e valiosa para o traballo en equipo.

Con todas as ferramentas que nos facilitou Diego estamos list*s para comezar! ;)

Historia, actualidade e perspectivas da xestión cultural. Con Lluís Bonet e Sergio Lago

Por Mar Benavides

Se algo marca o 2020 é a incerteza e o cambio do noso modo de vida. Como nos adaptamos a estes cambios é crucial para o desenvolvemento da nosa sociedade. E non ía ser menos nas nosas clases, onde a presencialidade non sempre é posible e as caras dos nosos compañeiros e compañeiras se ven despersonalizadas cunha máscara. O venres 9 de outubro tivemos a primeira sesión en liña do curso e, aínda que non é o mesmo que compartir unha aula xuntos, puidemos vernos, facer bromas polo chat e falar con total normalidade, conectando o micro claro ;).

Para esta sesión acompañounos Lluís Bonet, unha das máximas referencias académicas e intelectuais no ámbito europeo da xestión cultural. Repasamos a historia e o perfil do xestor cultural e falamos dos desafíos cos que nos encontramos nestes tempos, animándonos á innovar e a non esperar a unha normalidade para facer cousas novas.

A profesión xorde coa necesidade de que alguén organice eventos e actividades culturais colectivas. Temos rexistro desta dende a Idade Moderna (nas cortes, no teatro, etc) tendo incluso algunha referencia bibliográfica sobre a súa xestión. De todas formas, aínda que o oficio foise perfilando co tempo, é nos anos 60 cando aparece o xestor cultural e cando xorde a necesidade de formación no campo.

 

O perfil da xestora cultural e a realidade do sector

É aquí cando Lluís nos pregunta cal é o perfil dun xestor cultural. Que actitudes, habilidades e coñecementos ten que ter? É Deus, como dixo en broma unha das compañeiras? Como se xestiona o talento? E o non-talento? O debate xirou en torno a estas cuestións, e aínda que con diferencias, todos coincidimos nunha síntese común. Ademais concluímos que é unha carreira profesional que require de:

  • Poñerse en valor no ámbito profesional
  • Formación continua: cursos, seminarios, xornadas…
  • Co-aprendizaxe: Compartir proxectos, participar en redes, seguir blogs, visitar equipamentos e espazos, estar ao día da bibliografía…
  • Non só coñecementos, senón a capacidade de xestionar o talento de todos os colaboradores.

No último punto da conferencia con Lluís, falamos dos desafíos actuais da profesión, vinculándoos á pandemia e destacando a necesidade dunha mirada crítica, diversa e innovadora.

Abrimos a segunda parte da clase con Sergio Lago, cunha explicación teórica menos amena, pero importante, para saber como funciona a profesión. Ademais, o profesor soubo paliar a sesión animándonos a interactuar no chat. Falamos do contexto laboral e profesional da xestión cultural en Galicia e dos retos ante a pandemia. Todo isto complementado con varios textos e libros de referencia para aprender máis a fondo sobre a realidade da nosa comunidade.

Se nos quedou claro algo é que queda traballo por facer para dignificar os dereitos laborais do oficio por parte dos sectores privados e públicos e que pode que as cooperativas sexan o presente e futuro da profesión.

Para quen traballamos? ;)

Así comezou a sexta edición do Curso

A nova edición do CEU en Xestión Cultural xa está en marcha, con máscaras e distancia de seguridade na aula, como indican os protocolos da USC, pero, sobre todo, cun alumnado moi participativo e un equipo promotor con moitas ganas de comezar a aprender facendo e aprender compartindo.

A primeira sesión desta sexta edición tivo unha parte de presentación, con Isabel Neira e Gonzalo Rodríguez, profesores da facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e codirectores do Curso, e Marcos Lorenzo e Sergio Lago, promotores e coordinadores. Da súa man puidemos coñecer como e por que comezou o Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural (no 2014) e como foi a súa evolución ata o día de hoxe.

E, por suposto, tamén puidemos coñecer ás persoas que este curso 2020-21 forman parte do noso alumnado: xente vinculada a ámbitos como a historia, o patrimonio, a divulgación, a comunicación, a educación, o audiovisual,… moi motivada e, na meirande parte dos casos, con obxectivos moi concretos, xa que moitas teñen ou tiveron vinculación con algún proxecto cultural.

Un grupo no que xa se intúen posibles sinerxías e unha clara intención de facer equipo, como puidemos comprobar no descanso ;)

 

Boas prácticas e políticas culturais

Trala pausa, retomamos a sesión con dous contidos concretos. Unha aproximación ás boas prácticas na xestión cultural galega, da man de Sergio Lago, quen avanzou que na vindeira sesión ampliariamos este contido, e ás políticas culturais en Galicia, con Marcos Lorenzo.

Esta parte da sesión propiciou un interesante debate entre o alumnado dende o primeiro momento. Todo comezou con esta pregunta: “por que é bo o gasto en cultura?”

E ti? Que opinas? ;)

Volvemos!

A 6ª edición do Curso de Expert* Universitari* en Xestión Cultural da USC xa está en marcha! Cun alumnado heteroxéneo, en canto a idades e perfís laborais e formativos, pero cunha cousa en común: o interese por achegarse ás claves do desenvolvemento e xestión de proxectos culturais.

O CEU en Xestión Cultural celebrará neste curso 2020-21 sesións presenciais entre o 2 de outubro e o 20 de maio todos os venres lectivos, ademais dun xoves ao mes. A meirande parte delas na facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, salvo algunhas sesións en entidades culturais de referencia e algúns contidos en liña, como podes ver no programa do Curso.

O enfoque da formación segue a ser proporcionar coñecementos orientados a unha boa práctica profesional, que se traducirán no desenvolvemento dun proxecto cultural en equipo. Para isto, e para boa parte das titorías, facilitarase o emprego de ferramentas telemáticas que permitan o traballo colaborativo a distancia, tal e como xa se viña facendo en anos anteriores.

Nesta ocasión, ademais, haberá un espazo dixital ao que acceder de maneira sinxela, que servirá para facilitar a docencia en caso de que alumnado ou equipo docente non poidan desprazarse ata a aula.

Tras cinco edicións, o que non ten ningún cambio é a nosa filosofía, que segue a ser #aprenderfacendo e #aprendercompartindo xuntas.

O 2 de outubro comezamos a poñela en práctica na sexta edición! ;)