Valoración dos recursos e deseño de orzamento. Con Miguel Martín

Por Gustavo Rey

Temos o gusto de contar nesta ocasión con Miguel Martín, antigo director do IGAEM e do AGADIC, traballador do departamento de promoción cultural do Concello de A Coruña e encargándose actualmente da area de Servizos Sociais de devandita cidade.  Miguel, dende a súa casa en A Coruña e vía Teams, será o encargado de aportar contido e coñecemento nesta sesión de valoración dos recursos dos proxectos e deseño orzamentario, sesión que poderiamos aproveitar de mellor forma en modalidade presencial, como el mesmo nos indica, pero que nos será igualmente de gran utilidade para o desenvolvemento dos nosos proxectos culturais.

Logo de presentar os bloques temáticos propostos para o día arrancamos introducíndonos nas funcións do orzamento. Entendemos o orzamento como unha ferramenta bidireccional que nos axudará na planificación do proxecto (actuando como documento interno co que estimaremos os custos e partidas orzamentarias) pero tamén na comunicación e execución do mesmo (actuando como documento externo co que se achegarán os detalles económicos do proxecto a futuros clientes).

Pouco a pouco imos destripando este importante documento e analizando os conceptos e apartados que o compoñen, aprendendo así cales son os custos que deberemos ter en conta á hora de confeccionar un orzamento e vendo vías de cálculo dos mesmos. A pesar de recalcar que a sesión non se centraría en temas laborais ou fiscais, a nosa curiosidade e descoñecemento neste complicado pero inevitable mundo paralelo fixo que a primeira parte da clase transcorrese entre preguntas e supostos relacionados con estas temáticas, abríndose a veda nada mais tocar o apartado de traballadoras, nóminas, seguridade social e todo o que unha contratación laboral conleva, pasando tamén polo mundo da facturación, os tipos de retencións e os impostos aplicables a empresas ou autónomas.

Chegados ao intermedio, e logo duns minutos de descanso, procedemos co exercicio práctico que nos propón Miguel: unha breve exposición xeral dos nosos proxectos, incorporando unha perspectiva económica e facendo unha valoración orzamentaria dos mesmos.

Tras anotar con gran interese as suxestións e correccións referentes aos nosos proxectos avanzamos tocando agora conceptos como “activos fixos” e “custos de amortización”. Vemos os gastos de estrutura inseparables de cada forma xurídica correspondente, independentemente da natureza e particularidades de cada proxecto a desenvolver. Aprendemos tamén a diferenciar os conceptos internos e a súa natureza organizativa dos conceptos externos e a súa natureza informativa: os custos totais de cada actividade/servizo serán especificados ao cliente, mentres que os custos polo miúdo do que nos implica a nós a realización de cada actividade/servizo, cun desglose máis meticuloso, son só de uso interno.

Aprendemos tamén a calcular o punto morto dunha actividade/servizo, ese punto de inflexión onde se neutralizaron todos os gastos e se comeza a obter beneficio, valoramos os tempos de cobro e os adiantos económicos que moitas veces temos que facer para sacar adiante un proxecto, coas súas correspondentes necesidades de financiamento e os gastos que se xeran e rematamos falando de imprevistos, eses eventos aleatorios que non podemos controlar pero que si debemos ter en conta, engadindo un incremento porcentual de cálculo interno de entorno a un 10%.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*