‎Produción cultural: festivais e eventos. Con Ángel Piñeiro

Por Clara Redondo

O venres 12 de febreiro estivo con nós Ángel Piñeiro, responsable de produción da empresa Bring the Noise, promotora de festivais, xiras e eventos como Resurrection Fest, O Son do Camiño, Tsunami Xixón, Caudal Fest ou as Xiras Route Resurrection, así como da axencia de booking e management Rebel Beat Agency.

Foi unha sesión chea de emocionantes experiencias profesionais e de explicacións sobre todo o traballo que se atopa detrás da produción dun festival, tanto de gran formato como de pequeno, xa que Ángel recalcou a importancia da planificación previa, sexa cal sexa a magnitude do evento.

Tan ou máis importante que os días do propio  evento é o traballo de pre-produción, onde é necesario ter unha información como punto de partida (datas, localizacións, listaxe de artistas, riders…), un cálculo de necesidades (dende infraestruturas e materiais ata as derivadas da propia produción e do contrato coas artistas), unha folla de ruta con toda a información relevante e un presuposto coas previsións.

Como non, nun sector tan maltratado coa xestión da covid, tamén hai que ter en conta os protocolos, como os reaxustes de aforos, rexistros, medidas de desinfección, etc. Ademais foi un tema que deu para debate e numerosas reflexións sobre a incerteza do futuro, buscando posibilidades para crear novos formatos ou confiando en que poidan manterse -non sabemos para cando- os grandes festivais.

Xa na parte de produción, Ángel explicou a importancia dun bo cronograma de tarefas, de igual maneira que a dispoñibilidade dunha gran cantidade de persoal (dende a dirección de produción ata os condutores e a seguridade) e prever a hospitalidade de todos eles.

Ademais, débese ter en conta toda unha serie de consideracións para as operacións de montaxe, como a maquinaria, a boa comunicación tanto interna como co externa e todas as infraestruturas a ter en conta (delimitacións, aseos, zona merch, etc.). Do mesmo xeito que a montaxe dos equipos técnicos, sendo clave a figura do rigger. Tamén é importante a produción da recepción de artistas e das actividades recollidas no contrato. Ángel resaltou a comunicación e negociación como claves nesta fase.

E case por último, quedan os días da verdade, os do propio evento, onde aínda que todo estea perfectamente planificado poden xurdir imprevistos, por iso é importante ter facilitadores, apagalumes e facer as probas de son que sexan posibles, estando preparadas para todo tipo de imprevistos. Posteriormente, queda a desmontaxe mais o traslado dos materiais e os trámites administrativos (pagos e cobros, peches contables e informes de conclusións).

Sen dúbida, Ángel ilustrounos moi de preto todo o que ocorre antes, durante e despois dos nosos festivais preferidos -aos que desexamos poder volver a asistir máis pronto que tarde. Ademais, gardámonos moitos consellos para a produción dos mesmos, dende a importancia dunha boa planificación e comunicación ata como saír de situacións desesperadas do directo, con trucos para parar as tormentas máis heavies.

 

 

 

 

 

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*