Programación e mediación cultural: artes escénicas, con Paulo Rodríguez, e música, con Belén Bermejo

Por Nuria Sobral

Este 22 de xaneiro voltamos ás aulas para a primeira sesión do bloque de “Mediación e programación cultural” do curso. Esta clase dividiuse en dúas partes: a primeira impartida por Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e a segunda por Belén Bermejo, directora artística e coordinadora de proxectos como o festival Espazos Sonoros ou o ciclo De Lugares e Órganos.

O primeiro tema que abordou Paulo Rodríguez, como é inevitable, é o da covid19. Falou dunha programación “en tempos de guerrilla” no que o primeiro que tes que facer como xestor é ler o DOG, o que determina a folla de ruta do día ou da semana. Tamén explicounos que realmente os tempos de crise non deixan de ser a esencia da xestión cultural, é dicir, a capacidade de resposta e de continuar fronte as adversidades.

Esta situación nos fará repensar moitas cousas en termos de xestión cultural e de como traballar, tendo en conta que hai elos máis fortes e máis fracos na cadea de valor do sector cultural das artes escénicas. Neste caso tócalle ós teatros públicos e as administracións públicas aguantar.

Xa deixando de lado o tema do coronavirus, o primeiro que nos explicou Paulo Rodríguez foron os tres niveis da xestión do proxecto artístico dun teatro:

  1. O nivel político: vai trazar as directrices. Un político pode chegar a influír tanto no proxecto artístico como que designa el mesmo ó xestor. Tamén vai definir os nosos recursos e pode chegar a ser un elemento de tensión se non está o suficientemente claro o que ten que facer cada un.
  2. O nivel estratéxico: ó que pertence a parte artística na que o xestor mantén un diálogo co artista, o desenvolvemento territorial e a produción.
  3. O nivel operativo: ten en conta a administración (que dirá o que podemos facer e o que non), o capital humano, os recursos materiais e servizos e o márketing e a comunicación.

O seguinte punto que tratou Paulo Rodríguez foi o de definir a figura do programador/a como curador/a e explicou que o asumir as funcións curatorais do programador estrutura un marco ordenador para as representacións, establece un marco interpretativo a fin de lograr conexións importantes entre a arte, o artista, os públicos e traballa para lograr a visión da organización.

En definitiva, o programador é:

  • Cartógrafo, deseñador dos límites, atópase en diálogo aberto co contexto.
  • Educador, debe ter a bagaxe suficiente para “traducir” a obra ó público e ten que estar en aprendizaxe continuo.
  • Narrador, ten que crear unha narrativa a través da programación.
  • Provocador, xa que a través da experiencia individual, forza o cambio social/cultural e o autocoñecemento.

Outro tema moi interesante que tratou foi o do “fracaso responsable”, é dicir, dar resposta a unha comunidade minoritaria e cubrir unha necesidade cultural dende a institución publica, que si non o fixera o xestor, non o faría ninguén, aínda que isto leve a un espectáculo cun único espectador. Por último para falar da mediación e da creación de contexto na cidade explicounos un pouco por enriba en que consiste a programación expandida do TRC Danza, un ciclo que se realiza no teatro Rosalía de Castro.

 

 

 

A programación no ámbito musical

 

Na segunda parte da sesión, Belén Bermejo explicounos que é, como se constrúe, como se deseña e como se leva á práctica unha programación cultural, baseándose principalmente na súa experiencia co festival Espazos Sonoros.

Cando comezamos unha programación é importante saber que queremos acadar, por iso é que debemos marcar unha serie de obxectivos xerais (como pode ser a realización de concertos, contribuír ao desenvolvemento do país…) e uns obxectivos específicos (contribuír á cohesión social, ó desenvolvemento local, ó diálogo…). Despois disto para botar a andar unha programación cultural debemos plantexarnos dúas preguntas clave: Que queremos facer? E de que medios dispoñemos?

Por outro lado, este proceso de programación divídese en tres fases:

  • Deseño da programación e pre-produción
  • Produción
  • Posprodución

 

En canto ó deseño da programación e pre-produción sempre ten que haber unha dirección artística que defina o concepto e os contidos, e as actividades que hai que levar a cabo son as seguintes:

  • Selección musical, contactos e negociación de condicións
  • Selección de espazos, inspección ocular, elaboración de cadro de necesidades e a negociación da cesión
  • Planificación de actividades paralelas e loxística
  • Negociación de termos para colaboración con concellos, entidades e asociacións locais e parceiros
  • Elaboración dun calendario para a programación
  • Contratación cos provedores de servizos varios.

A raíz disto, Belén Bermejo explicounos os principais problemas que aparecen á hora da planificación, entre os que destacan: a falta de tempo para planificar, a lentitude e rixidez da administración de cultura, a irracionalidade do sistema de subvencións en materia de cultura, o profundo descoñecemento por parte da administración de cultura sobre o funcionamento do sector e a precariedade nos orzamentos.

En canto á produción é importante destacar que para facer todo isto hai que organizar os recursos humanos que se teñen: un equipo de produción técnica que se encargue das luces, un equipo de produción artística que estea en estreito contacto cos artistas, un equipo de comunicación, e por último unha coordinación xeral que se encargue de coordinar todo este entramado.

Para rematar, Bermejo destacou a importancia de que o equipo de comunicación estableza unha conexión emocional co público. Non se trata tanto de investir grandes sumas en reclamos publicitarios e material promocional se non buscar a maneira de cultivar un elemento narrativo, contar unha historia que atraia a xente.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*