Presentación e contraste dos anteproxectos do alumnado

O 18 de decembro celebramos a presentación dos anteproxectos do alumnado. Nesta ocasión, con tres profesionais do ámbito cultural –Encarna Lago, Ángeles Miguélez e Marcos Lorenzo- como convidadas para dar contraste ás propostas xunto co equipo de titores.

A sesión celebrouse de maneira presencial nunha das aulas da facultade, cunha presentación en formato pechakucha por cada proxecto: comunidade, participación, sostibilidade, creatividade,… foron algúns dos conceptos que o noso alumnado incorporou ás súas propostas das que facemos este pequeno resumo:

Equipo Vedra. Este grupo de alumn*s desenvolveu, como fundación, o proxecto Camiño de Volta, especialmente dirixido a todas as persoas que viven en Vedra pero que non participan da vida cultural deste concello no que, por outra banda, hai unha gran tradición asociativa. O seu obxectivo é revitalizar, re-conectar e reforzar o tecido social vedrense. A través de diferentes ferramentas e estratexias, o proxecto desenvolverase con carácter anual nas 12 parroquias que integran o concello, pensando moi especialmente nesas 3.133 persoas que a día de hoxe non gozan da vida cultural e de lecer que se desenvolve no municipio.

Equipo Tomiño-Vilanova da Cerveira. Este grupo, que opera baixo a forma de asociación cultural, resumiu o seu proxecto cun desexo: queremos que pasen cousas. Para iso propoñen  un Quecedoiro de Ideas: un espazo físico e virtual nos que coidar e quecer proxectos na eurocidade que sirvan para recoñecerse, reconectar as dúas beiras do río, co-crear e comunicar cunha aposta clara pola inclusión, a cooperación, a escoita activa ou a igualdade.

Equipo Cambre. Este grupo de traballo, formado por autónomos, tomou como referencia para o seu proxecto a novela O bosque animado, de Wenceslao Fernández Flórez. Unha obra inspirada na fraga de Cecebre e na que se fala de raíces e ecoloxía, dous conceptos que serán a clave desta proposta orientada á saúde cultural e emocional na veciñanza de Cambre. Este proxecto, segundo indicou o grupo, non ten destinatarios, senón participantes. Serán eles e elas quen tezan comunidade nun espazo compartido no que se traballe sobra as historias das persoas.

Equipo Ponteareas. Este grupo desenvolve o seu proxecto baixo a fórmula de grupo de técnic*s municipais. No seu caso tratarán de re-distribuír a oferta cultural do concello nas súas 24 parroquias, que se queixan de non teren actividades suficientes, a pesar da existencia dun programa municipal adicado a este fin. A proposta deste equipo pasa por complementar este programa coa proposta de nome provisional Conecta Ponteareas, na que a natureza, os espazos patrimoniais e a propia vila serán o escenario das actividades culturais, que fuxirán así dos recintos tradicionais para favorecer a implicación e protagonismo de veciñanza (especialmente a de maior idade) e asociacións culturais locais.

Equipo Cambados. Constituído como unha SL, este grupo pretende ofrecer unha alternativa cultural que vaia máis alá do viño e o narcotráfico (un estigma reforzado trala serie Fariña). Unha alternativa que, segundo nos explicaron, xa existe, debido á efervescencia cultural da vila, pero que non goza de ningún tipo de apoio e , por tanto, impulso ou difusión. Neste sentido, o equipo lembrounos que a principal industria da zona é, en realidade, a pesqueira, incidindo concretamente no papel das redeiras, tradicionalmente esquecidas no relato social e cultural da vila. Por iso propoñen As redes pescando, unha proposta na que revalorizar o papel destas mulleres do mar, crear vínculos entre as creadoras locais e os públicos e crear comunidade, captado novos públicos e a participación da veciñanza.

Equipo Allariz. Para este proxecto o grupo, que traballará seguindo a lóxica dunha cooperativa, quere achegarse especialmente ao público de entre 25-40 anos da vila, que demanda, segundo a súa diagnose, unha actualización da oferta cultural e que busca fóra da vila alternativas para o seu tempo. Neste sentido destacan que se trata dunha veciñanza moi participativa en todo o que se promove dende o Concello, pero sen unha gran capacidade para desenvolver iniciativas propias. Por iso, a súa proposta pasa por complementar o amplo programa municipal cunha iniciativa orientada a implicar á veciñanza estimulando a creatividade colectiva.

 

 

Os seis anteproxectos evolucionarán nos vindeiros meses, a medida que se incorporen novos coñecementos e tamén novas necesidades, e probablemente nalgúns casos muden varios aspectos do que hoxe coñecemos; pero o que é innegable é o traballo e a creatividade colectivas que hai detrás de cada unha das propostas, das que non podemos sentirnos máis contentas, como comentou ao final da tarde o coordinador do Curso, Sergio Lago, acompañado de parte do equipo promotor.

Foi unha tarde de peche de trimestre emocionante, que se completou, tralas presentacións e o descanso, cunha conversa aberta sobre inclusión, igualdade e sostibilidade con Encarna Lago e Ángeles Miguélez que acabou por ser o broche de ouro da xornada :)

3 replies

Trackbacks & Pingbacks

  1. […] todas as edicións repítense sesións que son, en realidade, fitos do Curso. Como por exemplo, a que adicamos no mes de decembro a coñecer os anteproxectos do alumnado e que adoitan de ir acompañadas, tralos nervios desa primeira exposición, dunha charla sobre […]

  2. […] aí, precisamente, xorden os seis anteproxectos culturais que veñen de presentar nunha sesión que, coma todos os anos, marca o peche…. Á volta do Nadal tocará facer evolucionar as súas estupendas propostas e convertilas en […]

  3. […] deste 18 de decembro foi unha xornada moi intensa. Ás magníficas presentacións dos anteproxectos do noso alumnado sumamos, tralo descanso, a intervención de Encarna Lago e Ángeles Miguélez, xerente e […]

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*