Ámbito sociocultural. Participación e cidadanía. Con Alberto García

Por Sara Fraga

Nunha aula transmedia con participación tanto virtual coma presencial, debateuse sobre o pasado, o presente e o futuro da cultura e que papel teñen que ter a cidadanía e as entidades públicas neste panorama. Como non podía ser doutra maneira, valoramos como lle afecta a situación da covid á cultura e se é unha oportunidade para implicar á sociedade e á creación cultural máis próxima.

 

Participación, cidadanía, mediación, comunidade e social foron os conceptos clave arredor dos que xirou a aula. Alberto García, técnico de cultura no Concello de Boiro, fixo unha retrospectiva sobre a xestión cultural a nivel occidental reparando especialmente na participación cidadá e na necesidade de que nós, como xestores culturais, actuásemos como mediadores.

 

Unha retrospectiva da cultura: da cultura como recurso á cultura como participación

Alberto, educador social de formación, contounos a súa experiencia xestionando un centro social de Boiro, na que fronte ó devir político, sempre priorizou a participación cidadá na actividade cultural. A liña de traballo que nos propón Alberto recóllese na mesma Constitución Española, na que o Art. 9.2 afirma que a cidadanía ten dereito a participar na cultura da súa contorna. Polo tanto, co noso traballo sempre debemos favorecer e facilitar que se exerza este dereito para que haxa un desenvolvemento social.

Cunha retrospectiva histórica da evolución da cultura e de como este sector se presentaba ó mundo vimos como se pasou de defender a cultura coma un recurso económico a un modelo no que se defende a cultura como participación, como medio para o desenvolvemento humano e social en aspectos que non son só produtivistas.

Cunha máscara co estampado dun pano do traxe tradicional galego, Alberto recordounos que esta forma de facer cultura participativa leva séculos implantada en Galicia e que, esta rede asociativa existente facilita a programación de pequenos eventos nos que é a propia poboación galega a protagonista, máis que de grandes fitos culturais.

 

Cultura sustentable e participativa

A chave que nos deu Alberto, pero que xa se viña destacando nas anteriores aulas, foi a mediación. Como xestores culturais e sendo coñecedores do ecosistema cultural co que traballamos, debemos procurar que as entidades públicas non compitan coas asociacións ou os demais axentes creadores de cultura, debemos mediar para que haxa unha autoestimulación, unha dinamización e un equilibrio. Traballando con respecto e en comunidade, a cultura servirá como transformación social.

O artigo de Alberto no xornal Nós foi o inicio do debate sobre como lle está afectando a COVID-19 á cultura. Partindo de que a cultura está nunha crise extrema, chegamos a varias conclusións fundamentais:

  • A cultura debe ser sustentable e de proximidade
  • As tradicións vivas coma o Samaín ou o Magosto están practicamente anuladas.
  • A democracia debilítase se o tecido social non produce a súa propia cultura.

 

Aplicar o aprendido

A segunda parte da aula consistiu nun exercicio práctico no que, a partir das palabras chave e das reflexións sobre a cultura participativa e sustentable, analizabamos se diversos proxectos culturais dos concellos cos que estamos traballando son exemplos de boas ou malas prácticas.

Dende diferentes lugares de Galicia e con varias vídeo-chamadas ó mesmo tempo as distintas equipas foron capaces de analizar os proxectos culturais e de presentalos diante de todas as compañeiras entre risas e con análises máis ben subxectivas.

Esta aula demostrou que pode que o tecido sociocultural de Galicia estea en perigo, pero que as ganas de xuntarse están presentes e traspasan as pantallas, polo que cando menos as participantes do curso, traballaremos porque a sociocultura galega sobreviva esta crise.

Como din no Entroido Tradicional de Samede: “Viva a unión, c***llo!”.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*