Presentación e contraste dos proxectos finais do alumnado

Hai nada entrabamos por primeira vez na aula da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC que acolleu a meirande parte das sesións formativas desta edición do Curso e, este pasado 15 de maio, celebramos a última desas sesións. Nesta ocasión non para aprender do equipo docente, senón do traballo desenvolvido polo alumnado, xa que a aula estivo dedicada, fundamentalmente, á exposición de dúas partes fundamentais dos seus proxectos culturais, como son o plan de comunicación e a estratexia de financiamento.

 

 

Nestes meses de aprendizaxe teórica e traballo práctico en paralelo, os proxectos iniciais, que coñecemos a finais de decembro de 2018, foron evolucionando. Porque, polo camiño, o alumnado incorporou novos conceptos e aprendeu distintas maneiras de facer, trasladándoas ás súas propostas: desde o traballo previo de diagnose, para identificar necesidades e oportunidades, ata o coñecemento dos públicos da cultura, sen esquecer a captación de fondos europeos, as posibles conexións co mundo da empresa ou a relación entre a xestión cultural e a Administración pública.

 

De que falamos estes nove meses?

Nesta edición do Curso, puidemos ter unha visión panorámica das políticas culturais e falamos de participación cidadá, turismo cultural e desenvolvemento territorial, economía da cultura, marketing cultural e xestión de públicos, mediación e programación cultural en artes escénicas e música, así como en audiovisual e no mundo do libro. Tivemos contacto co dereito aplicado á xestión cultural e coa produción no eido expositivo e en grandes eventos. Achegámonos á relación entre os centros culturais e os laboratorios de creación. Aprendimos a diversificar ingresos e tivemos ocasión de presentarlle os nosos proxectos a posibles financiadores e patrocinadores culturais. Sen esquecernos da cultura dixital e das estratexias de comunicación dixital coas que traballan algunhas das principais institucións culturais no ámbito internacional.

Os coordinadores e titores Marcos Lorenzo e Sergio Lago tamén aportaron os seus coñecementos, guiando a construción dos proxectos do alumnado, apoiados por Diego Parajó, titor dunha parte do Curso e responsable de aportarlle aos alumnos dinámicas de traballo en equipo e creatividade, e Sonia Díaz, tirora da parte dedicada ao patrocinio e mecenado culturais e ao plan de comunicación.

 

Aprender dentro e fóra das aulas

Foron varias as ocasións nas que o Curso trasladou a aula fóra da Facultade, co obxectivo de achegar ao alumnado a institucións de referencia da cultura galega, coñecéndoas desde dentro: desde o Consello da Cultura Galega , o Museo do Pobo Galego, o CGAC e o Auditorio de Galicia ata Culturgal, a cooperativa Urdime e a fundación Didac.

Ademais, o CEU en Xestión Cultural tivo ocasión de poñer en marcha nesta edición a iniciativa de coñecemento común A Xestión Cultural en Galicia: unha colección de reflexións e análises de profesionais de referencia na xestión cultural sobre os seus respectivos ámbitos de traballo, que se publicou durante varias semanas no xornal dixital Praza Pública e que podedes ler tamén desde aquí.

De moitas destas cousas, que agora repasamos con vós, falouse na última sesión do Curso, na que o alumnado puido compartir as súas vivencias e opinións con respecto a sesións, docentes, visitas e actividades.

E así, coa satisfacción do aprendido e do feito nestes meses, remataron as aulas da quinta edición.

2019-05-15 sesión final (10)

 

Ata o vindeiro 30 de setembro, o Curso prosigue, coas prácticas do alumnado en empresas e entidades do sector. Seguimos a #aprenderfacendo e #aprendercompartindo!  ;)

2 replies

Trackbacks & Pingbacks

  1. […] actual edición 2018-19 del Curso cerró sus aulas el pasado 15 de mayo, con una sesión final en la que el alumnado expuso el plan de comunicación y la estrategia de financiación de sus […]

  2. […] edición 2018-19 do Curso pechou as súas aulas o pasado 15 de maio, cunha sesión final na que o alumnado expuxo o plan de comunicación e a estratexia de financiamento dos seus proxectos […]

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*