2019-04-03 Carme Casado (1)

Traballar con/desde/para unha entidade pública. Con Carme Casado

Nesta sesión tivemos ocasión de coñecer as claves dunha parte importante do que pode ser o noso traballo como xestoras culturais, como é a relación coa Administración. Pode ser que traballemos para ela, con ela ou desde ela, pero hai unha serie de procesos, normativas e protocolos que debemos saber e dos que non sempre temos o coñecemento adecuado.

Para poñernos na pista de todo iso que debemos saber contamos coa experiencia e a pedagoxía de Carme Casado, responsable de Promoción Económica de Cersia-Empresa, unha entidade compostelá pública, de carácter municipal, que recibe habitualmente proxectos e emprendedor*s.

O primeiro consello que nos deu pode parecer moi obvio, pero cando nolo dá é porque é un erro habitual, así que tomamos nota: temos que coñecer a entidade coa que queremos colaborar e non esquecer que un proceso de venda comeza sempre con información.

 

Resumo de todo o que debemos saber

No caso dun organismo público, debemos coñecer cales son os seus obxectivos e cales as súas competencias, estatutos e xestión. Porque pode darse a circunstancia de que non esteamos dirixíndonos á entidade adecuada ou expoñendo o noso proxecto nos termos axeitados.

Antes de chegar a unha reunión debemos tamén coñecer o modelo de operación co que a entidade acada os seus obxectivos e concretamente como colabora con outros axentes sociais, cales son as súas pautas de fomento da actividade allea ou como executa a actividade propia. Analizando todo isto previamente saberemos onde pode encaixar a nosa iniciativa.

Carme explicounos tamén as ferramentas coas que achegarnos á Administración. Así, falamos de convocatorias de axudas, concursos e premios e de fórmulas de contratación como concursos, procedementos abreviados, simplificados e negociados e contratos menores. Pero tamén de patrocinios, contratos por exclusividade, contratos de servizos intelectuais, contrato de creación e interpretación artística e literaria dos espectáculos, docencia ou convenios.

Unha información moi útil que Carme compartiu con nós con todo tipo de exemplos e coa que xa temos moito máis claro como debe ser a nosa posible relación co sector público.

 

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*