10-04-2019 financiadores (6)

Contraste con financiadores e patrocinadores culturais. Con Xavier Campos e Pedro González

Na última sesión antes do descanso de abril, o noso alumnado tivo ocasión de experimentar, na aula, pero seguindo o procedemento habitual e con profesionais reais, o que é unha reunión na que se procura financiamento ou patrocinio para un proxecto cultural.

Para iso, no Curso tivemos o pracer de contar con dous profesionais que, entre os seus cometidos laborais, teñen precisamente esta tarefa: a de recibir proxectos, escoitar ás persoas que os promoven e valorar o encaixe que estas propostas poden ter na súa política de financiamento ou patrocinio cultural. Tratouse, por parte do sector público, de Xavier Campos, asesor de Cultura da Deputación da Coruña, e, pola parte do sector privado, de Pedro González Boquete, CEO de Leite Noso, empresa láctea galega que comercializa, entre outros produtos, a marca Deleite, cunha destacada aposta pola cultura do país.

Eles foron os encargados de valorar os dosieres de patrocinio, presentacións e proxectos dos catro equipos de traballo desta edición do Curso, tralo que ofreceron unha pequena charla ao conxunto da aula.

 

Como relacionarnos con quen pode financiar o noso proxecto?

Xavier Campos compartiu con nós unhas claves básicas na relación coa Administración. No caso dunha Deputación trátase dunha entidade facilitadora, ben sexa a través dos concellos ou a entidades sen ánimo de lucro. E dado o seu carácter público, unha entidade que non precisa dun retorno directo, in en termos económicos nin de outro tipo. Pero, como nos achegamos a ela?

 

  • Chamar por teléfono e mandar un mail. Ben redactado, sen faltas de ortografía, adiantando o tema a tratar ao tempo que se solicita a xuntanza. Todas as administracións, ao igual que as empresas, teñen correos corporativos. Nunca debemos contactar a través das redes sociais, aínda que na nosa vida cotián teñamos ese hábito, e, moito menos aínda, tratar de facelo a través das contas persoais da persoa que sabemos que nos atenderá en caso de xuntanza.
  • A xuntanza pídese coa responsable política, que, no caso de non poder atendernos, nos derivará á persoa máis adecuada.
  • Debemos ter un coñecemento previo da institución á que acudimos para non manter unha xuntanza solicitando algo que, directamente, non nos poden dar.
  • Elaborar o discurso adecuado: o que vale para un patrocinador privado se cadra non é o máis indicado na Administración.

 

10-04-2019 financiadores (4)Unha vez feito todo isto, Xavier explicounos que é o que se valora dun proxecto no caso dunha Administración pública. O principal: se encaixa ou non na liña de traballo da institución, neste caso da Deputación. Tamén a solvencia (profesional, non económica) que a persoa que mantén a xuntanza transite sobre o proxecto e que sexa evidente que hai un traballo previo feito. E, obviamente, o interese obxectivo do proxecto.

Como últimas recomendacións, Xavier Campos indicounos que o noso dossier de patrocinio estea ben elaborado e, sobre todo, con claridade expositiva, información accesible, un deseño coidado e un orzamento ben detallado. Tamén que coidemos a actitude: non hai que poñerse nunca no rol dun comercial agresivo nin caer no erro de pensar que a persoa que nos escoita é “o inimigo”. Nunca a resposta que teña un proxecto dependerá do gusto subxectivo desa persoa, á que non debemos ocuparlle, salvo que expresamente nos indique o contrario, máis de vinte minutos.

 

Investir beneficios “en facer marca e país”

Pola súa banda, Pedro González ofreceunos a súa visión, que é a da perspectiva privada, aínda que,  no seu caso, non se pode falar dunha perspectiva privada xeral, senón dunha visión moi concreta que ten que ver moito coa historia da empresa.

Leite Noso é unha empresa láctea, propiedade dos gandeiros 10-04-2019 financiadores (2)produtores, nacida no ano 2016 a partir dunha marca quebrada polo anterior administrador. O obxectivo principal de Leite Noso é garantir a produción e a comercialización do leite a un prezo xusto, contribuíndo a dar continuidade ao sector, transformando e comercializando, en Galicia coa marca Deleite. Entón, segundo nos explicou Pedro González, “decidimos investir os beneficios en facer marca e país” e, seguindo esa lóxica, decidiron apostar pola cultura.

Primeiro cun festival propio, o Festival do Leite, coa que pretendían reivindicar a importancia deste produto en Galicia, pero co que tamén quixeron influír nalgunhas cuestións, como, por exemplo, dignificando os cachés dos novos grupos e asegurándoos durante o transcurso do festival. Isto, que xerou unha corrente inmediata de empatía no mundo musical, tamén xerou algo que non se dera ata o momento: demanda de patrocinio.

A partir dese momento, cales son as claves para Leite Noso? Segundo nos explicou Pedro González:

  • Ser puntuais e concisos nas xuntanzas: na empresa privada, non é habitual poder adicarlle excesivo tempo a este tipo de encontros.
  • No dossier, que debe estar ben explicado e deseñado, debe quedar claro cal será a presenza da marca no evento a patrocinar.
  • Que o público do proxecto sexa común, ou o máis próximo posible, ao de Deleite.

Ademais, Pedro González explicounos que hai dous tipos de empresas patrocinadoras: as que teñen unha cantidade de diñeiro para investir e o fan sen un criterio definido e as que seleccionan o que patrocinan. Leite Noso responde a este segundo perfil. Por iso, temos que ter en conta todo o anterior para valorar se é a empresa á que dirixirnos.

No caso de que o sexa, Leite Noso ten unha particularidade máis que debemos ter en conta: a norma xeral é que hai uns meses no ano abertos á recepción de propostas de patrocinio e, o que chegue fóra dese prazo, queda para o seguinte exercicio. Non é o seu caso: mentres hai fondos, se o proxecto interesa e encaixa coa visión de país e cultura de Leite Noso, a empresa patrocina.

 

Foi unha sesión útil e inspiradora, na que Pedro González tamén nos deixou este consello que paga a pena non esquecer:

“Calquera proxecto no que creades e teñades pensado é posible de facer, sempre e cando consigades explicarlle á empresa que é tamén un bo proxecto para ela. Así que sede imaxinativos e propoñede cousas imaxinativas!”

 

 

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*