Visita ao Consello da Cultura Galega. A práctica artística, con Patricia de Lorenzo, Belén Montero e Carlos Meixide.

Pechamos o mes de febreiro cunha visita ao Consello da Cultura Galega, para coñecer cal é a súa misión no tecido cultural galego e tamén para ter a ocasión de visitar as súas instalacións. Fixémolo da man da profesora de Literatura Galega da USC Dolores Vilavedra, que é a secretaria do CCG, e Manuel Gago, xornalista, escritor e divulgador cultural, director -entre outras moitas propostas-  de culturagalega.org.

Nesta visita aprendimos que o CCG é un órgano estatutario, 28-02-2019 CCG (5)propio de Galicia e que ten carácter asesor e consultivo. Os seus obxectivos son promover, difundir, asesorar e preservar os valores culturais do pobo galego. Ten personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, goza de total autonomía orgánica e funcional e actúa con independencia e obxectividade respecto dos poderes da comunidade autónoma e da súa Administración. O Pleno do Consello está formado por representantes de diferentes institucións culturais: academias, universidades, fundacións e centros de investigación especializados, e por profesionais dos diversos campos da cultura galega.

Que se fai no Consello da Cultura Galega? Pois en realidade, bastantes máis actividades que as que moita xente imaxina. Só hai que darse unha volta pola sección de eventos da súa páxina web! E inscribirse e participar neles ;)

 

Conversa aberta sobre práctica artística

A visita ao Consello da Cultura Galega completouse cunha conversa a tres bandas, moderada por Sergio Lago, un dos titores do Curso, que tivo como protagonistas á creadora audiovisual Belén Montero, á actriz Patricia de Lorenzo e ao escritor e editor Carlos Meixide.

O tema deste encontro era a práctica artística desde a perspectiva de tres creadores que, ademais, son xestores culturais. A conversa deunos un enfoque moi interesante de cousas a ter en conta, como xestor*s culturais, á hora de traballar con artistas, en canto a procesos, necesidades, carencias e prioridades que probablemente moit*s non coñeciamos.

Os tres compartiron con nós aspectos da súa experiencia relacionados coas vivencias persoais que os levaron a tomar a decisión de apostar pola creación como vía, non só de realización persoal, senón sobre todo profesional. Lonxe dos aspectos máis “románticos” das súas respectivas decisións, que tamén os hai, non tardaron en xurdir reflexións relacionadas coa precariedade, pero tamén sobre certa soidade e falta de alternativas máis alá da autoxestión. Como explicou Carlos Meixide, “se quero facer algo teño que facelo eu. Oxalá isto non fora así, porque hai modelos culturais nos que isto non é preciso, pero eu chegara a un punto no que quería estar orgulloso do meu traballo”.

Patricia de Lorenzo, integrante de Chévere Teatro, descubriu a súa vocación teatral con dezanove anos. Pouco despois tería a súa primeira -e recoñecida por ela mesma como negativa- experiencia empresarial. Hoxe non só crea e actúa na compañía, senón que leva o peso da administración. Di que é feliz co que fai e que vive dignamente do seu traballo, pero, aínda así, a súa experiencia ten partes negativas, seguramente comúns a outras moitas artistas e profesionais da cultura: “Hai tamén moito de auto-explotación. Eu, por exemplo, non me poño límites e iso pasa factura. Teño sorte, porque eu dedícome a algo moi bonito, pero hai que aprender a non explotarnos a nós mesmas”.

Belén Montero, pola súa banda, explicou que o mundo da empresa non lle era alleo, a pesar de que a súa formación se baseou no audiovisual, xa que de pequena axudaba coas contas ao seu pai. Pero se a túa empresa ten como eixo principal de traballo a arte, a cousa cambia bastante: “Non se contemplan honorarios de artista. Ti podes facerlle facturas a todo o mundo, pero para a artista non hai nada”. Belén coincidiu con Patricia na cuestión da auto-explotación: “O traballo artístico faise por unha necesidade, en realidade, e non sabes conciliar: atrápaste en ti mesmo, auto-explótaste”.

Ademais, a directora de Versogramas e secretaria da asociación de artistas de Galicia A Colectiva, apuntou unha carencia importante no eido de emprendemento artístico, e é que “a xente sae da facultade sen saber o que é unha factura ou un calendario de entregas. A xente descoñece o lado da empresa”.

 

As contas d@s artistas

“Non me podo permitir grandes luxos, pero sobrevivo”, di Carlos Meixide, que edita, autoedita e vende os seus libros de maneira directa: “convertinme -di- no vendedor do meu traballo”. Un traballo que reivindica como “oficio” fronte á “xenialidade” que, segundo explica, se valora de maneira excesiva.

“Pódese vivir do teatro? Pódese. Pero vexo precariedade e penso que hai unha certa perda do norte: moita xente sae da formación sen contacto coa realidade e hai poucas compañías solventes. Non estamos preparadas para acoller a tanta xente nova, porque non nos preocupamos por iso e é algo que debe cambiar”, explica Patricia de Lorenzo, que pon enriba da mesa outro tema: “Por que pides unha subvención? Unha subvención é o 20% do total, pero tes que xustificar todo, por tanto, tes que ter unha estrutura e un proxecto que permita abordalo todo. Desde esa perspectiva, convén pedila? Tes o preciso para facelo?”.

Aínda que a cuestión das subvencións, segundo Carlos Meixide, vai máis alá diso: “Moitas veces a subvención non é tanto unha cuestión de cantidade, senón do tipo de cultura que se quere promover. Ás veces, non é tanto axudar directamente como facilitar as cousas”.

Como vedes, a xornada deste xoves foi do máis completa: coñecimos por dentro unha das institucións culturais referentes do país e como é o traballo e a vida dalgunhas das nosas creadoras e xestoras culturais, que, como vedes neste pequeno resumo, nos deixaron unhas cantas cousas importantes sobre as que reflexionar.

 

 

1 reply

Trackbacks & Pingbacks

  1. […] ao alumnado a institucións de referencia da cultura galega, coñecéndoas desde dentro: desde o Consello da Cultura Galega , o Museo do Pobo Galego e o CGAC e o Auditorio de Galicia ata Culturgal, a cooperativa Urdime e a […]

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa una resposta a USC Xestión Cultural | Presentación e contraste dos proxectos finais do alumnado Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*