Elaboración do diagnóstico. Identificación de necesidades e oportunidades, con Ana Lorenzo

Por Irene Basanta

A terceira sesión do curso comezaba coa presentación de Ana Lorenzo, profesional da socioloxía vinculada ao eido do cooperativismo desde os noventa, actualmente membro da Cooperativa Cidadanía. Ao pouco de entrar, atopaba entre as propias asistentes caras coñecidas, proba da súa consolidada traxectoria nunha profesión que moitos dos integrantes comparten.

17-10-18 Ana Lorenzo (4)Unha das máximas para definir a elaboración dun bo proxecto cultural viría resumida naquel saber do refraneiro popular de non poñer o carro diante dos bois. Así, aínda que pretendamos lanzarnos ao baleiro co noso proxecto, o máis valioso que nos aportan estas primeiras aulas incide sobre a necesidade dun coñecemento previo do contexto para arrincar, o que require da elaboración dun diagnóstico.

Diso veu falarnos Ana. Pero antes de entrar en materia, a socióloga propuxo unha reflexión dinámica (con movemento físico incluído) na liña que a ela máis lle apaixona: a participación. Así, pregúntanos se as necesidades culturais son iguais para todos. A diverxencia de opinións non tarda en aparecer. Seguindo a Max-Neef, Ana invítanos a afastarnos dunha visión elitista da cultura, que bebe do modelo de Maslow, e considerar que as necesidades culturais son iguais para todos, o que muda é como estas se satisfán.

Logo desta necesaria introdución, Ana Lorenzo céntrase nos tres métodos de análise da realidade que se contemplan para elaborar unha diagnose:

  1. Perspectiva distributiva estatística. Permite analizar a realidade buscando datos estatísticos, procurando unha achega o máis obxectiva posible desde o punto de vista científico. Os datos poden estar creados (secundarios) ou pode que teñamos que xeralos mediante enquisas. Pero en moitos casos debemos ter en conta que dependen da memoria e da honestidade da xente, así como do propio deseño adecuado do cuestionario. Así mesmo, cando se trata con datos estatísticos, hai que intentar telos sempre en conta no seu conxunto. Con este método podemos describir a realidade, pero sen chegar ao porqué das cousas.
  2. Perspectiva estrutural cualitativa. Para chegar a eses porqués debemos estudar a estrutura social e como a sociedade inflúe no comportamento individual, cousa que nos permite esta perspectiva mediante dúas técnicas:
  • 2.1. Grupo de discusión. Consiste en xuntar a un grupo de persoas 17-10-18 Ana Lorenzo (5)para que falen dun tema coa mínima intervención da persoa que realiza a investigación. Permite diagnosticar como flúen os discursos e cales son aqueles que dominan sobre outros, considerando non só o que se di senón tamén o que non se di.
  • 2.2. Entrevistas. Normalmente realízanse a unha soa persoa, en profundidade, e procurando non predispoñer a resposta á hora de formular as preguntas, nin coa actitude ou a forma de vestir, que deben ser o máis neutrais posíbeis.

En ambos casos, ten tanta relevancia aquilo que se di como o que non se di, xa sexa pola existencia de temas tabú, de aspectos considerados non relevantes… Este método intenta explicar a realidade, centrándose na análise dos discursos cunha representatividade estrutural; isto é, recollendo o discurso dos diferentes perfís sociais. Mais debemos gardarnos de non asumir ningún destes discursos como verdadeiro, pois como lembra Ana, “cando traballas co discurso, non debes esquecer que é como pezas de Lego”. Tanto ao traballar no deseño de cuestionarios ou de guieiros cómpre evitar as preguntas capciosas, así como introducir a opinión do que está realizando o estudo.

  1. Perspectiva reflexiva participativa. Mentres as outras perspectivas toman a poboación como un obxecto de investigación, xerando unha relación asimétrica, esta achega procura unha maior democracia no propio proceso de investigación. Considérase que este traballo cambia a mostra, pois quen realiza a investigación tamén forma parte da investigación. Como indica Ana, “transformar a realidade tamén axuda a coñecela”, deixándonos claro que este é o seu método favorito, pois desde o seu enfoque de socióloga permítelle acompañar a xente a transformar a súa vida. Aínda que non se esixe, como podemos incorporala no noso traballo? Pois moi sinxelo (cando menos na teoría): contrastando datos coa xente do territorio e dando espazo para que participe no plano de investigación e ideación.

Logo dunha serie de prácticas sobre a realización de guieiros e cuestionarios e o manexo de datos estatísticos, pasamos a contemplar un aspecto fundamental do traballo de diagnose que nós mesmos imos realizar: un mapa de axentes.

17-10-18 Ana Lorenzo (8)Esta ferramenta, situada preto da perspectiva reflexiva participativa, é un exercicio que se fai colectivamente, para definir as nosas forzas en relación a un obxectivo. Para iso, colocamos os distintos axentes (entidades, grupos sociais e institucións) en función da súa proximidade/antagonismo aos nosos obxectivos, así como do seu poder para axudarnos a conseguilos. Este exercicio permite ter unha idea máis clara do contexto inicial do proxecto, se ben baseada na nosa propia percepción.

A importancia desta aula consiste na incidencia na necesidade e utilidade da etapa da diagnose, que permite identificar cousas que non viamos e desenvolver proxectos encamiñados a telas en conta ou mellorar a realidade. Neste sentido, cómpre lembrar que implicar aos axentes no propio proceso de elaboración do proxecto poderá resultar fundamental para o seu éxito.

1 reply

Trackbacks & Pingbacks

  1. […] novos conceptos e aprendeu distintas maneiras de facer, trasladándoas ás súas propostas: desde o traballo previo de diagnose, para identificar necesidades e oportunidades, ata o coñecemento dos públicos da cultura, sen […]

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*