Comezamos unha nova edición do Curso: cinco anos de #aprenderfacendo e #aprendercompartindo

O pasado 3 de outubro botou a andar a 5ª edición do Curso de Expert* Universitari* en Xestión Cultural da USC, cun grupo de persoas procedentes de diferentes lugares de Galicia e con gana de achegarse á práctica cultural desde unha perspectiva e cunhas ferramentas profesionais.

Trátase, como é habitual no Curso, dun grupo diverso e plural, formado por profesionais do sector público e privado e de xente de ámbitos como audiovisual, a música e as artes escénicas, así como activistas, artistas e recentes titulad*s, na procura de formación práctica nunha contorna profesional vinculada á cultura.

A sesión comezou cunha presentación por parte do equipo promotor: os profesores da USC, e directores do Curso, Isabel Neira e Gonzalo Rodríguez -que nesta ocasión non puido asistir á aula inaugural- e os coordinadores do Curso, os xestores culturais Marcos Lorenzo e Sergio Lago. Eles dous serán quen titorice os traballos do alumnado, para o que contarán co apoio doutros dous profesionais, Diego Parajó e Sonia Díaz, que tamén impartirán varias aulas do programa formativo.

Na liña das clases participativas e dinámicas que propón o CEU en Xestión Cultural, o alumnado por suposto tamén tivo tempo para presentarse e coñecerse. E mesmo para levar a cabo algunha pequena dinámica de traballo en grupo!

 

Primeira toma de contacto co sector

Para poder profundar, nas vindeiras sesións, en aspectos concretos da xestión cultural é importante saber, como punto de partida, quen forma o sector cultural e como é que este traballa. Para iso, Marcos Lorenzo ofreceu na primeira parte da sesión un pormenorizado repaso á situación do sector, aberto á participación do alumnado. Na segunda parte, Sergio Lago fixo unha aproximación ao perfil profesional de quen traballa no ámbito cultural, ademais dunha achega a boas prácticas e propostas culturais de referencia, e tamén a algo moi importante de cara ao traballo profesional: as distintas fórmulas xurídicas baixo as que desenvolver o traballo.

 

 

 

Nas vindeiras sesións, *s alumn*s coñecerán dun xeito moito máis pormenorizado diferentes aspectos fundamentais para unha boa xestión cultural e poderán reflectilos no seu traballo, que, como todos os anos, consistirá no desenvolvemento dun proxecto cultural.

Estamos xa desexando ver, dentro dunhas semanas, as primeiras propostas! Pero iso será máis adiante. De momento, comezamos un ano máis -e xa van cinco!- a #aprenderfacendo e a #aprendercompartindo.

 

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*