Conversa aberta na Cidade da Cultura sobre cultura dixital. Con Balbina Gándara, María Yáñez e Sonia Méndez
Por Jorge Álvarez
As sesións do Curso que se dan fóra das aulas sempre son especiais. Ben sexan no Auditorio de Galicia, no Consello da Cultura Galega ou, no caso de hoxe, na Cidade da Cultura. En concreto, a sesión de hoxe estivo adicada á cultura dixital. Comezamos cun encontro na sala Eisenmann con María Pereira, directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura dende o ano 2012. María presentou a Cidade da Cultura como un espazo de intervención artística. Deunos un dato interesante, como é o orzamento anual co que conta a fundación para as súas distintas actividades: 1.000.000€. Unha cantidade axustada para o espazo ao que nos estamos referindo.
Este orzamento está repartido da seguinte maneira:
- 42% Exposicións
- 22% Ciclos Artísticos (como os concertos do “Atardecer no Gaiás”)
- 15% Ciclos en Familia
- 21% en varios proxectos como son a Aula Gaiás, Letras e Pensamento, etc.
Unha das maiores eivas do complexo Gaiás, segundo nos comentaba María, é a propia situación xeográfica, sen dúbida unha barreira física coa cidade de Santiago. Por iso dende os departamentos de marketing e comunicación esfórzanse para chegar á poboación de Compostela cun gran traballo en redes sociais, prensa e outros medios, como son as relacións cos centros escolares. Na explicación das actividades da Fundación xurdiu un dos seus eventos mais populares, o Atardecer no Gaiás, un ciclo de concertos de verán que se levan a cabo na zona exterior das instalacións. María falounos dun dos concertos con máis afluencia de público na última edición do ciclo, o do compositor e rapeiro C. Tangana. Nese momento abriuse un pequeno debate sobre a tipoloxía de concertos que “debe” programar una entidade como a Fundación Cidade da Cultura: buscamos a calidade artística máis “exquisita” ou abrimos a programación a outros públicos co fin de que se acheguen e coñezan o espazo? E se realmente programamos un artista que achegue novos públicos… conseguimos fidelizar a eses públicos para posteriores actividades? Aí quedou un debate, que, sen dúbida, daría para moito mais!
Por outra banda, María contounos que as montaxes de eventos son sempre subcontratadas, xa que a propia fundación non ten capacidade propia para realizalas. Habitualmente as empresas externas adoitan ser galegas. E tamén fixo especial fincapé nos novos espazos naturais do Gaiás:
- O Bosque de Galicia : O principal espazo natural con 24 hectáreas plantadas con especies arbóreas autóctonas. Este bosque conta con 3 quilómetros de sendas peonís, zonas de descanso e un miradoiro cunhas vistas privilexiadas a Compostela
- Xardín Literario : Un espazo adicado a escritores e poetas galegos. Con pouco mais de unha hectárea de superficie, conta con 14 especies de árbores diferentes. Compleméntase cun sendeiro, unha instalación artística con placas literarias, un estanque e un miradoiro.
- Parque do Lago : Unha área de descanso e paseo situada nas inmediacións do complexo. Conta cun lago de preto de 5.000 m3 rodeado de vexetación, unha tarima de madeira e unha carballeira convertida en centro de ocio.
Para rematar, coñecemos máis a fondo outras actividades como as visitas astronómicas no verán ou a carreira Holi Gaiás . María rematou a súa exposición falando dos proxectos de intervención artística nos espazos naturais, no que tres ideas contaban cun orzamento de 10.000€ cada unha, para levar a cabo a produción das mesmas e os honorarios dos artistas. Os proxectos foron:
- Figuras en Xabón de Antía Cea
- Proxecto de avistamento de paxaros de Ánxela Caramés e Paul Edwar Guy
- Tres merendeiros para convertir linguaxe estatística en linguaxe poética de Chus Martínez e Beatriz Lobo
Coñecendo o complexo arquitectónico
A sesión continuou cunha visita guiada polo complexo Gaiás que comezou na propia sala onde estabamos, a sala Eisenman: un espazo polivalente no que se celebran desde presentacións, roldas de prensa ou cócteles. A continuación, o noso guía Rafa Lens levounos ata o exterior da sala e fronte a Cantina, parándonos diante da Singularidade: unha escultura (unha gran “bola” de libros e libretas) feita para unha exposición efímera nun primeiro momento, pero que finalmente quedou alí converténdose nunha seña de identidade do Gaiás.
Seguimos coñecendo un pouco máis de preto a Biblioteca e o Arquivo de Galicia, que albergan e difunden o patrimonio bibliográfico galego. Tamén funcionan como deposito legal de tódalas publicacións editadas en Galicia, das que se deposita unha copia nas súas instalacións. No mesmo edificio da Biblioteca achegámonos ata unha das zonas, sen dúbida, mais curiosas e descoñecidas da Cidade da Cultura: un pequeno “mundo soterrado” polo que entran os transportes de carga e descarga e proveedores ás instalacións
As Torres Hejduk foron a seguinte parada: diseñadas orixinalmente por John Hejduk como torres botánicas para o parque de Belvís, Peter Eisenman decidiu recuperalas para o seu proxecto no Gaiás. Dentro das torres atopamos unha exposición temporal, Betula Pendula que busca representar a fraxilidade dos bosques galegos. Nunha das torres, uns bidueiros colgados (e cun sistema de rego propio nas alturas para mantelos) e abaixo un espello para dar a sensación de caminar sobre as copas. Na outra torre de pedra, un bosque queimado. Espectacular.
Xa preto do final da visita Rafa falounos das zonas verdes da Cidade da Cultura:
- O Bosque de Galicia: un espazo na ladeira do monte Gaiás, con sete mil especies autóctonas de árbores e 24 hectáreas que busca achegar o complexo a cidade de Compostela a través de unas sendas peonís. Estas poderán usarse incluso sen luz natural gracias a un sistema de iluminación ecolóxico. Ademais o bosque conta con diversas zonas de descanso e un mirador no alto.
- O Xardín Literario: Un espazo verde adicado os poetas e escritores galegos, con distintas especies de árbores plantadas que simulan as follas dun libro aberto.
- O Parque do Lago: Un área verde, que conta co propio lago, bancos, areas de lecer e ata una zona de “running” nunha carballeira
A visita guiada rematou no Museo Centro Gaiás, sen dúbida un dos edificios máis espectaculares (e non só da Cidade da Cultura!). Conta cunha fachada de 43 metros de altura e mais de 16.000 metros cadrados de superficie onde levar a cabo toda a programación de exposicións e divulgación. Xa chegando ao final da sesión volvemos á Sala Eisenman para ter unha conversa aberta sobre Cultura dixital.
Falando no Gaiás sobre cultura dixital
As protagonistas desta conversa aberta foron Balbina Gándara, experta en dixitalización e posta en valor do patrimonio cultural, María Yáñez, xornalista especializada no mundo dixital, e Sonia Méndez, actriz e directora do festival de contidos dixitais Carballo Interplay.
Balbina comezou falándonos da consultora onde traballa, UNAYTA onde, entre outras cousas, dixitalizan arquivos, fondos históricos, expedientes médicos, documentos administrativos ou arquivos multimedia. Como exemplo, púxonos un dos últimos traballos que están a levar a cabo: a dixitalización das actas de plenos dos anos 30 e 40 do século XX no Concello de Vimianzo, ou outro se cabe máis curioso: a dixitalización de preto de 3.200 entradas de partituras e letras do Real Coro Toxos e Froles de Ferrol.
Continuou a conversa María Yáñez falando da situación da creación colectiva e a produción audiovisual específica para Internet. Como exemplo de comunicación falounos dos memes, gifs, grupos de Facebook, Galipedia e algunhas páxinas adicadas ao humor en galego. Para finalizar, Sonia Méndez contounos como no 2011 creou unha web serie practicamente “sen saber” o que estaban a facer. Casi de rebote colgaron a serie en Internet e, pouco a pouco, foi crecendo sen buscar ese crecemento en ningún momento. Esa é a “maxia” de Internet! Fixo fincapé na distinción dos contidos online, como son esas web series, cos contidos pensados para televisión: formatos diferentes para públicos diferentes.
A sesión pasou voando! Quedámonos practicamente sen tempo para falar con estas tres mulleres expertas na cultura online e dixital, pero con moi bo sabor de boca, iso si. Tamén coñecendo un pouco máis a Cidade da Cultura, o que alí se fai, como se traballa, e, por que non dicilo, tirando abaixo algúns mitos que a acompañan desde o seu polémico comezo.
Con esta foto do noso particular “atardecer no Gaiás” despedimos a sesión do 26 de abril.
Trackbacks & Pingbacks
[…] la Ciudad de la Cultura, donde, tras una visita guiada, el alumnado pudo conocer el ámbito de la cultura digital. Todo esto sin olvidarnos de una cita ya tradicional en el curso, como es Culturgal, donde se […]
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!