cof

Traballar con/desde/para unha entidade pública. Con Xavier Campos

Por María Vázquez

Na sesión de hoxe tivemos con nForto twitter Xavier Camposós a Xavier Campos, quen agora mesmo desempeña o seu traballo como asesor cultural na Deputación Provincial da Coruña, aínda que, tal e como confesa, Xavier ten unha visión híbrida de como se sinte: por unha banda é xestor cultural, por outra ten unha responsabilidade política e, por outra, séntese un activista cultural, xa que leva facendo dinamismo cultural desde os 16 anos. Aínda que onde se sente mais cómodo é no diálogo.

Xavier presenta para esta sesión dous enfoques: na primeira parte trata as cuestións que teñen que ver co desenvolvemento de políticas culturais desde a administración pública, baseándose na súa experiencia, e na segunda parte céntrase no traballo concreto nas administracións locais, os distintos proxectos que se poden desenvolver.

 

 

Basea a súa intervención entorno a cinco puntos:

  • Pequeno percorrido pola historia das políticas culturais galegas.
  • Como se traballa nas administracións públicas sobre todo nos concellos, desde a súa experiencia.
  • Como debemos traballar desde a administración  pública, sobre todo nos concellos, nas políticas culturais.
  • Análise de  proxectos específicos.
  • Recomendacións para relacionarse coa administración pública a hora de buscar financiamento calquera que sexa a forma xurídica, asociación, empresa, cooperativa, ou persoa física.

 

 

Percorrido pola historia das políticas culturais

 

Xavier fai este percorrido tendo en conta  cinco momentos que se caracterizan polo seguinte:

Momento activista. Ten que ver co tecido asociativo que emerxe nos anos 60-70 vinculados a tres eixos: cultura, lingua e democracia. No contexto de falta de liberdade de finais da época do franquismo, en Galicia, empezan a xurdir unha serie de asociacións, como Asociación Cultural de Vigo, Sementeira en Viveiro, o Facho na Coruña, o Galo en Santiago e moitas outras que, naquel momento, foron as que dinamizaron e crearon un tecido cultural moi de base asociado a cuestións moi transversais, como por exemplo á defensa do idioma, que naquel momento estaba prohibido nas manifestacións públicas, e na defensa e dignificacións da cultura galega e tamén unha forma legal encuberta, na forma de facer política cando non se podía facer política. Nesa época nacen situacións que aínda a día de hoxe son moi relevantes, como por exemplo a normalización do teatro galego, coa Mostra Abrente de Ribadavia ou as primeiras Feiras do Libro Galego. É dicir, xorde todo un dinamismo que aínda está por estudar.

Aproveita Xavier ao fío desta falta de estudos a nivel galego deste momento tan importante do dinamismo cultural, para anunciar que a Deputación da Coruña vai sacar unha convocatoria de dúas bolsas de 6000€ para proxectos de investigación en políticas culturais.

 

Momento Land Rover. Coa chegada da democracia a nivel autonómico xurde a necesidade de desenvolver unha institucionalización cultural. Dado que non existen ferramentas para levar a cabo unha política cultural a nivel autonómico hai que crealas, e póñense en marcha institucións como é o IGAEM, o Centro Dramático Galego, O Consello da Cultura Galega. É un momento frutífero, no ano 84-85, no que foi director xeral de Cultura Luís Álvarez Pousa e no que hai un primeiro esforzo de desenvolver un proxecto de política cultural con visión social, pero que non callou debido ao pouco tempo que durou esa aposta.

Nos concellos desenvólvense as áreas municipais de cultura: un momento clave, pois de como se foron desenvolvendo as contratacións axuda a explicar como está o panorama aínda hoxe en día. O perfil de traballador cultural non estaba definido, non existía formación específica nin saberes regulados ou recoñecemento  profesional. A provisión desas prazas fíxose do máis variopinta, con persoas que viñan do activismo cultural ou con formación en Humanidades. Así xorde nos anos 80 o Colectivo  Land Rover, como o primeiro colectivo de persoas que traballan no eido da cultura e que se ven na obriga de facer de todo, pois estaba todo por facer. Había moita inexperiencia e sobre todo falta de referentes.

 

Momento Xacobeo. Durante os 16 anos do goberno de Fraga, non existe modelo de xestión cultural. Confusión consciente, entre espectáculo, política cultural, turismo, macroespectáculos, no referente a contidos. Hai un asentamento moi pernicioso na forma de relacionarse os sectores culturais coa propia Administración, que pasa por definir políticas para cada un dos sectores e propiciar que cada un a nivel particular vaia a administración a presentar o seu proxecto ou a negociar os seus intereses particulares. Isto a nivel social é algo que se parece ao clientelismo, e non contribúe a xerar unha cultura social que sexa positiva e que nos permita falar dunha política cultural como tal, cuns obxectivos e  cunha metodoloxía de traballo definidos.

Segundo Xavier este modelo non cumpría nin sequera con ningún dos paradigmas da democratización cultural, xa que non se garantía unha oferta cultural de calidade, nin se xerou creación de públicos, nin axudou a fortalecer o propio tecido tanto social como económico da cultura no país. Esta época remata coa creación dunha enorme infraestrutura, descontextualizada das necesidades do propio país: A Cidade da Cultura.

 

Cambio político, 2005: o goberno Bipartito. Este momento caracterízase por un intento de ordenación de todo o panorama cultural galego e a creación dun contexto propicio2018 03 14 Xavier Campos 1 para empezar a traballar doutra forma. Por un lado deseñáronse políticas sectoriais e por outro creáronse o primeiro Plan Galego das Artes Escénicas e o Plan Galego do Libro e da Lectura, así como a Axencia do Audiovisual Galego e o Centro Coreográfico Galego, que substitúe ao ballet galego Rei de Viana. Ademais, fíxose unha adaptación máis ambiciosa coas grandes área da Xunta. Desaparece o IGAEM e substitúese polo AGADIC, coa idea de que houbese catro grandes bloques: un bloque centrado no sector privado, que sería AGADIC; un bloque centrado na cultura de base, o asociacionismo e a cooperación cos concellos, que sería a Dirección Xeral de Cooperación Cultural; un bloque centrado no apoio á creación a aos creadores, que era o destino que se lle quería dar a Cidade da Cultura a nivel galego e a nivel internacional, e o ámbito do Patrimonio.

Para poder definir estas políticas sectoriais, necesitamos interlocutores, o que xera dunha maneira natural nuns casos e noutros inducidas, unha vertebración nos diferentes sectores da cultura galega. Non é casual que neses anos nazan asociacións como Escena Galega, AGEM e a AGPXC. Cámbiase o enfoque de programar para e pásase a programar con.

 

Momento Actual. Co cambio de goberno que se produce no 2009, parello á chegada da crise económica que nos obriga a traballar doutra maneira. A Administración pública é o único cliente, ou o maioritario do ámbito cultural, polo que, si se reduce o orzamento, a repercusión que ten a nivel cultural é determinante. Isto leva a poñer en marcha proxectos que se caracterizan por apostar cun vínculo moi claro entre a cultura e o ámbito social, proxectos máis sostibles desde o punto de vista económico e que a forma de traballar coa sociedade cambia. O contexto de traballo pasa a ser a precariedade e a falta de capacidade para obter financiamento público. Propíciase a posta en marcha de cooperativas ou de iniciativas particulares.

 

 

Traballar coas administracións públicas 

En canto ao segundo punto, como traballar COAS administracións públicas, en base á súa experiencia pon enriba da mesa dúas cuestións positivas: por un lado, unha oportunidade de desenvolver políticas culturais, pero, por outro, unha responsabilidade, pola repercusión que podan ter na poboación as liñas de traballo que se marquen.

Xavier menciona cinco cuestións negativas ou eivas estruturais que teñen as administracións públicas á hora de deseñar políticas culturais:

  • Ausencia de proxectos. Cal é o marco de traballo no que nos queremos desenvolver, que queremos conseguir. Hai unha tendencia, aínda que cada vez menos, a entender a xestión cultural coma unha sucesión de actividades illadas, pero sen horizonte que lle dea coherencia e sentido común.
  • Febleza estrutural, falta de organigramas de persoal cualificado para desenvolver as políticas culturais. O que dificulta moito o traballo. Isto é un problema xeral en todas as administracións, tanto deputacións, Xunta de Galicia, como na maioría dos concellos.
  • Inadecuación lexislativa, pelexa constante cos servizos de intervención e secretaría. O ámbito da cultura ten unhas características e lóxicas diferentes que non teñen outros ámbitos. Como por exemplo a propiedade intelectual. Non fomos capaces en todos estes anos de desenvolver un marco legal adaptado ao ámbito cultural.
  • Desvertebración de axentes, minifundismos. Propiciouse a creación de políticas individualistas, de que cada quen pida para si: isto impide desenvolver políticas que beneficien ao conxunto.
  • Carencia dunha visión global no campo da cultura. As administracións son incapaces de xerar un clima no que cada unha desde o seu ámbito contribúa a mellorar o conxunto. A nivel institucional é imprescindible ordenar as competencias e crear un Pacto Galego pola Cultura.

 

 

Traballar desde a Administración pública

 

Segundo Xavier debemos facernos tres preguntas: onde, é dicir, desde que administración pública imos traballar; para que  obxectivos, que é o que pretendemos perseguir, e como, que metodoloxía imos empregar.

 

Para responder a primeira cuestión, onde, temos que ter en conta, en primeiro lugar, a análise e coñecemento do contexto no que estamos a facer. Elementos que nos singularizan e que permiten traballar contidos a nivel educativo, social, económico dunha forma específica. Partir da idiosincrasia do lugar onde se traballa, do que nos diferencia do resto e iso entendelo coma un valor a través do cal construír. Pon como exemplo a iniciativa O Ribadeo indiano, que puxo en marcha o concello de Ribadeo.

Outra cuestión a ter en conta son as funcións e as competencias, non e o mesmo traballar a nivel local, provincial ou autonómica. A Xunta de Galicia ten competencias en todas as dimensións da acción cultural, tanto a nivel económico que ten que ver mais cos sectores privados das industrias culturais, a dimensión social de cultura cidadanía, as persoas como protagonistas dos procesos culturais, a nivel patrimonial e a dimensión creativa que ten que ver cos procesos de creación artística, apoio a investigación e aos creadores. Ademais de ter competencias tamén ten a responsabilidade de definir o marco das políticas culturais en Galicia. A Deputación ten unha función sobre todo de apoio ás actividades que fan os concellos. Os concellos, por lei, só teñen obrigas aqueles de máis de cinco mil habitantes de contar cunha biblioteca pública, sen embargo foron desenvolvendo toda unha serie de competencias amplísimas en todas as dimensións da cultura. Pódese deducir que non hai unha definición clara das competencias de cada administración, o que supón a duplicidade dalgúns aspectos e que queden outros sen cubrir.

 

 

Xavier 3

 

Para qué traballamos, é dicir, que tipo de sociedade queremos construír a partir do que facemos. Xavier parte por unha banda do enfoque, para iso cita a Toni Puig, as ideas preceden á acción: antes de poñernos a facer algo temos que saber cal é o punto de partida e que obxectivos queremos conseguir. En función da sociedade na que vivimos, teremos que definir a acción cultural. Entende que a sociedade actual tende a deshumanizarse, a romper os vínculos sociais e a meternos en dinámicas máis individualistas, que cada vez estamos mais inmersos nunha sociedade do medo, da precariedade, que nos converte en obxectos de consumo.

Partindo desa análise da realidade, e si se quere cambiar, é necesario traballar dunha forma que axude a restaurar o vínculo social, dándolle importancia ao desenvolvemento das capacidades e talentos das persoas. Apostar por proxectos vinculados ao desenvolvemento persoal, mellora da autoestima, creación de vertebración social,… é dicir, a conseguir obxectivos vinculados ao ámbito social, entendendo a cultura como ferramenta para o progreso e benestar social, e que debera ser a predominante desde o ámbito público. Sen esquecer a dimensión económica da cultura que tamén hai que apoiala, pois xera riqueza, crea emprego.

En base a todo isto enumera os seguintes obxectivos dunha política cultural pública.

  • Crear contextos para avanzar en democracia cultural, os focos teñen que ser as persoas e non os artista.
  • Crear unha sociedade mellor. Identidade e cohesión social, do que somos, do noso patrimonio.
  • Contribuír ao progreso e ao benestar social.
  • Apoio ao talento, a creatividade e a produción cultural. A política cultural ten que apostar polo talento e pola creación.

 

En canto ao como facemos para levar todo isto adiante, na escolla das iniciativas é fundamental a coherencia coas liñas de traballo que se están a desenvolver como Administración. No deseño e no desenvolvemento, hai que ser relacionais, traballar con outra xente por cuestións máis democráticas e porque os resultados van ser mellores.

 

Por último a tramitación interna, traballar en cultura desde unha administración, supón seguir un procedemento. Para desenvolver un proxecto  determinado, primeiro temos que definilo, logo facer unha autorización de gasto (RC), é dicir reservar o diñeiro que necesitamos para desenvolver ese proxecto, hai que facer un informe técnico, onde se explica a natureza do proxecto. Ese informe vai acompañado dunha dilixencia de inicio da tramitación asinado pol@ responsable polític@ que vai aos servizos de secretaría e intervención para fiscalizar e dar o visto bo. E moi importante ter en conta os tempos deste proceso de tramitación á hora de planificar un proxecto.

 

Como se apoian e desenvolven proxectos desde a Administración

 

Existen varios tipos de fórmulas:

  • Vía contratación, no caso de que, por exemplo, unha entidade presente á Administración un proxecto que sexa de interese e vaia na súa liña de traballo. Se o orzamento é inferior aos 15.000€ considérase un contrato menor e pódese facer unha contratación directamente. Se supera os 15.000€ o modelo sería o procedemento aberto, no que se garante o principio de transparencia e o tratamento igualitario e non discriminatorio para todas as empresas candidatas.  (lei 9 2017. contratos)

Xavier 1

  • Vía subvencións. Por unha banda as de concorrencia competitiva: neste caso débese de garantir os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación. Para iso, é necesario definir exhaustivamente o obxecto e os criterios obxectivos de valoración en cada liña de subvencións. E, por outra, os convenios nominativos: neste caso formalizarase un convenio de colaboración entre a Administración e a entidade colaboradora no que se regulan as condicións e obrigas de ambas. Cada vez se está a eliminar en maior medida o modelo nominativo e a apostar polas subvencións de concorrencia competitiva.  (Lei de subvencións de Galicia)

 

Xavier defende os convenios nominativos si se fan desde as boas prácticas, sobre todo a nivel local pensa que son unha ferramenta moi útil para dar estabilidade ao tecido social e cultural, e que este tipo de convenios permite negociar os obxectivos e as condicións nas que se levará a cabo para que ambas partes obteñan un beneficio.

 

 

Posta en práctica do aprendido

xavier-campos_coruna-galDespois dun merecido descanso, de aproximadamente media hora, Xavier retoma a sesión cun enfoque mais práctico, primeiro pide que por grupos lle comentemos brevemente cada un dos proxectos nos que estamos traballando para analizar desde a súa experiencia e coñecemento as vías de financiamento. Debido a falta de tempo só se expuxeron tres proxectos:

 

 

Mapa emocional de Arteixo. Baixo a forma xurídica de Fundación (Fundación Art Eixo), o obxecto  é a construción compartida da identidade cultural do Concello de Arteixo. O proxecto é de ámbito local e a principal fonte de financiamento que propoñen é establecer vínculos de colaboración co Concello de Arteixo como principal beneficiario, e solicitude de subvencións á Deputación da Coruña. Xavier apunta neste caso con carácter xeral é evidente que ao ser un proxecto de ámbito local no que o principal beneficiario é o concello de Arteixo, tamén sexa este a principal fonte de financiamento e en canto ás axudas da Deputación, é moi importante ter clara a liña de subvención á que van concorrer e que gastos son subvencionables e cales non.

 

Os Sons das pedras. Baixo a forma xurídica dunha SL. (Espacio Especial), o obxecto é o desenvolvemento dun festival sobre o mundo da cantería. A única vía de financiamento externo é o Concello de Cuntis, non só a nivel económico senón tamén medios cos que conta, espazos, etc. Xavier apunta que o proxecto a nivel de contidos ten todo o sentido e  a cantidade económica solicitada ao concello é viable, pois entra dentro da fórmula de contrato menor.

 

Arte Brava. Baixo a forma xurídica de asociación (Asociación Arte Brava), o obxecto é desenvolver un proceso participativo da mocidade da Illa de Arousa para o deseño e execución da programación cultural. A principal vía de financiamento é o Concello da Illa, con apoios da Deputación de Pontevedra e logo varios patrocinadores de ámbito privado. Xavier apunta que a nivel de contidos é fantástico, pero a súa viabilidade depende unicamente da decisión do Concello.  Non hai outra posibilidade de levalo adiante se o concello non o interioriza como seu. Este sería un proxecto segundo a súa opinión que se podería subvencionar mediante convenio nominativo. Fai referencia a un proxecto deste tipo que se levou a cabo en Ribadeo que foi  Sonda Norte.

 

 

Á hora de solicitar financiamento a unha Administración pública debemos ter en conta o seguinte:

 

  • Saber quen somos, é dicir, baixo que forma xurídica Xavier 2definir quen é empresa, cooperativa, asociación.
  • Coñecemento de con quen nos imos reunir, se con responsables técnicos ou políticos. Coñecemento previo da administración á que nos diriximos.
  • Na presentación que se entenda cal é o obxecto da reunión. Que é a formulación. Poñer sempre o orzamento, a poder ser desagregado por partidas.
  • Soporte. É importante o formato no que se divulgan os proxectos, que sexan innovadores, diferentes, para axudar a valoralos positivamente.
  • Os tempos. Temos que intentar transmitir o que queremos dicir con certa brevidade.
  • Actitude. Non ser paternalista nin condescendente.
  • Tipos de proxectos. Buscándolle o encaixe coa liña de traballo que desenvolva a administración ao que lla presentamos. Desde a opinión de Xavier Campos, o tipo de proxectos mais interesantes para os concellos son aqueles que intentan crear vínculos coa comunidade local, poñer en valor o talento, crear comunidade, que teñen un sentido social a parte de cultural e artístico. Como por exemplo Eu son Mazaricos, FestiletrasDerrubando Muros con Pintura, Desordes Creativas, As Meninas de Canido, Fálame de San Sadurniño ou Suma Ágora.

 

Finalmente fai oito  recomendacións para desenvolver políticas culturais a nivel local:

  • Que se note de onde somos
  • Apoio absoluto á creatividade local, sexan profesionais ou afeccionados
  • Procura de colaboracións estables co tecido cultural.
  • Proxectos que aposten pola creación de vínculos sociais, de veciñanza, de integración social.
  • Educación como prioridade das políticas culturais. Apostar por proxectos de formación, e non unicamente de exhibición e distribución. Traballar cos centros de ensino. Cultura e educación teñen que ir xuntas nas políticas locais.
  • Propostas híbridas, nas que se impliquen distintas áreas do propio Concello e tamén entidades privadas.
  • Coidar a comunicación. Crear marca.
  • Non impoñer: orientar. Lexitimidade en marcar liñas pero con diálogo social.

 

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*