2018 03 21 raul olivan 5

Emprendemento cultural e creativo. Con Raúl Oliván

 

Por Sofía Arangüena

 

A sesión de hoxe comezou pola intervención de Rosa Sánchez Santos, voceira de Uninova que veu falarnos do programa Erasmus para xoves emprendedores, un programa de intercambio financiado pola Unión Europea que busca que as persoas asistentes adquiran as capacidades necesarias para desenvolver o seu negocio persoal de volta no seu país de orixe. Neste caso España e, máis concretamente, Galicia. Non existe requisito de idade, simplemente non ter experiencia no eido empresarial de máis de tres anos.

A forma de conseguir unha praza no programa realízase a través do match entre ti, a túa idea ou necesidade e a empresa dalgún país da Unión Europea que teña interese e tempo para acollerte. É dicir, é un traballo de procura persoal. Este ano, o programa sae de Europa, tendo a posibilidade de buscar unha empresa de acollida en Singapur, Israel ou Estados Unidos (concretamente no Estado de New York ou no de Pensilvania). Para ampliar información pódese consultar a súa web.

 

 

O groso da sesión veu das mans de Raúl Oliván, director xeral de Participación Cidadá, Transparencia, Cooperación e Voluntariado do Goberno de Aragón e antigo director de Zaragoza Activa.

Raúl centrou a maior parte da súa ponencia no Zaragoza Activa, pero poñendo en valor todas as ferramentas utilizadas nese ecosistema para levalas ao eido das administración públicas relacionadas coa cultura e a participación cidadá. Zaragoza Activa (antiga azucarera do Rabal) é actualmente un epicentro do emprendemento e innovación social baseado na práctica e a lóxica colaborativa que viu a luz hai 10 anos nunha zona deprimida desta gran urbe española.

Os servizos que ofrece son:

  • Viveiro empresarial
  • Sementeiro de ideas
  • La colaboradora (espacio de co-work)
  • Remolacha Hacklab (aula do futuro baseado no aprendizaxe práctico e colaborativo)
  • Explorer (concurso para xoves emprendedores)
  • Made in Zaragoza (rede de emprendedores creativos)
  • Zona emprego
  • Biblioteca BJCubit
  • Serpe Vermella (zona de ordenadores gratuítos)

Tras facer 3000 actividades, conseguir un tránsito humano de case medio millón de persoas, impulsar a creación de case 500 empresas e cambiar o paradigma de ser un espazo de ensino vertical a un espazo horizontal de aprendizaxe en común. Estas son as claves que nos deu para ilustrarnos:

 

Do usuario ao cidadán suxeito político soberano. O argumento parexo a esta idea é a importancia de ir máis aló dun espacio co-work. Pasar a unha comunidade colaborativa onde se aprende en común e existe unha co-formación, potenciando as habilidades que cada un poida aportar. En Zaragoza Activa, para materializar esta idea, creouse o “Banco do tempo”

Da ventanilla ás redes. Aquí o que nos quería explicar Raúl é a importancia das redes sociais online e da presencia en internet. Pero tamén de ir máis aló das redes sociais convencionais e pasar a formar comunidades online propias. O exemplo é a rede ZAG, usada para os membros de Zaragoza Activa coa que os integrantes senten que o proxecto é máis propio

Accesibilidade da cidadanía. A intención deste epígrafe foi falarnos de instrumentos innovadores e fáciles de entender, que axuden á cidadanía a utilizar espazos pouco coñecidos e transitados da cidade. O exemplo que poñía, dentro do Zaragoza Activa, foi a ferramenta creada a través da colaboración activa dos seus membros chamada “Mapping party” ou o mapa das economías feministas dentro da cidade.

2018 03 21 raul olivan 24Dos funcionarios aos mediadores. Aquí falábanos da importancia das figuras dos mediadores: persoas que facilitan a outros  ser parte do proceso creativo e produtivo e non simples consumidores. (Argumentando a importancia do ben coñecido concepto no eido cultural de  prosumidor)

Das masas ás multitudes. Aquí Raúl quixo explicar a importancia de dar voz e visibilidade a propostas de persoas que están máis á sombra, ou que fan cousas máis pequenas, ou máis locais, pero de igual importancia e enriquecemento. O exemplo que utilizou foi os “Atlas veciñais” de propostas e actividades feitas por eles.

Do regulamento ao experimento. Se necesitan novas iniciativas e fórmulas que fuxan do xa regulamentado, da burocracia ineficaz. Propostas como a Remolacha Hacklab por exemplo; un aula do futuro ou a OSCE; as economías colaborativas en código aberto para crear un tecido de coñecemento común e sostible

Dos usuarios ás comunidades. O argumento detrás deste enunciado é a importancia de crear unha filosofía palpable onde os membros e usuarios sintan que o espazo e a idea tamén é súa. Un espazo horizontal onde todo o mundo teña dereito de voz e voto.

Da burocracia ás experiencias. Na sociedade post-moderna na que nos movemos, precisamos  espazos e proxectos acordes a ela. De aí a importancia da filosofía, que quixo resaltar Raul, de ética para a estética, co fin de construír espazos e facer proxectos onde prime a experiencia en todo momento.

Da suspicacia á confianza. A idea a recalcar aquí sería que é importante reforzar as relacións de confianza entre os membros que participen no espazo, proxecto, idea…. En Zaragoza Activa os provedores doutras iniciativas ou ideas de negocio eran persoas e grupos pertencentes ao propio ecosistema. É dicir, é importante crear a confianza, pero tamén unha rede de apoio.

Do Estado pasivo ao Estado emprendedor . Finalmente, a última idea que quixo resaltar, e na que fixo moito énfase (estado polo que pasaron eles mesmos no 2013 dentro de Zaragoza Activa), é a idea de empoderar ás persoas para que fagan cousas e que con iso se cree unha rede de economía creativa entre os participantes dun proxecto, de calquera proxecto en definitiva.

 

Tedes máis información sobre esta inspiracional proposta na súa web, á que podedes acceder desde aquí.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*