Programación e mediación cultural: falamos sobre práctica artística con María Lado, Mercedes Peón e Pela del Álamo no Consello da Cultura Galega
Por Rubén Rodríguez
Nesta sesión fixemos un percorrido polo Consello da Cultura Galega e rematamos cunha conversa aberta formada por Mercedes Peón, María Lado e Pela del Álamo.
O Consello de Cultura Galega
“¿Cantas das persoas que están aquí coñecen a páxina do Consello da Cultura?” Con esta pregunta comeza unha micro-visita guiada por Dolores Vilavedra e Manuel Gago, que definen a sesión como unha boa iniciativa para abrir as portas do Consello da Cultura Galega aos futuros profesionais da xestión cultural. Para comezar, fixemos un breve percorrido polo espazo, pasando polo salón de actos, onde se fan as xornadas que organiza o Consello, a biblioteca, os despachos de comisións, xerencia e presidencia e falamos do Observatorio da Cultura Galega. Pero, en realidade, o interese da visita foi máis coñecer o que se fai que os espazos onde se fai.
Na sesión, contáronnos que o Consello da Cultura Galega existe dende 1983 e que é unha institución estatutaria; é dicir, está sometida a control parlamentario. Isto dálle unha certa autonomía respecto ao control do Goberno. O Consello comeza con absoluta precariedade e sen espazos físicos de traballo. O punto de inflexión márcao a presidencia de Carlos Casares. Casares fai unha aposta decidida polas novas tecnoloxías e decídese a investir en capital humano para o desenrolo destas actividades. Grazas a isto, apóstase dende o ano 1999 por ter capacidade de desenvolvemento propio dos contidos, buscando a innovación da tecnoloxía para mostrar coñecementos dende a propia institución. Para iso, preséntannos o portal web como a ferramenta que os proxecta ao mundo. Esta iniciativa nace buscando unha mestura entre o mundo da tecnoloxía e os contidos culturais e co obxectivo de que a primeira experiencia que teña moita xente dentro do mundo dixital sexa en galego e con contidos galegos. O portal funciona como punto de recompilación da produción cultural contemporánea galega.
Entre as competencias do Consello da Cultura atopamos o fomento da lingua e a cultura galegas, a investigación e valoración das necesidades culturais, o análise do patrimonio cultural galego, a promoción cultural e o asesoramento aos poderes públicos. Con moita frecuencia, o Goberno diríxese ao Consello pedindo que redacte informes sobre a situación da cultura galega. Como peche final, dicir que no ano 2017 contou con aproximadamente 2,5 millóns de euros de orzamento.
A conversa
Nesta conversa, atopámonos coa perspectiva das persoas que intentan vivir da súa creación. O obxectivo é coñecer en primeira persoa que significa optar por unha carreira artística. Para iso, contamos coa poeta María Lado, a música Mercedes Peón e o creador audiovisual Pela del Álamo.
María Lado: “Ser poeta é un gran florecemento da alma e un escaso florecemento económico”
María fala de que a súa dedicación exclusiva é a de escritora de poesía, xa que o seu oficio é moi pouco compatible con calquera posto de horario fixo. Decidiu deixar un traballo acomodado de oficina para poder dedicarse ao que mais lle gusta, aínda a risco de non poder pagar as facturas: “O feito de estar desocupada lévate a xerar o teu propio traballo, sobre todo polo medo de non chegar a final de mes”.
Vivir de escribir poesía implica facer moitos recitais, obradoiros e traballos para nenos que están relacionados, mais ou menos, co que un fai. Di que gran parte do seu traballo é responder correos, preparar proxectos de acción de poesía, obradoiros, elaboración de dossieres, etc. Decidiu renunciar a un traballo fixo pola felicidade: “Sempre que comecei a escribir tiven moita facilidade para publicar e iso foi unha sorte na miña vida. Sinto que tiven moitas facilidades. Eu traballo sobre todo por pracer pero, durante moitos anos, facía moitas cousas por pura diversión. Actuar, escribir, conseguir que chegue a poesía a xente sempre me pareceu moi divertido. A sorte sempre hai que traballala. O obxectivo non deber ser chegar a famoso, senón sentirte ben co que fas. Creo que en Galicia somos moitos creadores que acabamos sendo industria. Temos que asumir non só a parte creativa, tamén a parte de ser industria porque non a hai”.
Mercedes Peón: “Só perdura o que se repite en comunidade”
Definíndose como unha persoa moi introvertida, decide transmitir cal é a súa perspectiva do ecosistema cultural falando dos seus presupostos ideolóxicos como artista. Parte da base de que existen culturas peculiares de creación colectiva, que nacen dos contidos dunhas persoas que teñen unha visión e uns códigos diferentes aos inoculados nunha realidade chamada globalización. Parte da base tamén, do suposto encarnamento dotado de supostos primixenios que non están mediados dende o exterior. Parte da base, de que non existen os xéneros que son fantasías violentas que intentan organizar unha bipolaridade inexistente, pasando polo filtro da súa subxectividade. Está certa de que, unha das partes fundamentais para que sobreviva o sistema cultural, pasa por ter coidado do que nos queda, do ecosistema en calquera parte do mundo, comezando pola lingua: “A creatividade da linguaxe non ten normas, non necesita perdurar no tempo, so perdura o que se repite en comunidade”. Aconsella facer as cousas por pracer, ese medio camiño entre o comercial e o que un quere: “Ter un transo onde se para o tempo e chegar a un escenario con moita modestia”.
Pela del Álamo: “Vivo en el equilibrio entre lo vocacional y lo alimenticio”
Decide falar do proceso persoal, dos conflitos e potencialidades do traballo artístico: “En lo alimenticio tenía que hacer vídeos y trabajos de todo tipo y luego estaba la dirección del Curtocircuíto como una mezcla entre lo personal y lo alimentico”. Partindo desa base pasou quince anos na procura do equilibrio e descubrindo o que realmente lle gustaba: o cine documental. Entende os proxectos como procesos persoais dos poden xurdir, ou non, obras concretas. Non é tanto a idea de facer esa película, se non de como vivir o proceso. Di que non lle interesa o cine por si mesmo, para el é unha ferramenta para dialogar coa realidade e cun mesmo. Non se sinte cineasta, nin se sinte vinculado co cine de ficción. A paisaxe é o punto de partida da maioría das súas pezas. Comenta que “este tipo de proceso no encaja con los tiempos de los procesos industriales. Cada uno debe hacer aquello con lo que se siente conectado. Solicitar ayudas en este tipo de procesos es complicado, porque resulta imposible encajar mis tiempos en los tiempos que exigen las bases”. Non todo o cine ten que ver coa construción de produtos, ás veces, ten que ver coa exploración persoal. Fala de que o traballo cinematográfico ten moito que ver con ter un gran bloque de pedra e comezar a traballar ata que tes a certeza de que chegaches a algo que serve para comunicar. Recoñece que este proceso de compartir as pezas tamén lle causa conflito: “Muchas veces me cuestiono ¿qué sentido tiene mostrar las películas? Me planteo el porqué: si yo ya he asumido que el cine documental es el producto audiovisual menos rentable, implica gasto y no tiene ningún tipo de retorno económico. No tiene esa función. ¿Por qué hay que enseñar la obra? La obra es algo íntimo”.
Trackbacks & Pingbacks
[…] también al Consello da Cultura Galega, donde, además de conocer la institución, se habló de la práctica artística y a la Ciudad de la Cultura, donde, tras una visita guiada, el alumnado pudo conocer el ámbito […]
[…] en Galicia; tamén ao Consello da Cultura Galega, onde, ademais de coñecer a institución, falouse da práctica artística e á Cidade da Cultura, onde, tras unha visita guiada, o alumnado puido achegarse ao ámbito da […]
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!