Novos modelos empresariais e profesionais na cultura
Por Carmen Menéndez
Empezamos a xornada cunha visita ao Culturgal, no Pazo da Cultura Pontevedra. Esta Feira das Industrias Culturais celebra este ano a súa décima edición. A Feira xa supera a etapa de lanzamento e consolidación. Segundo Manuel Bragado, o seu presidente, esta Feira xa pasou á fase adulta, o que supón afrontar novos retos, entre os que destacan abrir e proxectar Culturgal fóra, interactuar con outros ámbitos e debuxar novos horizontes.
Quedamos na entrada do Culturgal ás 16:30 e primeiro temos un encontro con Cecilia Carballido, colaboradora da empresa Ouvirmos, que son os encargados da súa xestión. En principio trátase de darnos as claves do funcionamento do Culturgal. Céntrase en contarnos datos do histórico desta feira así como algúns datos de organización. A continuación o director da empresa, Xosé Aldea, fálanos máis en detalle da xestión económica (persoal adscrito a este traballo, presuposto que manexan e a xestión do mesmo). Hai una rolda de preguntas e ao terminar facemos un percorrido polo recinto ao noso aire.
Ás 18:00 temos cita no Espazo Foro para celebrar a conversa aberta Novos modelos empresariais e profesionais na cultura. O obxecto desta mesa é tratar modelos de traballo que están a xurdir e consolidarse nos últimos anos no sector cultural, todos eles de vocación cooperativa e que acollen unha ampla rede de profesionais e empresas das distintas disciplinas culturais e creativas.
Unha cooperativa é unha asociación autónoma de persoas unidas voluntariamente para formar unha organización democrática cuxa administración e xestión debe levarse a cabo da forma que acorden os socios. A súa intención é facer fronte ás necesidades e aspiracións económicas, sociais e culturais comúns a todos os socios mediante unha empresa. A diversidade de necesidades e aspiracións (traballo, consumo, comercialización conxunta, ensino, crédito, etc,…) dos socios, que conforman o obxecto social ou actividade corporativizada destas empresas, define unha tipoloxía moi variada de cooperativas.
Nesta conversa vemos, de feito, tres modelos bastante diferentes entre si.
Clara Rodríguez, de 7H Coop.
Unha cooperativa de traballo asociado, cooperativa de produción, ou simplemente cooperativa de traballo, é un tipo de cooperativa cuxo obxectivo é o prover e manter aos seus socios de postos de traballo a tempo parcial ou completo, a través da organización en común da produción de bens ou servizos para terceiros.
7HCoop toma o seu nome do local que ocupou nunha actividade primixenia de intervención artística en Área Central (Santiago de Compostela). É unha cooperativa de traballo asociado que nace no ano 2015 con varios eixos: creación, acción cultural e economía social. Conformada por creadoras, axentes e educadoras de moi distintas disciplinas, traballan conxuntamente na creación de proxectos globais por e para persoas.
A crise e a situación laboral provoca a procura de novas fórmulas e espazos laborais. Conta Clara que comezaron tres persoas esta cooperativa, nun primeiro momento son unha fotógrafa, unha ilustradora e unha xestora cultural. Primeiro con pouco financiamento, funcionaba baseándose nunha rede de amigos e colaboradores, comisariando elas mesmas os proxectos, actuando no seu entorno máis próximo. Neste contexto de proximidade, veciñanza e visitantes achéganse, primeiro con descoñecemento e dúbidas sobre o funcionamento deste espazo, para irse facendo pouco a con el ata integralo con naturalidade.
O traballo e o coñecemento fan que este proxecto pequeno de tres persoas vaia crecendo a través de proxectos colectivos, ampliando tanto o seu espazo de intervención como de participación.
Esta actitude de romper barreiras, facer este espazo accesible e favorecer a comunicación, marca unha actitude clara de funcionamento desta cooperativa. Actitude que pode resumirse en: economía social onde priman as persoas, proxectos con obxectivos para poñerlle límite á crise, loitando contra ela tecendo moitas redes para que os proxectos saian adiante.
Emi Candal (Urdime)
Esta cooperativa, que acaba de cumprir cinco anos, está dedicada ás artes escénicas e musicais orientadas especialmente a un público infantil e familiar.
Conta Emi que, nun momento concreto, observan un importante retroceso nos avances da profesionalización de anos previos. Como consecuencia da crise económica, as empresas profesionalizadas estaban retrocedendo na práctica de contratar persoal ou externalizar traballos máis aló da produción. Aínda que era obvia a necesidade de especialistas para estes campos, finalmente eran os propios actores ou a dirección quen asumía estes traballos.
Eles o que fan é ofrecer as catro partes esenciais para o desenvolvemento dos espectáculos ás compañías: produción, xestión, distribución e comunicación. Xa que consideran que é un traballo excesivo para os artistas e que lles impide centrarse na parte creativa. Dese xeito poderanse centrar unicamente neste traballo mentres eles encárganse de resolver toda a parte loxística.
Empezaron tres persoas cun proxecto musical, agora son cinco socios e traballan con doce compañías en exclusiva e con outras en cousas máis concretas.
Buscan vías a maiores das habituais de distribución para facer máis viable a súa sustentabilidade.
As claves ou dinámicas que os axudan a traballar no sector son principalmente dúas: o coñecemento que teñen do mesmo e entablar conversas e redes abertas de traballo conxunto. Consideran que a capacidade de compartir espazos de traballo, o respecto ás diferentes miradas e o contacto coa xente (compartir ou coñecemento e a bagaxe en foros, reunións… ) é fundamental para irlles facendo expertos no sector .
Javier López (Ainé Producións)
Formada por dous socios, tamén nace como consecuencia da crise económica, xa que queda sen traballo a produtora na que traballaban e, coa súa experiencia, xúntanse para formar esta S.L.
Teñen dúas partes de actuación ben definidas: proxectos de produción audiovisual propios e representación de artistas.
Os seus obxectivos son: a necesidade de profesionalizar o sector e o coidado do artista (partindo do recoñecemento do seu talento e creatividade, axúdanlles para que o exploten sen preocuparse por nada máis). Tiveron que diversificar o negocio, e foron ampliando os servizos cun de imprenta (cunha deseñadora permanente) e cunha empresa de comunicación online (cun xornalista permanentemente). A empresa está formada por catro departamentos ben diferenciados:
- Deseño/imaxe. Entenden que a procura do respecto e calidade sobre a imaxe do produto baséase no control directo sobre todo o proceso; dende a foto, a elaboración da publicidade ou a distribución.
- Comunicación. A cargo de persoal especializado e unicamente adicado a esta tarefa e que conte coa habilidade para recoller, contrastar, revisar e indagar sobre o que aparece nos medios. Cada produción ten a súa imaxe propia, a súa estratexia, etc,…
- Distribución dos espectáculos. A partir duns espectáculos xa consolidados, van facendo producións novas.
- Administración. Xestión real da súa carreira, control sobre os contratos, compañías, anuncios, etc,…
Trackbacks & Pingbacks
[…] Estas sesiones llevaron a las treinta personas que participaron en esta edición al Auditorio de Galicia, en una visita tras la que tuvo lugaruna conversación abierta sobre la historia de las políticas culturales en Galicia; también al Consello da Cultura Galega, donde, además de conocer la institución, se habló de la práctica artística y a la Ciudad de la Cultura, donde, tras una visita guiada, el alumnado pudo conocer el ámbito de la cultura digital. Todo esto sin olvidarnos de una cita ya tradicional en el curso, como es Culturgal, donde se habló de nuevos modelos empresariles en el sector cultural. […]
[…] Estas sesións levaron ás trinta persoas que participaron nesta edición ao Auditorio de Galicia, nunha visita trala que tivo lugar unha conversa aberta sobre a historia das políticas culturais en Galicia; tamén ao Consello da Cultura Galega, onde, ademais de coñecer a institución, falouse da práctica artística e á Cidade da Cultura, onde, tras unha visita guiada, o alumnado puido achegarse ao ámbito da cultura dixital. Todo isto sen esquecernos dunha cita xa tradicional no curso, como é Culturgal, onde se falou de novos modelos empresarias no sector cultural. […]
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!