Da idea ao anteproxecto cultural. Con Marcos Lorenzo, Sergio Lago e Diego Parajó

Por Jaime Capilla

Comezamos a aula como cada mércores recapitulando a sesión anterior, na que tivemos a oportunidade de acudir á Feira das Industrias Culturais, Culturgal (Pontevedra). Tentamos valorar o conxunto da feira e as distintas charlas e presentacións ás que puidemos asistir. Falamos sobre a conversa con Xosé Manuel Aldea (director do Curturgal) e con Cecilia Carballido (responsable de produción e comunicación da feira), sobre a presentación do Banco de Boas Prácticas na Xestión Cultural promovido pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), e , xa por último, valoramos a mesa redonda Novos modelos empresariais e profesionais na cultura, que contou coa presenza de profesionais como Clara Rodríguez (7H Coop), Emi Candal (Urdime) e Javier López (Ainé Producións), e moderada polo noso compañeiro Serxio Lago (BenCuriosa).

Despois destas valoracións arrincamos coa sesión do día, na que comezamos cunha breve presentación por parte de cada un dos grupos. Empregando a ferramenta dixital Real Time Board como soporte visual tentamos afondar nas claves e ir perfilando as principais características de cada proxecto. A estrutura das presentacións inspírase no seguinte esquema, sempre adaptado ás circunstancias e características de cada proxecto:

  • Principais ideas de diagnose
  • Tres ideas de proxecto que xurdiran nas sesións de creatividade
  • Presentación de boas prácticas que localizamos en relación as ideas anteriores e como punto de inspiración
  • Argumentar e defender a idea seleccionada.

Todo isto como un paso previo para a realización das presentacións do Pechakucha que realizaremos antes do Nadal diante de profesionais do mundo da cultura  que avaliarán as nosas propostas. Neste caso teremos a oportunidade de contar con grandes profesionais do eido cultural como: Julio González (co-director de Sinsalaudio), Encarna Lago (xerente da Rede Museística Provincial de Lugo) e Paula Cabaleiro (comisaria e xestora cultural).

 

 

 

Equipo 1. Arteixo

O equipo de Arteixo enfrontábase á xestión dun proxecto nunha contorna industrial con moitas peculiaridades. Tralo estudo desta localidade da provincia da Coruña, detectaron os seguintes elementos de diagnose:

  • Perda da identidade cultural.

    2017 12 13 sesión traballo proxectos CEUXC 6

    O equipo 1 destacou a multiculturalidade de Arteixo

  • Forte industrialización.
  • Importante impacto ambiental.
  • Falta de oferta de lecer para a mocidade, que se moviliza cara á cidade da Coruña.
  • Efecto Inditex. A empresa atrae a moita xente de distintas nacionalidades xerando unha rica diversidade cultural.

En canto ás ideas xurdidas na sesión de creatividade, o equipo estruturou a realización de actividades como:

  • Recital de lendas galegas.
  • Xornadas de cinema.
  • Obradoiros de graffiti.
  • Teatro interxeracional.
  • Rutas guiadas por persoas maiores.

Como proxectos de referencia falaron do Festival das Aldeas Vinhateiras, que propón a revitalización do territorio partindo da súa propia esencia, e a iniciativa “barrios críticos”, que se localiza na zona da Cova da Moura en Lisboa, un barrio de poboación migrante no municipio de Amadora.

A través destes elementos de diagnose, elixiron como idea principal para o seu proxecto a creación dunha memoria colectiva na búsqueda do Arteixo de seu, dun proxecto que proveña da memoria, das súas raíces e da súa idiosincrasia, pero tamén afondando no Arteixo máis multicultural e cosmopolita dos últimos anos.

 

Equipo 2. Praia fluvial de Tapia (Ames)

 

2017 12 13 sesión traballo proxectos CEUXC 13

O equipo 2 atopou en Tapia a unha veciñanza activa

O equipo encargouse de analizar o enclave da praia fluvial de Tapia no concello de Ames (A Coruña), un entorno natural na beira do río Tambre que conta cunha gran acollida de visitantes nos meses estivais. O proxecto nace co nome “Tapia (Eco)Cultural”.

 

 

Como elementos de diagnose previa destacaron:

  • A carencia dunha programación cultural no ámbito rural.
  • Certa concentración da programación cultural nos centros de poboación de Milladoiro e Bertamiráns, entre os que chega a producirse certa competición.
  • Un interese por parte dos axentes locais e da propia poboación pola dinamización da contorna rural.
  • Un activo tecido asociativo.
  • Amplo perfil de persoas que acuden a pasar o día na praia fluvial: familias, xente maior, xente nova, etc, …

En canto ás ideas que propoñen para a consecución do obxectivo de dinamizar esta contorna natural propoñen as seguintes:

  • Ruta de sendeirismo teatralizada.
  • Contacontos no muíño.
  • Concerto de grupos ou axentes locais relacionados coa música, como poderían ser a banda de Barouta ou o coro de Tapia.
  • Cine familiar.
  • Xogos tradicionais.

Conscientes da contorna na que se desenvolverá o proxecto, o equipo quixo marcarse unha liña de actuación importante con respecto ao medioambiente, buscando o menor impacto posible de residuos, facilitando puntos de reciclaxe e promovendo o transporte compartido.

En canto á operatividade do seu proxecto, destacaron a participación como eixo vertebrador, co que involucrar aos axentes locais no eido da programación, pero tamén destacan o interese por integrar ao público de forma activa a través de obradoiros, e sobre todo, desfrutar da dinámica de traballo de aprender facendo e compartindo.

 

Equipo 3. Cuntis

2017 12 13 sesión traballo proxectos CEUXC 18

O equipo 3 descubriu a importancia da cantería en Cuntis

A vila de Cuntis é unha contorna rural que se caracteriza por ter unha poboación moi espallada repartida en oito parroquias. O equipo realizou entrevistas cos axentes locais tralas que nos expuxeron os seguintes elementos de diagnose:

  • Importante patrimonio sen explotar.
  • Forte compoñente turístico totalmente enfocado nas augas termais e no balneario.
  • Tecido asociativo importante, pero con pouca actividade.
  • Unha poboación pequena, con case 4.000 habitantes, e distribuída en 8 parroquias.
  • Forte envellecemento da poboación.
  • Falta de conexión do Concello coas parroquias rurais.

Durante as súas pesquisas descubriron que, das oito parroquias que conforman este territorio, tres delas teñen unha tradición de canteiros moi importante. Este dato vai ser un eixo importante á hora de planificar o tipo de actividades e a dirección do proxecto. Como propostas principais manexan as seguintes:

  • Xogos tradicionais aproveitando a simboloxía e a xerga propia da cantería.
  • Incorporar a tradición canteira á moda.
  • Obradoiros de oficios.
  • Unha estratexia de comunicación moi inxeniosa na que os membros do equipo se transformarían nunha asociación de extraterrestres de diferentes planetas coa misión de invadir a Terra.

O grupo atópase nun momento de definición das estratexias a seguir, pero xa teñen claro que procurarán aproveitar esa tradición de canteiros como fío conductor da súa intervención cultural.

 

Equipo 4. Betanzos

O foco do proxecto cultural para o equipo de Betanzos é o casco vello da vila. Unha cidade con moita sona e gran riqueza patrimonial, pero que nos últimos anos foi perdendo peso estratéxico fronte a outras poboacións do entorno da cidade da Coruña. No seu período de diagnose o equipo detectou os seguintes elementos que caracterizan esta contorna urbana:

  • Forte asociacionismo en relación co casco vello.
  • Unha gran cantidade de vivendas e locais comerciais baleiros.
  • Forte envellecemento da poboación.
  • Infrautilización e descoñecemento dos equipamentos públicos relacionados coa cultura.
  • Pouca dinamización comercial.
2017 12 13 sesión traballo proxectos CEUXC 31

O equipo 4 decatouse da gran cantidade de locais baleiros en Betanzos que poderían ter un uso cultural

O grupo de traballo baralla varias ideas que partiron da sesión de creatividade, como a dinamización do comercio a través das artes escénicas, a creación de instalación creativas que promovan os equipamentos públicos, e tamén a realización de coloquios sobre historias de antes e de agora co que poder afondar na identidade e a historia da propia vila, así como profundar nas problemáticas que atañen a zona patrimonial.

Como proxectos de referencia aluden ao mapa emocional do Barrio de San Pedro (Santiago de Compostela); ao café da memoria promovido polo Museo do Pobo Galego, que trataba distintas temáticas como as mulleres no mar ou a propia historia do museo.

O equipo de Betanzos decántase finalmente polos coloquios como eixo vertebrador do seu proxecto cultural, buscando como obxectivos crear novos espazos de encontro para a veciñanza, a recuperación da memoria histórica da vila, a activación dos espazos comerciais ou a dinamización comunitaria deste entorno privilexiado.

 

Equipo 5. Illa de Arousa

O seguinte proxecto sitúase nun lugar singular como é a Illa de Arousa, unha vila mariñeira do sudoeste de Galicia. O grupo de traballo realizou unha labor de investigación moi exhaustiva, o que lles permitiu facer un diagnóstico moi afinado sobre as singularidades da illa, tanto da contorna como dos seus propios habitantes. Como características mais importantes destacan:

  • Unha problemática coa turistificación da illa, que tan só conta cunha vía de acceso e saída.
  • Unha dependencia casi exclusiva do sector pesqueiro en termos económicos, en torno ao 80 %.
  • Permanencia do narcotráfico e tódalas consecuencias que isto implica.
  • A oferta cultural da illa céntrase no ámbito da infancia e das persoas adultas.
  • A xente nova da vila tende a saír da illa para desfrutar do seu tempo de lecer, sobre todo debido a unha falta de oferta cultural que os inclúa.
  • A programación de lecer corre a cargo, case en exclusiva, da asociación cultural e deportiva Dorna.
  • Forte abandono escolar debido a fortaleza do sector primario, no que a maioría dos mozos ve case a única saída para as súas metas laborais.
2017 12 13 sesión traballo proxectos CEUXC 46

O equipo 5 aposta pola autoxestión para a mocidade da Illa

Despois deste período de diagnose o grupo de traballo considera o seu foco de intervención moi claro, e elixe a xuventude como público obxectivo do seu proxecto cultural. Os seus obxectivos son os de implicar á xente nova no eido cultural e que poidan desfrutar do seu tempo de lecer no ámbito da illa.

Como idea principal barallan a posibilidade de traballar cunha planificación que se espalle ao longo de todo o ano, aproveitando algúns dos espazos cos que conta a vila para desenvolver un proxecto participativo coa xente moza, no que se podan empoderar e traballar dende a autoxestión, artellando a súa propia oferta cultural.

 

Equipo 6. Arzúa

O derradeiro equipo desta tarde desenvolve o seu proxecto no ámbito dunha vila pequena que se sitúa  no medio da xeografía galega e na que conflúen tres dos itinerarios do Camiño de Santiago. Tralo profundo traballo de búsqueda de información, o equipo falounos das singularidades da vila:

  • Trátase dunha vila illada no centro do país.
  • Poboación envellecida e que mostra unha tendencia a marchar da vila.
  • Carácter agrario, no que predomina a gandeiría e a produción de leite.
  • Existe unha ampla oferta cultural, promovida tanto dende o Concello como dende Unións Agrarias.
  • Contorna natural e patrimonial de gran valor.
  • O Camiño de Santiago pasa por Arzúa en tres das súas rutas: Camiño Francés, Camiño Primitivo e Camiño do Norte. Pero non existe unha oferta cultural definida para este tipo de visitante.

Tralo análise destes elementos diferenciadores da vila, o grupo pensa en catro temáticas de actuación: ofertar formación no ámbito gandeiro, na procura da promoción e innovación neste sector primario; posibilidades turísticas vencelladas aos peregrinos; fomentar a participación e os modos de facer e idear novas actividades e programación cultural.

2017 12 13 sesión traballo proxectos CEUXC 59

O equipo 6 analizou as potencialidades do Camiño en Arzúa

Como poboación obxectivo elixiron á xuventude e ao ámbito da terceira idade, dado que estes serían os que máis dificultades terían para atopar oferta de lecer. O equipo de Arzúa baralla como idea principal a creación dunha rede de axentes do cambio que poidan revalorizar o patrimonio e reactivar os espazos naturais, como é o caso do encoro de Portodemouros.

A idea parte da creación de grupos de axentes, que van adquirindo pequenos compromisos de actuación en relación ao medio ambiente ou ao patrimonio da contorna da vila. Todo isto artellado dun xeito participativo e favorecendo o intercambio de experiencias.

 

 

Despois das presentacións de cada equipo adicamos a segunda parte da aula a traballar cada un cos seus equipos sobre a presentación do Pechakucha, tentando bosquexar en vinte tarxetas as ideas dos nosos proxectos e traballando cara á consecución do anteproxecto. Coa asesoría dos nosos titores tentamos reforzar os aspectos máis febles, definindo os aspectos clave e solucionando problemas concretos de cada un dos proxectos.

 

 

 

 

 

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*