2017 11 15 Jaron Rowan

A cultura como ben común. Con Jaron Rowan

Por Berta Mariño

O pasado mércores 22 de novembro tivemos a visita de Jaron Rowan, investigador cultural e docente no Centro Universitario de Deseño de Barcelona (BAU). Na sesión, Jaron levounos por un mapeado da situación da Cultura en España e os mecanismos de acceso á mesma dentro do imaxinario actual.

Dende unha perspectiva xurídica, o acceso á cultura está garantido no Artigo 44 da Constitución Española, pero:

¿Como se leva á práctica? ¿Que implica? ¿Como se xestiona?

O dereito de acceso á cultura articulase en dous dereitos que logo se reforzan coas políticas culturais; o dereito de creación (dereito a expresar de xeito creativo as nosas ideas) e o dereito de produción (dereito a comunicar a miña creación e lucrarme con ela). Estes dereitos garántense coa complementariedade doutros: dereito ao uso da túa lingua ou dereito á liberdade de expresión, no caso da creación ou dereitos de autor, e propiedade intelectual no caso da produción…

Citando a Marcos Vaquer [1], especialista en temas de constitución e cultura, Jaron explícanos como, durante os últimos 20 anos, a acción de goberno e administracións con competencias en materia cultural se implicaron fundamentalmente en políticas de promoción, creación de empresas e industrias culturais ou en políticas de dotación de equipamentos culturais. Sen embargo, os dereitos de creación non evolucionaron e están moi descompensados respecto aos incentivos de produción.2017 11 15 Jaron Rowan

O imaxinario que está detrás destas políticas implica que a cultura é un dereito individual, no que hai unha división entre os que crean e os que producen. As políticas desenvolvidas deixan fóra todas aquelas prácticas que non teñan un carácter “comercializable” e poida ser considerado un produto. Implica que a mediación exercida polas administracións fomentan certo paternalismo, as institucións son as que interpretan e deciden que é o INTERÉS XERAL, e son garantes da legalidade.

 

Falando dos tipos de acceso á cultura, desde a perspectiva de que non son compartimentos estancos ou puros e hai grados de apertura nas distintas prácticas, temos:

  • Público estatal: accións coa mediación das institucións rexidas polo interese xeral, mediante a creación de leis, regulamentos, normativas e institucións.
  • Público non estatal: accións coa mediación de grupos privados pero que defenden certos intereses xerais. Este é o caso anómalo de España con determinadas asociacións (Castellers, organización das fallas de Valencia, etc, …)
  • Privado: accións coa mediación de axentes rexidos por unha lóxica de mercado e non vinculados ao interese xeral.
  • Común: accións culturais xeradas comunitariamente, autoxestionadas porque son xeradores das súas propias normas que ás veces chocan coas propias normativas das institucións e administracións públicas.

 

A cultura común, xerada a través das accións culturais comunitarias, pon de manifesto como non se está a cumprir o INTERESE XERAL. Hai intereses que non están sendo representados, con exemplos na historia de movementos sociais, cuestionado o seu papel na defensa do interese xeral de certas minorías (movemento feminista nos anos 60, movementos de inmigrantes introducindo as súas prácticas culturais, etc,…).

Aquí entra o potencial dos espazos autoxestionados, nas limitacións das administracións públicas para garantir o acceso a determinados dereitos e o que pode supoñer para a democratización a autoxestión… recoñecido polo propio impulsor da “clase creativa”[2], Richard Florida, as políticas levadas a cabo en Europa en xeral, e España, cos procesos de “industrialización” da cultura levan á xeración de grandes desigualdades en prol da segregación.

 

Mapa conceptual Cultura

 

O público relaciónase cos individuos dende unha perspectiva máis estanca, desde o portelo, estandarizada, convocando á participación pero poñendo as regras. No ámbito do espectro do común son autoconvocatorias e aseméllanse máis ás prácticas asociadas á militancia, aos movementos sociais… nunha tentativa de apertura de espazos, e de producir novas sensibilidades. As prácticas públicas estatais, non estatais, privadas e comúns poden combinarse e ter espazos de autoxestión no seo do ámbito público, etc. Dende o público ao común hai unha liña de comunicación, un gradiente de acceso á cultura coas súas vantaxes, inconvenientes, potencialidades e limitacións. A xestión e a mediación cultural móvense dun extremo ao outro.

 

A idea a resaltar por Jaron do común e as súas posibilidades fala da capacidade para ampliar dereitos de acceso, desde a autoxestión constitúese como xerador de cultura, creando un espazo que amplía a capacidade de acceder á cultura. Desde o primeiro momento no que existe unha fonte de lexitimidade, sempre quedan espazos fóra, por iso é importante ampliar os estándares, ampliar os accesos á cultura, para permitir outras narrativas, outras expresións de desexo, outras formas de producir imaxinarios e linguaxe… Xerar un imaxinario no que aínda non se sabe como cubrir máis aló da xeración de novas subxectividades, o que nos leva a recordar os movementos como feminismos, reivindicacións LGTB… movementos froito da autocreación dun espazo.

 

Dentro do debate lexitimidade VS legalidade, pechamos a conversa con Jaron Rowan con deberes:

  • Producir espazos que nos permitan ver o mundo de xeito diferente
  • Producir lexitimidade desde abaixo e contar a historia fóra das institucións públicas
  • Crear outras narrativas e outras formas de ver o mundo
  • Aprender a aceptar que a lexitimidade da cultura emana da propia cultura
  • Como o público, o privado e o común aprenden a dialogar e non se exclúen

[1] “Estado y cultura: la función cultural de los poderes públicos en la Constitución Española”. Editorial Universitaria Ramón Areces. Marcos Vaquer Caballería. [2] “The New Urban Crisis” (Basic Book 2017)

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*