CEU Xestión Cultural 2017-18

O proxecto cultural, plan do Curso 2017-18 e ferramentas para o traballo en equipo

Por María Luisa Otero Fernández.

A sesión comezou cun achegamento ao concepto de “proxecto” de man de Marcos Lorenzo, propoñendo a dúbida de se é realmente importante a redacción do mesmo. Despois dun tempo para a participación da aula chégase á conclusión de que, dita redacción, conta con máis cuestións a favor que en contra. Se ben é certo que un proxecto é algo vivo que non se pode definir dun xeito rotundo dende un comezo, si é favorable para o desenvolvemento do mesmo unha previa organización, tanto das ideas como da súa execución. A redacción dun proxecto proporciona una visión xeral que axuda a non perder de vista o obxectivo, a finalidade e natureza do proxecto en sí. Finalmente concluímos a “redacción dun proxecto” como ferramenta básica para a xestión en xeral, e para a xestión cultural neste caso.

Este primeiro achegamento enlazouse co que sería o punto de partida idóneo para a elaboración dun proxecto cultural, a “diagnose”, entendendo esta como a análise do entorno e do ambiente onde se pretende implantar o proxecto. A análise debe ser levada a cabo en base á recompilación de datos e observacións que nos indiquen as necesidades e posibilidades dunha zona en relación co proxecto, para o que sería necesario un previo traballo de campo. Neste punto destaca a importancia da implicación dos destinatarios no mesmo deseño do proxecto ou na posta en práctica, converténdose así nun traballo máis amplo e máis acorde coas necesidades culturais do público ao que se dirixe o noso proxecto e evitando deste xeito a ineficacia de proxectos pouco axeitados ás necesidades reais dun entorno.

.

.

Da segunda parte da sesión, e xa cos grupos de traballo definidos, encargouse Diego Parajó que, despois de facer algunha actividade de dinamización de grupo para romper o xeo entre os alumnos do curso, facilitounos as ferramentas prácticas para poder xestionar o traballo en equipo. En primeiro lugar centrounos os valores principais para unha colaboración en equipo produtiva e axeitada, destacando o bo e o malo das prácticas e actitudes á hora de enfrontarse a elaboración dun proxecto, sacando en conclusión que o factor máis importante para un bo traballo en equipo é unha boa actitude. En segundo lugar, a través dun exemplo sinxelo, destacou a importancia da boa organización e planificación para a elaboración dos proxectos, partindo da descomposición inicial dun proxecto, primeiro en tarefas xerais e despois en tarefas máis concretas dentro das tarefas xerais. Este proceder seguiría o esquema: Tarefas en bruto -> Refinar tarefas ->Asignar e cumprir tarefas.

O exemplo de técnica de traballo que nos achegou e a denominada “SCRUM” definida nunha primeira instancia como “metodoloxía áxil e flexible para xestionar o desenvolvemento de software. Esta técnica debe ser axustada á disciplina da xestión cultural, non obstante os principios básicos para o desenvolvemento do traballo encaixan á perfección cos da elaboración dun proxecto cultural, trátase dunha técnica de traballo flexible, completa e lixeira que permite levar a carga de traballo repartida e organizada.

Rematamos a sesión coa presentación da aplicación Trello (software de administración de proxectos) como ferramenta base para este curso, xa que o seu funcionamento encaixa perfectamente coa filosofía e dinámica do curso.

Os grupos levamos como primeira tarefa decidir o contexto de partida para posteriormente escoller un lugar concreto e iniciar a primeira fase do proxecto, a descrita ó principio da sesión, a diagnose, a partir da cal se elabora o que sería o “anteproxecto”.

A sesión estivo protagonizada pola reflexión e unha visualización xeral do proxecto cultural” así como polos medios prácticos para a posta en marcha da elaboración do mesmo.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*