collage cinema

Audiovisual e libro. Pela Del Álamo e Marcos Lorenzo

Por: Ruth Sousa

No curso de xestión cultural estreamos marzo coa segunda parte do bloque dedicado á programación e mediación cultural, nesta ocasión cunha aula centrada en dous sectores cunha gran presenza na oferta cultural e lúdica de practicamente todas as cidades galegas: o cinema e a literatura. Fixémolo da man de Pela Del Álamo, director desde fai catro anos do festival compostelán Curtocircuíto, e de Marcos Lorenzo, xestor cultural e director de iniciativas como Nexos e Galicia Ceo das Letras (ambas na Cidade da Cultura) ou as primeiras edicións da Semana de Poesía Salvaxe de Ferrol.

 

COMO SE CONSTRÚE UN FESTIVAL DE CINEMA

 collage cinema“Se non comunicas, non existe”. Esta premisa valería en realidade para calquera iniciativa cultural, con independencia de cal é o seu contido, pero quen nos ofrece esta idea nesta ocasión é Pela del Álamo, cineasta, empresario audiovisual e, desde fai catro anos, director do festival internacional de curtas Curtocircuíto. No seu caso, semella ser unha consigna case de supervivencia, relacionada coa necesidade de captar público que alimente, e que á súa vez se nutra, dun festival que no próximo mes de outubro chegará á súa décimo cuarta edición.

Vencellado ao cinema de carácter experimental, aínda que con distintos contidos nesa liña para diferentes perfís de público, Curtocircuíto dedica importantes esforzos ás tarefas relacionadas coa comunicación, entendéndoa non tanto como unha invitación ao entretemento como á posibilidade de experimentar e descubrir.

“O problema non é o cine” -di Pela- “senón que non hai educación para ese cine e, por iso, a disposición do público é fundamental”. Esa disposición, a nivel de mensaxes lanzadas á cidadanía, trabállase nos medios, nas redes e na aposta gráfica de cada edición (entendida como parte da mensaxe, do contido), pero sempre en torno a algo que é fundamental nun festival que aspire non só a sobrevivir, senón a converterse nun referente. Algo que case poderiamos definir como “liña editorial”.

 

Flexibilidade na xusta medida

Nun panorama cheo de eventos vencellados ao cinema, sobrevive (fidelizando público e gañando a posibilidade de sumar novas incorporacións) quen ofrece algo distinto e quen é capaz de facer desa singularidade a súa seña de identidade. Confotopelavértese, por tanto, nunha proposta distinta e valiosa en base a unha liña concreta. Labor do programador, director artístico neste caso, é atopar o equilibrio entre a identidade propia e os pequenos “caramelos” cos que atraer á xente que, a priori, considera que a proposta que se lle ofrece é allea aos seus intereses. Algo vital no caso do cinema non comercial, do mesmo xeito que lle pode ocorrer, por exemplo, a outras disciplinas como a música, a pintura ou o teatro contemporáneo.

Por outra banda, un festival no pode vivir de costas á cidade na que habita. Curtocircuíto, o mesmo que Cineuropa, forma parte de Compostela e do seu patrimonio, xa que é unha das súas señas de identidade cultural.

Pela del Álamo explicounos a necesidade de implicar á cidade, máis alá da Administración local (que neste caso é a promotora do festival), senón dos espazos, os comercios, a hostalería… O noso proxecto debe interactuar coa contorna e entender o multidisciplinar como un enriquecemento.

Un festival de cine, di del Álamo, é un punto de encontro, e non hai que desprezar a parte “social” que conleva para o público a celebración dun evento destas características: “A xente quere contidos, pero tamén encontro, socialización e intercambio de ideas”.

 

“O que fai grande a un festival é a calidade que ofrece”. Se queremos ofrecer esa calidade da que nos falou Pela del Álamo, convén non esquecer os seguintes puntos:

  1. Fundamental definir unha liña: distinta, sólida, arriscada. E fundamental tamén o seu envoltorio, entendendo que este sempre forma parte da mensaxe, que forma e contido deben estar sempre unidos.
  1. Non esquecer a comunicación, importantísima, como ferramenta para xerar información, pero tamén emoción.
  1. Procurar un equilibrio entre o núcleo da programación, que responde á liña elixida e que ten un público concreto (que é o noso), e as pequenas concesións que lle poden servir a outra xente de enganche para unha primeira experiencia no noso festival.
  1. Non quedarse quietos, reinventarse en cada edición, ofrecer, dentro da nosa liña, novidades. Tanto en contidos como en propostas paralelas ao que é o cinema en si. Non esquecer a interactuación coa cidade e a búsqueda constante de cómplices, de pontes entre nós e o que nos rodea para facer comunidade.
  1. Traballar para a canteira, con actividades e propostas para nenos e mozos. Non esquecer que o neno que hoxe ven a un obradoiro estará nuns anos dentro do noso público potencial. Mimalo, facelo partícipe, deixalo con ganas de voltar e de seguir experimentando.
  1. Equilibrio entre o público e o privado. A Administración ten uns tempos e trámites que non son os da creación artística nin os da produción cultural; os posibles patrocinadores teñen uns intereses e uns obxectivos que tampouco son os nosos. A supervivencia pasa por aprender as normas dun e doutro terreo para poder camiñar por eles, porque en maior ou menor medida, teremos que facelo en ambos.
  1. Non perder a perspectiva do equipo: un director artístico, un programador, non fai el só un festival. Un equipo sólido, implicado, con perfís variados, si que o fai. Fundamental que os membros dese “núcleo duro” crean no que fan e que ninguén esqueza a calidade como fórmula para ser grandes.

 

OS ALICERCES DUNHA ACTIVIDADE LITERARIA

collagelit

Na segunda parte da sesión deixamos a un lado o cinema para profundizar con Marcos Lorenzo na construción dunha proposta cultural centrada na literatura en base a tres exemplos concretos: Galicia Ceo das Letras, Nexos e a Semana de Poesía Salvaxe de Ferrol.

Resultou interesante coñecer o porqué de cada evento, xa que esas razóns definiron a súa existencia e as súas características.

 

A importancia do “onde”

No caso de Galicia, Ceo das Letras, foi o continente quen definiu o contido: se o espazo no que imos traballar é a biblioteca da Cidade da Cultura, resulta coherente que a temática escollida para unha proposta cultural sexa a literaria.

No caso da Poesía Salvaxe de Ferrol, o espazo foi a propia cidade, nun momento no que xa asomaba nas rúas a decadencia que, dez anos despois, sería unha realidade a todos os niveis. Escolleuse a poesía, axitadora e de viva voz (“salvaxe”, seguindo a idea do antropólogo Claude Lévi-Strauss), a pé de rúa e en lugares insólitos, como fórmula vitalista e de ruptura coa inercia da cidade.

 

Procesos de construción

En Galicia Ceo das Letras, a vocación integradora do espazo da Biblioteca definiu o perfil dos autores seleccionados. Galegos, con obras tanto en galego como en castelán, e tamén escritores doutras nacionalidades pero cun nexo dalgún tipo cos autores homenaxeados. Por exemplo, na primeira edición de Ceo das Letras conviviron Rosalía de Castro, Cela, Torrente Ballester ou Cunqueiro entre outros, con Salvador Espriu, Fernando Pessoa e Jorge Luis Borges.

A aspiración da Cidade da Cultura de ser un elemento vertebrador do sector impulsou a cooperación entre entidades ata o punto de que se converteu nun dos eixos fundamentais da programación, sendo estas entidades “madriñas” das sesións.fotomarcos

Con estes elementos básicos, Galicia Ceo das Letras foi a primeira actividade do Gaiás, catro días despois da inauguración das instalacións. Un sábado ao mes, un experto no autor homenaxeado (aportado pola entidade madriña da sesión) ofrecía unha conferencia que daba paso a unha proposta artística relacionada coa protagonista da xornada.

Dous anos despois, Galicia Ceo das Letras deu paso a Nexos, un formato similar (un sábado ao mes, unha conferencia e unha proposta artística, actividades infantís…) pero con cambios sobre o primeiro certame.

En Nexos, o eixo das conferencias, que se celebran nun contexto máis distendido, é temático e por tanto as propostas artísticas que acompañan ao encontro están vencelladas á cultura contemporánea, non á literatura.

En Ferrol, a Semana de Poesía Salvaxe construíuse tomando a cidade como un taboleiro de xogo e o impulso creativo (o d@ poeta performer) como única norma. Tratábase de xerar unha actividade singular que puidera integrarse na identidade local. Para iso contouse coa colaboración de tendas e bares, pero tamén cos elementos urbanos (pasos de peóns, obras inacabadas, bancos, rúas, etc.), con micros abertos para os veciños e coa invitación aos participantes de pasar os catro días na cidade xerando comunidade.

 

Ferramentas para construír

  1. Diagnose: Hai que coñecer o lugar no que imos traballar, xa que condicionará en boa medida o contido do noso proxecto, como vimos no caso de Galicia Ceo das Letras.
  1. Apostar pola singularidade. Non ten sentido facer o mesmo que se fai noutros eventos próximos. Por exemplo, unha das razóns pola que en Ferrol se apostou pola poesía como base do evento cultural foi a escaseza de festivais poéticos.
  1. Implicación dos axentes locais. Do mesmo xeito que xa vimos na primeira parte dedicada ao cinema, e como nos teñen comentado noutras aulas, non debemos ser compartimentos estancos. Hai que tender pontes ao que nos rodea ata producir unha retroalimentación: que o noso xenere outras cousas e que esas outras cousas nos axuden a medrar.
  1. Avaliación como ferramenta de mellora. Unha enquisa de avaliación para o público non nos supón un gran esforzo e nos ofrece información moi valiosa para analizar o feito e decidir sobre os pasos futuros.
  1. Públicos activos. É importante favorecer a participación do público. Desde a posibilidade de falar co ponente, ter un micro aberto para quen se anime a usalo, etc.
  1. A data é importante. Se o calendario de eventos está copado, hai que buscar o oco máis axeitado, non empeñarse nun momento concreto no que é evidente que non temos sitio. Pensar ben as horas, evitar coincidencias con espectáculos puntuais que nos van restar público…
  1. Equilibrio entre os “artistas reclamo” e as descubertas. A xente, de entrada, tende a querer ver a quen xa coñece e admira fronte a novos artistas, que son unha incógnita.
  1. Comunicación. Unha vez máis, fundamental. Según o proxecto e o seu contexto, as ferramentas serán unhas ou outras, desde o investimento publicitario convencional ata as redes e o boca-orella. Hai que saber cal usar e non deixar de usala.

 

Como remate a este resumo da sesión, tomo nota das reflexións feitas tanto por Pela del Álamo como por Marcos Lorenzo (e antes, noutras aulas, outros ponentes) sobre o prezo que deben ter ou non algunhas das  actividades que xorden desde a iniciativa pública, porque nese debate estamos tamén nós inmersos, como futuros xestores culturais e tamén como público que somos das ofertas xa existentes.

Neste sentido, penso que o prezo simbólico aplicado a algunhas iniciativas, que non fai unha recaudación pero que si obriga á xente a involucrarse e valorar o que se lle ofrece, evita situacións como a relatada por Marcos no caso de Nexos, onde a gratuidade, combinada cunha inscrición previa, porque as prazas son limitadas, fai que o día da sesión haxa cadeiras baleiras, de persoas que reservaron “por se acaso” pero que deciden non acudir porque “non perden nada”. Co que iso supón para as persoas que quedan fóra da admisión e para o bo desenvolvemento do acto.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*