2016-11-25-foto1

Da idea ao anteproxecto. Marcos Lorenzo e Sergio Lago

Por: Juan Antonio Seara

O pasado venres 25 de novembro tivemos a oitava sesión do Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural, baixo o título de O proxecto Cultural II, da Idea ao Anteproxecto, e que á súa vez é a segunda sesión que os alumnos temos cos titores do Curso Marcos Lorenzo e Sergio Lago.

Como todas as sesións que levamos feitas ata agora, a sesión sempre é presentada ao longo da semana aos alumnos. A presentación da sesión consistiría, como ben reza o título: “da idea ao anteproxecto”, polo tanto, partindo da diagnose presentada polos 6 grupos de traballo do Curso, orientarnos na preparación da sesión do próximo día 2, que terá lugar no Culturgal, a feira da Cultura Galega, mediante a presentación de cada un dos grupos dun PechaKucha.

O PechaKucha consiste en que cada grupo realice unha presentación do seu proxecto coa utilización de 20 diapositivas, dedicándolle a cada unha delas 20 segundos (tamén definido por moitos como “formato 20×20”).

Voume tomar a liberdade neste punto, de introducir un concepto que, ao meu entender, resultou ser un xogador na sesión, sen estar convidado, e que foi o protagonista involuntario ao longo da tarde: o tempo, como veremos.

Coma cada venres cando comezamos as sesións, dásenos a oportunidade aos alumnos que falemos, valoremos, opinemos… da aula anterior. Foron varios os compañeiros que tomaron a palabra, e por paradoxal que pareza, había unanimidade, non só para a sesión anterior senón para todas as que levamos realizadas para este Curso 2016-2017, en que o tempo das sesións non chega a nada. Quedamos con ganas de máis, e na impartida na sesión anterior por Diego Parajó, resultou que o tempo se fixo curto e que nos gustaría ter máis tempo para poder finalizar e realizar máis a gusto o proxecto que el presentaba.

Unha vez finalizadas estas valoracións, reflexións… sobre a sesión do venres anterior, Marcos pasou a presentar a dinámica da sesión deste venres na que o tempo volveu xurdir como protagonista. A sesión dividiuse en tres partes, cuns tempos moi marcados.

Na primeira parte, dunha hora de duración, os compoñentes dos 6 grupos (Couto Mixto, Padrón, Fragas do Eume, Vite, Carnota e Vilagarcía) agrupáronse en diferentes partes da aula para traballar en equipo. A dinámica consistía en poñer en común como presentaríamos o que poriamos no PechaKucha. Os titores de cada grupo, Marcos como titor de Padrón, Fragas do Eume e Carnota e Sergio do Couto Mixto, Vite e Vilagarcía, estiveron orientando a cada grupo, e clarificando ideas que igual non estaban moi claras, na diagnose que cada un deles presentou.

A Segunda parte, dunha hora de duración, sería plasmar en 20 cartolinas (imaxinando que fosen cada unha das diapositivas que temos que presentar na sesión do vindeiro venres), seguindo o guión que nos facilitaron os titores, as 20 ideas que se van plasmar no PechaKucha. O guión contiña os seguintes puntos: título, somos, ideas de diagnose, os destinatarios, os obxectivos e a idea ou intuición.

Por último, a terceira parte sería realizar a proba do 20×20, a modo de ensaio para valorar entre os titores e os compañeiros do Curso se acertaramos na presentación do proxecto. Nesta parte, o tempo foi o gran Protagonista.

Tras un sorteo aleatorio, foi o grupo 6, Vilagarcía, o que iniciou a presentación, seguido do grupo 3, Fragas do Eume; o equipo 1, Couto Mixto; equipo 4, con Vite; o grupo 2, Padrón e por último o grupo 5, con Carnota.

As valoracións por parte dos titores e os alumnos foi positiva, salvo algúns erros que eran os que se pretendían que xurdiran con esta sesión para así podelos corrixir e presentar un traballo moito máis elaborado na seguinte sesión.

O principal problema que tiveron os grupos, foi o tempo de 20 segundos para cada diapositiva. Na maioría dos casos os grupos pasáronse, en maior medida uns que outros, no tempo final de presentación. Isto viña motivado nalgúns grupos, pola cantidade de información que querían presentar.

E ao final, excedeuse o tempo previsto para a realización da sesión.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*