Presentación do Curso 2016-17. Datos, tendencias e boas prácticas na xestión cultural.

Por Sandra Quintana.

O 7 de outubro comezou o Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural na sala 22bis da Facultade de CC. Económicas da USC en Compostela. A presentación e benvida do curso déunola Isabel Neira xunto con Gonzalo Rodríguez, Marcos Lorenzo e Sergio Lago. Logo deles tocounos aos alumnos presentarnos. Entre nós hai unha grande variedade de disciplinas culturais.

O curso deu comezo a cargo de Marcos Lorenzo, que nos presentou o mundo das “Cifras para o diagnóstico da cultura galega”.

Iniciamos coa introdución ao sector cultural, onde se nos amosaron algunhas das cifras en Galicia. Sinalar que este sector representa aproximadamente un 2,5% do PIB español e un 2% do PIB galego.

Analizando o contexto resalta a tripla crise que existe no eido cultural, os factores influíntes son:

  • A revolución dixital

  • Crise económica

  • Ausencia de política cultural

Isto supón, menos gasto cultural do sector público, menos consumo cultural por parte da poboación e menos gasto cultural das antigas caixas de aforro. Polo que non é de estrañar que a evolución do emprego dende o ano 2009 sexa negativa, tendo un lixeiro repunte no ano 2014.

Non pasou o mesmo coas empresas, xa que estas se mantiveron ou mesmo medraron lixeiramente no período da crise. Destaca nestas que as empresas grandes foron desaparecendo, mantense a TVG, e pola contra xurdiron moitas pequenas empresas que, como o conxunto do sector, contan con moi pouca proxección nos mercados exteriores.

En consecuencia houbo un cambio de modelo onde se pasou de utilizar os auditorios a facer máis uso dos bares, o mesmo que se pasou da Administración como cliente único á autoxestión.

Que non haxa unha política cultural en Galicia está relacionado en grande medida a que hai un predominio dos gastos de capital sobre os gastos correntes na Xunta. Até o 2014 non existía un programa de formación superior en Xestión Cultural. Hai unha grande carencia dun plan estratéxico de cultura, non hai un bo aproveitamento dos fondos europeos e falta un plan estratéxico cultural para o rural.

Coñecendo as carencias/deficiencias que se teñen, as AAPP deberían apoiar o cambio de modelo ao mesmo que os axentes tamén poñer da súa parte para adaptarse.

grupo-xestion-cultural1-edit

Rematada esta ponencia, toma as rendas Sergio Lago con “Tendencia e boas prácticas na xestión cultural galega” e xa comezamos coa primeira cuestión:

Que significa para un proxecto cultural ter éxito?, todos diríamos que ter unha boa resposta por parte do público, pero non é de todo certo. Tamén teríamos que contar coa intensidade e calidade da experiencia, a identificación co territorio, co colectivo que o habita e coa historia que o envolve, a sustentabilidade económica, ambiental e creativa, as posibilidades que ofrece para mellorar a autoestima e o benestar da xente e a capacidade de transformación persoal e colectiva.

En Galicia temos unha terra moi fértil en eventos culturais. A música é a protagonista na maioría dos eventos de maior formato e éxito. Temos o exemplo do Resurrection Fest, onde o prezo da entrada oscila entre os 95 e 150€, e ten 80.000 asistentes de 36 países. Isto repercute positivamente na economía do municipio e da comarca.

As tendencias dos eventos culturais son moi diferentes e numerosas. Atopámonos con:

  • Festivais, festas, encontros, certames e repichocas. Ortigueira (o máis masivo durante anos), Pardiñas (o máis veterano con 37 anos), O Marisquiño (con máis asistencia de público, 125.000 o último ano).

  • Gastronomía. PorAmérica, Premios Martín Codax da música, Festival do Leite.

  • A colaboración. Festival Rias Baixas (Atlantic Fest, Cultura Quente, Revenidas, Sinsal, O Marisquiño, PortAmérica, SonRías Baixas).

  • A cidade como espazo. WOS Festival

  • Artes escénicas e eventos literarios. Festival de Ribadavia, FIOT, Mostra internacional de teatro universitario (MITEU), Semana de Teatro Clásico de Lugo.

  • Festival de danza e artes do corpo. Corpo(a)terra, Lugo Máxico.

  • En poética destacan o Festival de Poesía do Condado (Salvaterra), a Semana da Poesía Salvaxe en Ferrol, o Festival Atlántica de narración oral e na banda deseñada, Viñetas desde o Atlántico.

  • Audiovisual. Carballo Interplay, Play-Doc, Cineuropa, Cortacircuito, S8, Ouff, Fic.

Con todo isto queda claro que o que mellor sabemos facer en Galicia son proxectos ligados ao entorno rural ou de barrio e ao pequeno formato, o exemplo máis evidente é o do Festival de Cans, que leva varias edicións e cunha participación superior ás 10.000 persoas.

Á hora de programar, se queremos ter éxito asegurado, temos que dirixir o noso obxectivo ao público infantil. Xa que este público vai levado da man polos docentes, nais e pais. Neste eido, as editoriais como Kalandraka e Editorial Galaxia aproveitaron o oco que deixaron as productoras e selos, xunto á súa penetración comercial previa en centros educativos. Tamén consolídanse produtoras e distribuidoras que traballan nesta mesma liña, como son Urdime e Culturactiva.

Se falamos dos espazos para a cultura, destacamos que moitos, foron creados sen unha diagnose e sen un fundamento cultural solido, sen ter conta as necesidades e oportunidades culturais.

Espazos de xestión pública, estanse a converter en espazos de experiencia cultural continua e incluso laboratorios da creatividade popular, como son as casas da cultura, os Centros Socioculturais, e as Bibliotecas.

Polo que respecta ás salas de xestión privada, sinalar que o asociacionismo do sector musical vive un momento doce, a pesar do IVE. Asociacións como Clubtura, que goza dunha moi boa saúde e representatividade a nivel estatal é un claro exemplo.

En referencia aos espazos alternativos, os autoxestionados son de menor dimensión e cantidade en relacións con outros territorios da península. Falamos do Matadoiro Compostela, Nave 1839, Númax, a Gentalha do Pichel entre outros.

Se falamos de colectivos, dicir que o asociacionismo cultural é xerme de boa parte dos proxectos comentados e viveiro de gran parte das empresas e profesionais do sector. Tamén atopamos grande actividade de compañías de teatro, escolas de música, bandas municipais, agrupacións tradicionais e proxectos musicais.

A maioría dos colectivos tenden a xuntarse de xeito cooperativo para compartir os procesos de traballo, a aprendizaxe e a posta en valor en común.

Non podemos esquecer as novas tecnoloxías pois estas permitiron ter un auxe das metodoloxías para poder facer moitas cousas por un e con outros. O movemento maker comeza a organizarse en colectivos e eventos. O mesmo que os repositorios dixitais de fotografías, audiovisuais e narración oral que reconstrúen a memoria local na rede.

Preparados? O curso non fixo máis que comezar!!

2 replies

Trackbacks & Pingbacks

  1. […] está disponible en el blog colaborativo del curso un resumen de la […]

  2. […] está dispoñible no blog colaborativo do curso un resumo da […]

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*