Elaboración do diagnóstico. Identificación de necesidades e oportunidades. Ana Lorenzo.

Por Marina Isabel Carracedo Mateo.

O pasado venres, 28 de outubro, tivemos a cuarta clase do curso, impartida por Ana Lorenzo Vila, socióloga experta en investigación social e participación cidadá e técnica de proxectos da sociedade cooperativa Cidadanía, que obtivo este ano o premio ao mellor proxecto cooperativo nos Premios á cooperación de Galicia.

A sesión comezou cunha dinámica grupal na que tiñamos que posicionarnos respecto a unha serie de preguntas que xiraban en torno á cuestión de que é unha necesidade cultural, baseada en parte nun artigo do sociólogo Julio Alguacil sobre necesidades e satisfactores. Aínda que nun principio a maioría nos posicionabamos a favor de que as necesidades son subxectivas e diferentes en cada persoa, ao final da dinámica distinguimos os desexos das necesidades, que non teñen por que se corresponder, e coincidimos en que son universais. Como vimos, as necesidades humanas fundamentais son as mesmas en todas as culturas e en todos os tempos e o que cambia (e, por tanto, define a unha cultura) é a forma de satisfacelas.

.

foto_clase

.

A actividade serviu tamén para introducir a clasificación das necesidades humanas feita polo pensador chileno Max-Neef et al., que distingue entre necesidades e os satisfactores desas necesidades combinando dous criterios: as categorías axiolóxicas ou necesidades humanas fundamentais (subsistencia, protección, afecto, entendemento, participación, ocio, creación, identidade e liberdade) e as categorías existenciais (as necesidades de ser, ter, facer e estar). O cadro, constitúe unha provocadora resposta á tradicional Pirámide de necesidades de Abraham Maslow, que sostiña que debemos ter cubertas todas as necesidades básicas antes de poder autorrealizarnos, serviunos para reflexionar sobre o importante papel que a cultura desempeña no noso día a día para cubrir as nosas diferentes necesidades.

Continuamos a sesión aprendendo sobre os tres enfoques máis comúns á hora de facer unha diagnose das necesidades culturais que ten unha comunidade. O primeiro pode empregarse, por exemplo, para estudar o nivel económico da poboación; o segundo, para analizar por que certos colectivos non participan en determinadas actividades, mentres que o terceiro nos serve para implicar á cidadanía nos proxectos que organizamos:

enfoques-diagnose

.

Ana deunos unha serie de pautas á hora de preparar os materiais das enquisas (por exemplo, formular as preguntas de xeito que non impliquen nunca un posicionamento, ou facer entrevistas sempre que se poida en lugar de preguntas de resposta pechada), e despois analizamos entre todos unha serie de datos estatísticos do Ministerio relacionados co emprego cultural e unha serie de intervencións nun grupo de discusión para familiarizarnos coa metodoloxía e aprender a quitar conclusións relevantes. Rematamos a sesión creando entre todos un mapa de axentes culturais, poñendo como caso hipotético un proxecto para traballar a interculturalidade no barrio santiagués de Vite, identificando os diferentes axentes (como o Concello, os centros de ensino, a comunidade xitana ou diferentes asociacións) e situándoos no mapa en función do poder que considerabamos que cada un deles potencialmente ten para acadar o obxectivo formulado. Os seguintes pasos serían facer un esquema DAFO cos puntos fortes e as debilidades que temos e, por último, crear o plan de acción.

Agradecemos dende aquí a Ana Lorenzo por unha sesión moi dinámica e práctica que nos fixo reflexionar e aprender unha serie de pautas que nos servirán para poder elaborar a diagnose e identificar as necesidades ás que responderá non só o noso proxecto cultural do curso, senón todo o que queiramos idear a partir de agora.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*