Última sesión Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural 2015-16. Horizontes de futuro para a cultura en Galicia con Manuel Gago
Por Nela Fraga Rivas
O pasado venres clausuramos esta segunda edición do Curso nunha sesión de reflexión sobre os horizontes de futuro para a cultura en Galicia, da man dun profesional cunha importante visión panorámica do sistema cultural galego: Manolo Gago.
Comeza cun enfoque histórico, coa evolución da situación da lingua como punto de referencia da cultura galega, para analizar as perspectivas coexistentes na actualidade: aquela cuxo punto de referencia xeracional é previo a Franco, e aquela que vivíu despois del. Os diagnósticos da normalización ou mellora no uso da lingua galega elaborados por estes dous grupos serán ben diferentes, mesmo diametralmente opostos. O mesmo pode ocorrer ao diagnosticarmos o sistema cultural galego. Cal é, pois, o noso punto de partida?
Unha vez determinado ese punto de partida seremos capaces de albiscar o seu futuro. Facernos unha pregunta que se vén abrindo camiño: Como medrar cara fóra? Xa que, se non medramos non poderemos crear produtos culturais válidos incluso para o interior de Galiza. Manolo exemplifica esta conclusión coa iniciativa Culture Ireland, que xurdíu da detección dun problema no seu sistema cultural.
A cultura folclórica dos emigrados de Irlanda aos EEUU nos anos 40-50 era ben diferente á contemporánea dos irlandeses que ficaron. Porén, ao descoñecer na diáspora estas novas formas autóctonas a falta de interese mermaba considerablemente o seu mercado; preocupáballes que se perdían aos públicos de orixe irlandesa nos EEUU o seu PIB caería en picado. Son conscientes, nese punto, de que teñen que facer ese proceso de expansión; e de aí nace Culture Ireland.
Galicia atópase nunha situación moi semellante. Pero cal é a pegada do sector cultural galego? O 2% do PIB (porcentaxe importante), uns 1.103 millóns de €. Con 5.747 empresas culturais (nas que se inclúe a arquitectura); un 3% da forza laboral.
Salvando as distancias non hai moita diferencia porcentual e proporcional do que ocorre no resto de Europa en termos de produción.
E en relación coa crise? Nunha comparativa con España observamos que Galicia cae en crise máis tarde, pero tamén tarda máis en recuperarse. Dato, comenta, do que temos que aprender. Os sectores que medran son as bibliotecas e os museos, mentres que os que desaparecen son os de produción de contidos culturais (audiovisuais, editoras, etc.).
Manolo fálanos entón de culturagalega.gal a revista do Consello da Cultura Galega, un portal divulgativo que mostra o traballo de moita xente, e nese sentido cumpre unha certa función de base de datos que serve para poder desenvolver o medio. Grazas á información e recepción desta web hoxe sábese que “a 4ª cidade en consumo de cutura galega é Londres”. Ou que o público que consume cultura galega como tal non existe; a xente que consume literatura galega non o fai necesariamente co cine ou co arte contemporánea, por exemplo. O noso consumidor medio éo por sectores. Só un 20-30% se interesa por toda a cultura.
Entender que máis que un público cultural temos varios implica afrontar que as relacións a establecer con eles son diferentes. Os puntos de confluencia destes públicos están nos eventos ou servizos (concertos, festivais,…), mentres que nos produtos ocorre todo o contrario. Porén, estes últimos, que Manolo denomina como “públicos nucleares”, son aqueles máis “fieis”, máis predispostos a mercar o teu produto.
Coñecer esta particularidade do noso sistema cultural é importante para comprender, por exemplo, a industria do libro galego. O noso campo literario ten un número de “fieis”, pero cada quen interesado no seu (o lector de ensaio pode non selo de poesía, por exemplo), o cal reduce o target dun produto. Por iso non é rendible publicar un libro de ampla tirada como se fai noutros campos literarios. Ás editoras non lles compensa apostar a un só produto porque a porcentaxe do beneficio que este dea é pequena, por grande que este resulte ser. Deses 16.000€, aproximadamente, dunha tirada de 800 exemplares a editorial recibe o 40%, 6.400€, e o escritor tan só un 10%. Por iso en Galicia as editoriais publican, en pequena tirada, moitas cousas moi diferentes entre si.
Para exemplificar esta peculiaridade do noso marco cultural, Manolo amósanos as ínfimas proporcións de seguidores que comparten tres dos críticos galegos máis influíntes, cada un dun sector diferente.
A cuestión entón é: como subverter (ou aproveitar) esta particularidade no consumo de produto cultural galego?
Manolo comparte experiencia do seu propio “experimento”. “Non entendo os produtos pechados”, di. As historias trascenden o formato. Henry Jenkins, o gurú do transmedia, leva ben tempo falando disto. Por iso, Manolo publicou Vento e chuvia, unha novela gráfica ilustrada por Manel Cráneo, de temática mitolóxica e ambientada na Idade do Ferro, pero empregando o modelo promocional da música; isto é, imitando a xira de concertos que seguen á publicación dun disco. Deseñou 3 produtos con este fin: unha conferencia-presentación do libro, unha obra teatral que a complementa, e un híbrido entre eles. Durante ano e medio promocionou baixo este formato a súa obra, que chegou a acadar os 3.700 exemplares vendidos (fronte aos 800 habituais do noso mercado).
Hai xeitos, polo tanto, de crebar os moldes. Ainda que en casos coma este implique problemas de clasificación, unha desvantaxe relevante no mundo editorial.
Manolo fai fincapé en que existen prexuízos tremendos á hora de probar novos formatos que non pasen por minusvalorar ao lector/espectador.
Pon exemplos de proxectos de recuperación do patrimonio baseados na autosustentabilidade, que souberon aproveitar financiamento da empresa privada buscando asociacións e colaboracións innovadoras.
Achega consellos para unha relación proveitosa cos medios de comuncación e explica como as pezas audiovisuais e a súa capacidade de reutilización nos permitirán aforrar cartos.
Fala de novos nichos conformándose no mercado, como o da divulgación científica.
Conclúe que a xestión cultural ten unha gran capacidade para detectar este tipo de proxectos transversais e nichos emerxentes.
A seguinte cuestión que nos lanza é: nunha empresa de xestión cultural onde está o I+D? A resposta unánime: tomando riscos (sen pasarse!). O xeito de minimizar o risco é mediante o prototipado. A clave deste I+D no noso sector está en atopar o xeito de diferenciarse como marca.
Na última parte da aula, diagnosticamos entre tod*s certos males endémicos e endogámicos de dificil solución. Logo de afondar no exempla ex contraria, Manolo ofrécenos consellos para as boas prácticas, salpicados con casos vivos de éxito; para que sexamos capaces de analizar por que hai cousas que funcionan e outras que non. Sitúanos no camiño, xa como expertos, das boas prácticas aprehendidas da xestión cultural. Empregalas no día a día axudará non só ao bo funcionamento da nosa empresa ou dos nosos proxectos, senón tamén á distinguírmonos na maneira de facer. Deixamos a aula e o Curso cunha derradeira reflexión:
Unha marca hoxe non é un logo: unha marca hoxe é un xeito de ser.
Así foi a nosa despedida. Na imaxe non están tod*s que son, pero son tod*s que están.
Un pracer ter compartido esta experiencia con tod*s vós, compañeir*s! :)
Trackbacks & Pingbacks
[…] Despedimos o Curso cunha sesión de reflexión sobre os horizontes de futuro para a cultura en Galicia, da man do grande experto na materia Manuel Gago, xa dispoñible no blog colaborativo: edu.xestioncultural.com/2016/06/ultima-sesion-horizontes-de-futuro-para-a-cultura-en-galicia-manuel-… […]
[…] Despedimos el Curso con una sesión de reflexión sobre los horizontes de futuro para la cultura en Galicia, de la mano del gran experto en la materia Manuel Gago, ya disponible en el blog colaborativo: edu.xestioncultural.com/2016/06/ultima-sesion-horizontes-de-futuro-para-a-cultura-en-galicia-manuel-… […]
Leave a Reply
Want to join the discussion?Feel free to contribute!