Presentación das estratexias de financiamento e debate sobre o estado actual da cultura en Galicia.

A primeira parte desta penúltima sesión do Curso adicámola á presentación das estratexias de financiamento dos proxectos.

Logo dunha breve introdución dos coordinadores, na que tod*s intercamiamos impresións respecto ás últimas aulas, comezamos coas exposicións por equipos.

  • A primeira foi a do proxecto LavacOLLA! Na súa proposta consideran un crowdfunding con achegas cuantionas por parte de empresas. *s compañeir*s achan este plan de financiamento un chisco optimista. Animan ás compañeiras a propoñer un mínimo e un máximo e a matizar as recompensas que ofrecerán.

Co gallo de axeitar ao noso proxecto a estratexia e a escolla da plataforma de micromecenado, Sergio realiza unha breve exposición das distintas opcións que temos dependendo da natureza e finalidade do que teñamos entre mans. Amosa exemplos similares ao de LavacOLLA! nunha das plataformas que sinala como máis axeitada que a que inicialmente se propuxo.

Unha das compañeiras aproveita a ocasión para promover o crowdfunding dun festival de danza, que está na fase da conta atrás. O que nos leva a falar de contemplar recompensas de peche dunha certa dimensión.

2016 06 03 presentación estrat (3)-pequena

  • O proxecto Lix-Arte cóntanos brevemente o desglose do seu financiamento. Neste punto buscan reducir gastos máis que buscar patrocinadores, pois tamén se centrarían no micromecenado. Para estratexias como esta, indica Sergio, cabe ter en conta opcións como a que inclúe goteo.org que funcionen como unha ONG.
  • Ponte na Historia falan dende un suposto, xa que o seu proxecto está pensado para a institución pública.
  • A xogar ao parque! queren asegurar a vibilidade do seu proxecto co financiamento inicial. Buscan continuidade e parten de multitude de pequenas cuantías e convenios con patrocinadores, que desglosan segundo as actividades e eventos programados.
  • O Mapa emocional de Fisterra prantexa apoiar o 35% do seu financiamento en axudas e entidades locais, o 15% nun convenio de colaboración co Concello e a Deputación, un 3% na hostelería e servizos de transporte locais, e un 35,6% na venta do produto físico e electrónico. As achegas d*s compañeir*s fanlles considerar potenciais trabas coa administración pública.

2016 06 03 presentación estrat (5)

Logo das presentacións, unha pausa ao sol para preparar a segunda parte da sesión: o debate.


Por Berta Galo

Cal é a situación actual da cultura en Galicia? Este foi o punto de partida do ambicioso e inabarcábel debate que se lle propuxo á clase, presupoñéndoa máis que preparada para facerlle fronte polos oito meses de formación; polos coñecementos impartidos e compartidos por unha vintena de profesionais durante este tempo; e tamén porque a audiencia interpelada é -ou pretende- ser axente activo do sector a analizar.

O fervedoiro de peticións de palabra, de argumentacións e espelidas contra respostas, de propostas, matizacións e suxestións ratificou non só o certeiro da presunción, senón o gusto da clase polos retos, suficientemente avalada pola ousadía ou inconsciencia que supón dedicarse a este sector, e máis en tempos de crise.

2016 06 03 presentación estrat_edited-1

Así que, unha vez aberta a quenda de intervencións (e escalpelo en man como reclamaba algún compañeiro) deu comezo a disección en grupo da que saíu un contundente diagnóstico:

– En Galicia non se ve a potencialidade da cultura como valor económico, que a ten.

– A administración pública está moi anquilosada e moi remisa a novas iniciativas culturais que veñan de abaixo a arriba.

– Os proxectos e os xestores culturais dependen en exceso dos cartos públicos.

– O poder non está cómodo con outros modelos de cultura; a do valor social, a do contrapoder…

Pero tamén moitas propostas:

– As administracións locais deben deixar de ser xestores para ser mediadores.

– Menos cronograma e máis estratexia cultural. Urxe repensar onde se quere ir.

– Programar desde a austeridade, que non desde a precariedade ou o voluntarismo.

– Proxectos independentes orzamentariamente da administración.

– Implicación emocional nos proxectos, retroalimentando un modelo de cultura con gratificacións para a comunidade onde se desenvolve.

– Apostar polos novos valores e ideas que xorden desde unha nova figura no panorama cultural: a do emprendedor/a.

– A cultura non debe limitarse a reclamar ser un dereito, tamén debe saber que ten uns deberes.

2016 06 03 presentación estrat. financiamento (10)-pequena

E nestes camiños a seguir, tamén se reivindicou o valor do noso, porque a cultura tamén é territorio, o dos máis próximos, e precísase deseñar para eles, e evitar que as estratexias estean ideadas exclusivamente desde comparacións -por veces acomplexadas- cos que temos máis ao carón. “Canto máis vexo fóra, menos complexo teño do noso sector”, aseverouse no debate no que, no entanto, tivo a Portugal como modelo de xestión cultural a emular.
O tupido tecido de pequenas industrias culturais do país veciño, con iniciativas innovadoras, consultores e expertos especializados, e con proxectos cun marcado rendemento económico foi posto en valor en máis dunha ocasión fronte a oposta realidade do sector galego.

Ante este espello no que reflectirse, escoitáronse voces alertando do pouco axeitado da comparación entre dous territorios que, a pesar da súa proximidade, teñen realidades sociopolíticas ben diferentes: Portugal leva máis tempo convivindo coas regras do mercado capitalista e, ao contrario que Galicia, xa ten superados debates de identidade ou idiomáticos.

2016 06 03 presentación estrat_edited-3

E por iso, as contra argumentacións focalizáronse na potencialidade dunha xestión cultural “desde Galicia e para Galicia” cun potente mercado cultural interno, no que é posible defenestrar o ‘modelo Lito’ por un de “proximidade” e de empoderamento “do pequeno” na acción cultural, onde o valor social é tan ou máis dinamizador co económico.

E nesta aposta -polo que comprobamos no curso- é na que están non poucos xestores culturais actuais e moitos dos futuros do país. Unha conclusión que pode pasarse de freada en positivismo e pecar de pouco rigorosa co fatalismo que seica nos caracteriza, pero que ten o ánimo de racharmos con estereotipos que isto, máis que dar gusto, vicia.

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*