Prácticas Sol

Prácticas en empresas e entidades seleccionadas co alumnado

#AprenderFacendo. No Curso ofrecemos a posibilidade de ampliar a experiencia formativa no día a día de empresas e entidades do interese d*s nos*s compañeir*s.


2016 03 11 Casa da Xuventude -comunica2editUnha das liñas vertebrais do Curso son os traballos en equipo que se desenvolven sobre contextos reais. No caso do grupo conformado por Alba, Marta e Vicente, tras coñecer o proceso de reflexión aberto polo Concello de Santiago de Compostela sobre o uso da “Casa da Xuventude”, decidiron analizar o caso deste “novo” equipamento municipal localizado na Praza do Matadoiro.

Durante os primeiros meses de 2016 analizaron diferentes modelos de autoxestión cidadá e co-xestión de espazos públicos, sempre despois dunha diagnose do caso concreto deste edificio, do barrio e da oferta sociocultural pre-existente na súa contorna. O resultado foi un documento que foi entregado ao Concello de Santiago.

Posteriormente, durante este verán de 2016 e grazas a un convenio entre a USC e o propio Concello, incorpóranse como equipo mediador para desenvolver o proceso de apertura temporal do centro, renomeado como Matadoiro Compostela. Trátase dun proxecto experimental de mediación cultural, co obxectivo de achegar unha plataforma de escoita participativa previa á definición de usos e reforma do espazo.


Noa_Díaz_Prácticas_1

Noa quería coñecer dende dentro a xestión e programación de actividades culturais dunha institución pública.

Dende hai unhas semanas traballa na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal xerando ideas e levando a cabo iniciativas dirixidas ao público infantil e xuvenil arredor do mundo do libro e da propia biblioteca.

O seu “facebook analóxico” e o novo blog da zona infantil-xuvenil buscan fomentar de xeito orixinal a comunicación entre a biblioteca e *s usuari*s.


Fernando é músico profesional. Quixo realizar prácticas no Arquivo Sonoro de Galicia.

Alí está a catalogar, ordear, arquivar, publicar, publicitar, etc. as partituras sobre poemas de Rosalía de Castro que diferentes músicos foron doando.

Tamén ten previsto, aproveitando a súa condición de músico, traballar na música que se gravou na emigración, así como na colección de Dorothé Schubarth, colaborar no traballo de organización de exposicións do Consello Da Cultura Galega, etc.

Fernando_Rei_prácticas_blog


Elena ten un proxecto de restauración dun muíño familiar e considerou que a realización de prácticas na Rede Museística provincial de Lugo podería axudala.

O seu traballo versa sobre o pan como nexo cultural, un símbolo común presente en diferentes sociedades. Logo dun proceso de investigación, xuntarase no Pazo de Tor e o museo fortaleza de Narla (nas fotos) con persoas pertencentes a culturas diferentes, a quen lles explicará o proceso de elaboración do pan no seu país e como dos mesmos elementos, pero cuns procesos particulares, obtéñense resultados diferentes (mais igual de saborosos ;-)

Prácticas Elena 1-pequena


Sol vén do mundo das Belas Artes. Ela elixíu incorporarse ao Museo de Arte Contemporáneo de Vigo.

Dende que está alí xa vivíu 3 montaxes de exposicións, cos seus procesos completos: a chegada das obras, a montaxe, o rexistro, o deseño dos materiais promocionais,… Coñeceu ás artistas e incluso participou na creación dunha das obras, xunto con outras rapazas de prácticas!

Di que as profesionais do MARCO son estupendas, que está a aprender moito delas ademais de pasalo moi ben! :)


 

Tamén tiveron esta experiencia práctica Carolina na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Cristina en 10d10, unha empresa adicada á xestión cultural e a produción musical e Xurxo en SINSALAudio.

 

 

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*