Financiamento cultural. As administracións públicas. Paulo Rodríguez.

Por Nuria Seoane Bouzas.

Sos chegamos antes,

xuntos chegamos máis lonxe.

Con esta cita, abriu Paulo Rodríguez, o director do Teatro Rosalía Castro da Coruña (TRC) e presidente da RED (Red Española de Teatros, Auditorios, Circuitos y Festivales de Titularidad Pública) a sesión do venres 20 de maio.

Paulo distribuíu a dita sesión en tres apartados:

  • Parte “Morfeo” (como el mesmo a denominou).

  • Unha dinámica en grupos.

  • Transmisión de catro experiencias que serven tanto para quen traballa na Adminisitración pública como para creadoras/es, produtoras/es, distribuidoras/es etc.

Recomendounos, así mesmo, o libro: La utilidad de lo inútil, de Nuccio Ordine 

Na parte “Morfeo”, falounos da definición e contextualización da cultura. Recordounos que contamos con múltiples concepcións do termo “cultura”, unhas que parten dunha visión meramente histórica e outras cuxa orixe radica nunha concepción materialista e/ou idealista.

Expuxo a definición de Raymond Williams da cultura, para quen designa un proceso de cultivo da mente en función dunha terminoloxía moderna e cientificista ou en función dun espírito máis acorde cun enfoque tradicional, que apunta cara a tres nocións:

  1. Un estado mental ou espiritual desenvolto (concepción da cultura como unha expresión elitista).

  2. Un proceso que conduce ao estado de que son parte as prácticas culturais xenericamente consideradas.

  3. Os instrumentos (e os medios) dese proceso como cada unha das artes e outros vehículos que expresan ou conforman un estado espiritual ou de comportamento colectivo.

Os puntos 2 e 3 remítennos a dous enfoques:

  1. Idealista (concibe o termo cultura como indicador dun espírito formador global da vida individual e colectiva, en que se manifestan unha variedade de actos sociais, de xeito especial aqueles que se refiren ás artes plásticas, ao teatro etc.)

  2. Materialista (de inspiración marxista, que considera a cultura como reflexo do universo social máis amplo e determinante).

A tendencia actual máis estendida vén ser unha mestura das dúas concepcións. Por tanto, o termo cultura segue apuntando cara a actividades determinadas do ser humano. Porén, non quedan restrinxidas ás tradicionais (pintura, literatura, cinema, teatro…, é dicir, ás que se presentan baixo unha forma estética), senón que se estenden a unha rede de significacións e linguaxes, e inclúen tanto o tradicional (cultura popular) como outras manifestacións como a moda, a publicidade, o comportamento individual e colectivo, a festa ou a convivencia etc.

2016 05 20 sesión Paulo Rodríguez - Foto Nuria Seoane 2_edited-1

Falounos tamén Paulo da relación entre a cultura, as políticas culturais, a cultura e a economía, a ganancia cultural, o patrimonio cultural e os circuítos.

Política cultural: na actualidade, a dimensión de política cultural é un concepto que ten por obxecto a cultura, considerada desde un punto de vista totalizante, antropolóxico e sociolóxico de maneira global. Estariámonos referindo á ciencia organizadora das estruturas culturais e xeralmente entendida como o programa de intervencións realizadas polo Estado, institucións civís, entidades privadas ou grupos comunitarios, co obxecto de satisfacer as necesidades culturais da poboación e promover o desenvolvemento das súas representacións simbólicas.

Podemos distinguir entre política cultural patrimonialista (histórico-artística) e do fomento da creación (promove a distribución, promoción e uso de novos valores culturais).

A política cultural é a que produce efectos de proporcionar instrumentos de coñecemento, recoñecemento e autorrecoñecemento.

Gasto cultural: de entrada, este termo evócanos todas as alternativas para o apoio á cultura:

  1. baixo a concepción paternalista e arcaica da actividade cultural ao abeiro da Administración pública

  2. política cultural plena

  3. incentivos indirectos á produción cultural

  4. tendencias e estado da cuestión do compromiso de gasto público para a cultura

  5. capital cultural

  6. globalización

  7. sistema de produción cultural.

Neste apartado,podemos distinguir entre compromiso individual na adquisición de bens culturais (entradas de teatro, concertos, libros… mais non investimentos no eido da cultura, como por exemplo compra de obras de arte) e ámbito colectivo (gastos que a comunidade ou o poder público/privado comprometen nas operacións de distribución, cambio e consumo de cultura).

Ganancia cultural: en contraposición co concepto de “gasto cultural”, sitúanos no ámbito máis inmaterial (referímonos ao resultado dun proceso mediante o que, tanto o individuo como o grupo, adquiren novos códigos e competencias artísticas ou capacidades estéticas.

Circuíto cultural: conxunto que comprende produtores, produtos ou manifestacións culturais, distribuidores, públicos e institucións ou instancias organizadoras (axencias financeiras, produtores públicos e privados, escolas de formación etc.).

En relación coas políticas culturais e os seus circuítos, podemos establecer varios estadios:

  • Políticas relativas ao mercado cultural: apoio á produción, creación, distribución e acceso á cultura.

  • Políticas de activación de iniciativa do sector privado no eido cultural: incentivos fiscais e mecenado.

  • Políticas relacionadas coa cultura allea aos mercados culturais, que non posúe valor simbólico no propio mercado mais si ten un marcado valor cultural na comunidade (amadores, aficionados…).

  • Políticas relativas aos usos culturais, encargada para a creación de condicións necesarias para acceder á cultura con valore democratizadores e axentes activos.

Logo, mencionounos Paulo algúns tipos de relacións entre o sector privado e o público:

  • colaboracións (que xeralmente se dan entre iguais, por exemplo poderíase levar a cabo unha entre o Teatro Rosalía Castro da Coruña e o Teatro Principal de Santiago de Compostela)

  • subvencións (nominativas ou de concorrencia)

  • explotación mixta e explotación conxunta

  • relacións con órganos de personalidade xurídica propia

  • alianzas non regradas

  • etc.

Despois, continuamos a aula, repartidos en tres grupos, anotando nun folio todos aqueles programas/caladoiros de que podemos botar man para alianzas regradas e non regradas coa Administración pública.

2016 05 20 sesión Paulo Rodríguez - Foto Nuria Seoane 3

Logo do descanso, explicounos catro experiencias de financiamento que cre que nos poden resultar ben útiles:

  1. IETM (International Network Contemporany Performing Arts).

  2. Redela (Red Eurolatinoamericana de Artes Escénicas).

  3. Circuito de Danza “Danza a Escena”.

  4. Programa PICE AC/E (Programa para la Internacionalización de la Cultura Española)

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*