Avaliación e continuidade dos proxectos. Presentación e contraste na aula.

Por Carlos Varela Ulla.

8 de abril: Día Mundial do Pobo Xitano.
A súa cultura é tamén o noso patrimonio.

A sesión do venres 8 de abril prometía ser interesante e así foi. Foi una “tarde 2×1”. A primeira parte dedicada á exposición da evolución dos nosos proxectos e a segunda a tratar o tema da avaliación dos proxectos culturais.

OS NOSOS PROXECTOS…NUN PARÁGRAFO

A proposta pedagóxica deste curso de experto aséntase na idea de “aprender compartindo”: unha das accións que mellor expresa esta idea é a de expoñer o progreso dos nosos proxectos para entre todos aportar melloras, novas ideas e críticas construtivas. Permítemos “testar” os nosos progresos e descubrir as nosas carencias. Resumir desde a perspectiva do “notario da sesión” cada exposición nun parágrafo é unha síntese inxusta por deficiente pero interesante para saber si captamos sinteticamente a idea en acción de cada proxecto. Intentámolo?

2016 04 08 sesión de presentación proxectos- Fotos Nela 6

O Equipo 6 co proxecto do “Mapa emocional de Fisterra” abríu a tarde. Seguindo o exposto antes do nadal, puidemos apreciar en detalle a dimensión turístico-cultural que unha audioguía colaborativa, en permanente construción polos seus protagonistas(especialmente os máis novos) pode ser un recurso cultural moi atractivo ao servizo dun territorio.


2016 04 08 sesión de presentación proxectos- Fotos Nela 7

O Equipo 1 expuxo o proxecto de “LavacOLLA”. Un proxecto interxeneracional que a través do audiovisual como soporte, pretende mellorar os lazos da comunidade parroquial desta parroquia compostelá. Presentado con moito dinamismo fixeron dos seus 5 minutos unha panorámica integral deste proxecto.


2016 04 08 sesión de presentación proxectos- Fotos Nela 8O Equipo 3 contounos o seu proxecto de “Ponte na Historia” de Pontedeume cos Mómaros. No marco da Festa das Peras, a máis importante do concello, pretenden iniciar a parte pública do seu proxecto para recuperar e revalorizar o rico patrimonio da terra dos Andrade. O fundamento do seu proxecto basease no traballo previo de documentación. A experiencia de percorrer un roteiro cultural, dinamizado en puntos estratéxicos con actividades culturais “xeolocalizadas”, acompañados por unha guía ilustrada farán que os veciños e os visitantes apreciemos o rico patrimonio desta vila coruñesa.


2016 04 08 sesión de presentación proxectos- Fotos Nela 2O Equipo 4 invitounos a xogar ao trompo. Presentou o seu proxecto de “A Xogar ao Parque… de Bonaval”. Orientado a dar novos usos aos espazos naturais urbanos propuxo a formación dun equipo de mediadores lúdicos (movemento gamer) que dinamizasen unha serie de entrenamentos en xogos populares galegos para como colofón desta primeira experiencia piloto, rematar cun torneo e gymkana no marco do parque de San Domingos de Bonaval. A idea de protexer e revitalizar o patrimonio inmaterial e sentimental dos galegos e composteláns é unha obriga dun concello Capital da Cultura Europea e dunha cidade declarada pola UNESCO Patrimonio da Humanidade.


2016 04 08 sesión de presentación proxectos- Fotos Nela 5O Equipo 5 tivo que afrontar o cambio radical da súa idea inicial e nos indicaron as liñas xerais da súa idea para darlle un uso cultural e autoxestionado á recuperada Casa da Xuventude de Santiago de Compostela. Están na fase de diagnóstico, analizando os axentes a implicar, as metodoloxías a seguir, os modelos de xestión do público. A liña que queren marcar de seguro que dará moito que falar na cidade. Facer da Casa da Xuventude un “espazo experimental e autoxestionado” para creadores e o tecido social da cidade é un reto enriquecedor para eles e para todos nós. Estaremos atentos e colaborando!


O Equipo 2 cunha presentación moi dinámica presentou o seu “LixArte”. Un proxecto a desenvolver no compostelán Polígono Industrial do Tambre que combina patrimonio industrial, reciclaxe e innovación de produtos a través da convivencia de creadores nas empresas. A través da dinamización in situ pretenden enriquecer a vida sociocultural dos miles de traballadores e empresas que convivindo no Polígono non teñen tempo a participar da creación e difusión das intervencións culturais.

2016 04 08 sesión de presentación proxectos- Fotos Nela 1

Pero para que presentamos os nosos proxectos? En primeiro lugar para contar o que imos desenvolvendo desde a idea inicial ata o momento, incorporando os contidos do curso e facendo da aprendizaxe unha experiencia significativa no noso proceder de xestores e xestoras culturais. En segundo lugar para enfrontarnos ao reto de presentar en público o que traballamos en grupo; e sendo xa todos experimentados non hai quen nos quite os nervios de falar e compartir en gran grupo. E terceiro é máis relevante para someternos ao xuízo dos docentes do noso curso.

Nesta ocasión Marcos e Sergio ao final de cada intervención, sumaron as súas valoracións fixando as nosas perspectivas na organización operativa dos proxectos e sobre todo nas eivas dos orzamentos presentados. En xeral todos superamos esta proba, mais queda afondar na xestión económica (que non só son os cartiños!) para facer viábeis os nosos proxectos.


A AVALIACIÓN DE PROXECTOS CULTURAIS

Á volta da merenda Marcos Lorenzo invitounos á reflexión sobre a parte máis importante dun proxecto cultural e que por distintos motivos ás veces obviamos: A avaliación.

2016 04 08 sesión de presentación proxectos- Fotos Nela 4Unha exposición clara e atinada que deu resposta sintética ás preguntas que todo xestor/a cultural debe facerse:

Que é avaliar? Que se avalía nun proxecto cultural? Para que avaliamos? Ten valor a avaliación? Como podemos avaliar? Con que podemos avaliar? Cando avaliamos? Como medimos os nosos resultados? …

Visionado o video de Jordi Pardo na videoteca do portal de Gestió Cultural da Universidade de Barcelona (onde contamos con moitas aportacións interesantes para o noso propósito de formarnos como xestores e xestoras da cultura en Galicia), Marcos aportou as súas respostas ás preguntas que nos facemos sobre a avaliación e rematou coa súa experiencia real de avaliar proxectos, procesos e “servizos” culturais na Cidade da Cultura.

Como práctica fixemos por grupos un exercicio de “definir indicadores de avaliación” para os nosos proxectos.

Como íamos ben de tempo pensabamos en rematar algo antes máis xurdiu algo moi interesante un pequeno pero interesante debate aberto sobre como contar os resultados cando estes son “negativos”. Non sei a vós pero a min ter tempo para “aprender debatindo” fai do curso unha experiencia máis enriquecedora.

Vémonos o venres…

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*