Xestión e coordinación de exposicións con Agar Ledo

Por Sol Álvarez Soto.

“Griegos, romanos, son todos humanos. Mientras vivieron columnas construyeron” Así comeza a canción HDA (Historia da Arte) de Las Bistecs. E esa é unha conclusión sinxela pero tremendamente complicada de acadar para unha antiga estudante de Belas Artes na Facultade de Pontevedra, como é o meu caso.

O pasado venres tivemos o pracer de aprender de Agar Ledo, responsable de exposicións do MARCO de Vigo. Leva 10 anos no museo, unha das institucións de Arte Contemporánea máis dinámicas de Galicia.

Nesta sesión, puidemos coñecer de primeira man o que acontece detrás dun proxecto expositivo. A idea, a aposta, o discurso. Pero tamén o orzamento, os papeleos, as especifcacións técnicas dunha obra, quen monta e desmonta, quen traslada e quen fai a chamada. Ese traballo humano, feito por moitas persoas, que por algunha razón estaba ausente no programa da carreira que educa a artistas “profesionais” en Galicia.

O MARCO é un deses moitísimos edificios que se construíron na época na que os obxetivos ou contido dos espazos non eran realistas, no caso de estaren plantexados.

Unha boa xestión hoxe deses espazos (coma no caso do MARCO) é o único xeito de amortizar tal cantidade de anos e tempo investidos.

Agar introduciunos na teoría e intencións detrás dunha exposición de arte e en como se plantexa a actividade e utilidade dos “servizos artísticos” dende moitos dos nosos territorios veciños, e dende a institución da que ela forma parte. A exposición plantéxase non só coma un conxunto de obras reunidas nunha sala para seren observadas polo público, senón coma unha articulación de varias pezas en base a un discurso. Na construcción deste discurso a peza clave é a figura do comisari@, a persoa que debe articular a tese detrás dunha selección de obras dun ou máis artistas.

O comisariado non é tarefa fácil: hai que ser investigador, educador, ser consciente dos públicos e da actualidade. Ten que ser narrador, fltro e mediador (sobre todo) entre a Arte e a Institución. En definitiva, unha Xestor/a cultural.

Hai tres tipos de exposicións segundo a maneira de producilas. As exposicións de produción propia son as que un centro “crea” de xeito integral, e os custos son asumidos enteiramente pola institución organizadora. Evidentemente, canto mellor dotado está un museo (tanto económica coma humanamente) máis e mellores exposicións pode producir individualmente.

2016 02 26 Agar Ledo - Fotos Nela (1)

“As mostras artísticas non poden ser ilustracións de teses, senón que teñen que ser unha tese en si mesmas. A exposición debería ser un medio, non un fin. Un medio para a investigación sobre diversos temas, que debería de ter continuidade”. Isto require unha programación expandida, investigacións, pedagoxía. En España non hai equipos curatoriais, (integrados por expertos e investigadores en diversos ámbitos) e os equipos humanos dos museos en Galicia son mínimos. Sendo ademais, a maioría técnicos, xerar contidos e coñecemento é moi difícil.

A forma de producir unha exposición que máis compensa hoxe en día é a coprodución. Os gastos son compartidos entre varios centros, os esforzos humanos duplícanse. Parece a forma máis intelixente de xestionar algo que non se pode asumir en solitario. Nas ensinanzas artísticas prima o individualismo, e o “mundo da Arte” creo que carece desa unión que fai a forza en case todos os outros mundos. Agar falou de como o crecemento do asociacionismo na arte está implicando que haxa máis manuais de boas prácticas e que estes sexan tidos en conta. Á reivindicación do traballo do artista, que é un humano que paga facturas, non se chega en solitario.

O terceiro tipo de exposición é a de produción externa. Requiren unha gran cantidade de cartos, recursos e tempo. Prepáranse durante anos e itineran por outros museos. Polas súas características, proveñen de grandes institucións e moven a artistas moi coñecidos (o mainstream do mundo da Arte).

Falouse tamén da orixe, de como chega un proxecto a un museo. Hai diversas vías, dende o encargo ad hoc a un comisario determinado ata convocatorias abertas. Todas implican uns gastos e nivel de dificultade diferentes. Xa que a forma de amortizar estas producións non é a venda, bótase de menos na institución artística pública máis promoción da arte local emerxente. En Galicia non hai lugares intermedios entre a academia e e os grandes Centros de Arte e Museos. Lugares refírese a canles de comunicación e transmisión interxeracional, de espazos, de programas e incluso de respecto e traballo digno.

A experiencia da exposición do MARCO (de produción propia) Veraneantes, evidencia este feito. A labor de comisariado fíxose difícil ante a falta de canles para facer unha selección de artistas galeg@s de nova xeración. A maioría deles estaba emigrada, nese lugar intermedio.

Durante a última parte da aula, Agar mostrounos moitos exemplos de documentos que se manexan nun museo: follas de préstamo de obras, fotografías de montaxe e desmontaxe, seguros, orzamentos de transporte ou as estrañas embalaxes das pezas. Tamén vimos as instruccións para facer unha performance, tres follas de indicacións para facer unha montaña de caramelos ou como unha obra de toneladas de terra mexicana pode quedar retida na aduana por ser material orgánico.

Esas cousas que lembran que o mundo da Arte é especial, e a súa xestión tamén.

picassoencamión (1)

Picasso viaxando en transporte combinado.

Por Sol Álvarez Soto.

 

0 replies

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*