Presentación e contraste dos anteproxectos do alumnado. Mesa redonda cos profesionais da cultura Encarna Lago, Julio Gómez e Vítor Belho

Por Marta Gómez.

Derradeiro día de clase antes do Nadal. Esta foi unha clase distinta e especial, dende a súa localización ata o seu contido. Atopámonos no Consello da Cultura Galega para realizar a presentación dos nosos anteproxectos. Alí, esperábannos uns oíntes de excepción: Encarna Lago (xerente da Rede de Museos de Lugo), Vítor Belho (socio consultor de Nordesía e director de Womex) e Julio Gómez (director de Sinsal Audio).

Cada un dos grupos, presentamos os nosos proxectos en formato pechakucha, o que propiciou o dinamismo, as imaxes cativadoras, unhas cantas risas e moitos aplausos. Tras comentar o aprendido durante a diagnose dos distintos emplazamentos, falamos das ideas que estabamos a barallar e a dirección que seguirían os proxectos. Este foi o momento no que os expertos, posicionados cal xulgado dun talent show, fixéronnos saber as súas impresións, recomendacións e asesoramento profesional.

A pesar da sensación de que podían darlle a un pulsador e facer aparecer unha gran X vermella sobre as nosas cabezas, no momento en que comezaron a falar, todo foron palabras alentadoras, trucos, e incluso breves brainstorming! A cercanía nos comentarios e a sinceridade, resultaron na mestura perfecta para darlle un novo impulso aos proxectos.

No breve descanso tralas presentacións, palpábase a emoción entre os compañeiros, a tranquilidade do traballo feito e a ilusión renovada polos respectivos proxectos.

Finalmente, desfrutamos dunhas palabras acerca do estado actual da profesión de xestor cultural, promulgadas nunha mesa redonda polos nosos expertos.

2015 12 18 sesión contraste proxectos - foto Marta G.

Julio Gómez reflexionou acerca da fiscalidade dos traballadores culturais, debido ao especial réxime formado por autónomos, traballadores temporais e creadores. Resaltou tamén a necesidade dunha maior permeabilidade do sector cultural con outros sectores, dado que resultaría moi fructífero fomentar a relación con consellerías como Industria, Turismo ou Enerxías Renovables; dando lugar a unha mellor consideración e profesionalización da Cultura (que actualmente carece de sector propio). Para exemplificar esta situación, salientou o feito de que os traballadores culturais son remitidos ao réxime da construcción, en cuestión de riscos laborais.

Doutra banda, Encarna Lago puxo de manifesto que a fase de construción de infraestruturas xa está completa, sendo necesario centrar a atención no potencial creativo: pasar de tocar a forma a tocar o fondo. A súa visión do xestor é a de “posibilitador”, débese programar coas persoas e non para elas. Para Encarna o importante é amar o que fas, xa que a cultura é algo que apasiona, e partindo disto, traballar con estratexias de naturalización; o seu método: ÉTICA, TÉCNICA e EMPATÍA.

Non podemos deixar de lado ao púlico, senón que hai que dotar de poder á cidadanía, programar con eles e xerar rendabilidade. En lugar de centrarnos no emprego de enormes espazos e infraestruturas, debemos pór en valor o patrimonio real que está en desuso.

“A transversalidade é fundamental, non xestionamos etéreos”.

Os seus últimos consellos: darse a valer, dicir NON á gratuidade da cultura, crear marca, xuntarse cos comúns e tender pontes aos diferentes.

En terceiro lugar, Vítor Belho captou a nosa atención coa súa primeira frase: “Temos problemas dabondo, non temos falta deles”. Resaltou que o concepto de cultura está maltratado e prostituído, históricamente, vén marcado por quen o conceptualiza. A día de hoxe, percíbese que a cultura é empregada como unha ferramenta política, cando debería ser un instrumento social. Deste modo, tras unha alusión ao sistema anglosaxón, no que impera un modelo mixto de xestión entre creadores e políticos, fixo fincapé na busca dun sistema no que non exista tal control sobre a vertente creativa. Isto é, apartarnos desta “xestión puramente política” e romper co illamento do resto de sectores: “ser máis incisivos en que non poden decidir por nós”.

Os xestores culturais deberían deixar de lado o estigma de “marchantes” e dignificar a profesión destacando a utilidade social; pór sobre a mesa o componente ideolóxico da cultura como instrumento transformador e renovador da sociedade.

2015 12 18 sesión contraste proxectos 2 - foto Marta G.

Por último, recibimos as recomendaciós finais: empaparnos e nutrirnos doutros modelos, de proxectos e referentes de fóra. Abrirnos, saír fóra de “nós”, das nosas fronteiras,… “CONTAMINARNOS”.

Despois dunha xornada tan diferente, a miña sensación é de que os cambios están por vir no mundo da cultura. Dirixímonos cara un modelo que pon o acento na colaboración e participación, na comunidade, a cidadanía e a retroalimentación con outros sectores, en pos dunha transformación da sociedade.

Por Marta Gómez.

4 replies

Trackbacks & Pingbacks

  1. […] Como siempre, el resumen de la experiencia está disponible en el Blog del Curso, elaborado, en esta ocasión, por la compañera Marta Gómez: edu.xestioncultural.com/blog/ […]

  2. […] El resumen de la experiencia está disponible en el Blog del Curso, elaborado, en esta ocasión, por la compañera Cristina Sáinz de la Maza: edu.xestioncultural.com/blog/ […]

  3. […] O resumo da experiencia está dispoñible no Blog do Curso, elaborado, nesta ocasión, pola compañeira Cristina Sáinz de la Maza: edu.xestioncultural.com/blog/ […]

  4. […] Coma sempre, o resumo da experiencia está dispoñible no Blog do Curso, elaborado, nesta ocasión, pola compañeira Marta Gómez: edu.xestioncultural.com/blog/ […]

Leave a Reply

Want to join the discussion?
Feel free to contribute!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


*